Arthur Suhle

numismático alemán


Arthur Suhle, nado o 21 de maio de 1898 en Berlín e finado o 14 de febreiro de 1974 na mesma cidade, foi un numismático alemán, especializado na moeda medieval e moderna, e tamén na medalla.

Infotaula de personaArthur Suhle
Biografía
Nacemento21 de maio de 1898
Berlín, Alemaña Editar o valor em Wikidata
Morte14 de febreiro de 1974
Berlín
Alemaña Alemaña
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemá
Educación Universidade de Berlín.
Universidade de Friburgo.
Coñecido porEstudos de numismática medieval e moderna, e medallística.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Lugar de traballo Berlín Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónprofesor universitario , numismático Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Humboldt de Berlín Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Premios
(1957): Medalla Huntington (ANS).

Traxectoria editar

Suhle naceu en Berlín o 21 de maio de 1898 fillo dun alto funcionario da Administración educativa. No distrito de Lichterfelde, na súa cidade natal, cursou a súa educación secundaria no Schiller-Gymnasium, onde se graduou en 1915. Pouco despois participou na primeira guerra mundial, onde resultou gravemente ferido.[1]

En 1917 comezou os seus estudos superiores de Historia, Literatura e Filosofía Alemás na Universidade de Berlín, que continuou na Universidade de Friburgo. Finalmente acadou o doutoramento en Berlín en 1921, cunha tese acerca da ocupación dos bispados alemáns baixo o papa Xoán XXII (1316-1334).[1]

En marzo de 1921 ingresou como colaborador voluntario no Gabinete Numismático de Berlín (Münzkabinett), por mediación do supervisor do seu doutoramento, o profesor Tangl. Nesta institución foi nomeado conservador en 1922 e profesor en 1928. Logo do falecemento en 1935 do daquela director do Gabinete, Kurt Regling, Suhle foi nomeado o seu sucesor no cargo, de xeito interino ata 1945, e xa como titular desde esa data ata 1973.[1]

Baixo a súa dirección do Münzkabinett transcorreron a segunda guerra mundial e a posguerra. Durante o conflito, Suhle agochou os fondos do Gabinete e a súa importante biblioteca, entre outros lugares nos sotos do Museo Bode, co que logrou protexelos dos bombardeos, mais na posguerra tanto a colección como a biblioteca foron requisadas e enviadas á Unión Soviética. Nesta conxuntura, Suhle conseguiu, con dificultades, construír unha nova pequena colección mediante adquisicións e préstamos e compilar unha biblioteca cos exemplares máis necesarios. Finalmente, os fondos do Gabinete regresaron desde Leningrado en 1958 sen grandes carencias, aínda que moi desordenados.[1][2]

Paralelamente ao seu labor no Münzkabinett, entre 1946 e 1962 ocupou un posto de profesor de Numismática na Universidade Humboldt de Berlín e, a partir de 1953, tamén impartiu docencia como profesor invitado na Universidade de Leipzig.[1]

Entre outras entidades de índole internacional, Arthur Suhle formou parte da Comisión Internacional de Numismática, foi membro honorario da Sociedade Numismática Romanesa e membro correspondente da Sociedade Numismática Austríaca, da Sociedade Numismática Checa, da Sociedade Numismática Bávara e da Sociedade Numismática Estadounidense. Así mesmo, tamén foi membro do Instituto Arqueolóxico Alemán.[1]

Recoñecementos editar

Publicacións editar

Arthur Suhle foi un prolífico autor de artigos numismáticos, con arredor de 200 referencias en moi diversas revistas do sector e en obras colaborativas, así como dunha decena de monografías[4][5][6]

Monografías editar

  • (1936). Die deutschen Münzen des Mittelalters. Verlag für Kunstwissenschaft, Berlín.
  • (1938). Münzbilder der Hohenstaufenzeit. Meisterwerke romanischer Kleinkunst. Hiersemann, Leipzig.
  • (1950). Die deutsche Renaissance-Medaille. Ein Kulturbild aus der ersten Hälfte des 16. Jahrhunderts. Seemann, Leipzig.
  • (1950). Das Münzwesen Magdeburgs unter Erzbischof Wichmann 1152-1192. Rat der Stadt Magdeburg, Magdeburgo.
  • (1955). Deutsche Münz- und Geldgeschichte von den Anfängen bis zum 15. Jahrhundert. Deutscher Verlag der Wissenschaften, Berlín.
  • (1963). Hohenstaufenzeit im Münzbild. Hirmer, Múnic.
  • (1964). Petschafte des Munzkabinetts aus dem 13.-16. Jahrhundert. Staatliche Museen Berlin.
  • (1965). Mittelalterliche Brakteaten. Insel-Verlag, Leipzig.
  • (1969). Die Münze. Von den Anfängen bis zur europäischen Neuzeit. Koehler & Amelang, Leipzig.
  • (1969). Kulturgeschichte der Münzen. Battenberg Verlag, Múnic.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Börner, L. (1968). Páxina 19.
  2. Kluge, B. (2004). Páxinas 25-28.
  3. "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
  4. Börner, L. (1968). Páxinas 20-23.
  5. "Suhle, Arthur 1898-". WorldCat Identities.
  6. "Arthur Suhle 1898 - 1974". Open Library. Internet Archive.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar