Quilate

termo para cuantificar a masa de xemas e perlas e o grao de pureza dos metais preciosos

O quilate é un termo da física e da xemoloxía que se utiliza para cuantificar a masa de xemas e perlas, e tamén o grao de pureza dos metais preciosos (platino, ouro e prata).[1]

Etimoloxía editar

 
Sementes de algarrobeira.

Orixe do quilate masa editar

O termo provén da palabra do grego antigo κεράτιον kerátion, que significa algarrobeira (Ceratonia siliqua), porque as sementes do seu froito eran utilizadas na antigüidade para pesar xemas e xoias debido ao tamaño e peso notoriamente uniformes das sementes. Cando os árabes adoptaron esta unidade de masa o nome deformouse a quirat e esta deformouse a quilate ao pasar ao galego (e ao castelán).

Transición ao quilate pureza editar

No ano 309 d.C. o emperador romano Constantino I ordenou acuñar o primeiro solidus, unha moeda de 24 quilates (masa) de ouro (uns 4,5 gramos), integrada no sistema duodecimal romano de pesos e medidas como 1⁄72 de libra,[2] sendo cada quilate ou siliqua 1⁄1728 de libra.[3].[4] O solidus (de onde procede a palabra galega soldo), e o seu equivalente árabe dinar (do latín denarius, de onde procede diñeiro), foron a referencia do peso do ouro até polo menos Século XII, e a súa pureza converteuse na lei do ouro, é dicir, cantos quilates-masa (dos 24 totais da moeda) son ouro puro: 24 quilates significa unha pureza do 100 %, 18 quilates significa que a aliaxe contén un 75 %, etc.[5]

Definicións editar

Quilate de xemoloxía (masa)
Unidade de masa usada, fundamentalmente, para pesar xemas e perlas e, abreviada ct. Neste sentido, un quilate representou historicamente unha cento cuarentava (1⁄140) parte dunha onza (205 miligramos). Desde 1907, coa implantación do sistema métrico decimal, utilízase o quilate decimal, o cal representa unha masa de 200 miligramos (0,2 gramos),[4] por tanto 5 quilates equivale a 1 gramo.
Quilate de ourivaría (pureza)
Designa a pureza do ouro utilizado nas xoias. Nste sentido, un quilate (abreviado K ou kt) representa unha vintecuatroava parte (1⁄24) da masa total da aliaxe que compón o metal (aproximadamente o 4,167 %).[4] Por exemplo, se unha xoia feita con ouro é de 18 quilates, a súa aliaxe está feita de 18⁄24 (ou o que é o mesmo 3⁄4) partes de ouro e ten unha pureza do 75 %, mentres que unha peza de 24 quilates está feita de 24⁄24 partes de ouro e, polo tanto, é de ouro puro.

Notas editar

  1. quilate no Dicionario da RAG.
  2. Vagi, David L. (1999): Coinage and History of the Roman Empire. II: Coinage. Chicago: Fitzroy Dearborn Publishers. ISBN 978-1-5795-8316-3, p. 100. Consultado o 10 de decembro de 2022.
  3. Grierson, Philip (1968): Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection. 2: pt. 1. Washington, DC: Dumbarton Oaks. ISBN 0-88402-024-X, p. 8. Consultado o 10 de decembro de 2022
  4. 4,0 4,1 4,2 "¿Qué es un quilate?". 
  5. carat en Harper, Douglas. Online Etymology Dictionary.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar