Manuel García Barros

escritor e xornalista galego
(Redirixido desde "Ken Keirades")

Manuel García Barros ("Ken Keirades"), nado no lugar de Ulla (Berres, A Estrada) o 16 de novembro de 1876 e finado en Callobre (A Estrada) o 11 de abril de 1972, foi un escritor e xornalista galego.[1][2][3]

Manuel García Barros
Manuel García Barros2.jpg
Nacemento16 de novembro de 1876
 Ulla
Falecemento11 de abril de 1972
 Callobre
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Normal de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor e xornalista
XénerosPoesía
EstudosMaxisterio
Manuel García Barros, sinatura.jpg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Nacido nunha familia labrega, Manuel García Barros comezou sendo pastor e torneiro e estudou por libre a carreira de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, que rematou en 1905, para ocupar a praza de mestre de primeiro ensino na parroquia de Rubín (A Estrada). No ano 1906 casou en Callobre con Carme Insua, onde viviu o resto da súa vida.[4]

Xa en 1903, cando estaba a realizar o servizo militar en Vigo, comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto cos movementos culturais de Vigo, moi especialmente co teatro. No ano 1907, e por mor do seu labor como director do xornal El Estradense, pasou por primeira vez pola cadea, feito que se volveu repetir no ano seguinte, acusado de calumnias.[5]

En 1916 a sociedade de instrución “Unión de Rubín” concédelle unha distinción con motivo do “triunfo alcanzado por la escuela de su dirección [Rubín], en el Certamen Escolar celebrado en Lagartones"[1]

Nos primeiros anos do século foi nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada.[6] Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis así coma cos membros das Irmandades da Fala e posteriormente co Grupo Nós, moi especialmente co seu grande amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1920, pasou a ser un persoeiro recoñecido nas letras galegas e no galeguismo, canto máis ao ser un dos “alma máter” do xornal El Emigrado (1920), que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no que colaborou con todo tipo de traballos. Neste último xornal escribía unha sección chamada Rexoubas na que, usando o pseudónimo Ken Keirades, promoveu unha afamada campaña contra o caciquismo. En 1925 participa na viaxe ao Pico Sagro con Castelao.[1]

No ano 1927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, co seu primeiro destino en Pepín (Castrelo do Val). O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 provoca que sexa detido e levado ao cuartelillo de Tabeirós, onde estivo a piques de ser paseado polos falanxistas. Foi suspendido de emprego e soldo por orde do Gobernador Civil, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados). O 20 de maio de 1940 publícaase a orde para separar definitivamente a Manuel García Barros do servizo como mestre nacional. Este emprego non lle foi xamais restituído.[7] Na súa casa de Callobre agocháronse Ramiro Alfonso Castro Dono e José María Sánchez Brea.

No ano 1955 foi levado de novo ao cárcere, xunto con Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, no seu caso simplemente por lle atoparen unhas revistas (Bohemias) que lle mandaran dende Cuba: “diversas revistas de carácter comunista editadas en Buenos Aires por los rojos en el exilio”

No ano 1957 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega.[8]

Traxectoria literariaEditar

Os seus primeiros escritos xa saíron da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios.

O seu primeiro artigo coñecido publicouse en Luz y Sombra de Vigo no ano 1898. A partir de aquí é destacable o seu labor xornalístico, especialmente no semanario El Estradense, unha publicación agrícola-social que se comezou a publicar no 1906 e na que participou con artigos, relatos curtos, etc. e da que foi o seu director. O periódico deixou de se publicar en 1909. Tamén publicou colaboracións poéticas e literarias en Eco de La Estrada. O 15 de setembro de 1916 recibe un accésit nun premio literario en Pontevedra e a súa foto sae en Vida Gallega.

 
Contiños da terra, de García Barros, é o v. 21 da Biblioteca Galega 120.

No ano 1920 creouse o xornal El Emigrado, publicación financiada polos Hijos del Ayuntamiento de La Estrada de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periodicamente os seus “Contiños da terra” e comezou a ser recoñecido e respectado no ámbito cultural galego e no movemento galeguista. No ano 1924, o seu conto O fútbol en Malpocados foi premiado nos xogos florais de Santiago. No Nadal de 1926 púxose en escena a súa pequena peza teatral Carta da Habana (publicada na Revista Céltiga, Edicións Fervenza, 2002) no Salón Novedades da Estrada en solidariedade con Cuba, arrasada por un trebón o 20 de outubro dese ano.[1] No 1929, o seu longo traballo Falemos na nosa fala gañou o Certame Literario de Exaltación da Muller Galega (Pontevedra). Posteriormente recolleu os contos e relatos breves que fora sacando en El Emigrado, e publicounos so o título Contiños da terra (Nós, 1930).

En 1933 comeza a súa sección Aguilloadas no xornal ”EI País” de Pontevedra. En 1939 redacta e difunde clandestinamente Divagaciones sobre lo discutible e indiscutible. En 1942 remata de escribir As aventuras de Alberte Quiñoi. En 1943 escribe Para el buzón del padre P. En 1952 presenta Fiúnchos ao concurso literario do Centro Galego. Contos de Fiúnchos están incluídos en Enredos. En 1958 O Gaiteiro de Lugo edita varias poesías súas.[1]

Xa en vida non viu publicadas máis obras, malia pasar toda a vida escribindo. No ano do seu pasamento, meses despois, saíu á rúa As aventuras de Alberte Quiñoi, a pesar de que xa fora finalista nun concurso literario convocado polo Centro Gallego de Buenos Aires no 1949.[9]

Toda a súa obra está escrita en galego, excepto un artigo: Divagaciones sobre lo discutible y lo indiscutible, no que se manifestaba contra a guerra e o fanatismo relixioso. Vén recollido no Pensamento  galeguista da posguerra. Antoloxía. publicado pol'A Nosa Terra en 1997.

ObraEditar

RecoñecementosEditar

 
Escultura na súa homenaxe na Estrada.
  • O concello da Estrada adicou o ano 1997 á lembranza da súa memoria.
  • Un instituto de educación secundaria do concello leva o seu nome, o IES García Barros da Estrada.[13]
  • Desde 1989 o concello da Estrada promove o Premio García Barros.[14]
  • En 2012 celebrouse unha homenaxe poética diante da súa estatua en Berres polos 40 anos do seu pasamento.[15]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "CENTRO CULTURAL DEL PARTIDO DE LA ESTRADA". centroculturaldelpartidodelaestrada.blogspot.com (en castelán). Consultado o 2020-07-14. 
  2. "Manuel García Barros". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-07-16. 
  3. "autor/a A. Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2020-07-16. 
  4. Blanco Valdés, Juan L. "Dos papeis de ManuelGarcía Barros. En lembranza (e homenaxe) dunha amizade" (PDF). 
  5. "Manuel García Barros" (PDF). centros.edu.xunta.es/iesmanuelgarciabarros. 
  6. "Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 2020-07-16. 
  7. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2020-07-16. 
  8. Membros correspondentes RAG.
  9. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. 
  10. "Aventuras de Alberte Quiñoi". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-07-14. 
  11. "A pluma insubmisa. Ensaios inéditos". Editorial Galaxia. Consultado o 2/10/2019. 
  12. Vilas, Bertha (Xullo, agosto, setembro 2020). "Unha pluma recuperada". Grial. LVIII (227): 75–76. ISSN 0017-4181. 
  13. "IES García Barros da Estrada". www.edu.xunta.gal. 
  14. "Manuel García Barros". www.aestrada.gal. Consultado o 2020-07-16. 
  15. "Vagalumes y la sociedad civil estradense recuerdan la figura de Ken Keirades". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-07-16. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar