Monte Pindo

macizo granítico no concello de Carnota
(Redirixido desde «Monte do Pindo»)
Véxase tamén: Carnota - Monte Pindo.

Coordenadas: 42°53′19″N 09°06′47″O / 42.88861, -9.11306

O monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.[1]

Monte Pindo
{{{PAGENAME}}}
A Moa cos seus 627 metros de altitude é o cumio do monte Pindo.
Latitude42º53'19'' N
Lonxitude09º06'47'' W
Localización administrativa
LocalizaciónCarnota, Galicia Galicia
Características xerais
Altitude627 m

O monte Pindo xunto con outros ecosistemas como as praias de Carnota, forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Carnota - Monte Pindo dentro da Rede Natura 2000[2][3][4]. Ese ZEC de Carnota - Monte Pindo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

HistoriaEditar

A xeomorfoloxía do monte Pindo caracterizada polos relevos en bolos de granito inspirou as historias e lendas locais de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos. Algunhas versan sobre do río Xallas, xa que a súa fervenza do Ézaro tira as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar.[5] Neste monte atopáronse restos arqueolóxicos, coma petróglifos,[6][7] útiles de bronce e restos dunha suposta antiga ermida.

 
Castelo de San Xurxo.

No século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte coma protección ante os ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Nesta contorna existiron outros dous castelos, Canedo e Penafiel, pero deles só queda pegada na documentación medieval e non se conservan restos materiais determinantes máis que unha inscrición en latín nunha pedra illada:

Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo

Esta inscrición fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediago de Trastámara Arias Muñiz.

Iniciativa de parque naturalEditar

Colectivos arredor do movemento ecoloxista ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural iniciaron no 2010 un movemento social para conseguir a declaración do monte Pindo como parque natural.[8] A iniciativa xorde froito de vagas de incendios e turismo na zona e alégase que a declaración garantiría a protección da fauna e flora, e dos puntos xeolóxicos de interese do monte.[9] Ese ano, e partir deste movemento, constituíuse a asociación Monte Pindo Parque Natural co fin de que o monte fose declarado como tal.[10]

 
Granito alterado tralo incendio.

Incendio en 2013Editar

O día 11 de setembro de 2013 declarouse un serio incendio forestal no monte Pindo, cunhas condicións meteorolóxicas desfavorábeis de seca e vento. A madrugada do día 12 de setembro decretouse o nivel 1 de alerta, cando o lume xa calcinara unhas 1 000 hectáreas e chegara até o mar e ao Ézaro. Segundo a consellaría do Medio Rural o día 13 de setembro acadou as 2 000 hectáreas. O incendio tiña un único foco, na Cima da Arca, mais de grandes dimensións.[11] O 13 de setembro, a asociación monte Pindo cualificou o lume de «atentado» e convocou unha protesta o 6 de outubro de 2013 en Compostela co obxectivo de declarar o monte parque natural.[12]

XeoloxíaEditar

 
Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) no monte Pindo.

O Monte Pindo componse de rochas plutónicas hercinianas, granitoides. En parte do norte do monte atópanse granitos de dúas micas e no sur, cara o oeste, grantoides bióticos. O sistema do monte formouse no paleozoico, entre o Devoniano, o Carbonífero e o Permiano.[13]

O seu cume chámase A Moa e acada os 627 metros de altura. Ao pé do monte esta o litoral, con praias formadas no holoceno, como a Carnota, e fervenzas de alta caída sobre do mar: a do Ézaro.[13]

Flora e faunaEditar

A flora e fauna do monte Pindo está catalogada dentro da ZEC "Carnota - Monte Pindo".[2][3]

O seu conxunto natural inclúe ao carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que se distribúe por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[14] Esta especie, declarada en alto risco de extinción, coexiste con outros carballos coma os Quercus robur e Quercus pyrenaica, piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium). Tamén ten algunhas especies case desaparecidas, coma o lirio de monte.[15][16][17] Hai exemplares de cabriña e fento de escasa ocorrencia.

AccesosEditar

Acceso desde O PindoEditar

A ruta máis salientábel é a subida tradicional que comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea do Pindo, situada no concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de sendeiros sinalizados, pódese acadar o cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa no principio hai un panel explicativo do ascenso. A subida comézase cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continúase por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Cara á metade da subida, aparecen as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras amoreadas. A vexetación é máis escasa neste punto.

Ao chegar aos primeiros cumios o sendeiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste. Ao chegar ao cumio tense unha panorámica da zona, co Cabo Fisterra, a ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas e grande parte do litoral galego aos pés, xunto cun conxunto de petróglifos.

 
Corredoira na subida Á Moa.

Acceso desde QuilmasEditar

A ruta por este acceso comeza desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que vai dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.

Acceso desde O FieiroEditar

Contén menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o encoro do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana.

Outras alternativasEditar

Referencias literariasEditar

 
Restos do mítico castelo de San Xurxo, nas abas do monte Pindo.
  • O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co monte Pindo de Grecia. Recolle varias historias e lendas sobre el, como que existiu unha torre construída a semellanza da Torre de Hércules, e que tiña campos, xardíns e paseos. Tamén di que a herba no monte Pindo crece moito da noite á mañá; que no cume existen infindas herbas medicinais, ou que aquí acudían nas noites as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia.
  • Otero Pedrayo denominouno "grande testa xupiteriana".
  • Uxío Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel.
  • Xosé Barreiro Barral, afirmou que na súa primeira visita a este lugar polo ano 1932, atopou os restos dun antigo poboado e que era aquí onde se situaba unha das tres aras sextianas. Tamén atopou un petróglifo no cumio da Moa, actualmente desaparecido.
  • César Antonio Molina dedicoulle ao monte Pindo un poema:
O PINDO
O pasado sen teito está nese lugar.
O temor non desterrado ó descoñecido.
Procuramo-la bóveda nun frío mencer
ou nun entardecer sanguiñolento,
ata ser soamente sombras.
[...]

O Monte Pindo na cultura popular galegaEditar

 
A raíña Lupa, que se supón enterrada no cume do monte Pindo

Cóntase que o castelo de San Xurxo foi o castelo da Raíña Lupa [18], e que alí deixou agochado o seu tesouro, sen que aínda ninguén dese con el. Pero outros din que houbo un home que atopou no monte Penafiel, e recolleu, tres cargas de cornos de cabuxa; ó baixar ó pobo ofreceu algúns ás xentes do Pindo, que rexeitaron porque tiñan cornos de cabuxa a montes e moreas, así que marchou á súa casa e alí rascou un dos cornos e descubriu que todos eran de ouro. A lenda asegura que formaban parte do tesouro da raíña Lupa. É máis, a raíña Lupa está soterrada na Moa, co seu tesouro, repartido en sete millóns de moedas de ouro ós seus pés e outro tanto baixo a súa cabeza; ou ben, a cabeza da raíña descansa sobre unha almofada de ouro.

Tamén se cre que os mouros agocharon no Pindo un total de nove tesouros cando tiveron que fuxir da cristiandade.

Dise tamén que unha das pedras máis singulares, a Pedra Cabalgada, ameazaba caer sobre a vila de Pindo, o que asustou tanto ós veciños que intentaron movela por tódolos medios ó seu alcance, pero sen conseguilo.

Tamén se asegura que en tempos históricos houbo un incendio no monte que se prolongou durante sete anos, acabando con toda a vexetación presente.

No inmenso penedo do cume da Moa quedaron marcadas as ferraduras do cabalo do apóstolo Santiago, cando este subiu ata alí para botar fóra ós mouros.

Xunto á Moa ábrese a cova da Xoana. Uns din que foron os mouros os que a escavaron e outros cren que foron os fuxidos da Guerra civil. Tampouco hai acordo sobre a orixe do nome, e dise que vén do nome de Xoana que os naturais daban a unha aguia que aniñaba no monte; tamén se coñece como Revertedemos, que alude a que alí se ía para expulsar os demos da xente posuída. De feito, dise que alí subía un abade para confesar ás xentes.

Dise que ata esta cova da Xoana subían tamén as meigas e bruxas para celebrar os seus aquelarres

Galería de imaxesEditar

A Moa. 
Os montes do Pindo desde Portocubelo
Vista desde a Laxe da Moa, co Pindo en primeiro plano e Fisterra no horizonte. 
Vista de Carnota desde O Pindo. 
Casas do Pindo coa Moa presidindo. 
O Guerreiro. 
Monte Pindo. 
Vista dende o alto. 
Vista panorámica. 
Fisterra ao fondo. 

NotasEditar

  1. "A cota máis elevada é o pico da Moa (627 metros)", Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, DVD.
  2. 2,0 2,1 "LIC de Galicia, Rede Natura 2000, Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente". Consultado o 5 de xullo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "Carnota - Monte Pindo, Código do ZEC ES1110008. Conselleraría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2017. Consultado o 2017-07-06. 
  4. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación dp Territorio. Xunta de Galicia (eds.). "Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN)". 
  5. Goberna, Costas; Alii, J. et (2008). "Myths, legends and beliefs on granite caves". ISSN 0213-4497. Consultado o 17/09/2017. 
  6. "Descubren un nuevo petroglifo en el monte Pindo". Consultado o 17/9/2017. 
  7. "Un petroglifo emerge de las cenizas del Monte Pindo - GCiencia". Consultado o 17/9/2017. 
  8. "Profesores, investigadores e ecoloxistas solicitan a criazón do Parque Natural do Monte Pindo". Consultado o 17/09/2017. 
  9. "Adiante coa República Ecolóxica do Monte Pindo!". Consultado o 2017-09-17. 
  10. "Montepindo.gal". 
  11. La Voz de Galicia, eds. (13/9/2013). "Un incendio arrasa el monte Pindo y provoca un caos en los servicios básicos". 
  12. La Voz de Galicia, eds. (13/9/2013). "Catástrofe en O Pindo con al menos 1.900 hectáreas quemadas". 
  13. 13,0 13,1 Instituto Geológico y Minero de España (eds.). "Cartografía geocientífica". 
  14. galiciahoxe.com (eds.). "O carballo anano do Pindo entra no catálogo de especies ameazadas". [Ligazón morta]
  15. "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de abril de 2012. Consultado o 14 de maio de 2013. (en castelán).
  16. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (eds.). "IRIDACEAE Iris boissieri Henriq. Libro Rojo de Flora Vascular - Inventario Español de Especies Terrestres". Consultado o 17/09/2017. 
  17. Montepindo.gal, eds. (25/6/2014). "A frustrada iniciativa de repoboación do Monte Pindo medra con formidábel vigor, e reaparece o lirio de monte". 
  18. Probable contaminación co Pico Sacro.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar

Outros artigosEditar