Medio dólar do Sesquicentenario de Columbia, Carolina do Sur

moeda conmemorativa estadounidense (1936)
Medio dólar do Sesquicentenario
de Columbia, Carolina do Sur [1][2][3]
A/: Alegoría da Xustiza sostendo unha espada e unha balanza; aos seus lados, a vella e a nova Casa do Estado. Marca de ceca.

Lendas: COLUMBIA SOUTH CAROLINA / SESQUICENTENNIAL CELEBRATION OF THE CAPITAL / LIBERTY / 1786 1936

R/: Palmeira rodeada por 13 estrelas. Debaixo, frechas e póla de carballo rota.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR / E-PLURIBUS-UNUM / IN GOD WE TRUST

O medio dólar do Sesquicentenario de Columbia, Carolina do Sur, é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1936 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en conmemoración do 150 aniversario da cidade de Columbia como capital do estado de Carolina do Sur.[2][3]

O deseñador da moeda foi Abraham Wolfe Davidson. No seu anverso amosa a Dama da Xustiza sostendo unha espada e unha balanza, de pé entre a antiga Casa do Estado de Carolina do Sur, construída en 1790, e a nova Casa do Estado, terminada en 1903. O reverso amosa unha variedade de palmeira que é o símbolo do estado de Carolina do Sur, rodeada por 13 estrelas, que representan as Trece Colonias orixinais, aínda que tamén poden representar aos Estados Confederados.

Malia a crecente oposición na época ás moedas conmemorativas, a lexislación sobre os medios dólares de Columbia aprobouse sen oposición no Congreso estadounidense en 1936. Á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos non lle gustaron os deseños inicialmente propostos por Davidson e procurou, sen éxito, un artista substituto. As moedas cuñáronse en setembro de 1936, pero tardaron en distribuírse. Logo da súa distribución vendéronse en pequenos lotes, o que supuxo unha frustración para os comerciantes de moedas, que esperaban acumular máis exemplares para os revender á súa clientela. Distribuíuse a tiraxe máxima autorizada de 25.000 unidades; non se devolveu ningún exemplar á Casa da Moeda para o seu troco ou a súa refundición.

O prezo actual no mercado do coleccionismo, esta moeda acada un prezo da orde de centos de dólares, en función do seu estado de conservación.

Antecedentes

editar

O feito conmemorado

editar

A zona que rodea a actual cidade de Columbia, en Carolina do Sur, foi colonizada por británicos xa en 1718, cando se estableceu o Forte Congaree en Granby, preto de onde despois se asentou a cidade.[4] Logo da fin da Guerra da Independencia, a Asemblea Lexislativa de Carolina do Sur considerou que Charleston, que daquela era a capital do estado, era demasiado vulnerable aos ataques marítimos e ficaba demasiado lonxe das terras agrícolas que se estaban a desenvolver. En consecuencia, en 1786 designouse Columbia como nova capital, unha das primeiras cidades planificadas dos Estados Unidos. En 1790, a asemblea lexislativa reuniuse por primeira vez na antiga Casa do Estado,[5] un edificio propenso ás inundacións e á humidade, que non era un bo lugar para gardar os documentos importantes do estado, polo que en 1856 comezaron as obras para construír un novo edificio, aínda que se interromperon durante a Guerra Civil. O antigo edificio foi incendiado tras a súa captura polas tropas da Unión en 1865. Como Carolina do Sur dispuña de pouco diñeiro para a construción do capitolio despois da guerra, o novo edificio non se terminou ata 1903.[6] Como se verá máis adiante, ambos os edificios aparecen reproducidos no anverso do medio dólar.[1]

A idea da moeda conmemorativa

editar

Ata 1954, o Goberno dos Estados Unidos vendía ao seu valor nominal as tiraxes completas das moedas conmemorativas que emitía a entidades sen ánimo de lucro autorizadas polo Congreso, que despois intentaban vender as moedas ao público cunha prima, para así poderen financiar proxectos altruístas relacionados co feito conmemorado. A aparente facilidade para obter beneficios coa compra e a tenza de moedas conmemorativas atraeu moitos afeccionados ao coleccionismo numismático, que intentaban adquirir as novas emisións. Isto deu lugar a moitas propostas de moedas conmemorativas no Congreso, entre elas algunhas de importancia puramente local, e en 1936 chegáronse a emitir 16 destas moedas con motivos diversos.[7] Os proxectos de lei polos que se autorizaban esas emisións aprobáronse malia a oposición do departamento do Tesouro a dar o visto e prace a máis moedas conmemorativas, e mesmo o presidente Franklin D. Roosevelt chegara a pedir en 1935 que o Congreso non aprobase máis proxectos de lei deste tipo.[8]

No caso do medio dólar conmemorativo do Sesquicentenario de Columbia, a entidade designada para comprar e logo distribuír as moedas foi unha comisión que debía establecer o alcalde de Columbia —que en 1936 era Lawrence B. Owens—,[9] formado por non menos de tres persoas.[10]

Proceso lexislativo

editar
 
Hampton P. Fulmer, promotor na Cámara de Representantes da lei pola que se autorizou a emisión da moeda.

Logo de constituírse a Comisión do Sesquicentenario de Columbia, esta entidade fixo a solicitude formal da emisión do dólar conmemorativo.[11] O 17 de xuño de 1935, o representante demócrata por Carolina do Sur Hampton P. Fulmer presentou na Cámara de Representantes un proxecto de lei para a autorización da cuñaxe da moeda, que foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da cámara. Esta comisión informou a través de Andrew Somers, de Nova York, o 17 de febreiro de 1936,[12] recomendando a aprobación do proxecto de lei, aínda que con algunhas emendas, entre as que estaban o aumento da tiraxe autorizada de 10.000 a 25.000 exemplares, e o requisito de que as moedas fosen encargadas por unha comisión de non menos de tres persoas nomeadas polo alcalde de Columbia, quen, segundo o proxecto de lei orixinal, debía designar as persoas responsables de distribuír as moedas.[13]

Fulmer levou entón o proxecto de lei ao pleno da Cámara de Representantes o 24 de febreiro de 1936. Bertrand H. Snell, de Nova York, preguntou se o proxecto procedía da Comisión de Moeda e Fulmer confirmoulle que así era, e que se estaba a traballar xa coa esperanza de ter moedas dispoñibles para a venda nas celebracións de Columbia en marzo. Snell declarou que tería preferido que unha moeda deste tipo fose solicitada por algunhas persoas da súa rexión, aínda que xa fora informado de que iso ía en contra da política do Departamento do Tesouro. Pola súa banda, Jesse P. Wolcott, de Míchigan, sinalou que el e outras persoas do seu estado intentaran no seu día conseguir a emisión dunha moeda conmemorativa para o centenario da súa admisión na Unión, e que non quixeran ser insistentes ante a oposición achada no Departamento do Tesouro e a ameaza dun veto presidencial. Finalmente, Thomas J. O'Brien, de Illinois, fixo un chamamento ao consenso e o proxecto de lei foi emendado e aprobado sen oposición nin máis debate na Cámara de Representantes.[14]

Logo no Senado, o proxecto de lei foi remitido á Comisión de Banca e Moeda, e alí James F. Byrnes, de Carolina do Sur, informou ao respecto o 3 de marzo de 1936, recomendando unha serie de emendas menores que facían fincapé en que o aniversario conmemorado non era o da fundación da cidade, senón o da súa condición de capital de Carolina do Sur. O Senado emendou o proxecto de lei e aprobouno sen debate nin discrepancias.[15]

Como as dúas cámaras aprobaran versións que non eran idénticas, por mor das emendas engadidas, o proxecto tivo que volver á Cámara de Representantes, onde o 5 de marzo Fulmer pediu que se asumisen as emendas do Senado, o cal se fixo.[16] O proxecto, que prevía a cuñaxe de 25.000 moedas de medio dólar, converteuse en lei coa sinatura do presidente Roosevelt o 18 de marzo de 1936.[10][17]

Preparación

editar
 
Nellie Tayloe Ross era a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos cando se emitiu a moeda.

A Comisión do Sesquicentenario seleccionou o escultor Abraham Wolfe Davidson, do Clemson College, para se encargar do deseño da moeda.[11][3] Davidson, un inmigrante xudeu procedente de Rusia, chegara a un acordo cos administradores do Clemson College polo cal esculpiría unha estatua do seu fundador, Thomas G. Clemson, a cambio de aloxamento, mantenza e matrícula.[18] O 25 de maio de 1936, Nellie Tayloe Ross, directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, enviou os modelos da moeda en xeso elaborados por Davidson á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos,[19] que era a encargada de emitir ditames consultivos sobre todas as obras de arte públicas, incluídas as moedas, consonte unha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding.[20] A propia directora da US Mint apreciou xa nun primeiro momento o que consideraba defectos visibles no deseño proposto por Davidson,[21] e dixo que eran "insatisfactorios" e que "carecían de mérito artístico",[3] e o presidente da Comisión de Belas Artes, Charles Moore, coincidiu coa valoración de Ross nunha carta datada o 1 de xuño de 1936, e suxeriu á Comisión do Sesquicentenario que contratase un medallista experimentado.[22] Segundo Eric Brothers no seu artigo sobre Davidson para The Numismatist: "a Comisión do Sesquicentenario non cedeu; Davidson era o fillo adoptivo con talento de Columbia e de Clemson".[18]

O 13 de xuño de 1936, Ross devolveulle os modelos de xeso a Davidson e escribiulle a James Hammond, presidente da Comisión do Sesquicentenario, para lle comunicar que devolvera os modelos e para lle expor os requisitos técnicos da Casa da Moeda para os modelos de cuñaxe.[22] A partir de entón, Davidson traballou baixo a supervisión de Lee Lawrie, escultor e membro da Comisión de Belas Artes. A figura da Xustiza do anverso fíxose menos desgairada e as follas da palmeira do reverso idealizáronse. Finalmente, os modelos revisados foron recomendados pola Comisión de Belas Artes o 22 de xullo, e posteriormente foron aprobados polo secretario do Tesouro Henry Morgenthau.[23]

Deseño

editar

Anverso

editar
 
Selo de Carolina do Sur.

O anverso do medio dólar do Sesquicentenario de Columbia representa a coñecida como Dama da Xustiza, cunha espada e unha balanza, aínda que sen a tradicional venda nos ollos que se utiliza en moitas outras representacións. Á súa esquerda e á súa dereita figuran senllas imaxes da antiga e da nova Casa do Estado de Carolina do Sur, cunha das datas do aniversario por baixo de cada unha. Baixo a figura da Xustiza aparece a marca da ceca onde se cuñou a moeda: un D no caso da Ceca de Denver ou un S para a Ceca de San Francisco; a ausencia de marca indica que se trata da Ceca de Filadelfia. E á esquerda da figura figura a inscrición LIBERTY. O deseño do anverso complétase cunha lenda que rodea o conxunto, alusiva ao feito conmemorado: COLUMBIA SOUTH CAROLINA / SESQUICENTENNIAL CELEBRATION OF THE CAPITAL.[1][2][3][24]

 
Casa do estado de Carolina do Sur, en Columbia.

Reverso

editar

O reverso representa unha palmeira (do xénero Sabal), emblema de Carolina do Sur. A árbore ten dous feixes de frechas atados á súa base por unha fita ancha formando unha aspa,[1][2][3] o que indica a súa connotación militar, en relación cos feitos sucedidos en 1776. O 28 de xuño daquel ano, unha escuadra naval británica intentara tomar Fort Moultrie, no porto de Charleston, e aínda que os barcos británicos fixeron moitos disparos durante a batalla de Sullivan's Island, os que alcanzaron as fortificacións foron absorbidos polos brandos troncos das palmeiras que a formaban; o número de mortos americanos foi de 12, fronte aos centos de británicos falecidos polos disparos do forte. A póla de carballo cortada na base da palmeira simboliza as embarcacións británicas feitas con esa madeira.[25] Consonte o investigador Arlie Slabaugh, no seu traballo sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, "os habitantes de Carolina do Sur demostraran en 1776 que a palmeira era superior ao carballo da vella Inglaterra, e por iso aparece por riba do carballo nesta moeda".[4]

Valoracións críticas

editar

As trece estrelas que rodean a árbore simbolizan ostensiblemente as trece provincias americanas orixinais da Unión, aínda que é posible que tamén pretendesen evocar os Estados Confederados de América.[25][26] Completan o reverso o nome do país, a indicación do valor nominal da moeda e os lemas exixidos pola lei para todas as moedas estadounidenses: E PLURIBUS UNUM e IN GOD WE TRUST. En contra do que era habitual noutras moedas conmemorativas, as iniciais do deseñador non aparecen nesta ocasión inscritas na moeda.[27]

Segundo Carl Stang, no seu artigo de 2012 sobre o medio dólar de Columbia, "a moeda en xeral ten un aspecto agradable practicamente en calquera estado".[28] O autor numismático Q. David Bowers declarou: "O medio dólar era atractivo na súa simplicidade, e poucos numismáticos —que certamente son propensos a expresar opinións se non lles gustan as cousas— se sentiron movidos a ser críticos".[29]

Pola súa banda, o historiador do arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre o aspecto artístico das moedas e das medallas estadounidenses, escribiu:[30]

A moeda presenta unha débil combinación de anverso alegórico e reverso simbólico, con letras dispares, apertadas por un lado e estendidas irregularmente polo outro. [...] [O anverso] mal proporcionado [...] [O reverso] aburrido, que lembra o primitivismo decimonónico das grandes moedas de prata dun país colonial español ou dun país suramericano independizado recentemente, pero carece da espontaneidade deses robustos reais de oito.

Distribución e coleccionismo

editar

As celebracións do aniversario en Columbia tiveron lugar entre o 22 e o 29 de marzo de 1936.[5] O 30 de maio, o senador Byrnes escribiu á directora Ross, da Casa da Moeda, para lle solicitar en nome de Hammond que as moedas se cuñasen nas tres cecas que a Casa da Moeda dos Estados Unidos tiña en funcionamento naquel momento. Tamén lle solicitou que, se non for posible acceder a esta petición, algunhas das moedas se cuñasen con data de 1936 e outras con data de 1937.[21] Unha subcomisión da Comisión de Banca e Moeda do Senado celebrara sesións o 11 de marzo, nas que se testemuñara que as moedas conmemorativas se cuñaban en varias cecas e con diferentes datas para aumentar a cantidade de variantes que os coleccionistas precisaban para facérense cun xogo completo,[31] mais o proxecto de lei do medio dólar de Columbia, convertido en lei só unha semana despois, permitía cuñar en varias cecas, e isto ocorrera a finais de setembro de 1936.[32] Xa que logo, cuñáronse en total 9.007 exemplares en Filadelfia, 8.009 en Denver e 8.007 pezas en San Francisco, e o exceso sobre os millleiros en cada caso retívose para o seu exame e a súa comprobación prescritiva por parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa reunión anual de 1937.[33] Malia ser a primeira moeda conmemorativa autorizada en 1936, o medio dólar de Columbia foi finalmente a derradeira das 16 que se cuñaron nese ano.[34]

As moedas non se distribuíron inmediatamente, aínda que axiña se aceptaron pedidos por un prezo de 2,15 dólares por unha soa moeda, cun xogo das emitidas nas tres por 6,45 dólares. O 19 de outubro de 1936, a emisión superara xa a cantidade de 15.000 exemplares, o que probablemente representase as cantidades desexadas polos comerciantes de moedas. A principios de decembro, as moedas seguían sen distribuírse, e isto comezou a provocar algúns comentarios adversos entre a comunidade numismática.[29]

Para garantir unha distribución equitativa das moedas, só se atenderon pedidos de pouca envergadura. Durante as primeiras 24 horas de venda, as moedas só estaban dispoñibles para os residentes na cidade e, a partir de entón, só podían adquirirse por correo.[11][3] Os residentes locais podían compralas a 2 dólares cada unha. Como os comerciantes non podían obter cantidades importantes, optaron por pór os seus anuncios de venda das moedas sen indicar o prezo de venda.[4]

David Bullowa, na súa monografía de 1938 sobre as moedas conmemorativas, escribiu:[35]

A comisión realizou a distribución sobre unha base moi xusta, e poucas persoas puideron conseguir estas moedas en cantidade. Fíxose todo o posible para tratar o coleccionista de xeito xusto e evitar que o especulador manipulase os prezos das series no mercado aberto, como se fixera con moitas emisións conmemorativas anteriores.

Cubriuse a maioría dos pedidos dunha soa serie de moedas, e algunhas series reserváronse para outros fins: unha regalóuselle ao presidente Roosevelt en febreiro de 1937 e seis colocáronse nunha cápsula do tempo que se abriu en 1986, cando esas moedas acadaban xa varios milleiros de dólares por serie no mercado numismático.[36]

En 1940, as series das tres moedas vendíanse por uns 6 dólares cada unha no mercado secundario, un prezo que aumentou a 10 dólares en 1950 e a 100 dólares en 1965. En 1980, custaban 1.750 dólares por serie, un prezo que diminuíu a partir de entón.[37] A edición de luxo do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins, publicada en 2020, atribúelle á serie un prezo de entre 540 e 900 dólares, en función do seu estado de conservación, e un terzo dese valor para as pezas individuais.[38] Un exemplar nunhas condicións excepcionais da Ceca de Filadelfia foi adxudicado en 2013 en 15.275 dólares nunha poxa numismática organizada pola compañía Heritage Auctions.[39] Outro exemplar en similares condicións, coa marca de ceca de Denver, acadou os 15.863 dólares nunha poxa numismática levada a cabo por Legend Rare Coins que tivo lugar en maio de 2019.[40]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "½ Dollar Columbia Sesquicentennial". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Columbia, South Carolina Sesquicentennial Half Dollar". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "1936 Columbia Sesquicentennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. 4,0 4,1 4,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 133.
  5. 5,0 5,1 Flynn, K. (2008). Páxina 78.
  6. Stang, C. (2012). Páxinas 57-58.
  7. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 62-63.
  8. Commemorative coins and Mint bills. United States Government Printing Office, Washington. 10 de febreiro de 1947. Páxinas 36-38.
  9. "Mayors of Columbia". Richland Library.
  10. 10,0 10,1 Flynn, K. (2008). Páxina 353.
  11. 11,0 11,1 11,2 "Silver commemoratives: 1936 D Columbia 50C". Numismatic Guaranty Company (Ngccoin.com).
  12. "Reports of committees on public bills and resolutions". Congressional Record - House. 17 de febreiro de 1936. Páxina 2.275.
  13. "To authorize the coinage of 50-cent pieces in commemoration of the sesquicentennial anniversary of the founding of the city of Columbia, S.C.". United States Government Printing Office.17 de febreiro de 1936.
  14. "Sesquicentennial, Columbia, S. C.". Congressional Record - House. 24 de febreiro de 1936. Páxina 2.680.
  15. "Coinage of 50-cent pieces in commemoration of founding of Columbia, S. C." Congressional Record - Senate. 3 de marzo de 1936. Páxina 3.100.
  16. "Sesquicentennial anniversary, Columbia, S. C." Congressional Record - House. 5 de marzo de 1936. Páxina 3.327.
  17. "Columbia, South Carolina Sesquicentennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (Usmint.gov).
  18. 18,0 18,1 Brothers, E. (2014).
  19. Taxay, D. (1967). Páxina 179.
  20. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi.
  21. 21,0 21,1 Flynn, K. (2008). Páxina 268.
  22. 22,0 22,1 Flynn, K. (2008). Páxinas 268-269.
  23. Taxay, D. (1967). Páxina 181.
  24. Swiatek, A. (2012). Páxinas 321-322.
  25. 25,0 25,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 53.
  26. A Confederación reclamou 13 estrelas malia ter só 11 estados, xa que incluía as estrelas de Missouri e Kentucky, que non se separaron.
  27. Swiatek, A. (2012). Páxina 322.
  28. Stang, C. (2012). Páxina 59.
  29. 29,0 29,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 344.
  30. Vermeule, C. (1971). Páxina 300.
  31. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 210-211.
  32. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 343-344.
  33. Flynn, K. (2008). Páxina 77.
  34. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 132.
  35. Bullowa, D. M. (1938). Páxina 132.
  36. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 344-345.
  37. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 346.
  38. Yeoman, R. S. (2020). Páxina 1.100.
  39. "1936 50C Columbia MS68 PCGS". Professional Coin Grading Services (PCGS.com).
  40. "Price Records Emerge for Finest CAC Commemorative Half Dollars". En Coin Week. 28 de febreiro de 202.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar