Abraham Wolfe Davidson

escultor e deseñador de moeda estadounidense de orixe belarusa

Abraham Wolfe Davidson, nado en Viciebsk, Belarús, en 1903 e finado en Gainesville, Xeorxia, en 1981, foi un escultor, pintor e deseñador de moeda estadounidense de orixe belarusa.

Infotaula de personaAbraham Wolfe Davidson
Biografía
Nacemento1903 Editar o valor em Wikidata
Morte1981 Editar o valor em Wikidata (77/78 anos)
Gainesville, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Primeiros anos en Europa editar

Abraham Wolfe Davidson naceu en 1903 na provincia belarusa de Vitebsk,[1] que daquela formaba parte do Imperio Ruso, fillo de Chaim Meyer Davidson e Chasia Davidson. Durante o período convulso da Revolución Rusa e a primeira guerra mundial o seu pai foi dado por desaparecido, o que provocou que a familia tivese que opasar pola penuria económica. De cativo, Davidson amosou interese e aptitude para a modelaxe en arxila e a escultura, e durante un breve período chegou a estudar na Escola Nacional Rusa de Arte de Vitebsk, en 1919.[2]

A súa familia tomou a determinación de fuxir da opresión que estaban a sufrir os xudeus en Rusia emigrando aos Estados Unidos, onde xa residían os catro irmáns maiores. Superadas as dificultades da revolución e da guerra, Abraham e a súa nai lograron o seu propósito en 1922; chegaron a Nova York a bordo do buque Homeric e reuníronse cos demais irmáns en Greenville, Carolina do Sur.[1][2]

A etapa americana editar

 
Estatua de bronce de Thomas Green Clemson, creada por Davidson para a Universidade Clemson (fundida en 1966).[3]

En Greenville, Davidson seguiu cultivando a súa afección pola escultura e estudou inglés.[1] Logo desprazouse inicialmente ata Atlanta, onde traballou durante pouco tempo como modelador de arxila na Atlanta Terra Cotta Company; logo a Savannah, Xeorxia, e finalmente a Nova York, onde compaxinou o seu traballo artístico coa súa formación artística, entre 1924 e 1926.[1][2]

En 1926 regresou a Greenville e pouco despois enfermou gravemente dos riles, como consecuencia das calamidades sufridas en Rusia na súa infancia. Durante a súa convalecencia puido exercer varios traballos e non esqueceu cultivar a súa obra escultórica, ao tempo que se completaban os anos necesarios para acadar a nacionalidade estadounidense, que acadou en 1928.[2]

En 1934, Davidson propúxolle á Universidade Clemson e idea de crear unha estatua do seu fundador, Thomas Green Clemson, a cambio de aloxamento, mantenza e matrícula, ao que a universidade accedeu. Concedéuselle ademais un estudio e os materiais para a modelaxe,[1] mais non a posibilidade de fundila en bronce posteriormente, como el pretendía, polo que tivo que esculpila en pedra en 1939, e instalouse en 1941. Con todo, uns anos despois, en 1966, a universidade reclamou novamente a Davidson para facer a súa desexada versión en bronce da estatua, que foi colocada no campus, diante do Tillman Hall, en tanto que a orixinal en pedra foi destruída.[2]

Durante a década de 1930, Davidson compaxinou este traballo con outras encargas públicas e privadas. Esculpiu barios bustos, dous deles comisionado polo Goberno federal e outros dous novamente encargados pola Universidade Clemson, para lucir na súa biblioteca. Nese período acadou un posto como profesor de Arte no instituto de Greenville, e colaborou con diferentes causas sociais, como creación da Asociación de Arte de Greenville ou a organización dunha galería de arte que acabou converténdose no Museo de Arte do Condado de Greenville.[1][4]

 
O medio dólar do Sesquicentenario de Columbia, Carolina do Sur (1936), obra de Abraham W. Davidson.[5][6][7]

Tamén durante a súa etapa na Universidade Clemson, e en paralelo ao seu labor creativo no ámbito da escultura, en 1935 recibiu da Comisión do Sesquicentenario de Columbia a encarga de deseñar unha moeda de medio dólar conmemorativo desa efeméride, que foi cuñada en 1936.[4][8]

Logo do seu casamento en 1936, desde finais de 1940 ata comezos de 1942, Davidson tomou unha excedencia como profesor para se desprazar a Nova York unha tempada e perfeccionar a súa formación na Art Students League desa cidade. Despois regresou brevemente ao seu posto docente en Greenville e trasladouse coa su familia a Marietta, Xeorxia, onde traballou como deseñador na compañía Bell Aircraft.[1][4]

En 1948, a familia desprazouse a Gainesville, Xeorxia, e nesa cidade compartiu docencia coa súa esposa no Brenau College, ela como profesora de inglés e el no departamento de Arte, do que chegou a ser director, ata a súa xubilación en 1966. A partir dese momento, seguiu a producir obras escultóricas por encarga, e tamén cultivou a pintura, na que se iniciara xa na década de 1950.[1][4]

Desde a súa vinculación coa Universidade Clemson na década de 1930, Davidson non deixou de crear obras para esta institución, entre elas un relevo en pedra para un dos edificios do seu campus en 1940 e os bustos de varios reitores e profesores senlleiros. Pouco antes da súa morte, deseñou o Medallón Clemson, a máxima condecoración pública que concede a universidade.[1][4]

Vida persoal editar

Davidson casou o 3 de xuño de 1936 con Mary Katherine Harbin (ca. 1906 -1974), que era profesora en Greenville. Con ela tivo dous fillos: Ivy Dorothy e Edith.[4]

Abraham Wolfe Davidson finou en Gainesville, Xeorxia, onde fixara a súa residencia despois da súa xubilación.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Abraham Wolfe Davidson". Askart.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Abraham Wolfe Davidson Papers, 1936-1981". Clemson University Libraries Special Collections and Archives. (2018). Páxina 4.
  3. "Thomas Green Clemson, (sculpture)". Smithsonian Institution (Collections.si.edu).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Abraham Wolfe Davidson Papers, 1936-1981". Clemson University Libraries Special Collections and Archives. (2018). Páxina 5.
  5. "½ Dollar Columbia Sesquicentennial". Numista.com
  6. "Columbia, South Carolina Sesquicentennial Half Dollar". United States Mint.
  7. "1936 Columbia Sesquicentennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  8. Brothers, E. (2014).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar