Gabinete Numismático de Berlín

museo numismático en Berlín, Alemaña
(Redirixido desde "Münzkabinett (Berlín)")
Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.

O Gabinete Numismático de Berlín (en alemán: Münzkabinett Berlin) é un museo numismático da cidade alemá de Berlín e que forma parte da rede Museos Estatais de Berlín (Staatliche Museen zu Berlin). A súa sede está no Museo Bode.[2]

Gabinete Numismatico de Berlín
Münzkabinett Berlin
Berlin Museumsinsel Fernsehturm.jpg
Museo Bode, sede do
Gabinete Numismático de Berlín


Coordenadas52°31′19″N 13°23′41″O / 52.52194, -13.39472
PaísAlemaña Alemaña
CidadeCoat of arms of Berlin.svg Berlín
DirectorBernhard Weisser.[1]
Inauguración- Século XVI: orixe.
- 1904: status actual.
- 2006: sede actual (Museo Bode).
Sitio WebSitio web oficial

HistoriaEditar

Orixes: séculos XVI e XVIIEditar

As orixes da colección remóntanse ao gabinete de curiosidades e cámara de arte dos electores de Brandeburgo, cuxas primeiras mostras de estar a crear unha colección datan dos anos 1535 e 1571. O inventario máis antigo da colección de moedas produciuse en 1649 e consistía en arredor de 5.000 moedas, principalmente antigas. Os primeiros estudos da colección con carácter académico foron os realizados polo numismático alemán Lorenz Beger entre 1685 e 1705.[3]

Século XVIIIEditar

No século XVIII, o desexo de facer pública a colección provocou constantes cambios na súa titularidade entre 1735 e 1815, formando parte primeiro da Biblioteca Real, logo do Gabinete de Moedas, Arte e Antigüidades, despois da Academia de Ciencias e, finalmente, da Universidade de Berlín.[3]

Nas guerras sucedidas en 1745, 1757 e 1806, a colección viuse obrigada a cambiar transitoriamente a súa sede, o que ocasionou a sucesiva perda de pezas en cada unha desas ocasións.[3]

Século XIXEditar

 
Altes Museum, sede do Gabinete Numnismático de Berlín de 1830 a 1904

Nos albores do século XIX produciuse a segunda serie de traballos da colección con carácter científico, da man do numismático italiano Domenico Sestini, entre 1804 e 1810.[3]

En 1830 a titularidade da colección foi transferida aos Museos Reais e asignada en concreto ao Altes Museum. Alí estivo exposta ao público e, na década seguinte, foi obxecto dunha profunda reorganización e de exhaustivos estudos académicos.[4]

A partir de 1868 a colección numismática acadou o status de museo independente dentro dos Museos Reais. Desde ese momento e ata o inicio da I Guerra Mundial, destináronse recursos económicos principalmente para a adquisición de coleccións privadas en toda Europa, co fin de ampliar sistematicamente a colección. A este empeño económico uníronse tamén as moedas procedentes de diversos achados monetarios en territorio prusiano e outras procedentes de doazóns, que enriqueceron os fondos da colección do Gabinete Numismático de Berlín.[5][6]

Séculos XX e XXIEditar

En 1904 o Münzkabinett foi transferido ao Museo Bode (daquela chamado Kaiser-Friederich-Museum), que acababa de construírse no extremo norte da chamada Illa dos Museos (Museumsinsel). Para aloxar o Gabinete Numismático cunha distribución cronolóxica creouse unha bóveda de 60 metros de lonxitude nos sotos na ala do edificio que dá á rúa Kupfergraben, que rodea a illa polo lado occidental.[7] O daquela director xeral dos Museos Reais, Richard Schoene, tivo que loitar por esta localización da colección contra a vontade de Wilhelm von Bode, que fundara o museo e que o sucedería como director xeral en 1905.[8]

Durante a II Guerra Mundial, como medida de seguridade contra os ataques aéreos, a colección tivo que situarse en lugares máis seguros e unha gran parte dela foi trasladada aos sotos do Museo de Pérgamo en agosto de 1942, comezando cos obxectos expostos e logo cos considerados máis importantes para o estudo, así como a biblioteca. Outros obxectos da colección quedaron en depósito do Museo Kaiser-Friedrich. Deste xeito, a colección pasou a guerra case ilesa. No entanto, durante a ocupación rusa, tanto a colección numismática como a biblioteca foron confiscadas polo Exército Vermello e trasladadas á Unión Soviética.[9]

En 1958, A Unión Soviética devolveu a Berlín a colección numismática sen perdas notables pero moi desordenada, aínda que non sucedeu o mesmo coa biblioteca. En xaneiro de 1959 os traballos de reorganización permitiron xa a súa exposición aos investigadores nunha sala, situada naquel momento do Berlín Oriental, polo que pertencía aos Museos Estatais (Staatliche Museen) da República Democrática Alemá.[10] Logo da reunificación, a colección pasou a formar parte da Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano (Stiftung Preußischer Kulturbesitz) e unicamente se expuxeron ao público algunhas moedas antigas no Museo de Pérgamo.[11]

A actual exposición dunha parte representativa da colección organizada en catro salas do Museo Bode produciuse a partir dos traballos de renovación completa deste museo en 2004.[2]

 
Bernhard Weisser, director do Gabinete Numismático de Berlín, na súa conferencia Wikipedia trifft Altertum ("Wikipedia atópase coa Antigüidade"). Gotinga, 2011.

Directores [12]Editar

Fondos do Gabinete NumismáticoEditar

 
Anverso do Demaretion. Siracusa, ca. 485-478 a. de C.
 
Medalla co busto de Michelangelo, obra de Leone Leoni. 1561.

A colección do Münzkabinett de Berlín representa, cunha perspectiva cronolóxica e temática, a evolución de diversas formas de diñeiro desde o inicio da moeda no século VII a. de C. en Asia Menor ata o euro. Os seus fondos compóñense de 500.000 pezas orixinais e máis de 300.000 reproducións en xeso de moedas e outros obxectos, así como copias de billetes. De todos este fondos, só se amosa unha pequena parte na exposición permanente na segunda planta do Museo Bode e, ademais, no Museo de Pérgamo mantense a exposición permanente dos 1.500 exemplares máis importantes da moeda da antigüidade. Todas as pezas restantes da colección poden verse cunha cita previa.[13]

Por outra banda, as pezas tamén están representadas e detalladamente descritas nun catálogo interactivo.[14]

A biblioteca numismática contigua está situada na planta baixa.[15][16]

ColecciónsEditar

  • Moedas antigas. As moedas da Antigüidade configuran a parte máis grande da colección e abranguen 102.000 moedas da Antiga Grecia e preto de 50.000 moedas romanas. Dentro desta colección hai pezas singulares de sona mundial, como o decadracma grego coñecido como Demaretion, que conmemora a vitoria de Xelón de Siracusa (540-478 a. de C.) sobre os cartaxineses, ou outro decadracma ateniense, peza única, emitido con ocasión da vitoria na batalla de Salamina.[17][18][19]
  • Moedas medievais e modernas. A colección de moeda medieval europea, ata 1500, que inclúe a moeda do Imperio Bizantino, abrangue preto de 66.000 pezas. A colección de moedas modernas, a partir do século XV, componse de 103.000 moedas cuñadas en todo o mundo occidental, ademais de arredor de 30.000 moedas orientais e asiáticas.[20]
  • Medallas. Esta colección, cuxo núcleo está composto por medallas renacentistas, abrangue arredor de 32.000 pezas.[21]
  • Outros obxectos. Ademais, a colección conta con 12.000 moedas procedentes de diferentes achados, 95.000 billetes e títulos do Tesouro, 19.000 fichas comerciais e privadas, 7.000 moedas falsas, 3.300 obxectos sixilográficos, 1.000 formas primitivas de diñeiro, 1.000 ponderais e lingotes monetarios, e aproximadamente 20.000 ferramentas e obxectos relacionados coa cuñaxe e a fabricación da moeda (cuños, modelos, moldes etc.).[22]

Catálogo interactivoEditar

Desde 2007 está accesible de xeito gratuíto o catálogo interactivo da colección do Gabinete Numismático de Berlín, ao que se incorporan progresivamente os rexistros de imaxe e as descricións detalladas de todas as súas pezas. A principios de 2019 o catálogo interactivo incluía 34.000 moedas e medallas.[14]

O Münzkabinett de Berlín participa no proxecto NUMiD, de dixitalización de toda a rede de coleccións numismáticas das universidades de Alemaña, que comezou o 1 de abril de 2017 e que a principios de 2919 abranguía 30 coleccións.[23]

O roubo de 2017Editar

O 27 de marzo de 2017 ás 3:30 horas produciuse o roubo dunha singular peza que levaba en préstamo desde 2010 na colección do Gabinete Numismático: unha monumental moeda canadense de ouro puro, con valor facial dun millón de dólares, un peso de 100 quilogramos e un diámetro de 53 cm correspondente á serie "Maple Leaf ". Naquel momento, o seu prezo no mercado estaba en torno aos catro millóns de euros. A moeda, cuñada na Real Casa da Moeda do Canadá en 2007, estaba exposta en posición vertical dentro dunha caixa de cristal blindado.[24][25]

A peza estivo recollida no Libro Guinness como a moeda de ouro de maior peso e tamaño cuñada ata o momento no mundo.[26][27] Porén, en 2012 este récord pasou a recaer na moeda australiana con valor facial dun millón de dólares e unha tonelada de peso, producida na Casa da Moeda de Perth.[28]

NotasEditar

  1. "Prof. Dr. Bernhard Weisser". CLIO Online.
  2. 2,0 2,1 Weisser, B. (2004).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Das Münzkabinett von den Anfägen bis zur Gründung der Königlichen Museen 1830". En Kluge, B. (2004). Páxinas 11-17.
  4. "Von der Museumsgründung 1830 bis zur Gründug des Museums Münkabinett 1868". En Kluge, B. (2004). Páxinas 17-19.
  5. "1868-1884 Die Ära Friedländer". En Kluge, B. (2004). Páxinas 19-21.
  6. "1884-1897 Alfred von Sallet". En Kluge, B. (2004). Páxinas 21-22."
  7. "Die Einrichtung des Münzkabinett". En Kluge, B. (2004). Páxina 34.
  8. "1898-1921 Die Ära Menadier und Dressel ". En Kluge, B. (2004). Páxinas 22-25."
  9. "1921-1945". En Kluge, B. (2004). Páxinas 25-26.
  10. Kluge, B. (2004). Páxina 61.
  11. "1945-1990 Wiederaufbau und Stagnation". En Kluge, B. (2004). Páxinas 26-30.
  12. "Direktoren und Kustoden". En Kluge, B. (2004). Páxinas 101-106.
  13. "Die Sammlungen". En Kluge, B. (2004). Páxinas 75-91.
  14. 14,0 14,1 "Münzkabinett Online Catalogue". Münzkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
  15. "Die Bibliothek". En Kluge, B. (2004). Páxina 88.
  16. "Library of the Münzkabinett". Münzkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
  17. "Syrakus: Dekadrachme (sog. Demareteion)". Münzkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
  18. "Athen nach 467 v. Chr.". Münzkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
  19. "Die antiken Münzen". En schaftsinstitut Kluge, B. (2004)]. Páxinas 75-79.
  20. "Die orientalischen (islamischen) Münzenn". En Kluge, B. (2004). Páxinas 79-80.
  21. "Die Medaillen". En Kluge, B. (2004). Páxinas 81-82.
  22. Kluge, B. (2004). Páxinas 83-87.
  23. Sitio web do Proxecto NUMiD.
  24. "Massive $1M gold coin from Canadian Mint stolen in Berlin". En CBC - Radio Canada. 27 de marzo de 2017.
  25. "Solid gold coin worth $4m stolen from Berlin museum". En BBC. 27 de marzo de 2017.
  26. "World Record: Guinness recognizes 100-kg gold coin". En Canadian Mining Journal. 24 de outubro de 2007.
  27. "Massive, Guinness-record-setting 'Big Maple Leaf' gold coin worth millions stolen from German museum". En National Post. 27 de marzo de 2017.
  28. "The one tonne gold coin". The Perth Mint. Australia.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Börner, L.; Ohlsberg, M. Münzkabinett. Italienische Renaissancemedaillen. Berlín. Staatliche Museen Zu Berlin.
  • Börner, L. (1990). Die Sprache der Medaille : Wegleitung zur Ausstellung des Münzkabinetts, Staatliche Museen zu Berlin. Berlín. Münzkabinett.
  • Dressel, H. (1973). Die römischen Medaillone des Münzkabinetts der Staatlichen Museen zu Berlin. Dublin & Zürich. Weidmann.
  • Friedländer, J.; Von Sallet, A. (1873). Das königliche Münzkabinett. Geschichte und Übersicht der Sammlung nebst erklärender Beschreibung der auf Schautischen ausgelegten Auswahl. Berlín.
  • Hans-Dietrich, S. (1997). Antike Muenzen. Bildheft zur Ausstellung des Muenzkabinetts. Staatliche Museen Zu Berlin. ISBN 978-3886092833
  • Kluge, B. (1984). Brakteaten. Mitteldeutsche Brakteaten aus dem Münzkabinett der staatlichen Museen zu Berlin. Einführungen und Erläuterungen. Prisma-Verl. Zenner und Gürchott.
  • Kluge, B. (2004). Das Münzkabinett - Museum und Wissenschaftsinstitut. Münzkabinett - Staatliche Museen zu Berlin. Berlín. ISBN 978-3886094943
  • Kluge, B. (2006). Münzen und Medaillen. Die Ausstellung des Münzkabinetts im Bode-Museum. Prestel Verlag. Berlín. ISBN 978-3791337463
  • Menadier, J. (1919). Die Schausammlung des Münzkabinetts im Kaiser-Friedrich-Museum. Berlín. G. Reimer.
  • Stelzer, G.; Stelzer, U. (1984). Bildhandbuch der Kunstsammlungen in der DDR. Seemann. Leipzig. Páxinas 186-193. ISBN 978-3570095133
  • Weisser, B. (2004). "The Berlin Coin Cabinet Reopens". En ANS Magazine. 6 de decembro. American Numismatic Society.

Ligazóns externasEditar