O tálero ou táler (alemán: thaler -ata 1901- e taler -actualmente-; neerlandés: daalder; linguas nórdicas: daler) era unha antiga moeda de prata de gran módulo orixinaria de Alemaña e usada en diversos países de Europa central en diferentes países, desde o século XVI ata o século XIX.[1][2]

Anverso da primeira moeda con valor dun tálero: joachimsthaler de 1525 do Reino de Bohemia, coa imaxe de San Xoaquín
Reverso do tálero de 1525 do Reino de Bohemia

O seu nome vén da forma abreviada do nome Joachimstaler Guldengroschen ("florín de ouro do val de San Xoaquín"), dado a unhas moedas cuñadas en 1484 polo duque Sexismundo de Austria con prata de minas de Sankt Joachimsthal en Bohemia, hox e Jáchymov, na República Checa.[3][4]

Historia

editar

En Alemaña e Austria

editar
 
Anverso dun tálero de María Tareixa de 1780

A división política do Sacro Imperio Romano Xermánico fixo que que en pouco tempo comezasen a circular moitas moedas de prata de valores diferentes, o que supuña un atranco para os negocio. O Reichstag de 1559 e 1566 de Augsburgo organizou o control das moi numerosas casas de moeda señoriais e prescribiu a unificación do sistema monetario, para o que se escolleu o tálero de Saxonia, que tomou o nome de reichstaler ("tálero imperial"). A nova moeda foi un éxito e axiña se espallou ata se converter nun estándar de facto para o comercio, mesmo alén das fronteiras do Sacro Imperio. Este tálero tiña un peso de 29,23 gramos e estaba batido en prata cunhabn pureza de 889 milésimas.[5]

Un decreto imperial asinado en Viena o 20 de setembro de 1753, consecuencia du acordo con Baviera, deu orixe a unha nova variedade de tálero, chamada konventionstaler, cun peso de 23,385 gramos, que de camiño estendeu o seu uso por todos os estados alemáns. A máis célebre destas moedas foi a coñecida como Maria-Theresien-Taler ("Tálero de María Tareixa"), cuñado en Viena a nome de María Tareixa I de Austria a partir de 1780 e que chegou a ter unha intensa circulación internacional, mesmo no mundo árabe, ata ben entrado o século XIX.[6]

Os derradeiros táleros en circulación foron os de Prusia (preussenthaler), creados como resposta économico-financeira de Prusia ao Imperio Austríaco, como consecuencia dun tratado de unión monetaria e alfandegueira dos estados alemáns do Norte asinado en 1838, denominado Zollverein. O seu peso era de 16,70357 gramos. En 1871, logo da guerra franco-prusiana, ao recibir unha importante indemnización pagada en francos de ouro, o Imperio de Prusia abandonou o tálero e o padrón prata e introduciu o marco con padrón ouro (goldmark).

Nos Países Baixos

editar
 
Tálero de Borgoña ou patacón cuñado en Bruxelas de 1621 a nome de Filipe IV

Nos Países Baixos españois cuñouse inicialmente o chamado philipsdaalder durante o reino de Filipe II de Castela, cun peso de 34,27 gramos e unha lei de vinte quilates, que deu paso nos principios do século XVII ao tálero de Borgoña, coñecido como patacón, de menor peso e lei, que foi alternando co do Sacro Imperio en función do difícil equilibrio político na rexión nesa época.[7][8]

En 1567, a cidade de Nijmegen asumiu o reichstaler. Ao declarar a súa desobediencia ao rei de España, en 1581, axiña a República das Sete Provincias Unidas, que de facto pasaba a formar parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, retomou tamén esa moeda para facilitar os negocios (co nome adaptado ao neerlandés: rijksdaalder) . O Ducado de Brabante e o Condado de Flandres mantiveron, no entanto, o philipsdaalder.

A partir de 1840, a palabra foi usada nos Países Baixos para designar unha nova moeda de dous floríns e medio, con 25 gramos e unha lei de 945 milésimas.

En Escandinavia

editar
 
Anverso dunha peza de dous daler daneses de 1868 a nome de Cristián IX

O tálero introduciuse en Escandinavia baixo o nome de daler a principios do século XVII e axiña pasou a converterse nunha moeda de uso xeral. Estas variedades de táleros mantivéronse en Dinamarca e Suecia ata 1873, cando foron substituídos pola coroa dinamarquesa e a coroa sueca, as novas moedas introducidas pola Unión Monetaria Escandinava. Noruega adheriuse en 1876 e creou a coroa norueguesa.[9][10]

Herdanza do tálero noutras moedas

editar
 
Anverso dun dólar norteamericano de 1884, inspirado no tálero

Hoxe en día noi hai ningunha moeda en circulación no mundo coa denominación de tálero. No entanto, algunhas manteñen a súa herdanza nos seus nomes ou naceron en relación coas súas características metrolóxicas:

 
Tálero de Eritrea de 1891 a nome de Humberto I
  • Eritrea. Na colonia italiana de Eritrea cuñáronse en 1891 moedas de prata a nome de Humberto I equivalentes ao tálero en peso, lei e valor, co valor facial expresado paralelamente como 5 liras e 1 tálero (italiano: tallero).[14][15]
  • Eslovenia. O tálero (en esloveno: tolar) inspirou tamén o nome do tolar, que foi a unidade monetaria de Eslovenia desde a súa independencia en 1991 ata a fin de 2006.
  • Belarús. Tras a independencia de Belarús en 1991, o Sóviet Supremo desta república considerou a adopción do tálero como unidade nacional, dividida en 100 hrosh, aínda que a maioría comunista na cámara rexeitou a proposta e acabou por instituír o rublo belaruso, máis acorde coa tradición da república dentro dos extintos Unión Soviética e Imperio Ruso.
  • Países nórdicos. A propia denominación de "coroa" para as moedas escandinavas que substituíron o tálero provén da forma simplificada dunha das variedades do tálero, o kronentaler.
  • Grecia. Cando en 1833 se instituíu en Grecia a dracma como unidade monetaria, pasou a coñecerse como tálero (en grego: taliro) a moeda de 5 dracmas de prata, xa que coincidía en peso e valor co tálero daquela época. Mesmo despois da desaparición da dracma como unidade, o termo mantense vivo aínda para designar o billete de cinco euros.
  1. A reforma ortográfica do alemán de 1901 determinou a escrita de taler no canto de thaler.
  2. Táler é a adaptación á ortografía galega do alemán taler. Tálero é a forma proposta como normativa no DRAG e no Portal das Palabras.
  3. Kluge. Etymologisches Wörterbuch der deutschen Sprache. Bearbeitet von Elmar Seebold. 25. Auflage. De Gruyter, Berlín/Boston, 2011 (en alemán)
  4. Arnold, Paul et al, Großer Deutscher Münzkatalog von 1800 bis heute. Augsburg, 2015. [ISBN 978-3866461215] (en alemán)
  5. Van Gelder, Enno. "Geschiedenis van de rijksdaalder". Tijdschrift voor Numismatiek, XXIII, n° 2, 1973. Páxinas 23-29 (en neerlandés)
  6. "The Maria Theresa Thaler 1780". En Theresia.name (en inglés)
  7. "Patagones". En Moneda Hispánica (en castelán)
  8. "Le Patagon Arquivado 22 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Museo do Banco Nacional de Bélxica (en francés)
  9. "1875 Fra rigsdaler til kroner". Banco Nacional de Dinamarca (en dinamarqués)
  10. Edvinsson, Rodney (2010). "Swedish monetary standards in historical perspective". En Historical Monetary and Financial Statistics for Sweden: Exchange rates, prices and wages 1277–2008. Sveriges Riksbank. Páxinas 26-66 [ISBN 978-91-7092-124-7] (en sueco)
  11. "Dollar". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
  12. "Lion Dollar. Introduction". En Coins.nd.com (en inglés)
  13. "Dollar". En Online Etymology Dictionary (en inglés)
  14. "Tallero". No dicionario en liña Merriam-Webster (en inglés)
  15. "Eritrean Tallero". En The Free Dictionary by Farlex (en inglés)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Caspar, Helmut. Vom Taler zum Euro. Die Berliner, ihr Geld und ihre Münze. Berlin Story Verlag. Berlín, 2006 [ISBN 3-929829-30-4] (en alemán)
  • Klütz, Konrad. Münznamen und ihre Herkunft. Moneytrend Verlag. Viena, 2004 [ISBN 3-9501620-3-8] (en alemán)
  • Flandrin, Philippe. Les thalers d'argent. Histoire d'une monnaie commune. Le Félin, 1997 [ISBN 978-2866452797] (en francés)

Ligazóns externas

editar