Casa da Moeda de Berlín
A Casa da Moeda de Berlín (en alemán: Staatliche Münze Berlin; "Casa da Moeda do Estado de Berlín) é unha das cinco fábricas de moeda estatais activas en Alemaña, situada en Berlín. As outras cecas do país teñen as súas sedes nas cidades de Hamburgo, Stuttgart, Karlsruhe e Múnic.
Casa da Moeda de Berlín –Staatliche Münze Berlin– | |
---|---|
Edificio da Casa da Moeda de Berlín | |
Tipo | Estatal |
Fundación | 1280 |
Matriz | Departamento de facenda do Senado (Senatsverwaltung für Finanzen) de Berlín. |
Localización | Berlín Alemaña. |
Persoas clave | Director: Andreas Schikora. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Número de empregados | 70 |
Notas | |
Marca de ceca: A. | |
Na rede | |
http://www.muenze-berlin.de/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Desde 1750, en tempos de Frederico II, utiliza como marca de ceca a letra A.
Nas súas instalacións atópase o Museo da Casa da Moeda de Berlín, onde se expoñen os máis de sete séculos de historia monetaria da cidade.[1]
Historia
editarA mención máis antiga da Casa da Moeda de Berlín data do 4 de abril de 1280, cando nela se realizaba a cuñaxe por medios manuais, a golpe de martelo.[2]
En 1356, unha lei imperial elevou ao status de Electorado o que ata entón fora o Margraviato de Brandeburgo, o que implicou que a moeda margravial pasou a considerarse moeda electoral.[2]
O Príncipe Elector Frederico III de Brandeburgo coroouse en 1701 como Rei de Prusia como Frederico I e encargou a construción dun novo edificio para a Casa da Moeda. Xa en tempos do seu neto, Frederico II, en 1750 produciuse unha reorganización da moeda e da súa produción, e á ceca de Berlín asignóuselle a letra "A" como marca de ceca, que conservou ata o século XXI.[2]
A localización da Casa da Moeda cambiou varias veces ao longo do século XVIII, aínda que sempre estivo na zona do Río Spree, de cuxa auga se obtiña a enerxía necesaria para mover as máquinas de cuñaxe. A partir de 1802 instalouse nun edificio que fora deseñado por Heinrich Gentz e construído entre 1798 e 1800 na praza Werderschen, no distrito de Friedrichswerder. O director de moeda Christian Friedrich Goedeking introduciu en 1820 métodos de fabricación máis modernos, logo da evolución das técnicas e das máquinas de cuñaxe xerado pola Revolución Industrial, e instaláronse na Casa da Moeda de Berlín as novas prensas desenvolvidas en 1817 por Diedrich Uhlhorn.
A ceca trasladouse a un novo edificio construído nas inmediacións na praza Molken (Molkemarkt), entre 1868 e 1871 por Wilhelm Neumann, sobre planos de August Stueler (o edificio que deseñado por Gentz foi demolido en 1885). En 1871, a denominación da ceca pasou a ser Casa da Moeda do Estado de Prusia (Preußische Staatsmünze) e arredor do 55 % das moedas circulantes en todo o Imperio Prusiano foron cuñadas nesas novas instalacións, onde tamén se cuñou moeda para outros países.[2] Catro anos despois da súa inauguración, en 1875, as súas máquinas chegaron a un rendemento de entre 60 e 70 moedas por minuto, o que resultaba nunha produción diaria total da ceca de arredor de 750.000 pezas, cuñadas polas súas 18 prensas.
En 1935 comezou a construción dun novo edificio, coa intención de unificar as seis cecas nacionais que operaban no país nunha única Casa da Moeda do Imperio, aínda que o estoupido da segunda guerra mundial impediu que o edificio se completase e provocou a paralización da cuñaxe. Concluída a guerra, logo da cal a Casa da Moeda de Berlín quedou encadrada no sector oriental da cidade (Berlín Leste), controlado polos soviéticos, en 1947 retomouse a actividade nas instalacións da vella ceca, coa cuñaxe en cinc de moedas de emerxencia de escaso valor, das que o comercio estaba moi necesitado para as transaccións cotiás. Logo da reforma monetaria de 1948, fabricáronse novas moedas de aluminio.
A partir de 1952 comezou a cuñaxe na Casa da Moeda de Berlín das series circulantes regulares da República Democrática Alemá e, logo do pechamento da Casa da Moeda de Muldenhütten en 1953, a de Berlín converteuse na única ceca da nova República.[2]
En 1981, con motivo da celebración dos 700 anos da ceca berlinesa, cuñouse unha moeda conmemorativa, deseñada por H. Rodewald, que reproduce no seu reverso unha moeda de ampla circulación na Idade Media denominada Ewige Pfennig (tamén en latín denarius perpetuus), coa lenda 700 JAHRE MÜNZPRÄGUNG IN BERLIN "EWIGER PFENNIG.[3][4]
As derradeiras moedas cuñadas en Berlín a nome da República Democrática Alemá levan a data de 1990, en virtude da unión monetaria, económica e social da RDA e a República Federal. A partir desa data a ceca berlinesa continúa coa cuñaxe das series anuais en marcos alemáns para a república alemá unificada.[2]
En 2002 comeza a nova etapa do euro como moeda Europea. 2.400 millóns de moedas da serie do euro procedentes da ceca berlinesa levan a data dese primeiro ano de circulación.[2]
En 2005, a Casa da Moeda de Berlín abandonou a zona céntrica próxima ao río Spree e instalouse nunha nova sede no distrito de Berlin-Reinickendorf, nas aforas da cidade.[2]
Museo da Casa de Moeda de Berlín
editar
No Museo da Casa de Moeda de Berlín (Museum der Staatlichen Münze Berlin), integrado nas propias instalacións da ceca, amósase a tradición monetaria da cidade a través dunha colección de moedas e medallas producidas ao longo das sete centurias de funcionamento da institución.[5]
Nos expositores dispostos baixo a pirámide de cristal que dá acceso ao edificio da Casa da Moeda pódense ver desde as primeiras moedas do Margraviato de Brandeburgo ata as últimas emisións conmemorativas en euros. Unha sección da colección dedícase en exclusiva ás moedas conmemorativas cuñadas pola República Democrática Alemá nesta ceca.[5]
Á parte da colección numismática, no museo exhíbese tamén unha mostra da tecnoloxía relacionada coa fabricación de moeda e faise un repaso dos seus gravadores máis significativos.[5]
Completan o museo as exposicións especiais de carácter temporal, así como unha exposición interactiva dedicada ao público infantil acerca do tema do diñeiro.[5]
Desde 2018, o museo permanece temporalmente pechado ao público.[5]
Notas
editar- ↑ "Museum der Staatlichen Münze Berlin". Berlin.de
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Gerschichte". Staatliche Münze Berlin.
- ↑ "10 Mark 700 Years Berlin Mint". Numista.
- ↑ "Ewiger Pfennig". En Münzen Lexikon. Reppa.de
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Museum der Staatlichen Münze Berlin Arquivado 04 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". Museum Portal Berlin.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de Berlín |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Sitio web da Casa da Moeda de Berlín
- Canle en Youtube da Casa da Moeda de Berlín
- "Why Gernany has Five State-Owned Mints". En Coins Weekly. 1 de febreiro de 2017