Festa do melindre de Melide

festa gastronómica celebrada en Melide

A Festa do melindre e da repostaría tradicional é unha festa gastronómica organizada no concello de Melide, co obxecto de homenaxear a repostaría tradicional da vila. Ten lugar o segundo domingo de maio. En 2013 foi declarada Festa de interese turístico de Galicia.

Carteis da Edición do ano 2018 da Festa do melindre.

Historia e características

editar
 
Familia posando cun Pelegrín feito con melindres. Festa do melindre (1994).

En 1991 o Concello de Melide organizou a primeira Festa do melindre. Nas primeiras edicións levouse a cabo de xeito simultáneo con outros eventos, como a exaltación da Tenreira Galega e a Festa do cabalo, englobados baixo o nome de Feira de Mostras. Nesta primeira edición deu o pregón o escritor melidense Xosé Vázquez Pintor.

Entre 1995 e 1999 a feira celebrouse no cruzamento de estradas e no recinto feiral. En 1995 actuou o grupo folclórico O Castelo e foi pregoeiro Antonio Couceiro Méndez, Conselleiro de Industria da Xunta de Galicia. Durante os anos 2000 a 2005 mesturouse a exaltación da Tenreira Galega, a Festa do melindre, a cata de queixos, a degustación da carne ao caldeiro e a Festa do cabalo. O pregoeiro do 2005 fora Miro Magariños. A festa celebrouse de forma ininterrompida agás no ano 2007, no que non foi organizada.

Recuperouse no ano 2008, nunha edición que se centrou na especialización profesional da docería, e pasou a dedicar a festa unicamente á repostaría tradicional da vila, o melindre, o rico e os amendoados. O cartel do ano 2008 foi deseñado polo artista Felipe Senén, que tamén actuou de pregoeiro. Igualmente ese ano homenaxeouse o oficio de latoeiro, na persoa de Luis Mejuto Rodríguez.

O paso polo 2009 dedicouse a Alfredo Montero Pampín, escultor de Furelos. O cartel fora do artista melidense e director do Museo da Terra de Melide, Xosé Manuel Broz Rei. Editáronse varios folletos publicitarios da repostaría melidá. O pregoeiro foi o Mago Antón e os músicos Axóuxere, Os Melidaos, Tromentelos e monicreques Cachirulo.

No ano 2010 os organizadores fixeron unha homenaxe a Manuel Lodeiro, coñecido ferreiro que facía traballos para toda a comarca. Un dos pasos decisivos para a consolidación da Festa do melindre foi a participación das catro casas reposteiras de Melide a partir dese ano, O Estilo, Casa Melchora, Tahona e Trisquel.

A edición de 2011 estivo dedicada aos telleiros de Furelos, Piñor e O Leboreiro. A organización lembrou os vinte anos de historia da festa cunha exposición dos carteis. A autoría do cartel daquel ano fora municipal e o deseño procurou potenciar a imaxe dos propios produtos reposteiros, que tamén se levou ao cruzamento principal da vila cunha lona publicitaria instalada durante toda a fin de semana. O encargado de pronunciar o pregón foi o actor galego Manuel San Martín. Participaron no programa Saborea Galicia de Turgalicia, presente no tradicional mercado de San Miguel de Madrid. A música de Axóuxere, Os Melidaos e monicreques Cachirulo animaron a edición.

No ano 2013 a festa foi presentada na Praza de Lugo da Coruña co autobús mixto de Puntero. Tivo lugar a primeira edición do Coffeetour e a campaña do banco de sangue, con doazón de ricos aos doantes que se achegasen ao autobús. As actuacións dos Melidaos e de Tromentelos completaron a edición. Ao ano seguinte a Festa presentouse na Praza Maior de Lugo e na parte musical contouse coa presenza de Carapaus, Kepa Junquera e Xabier Díaz.

Seguindo no 2015 a Feira viaxou a Praza da Ferrería de Pontevedra. Presentáronse os doces de Melide en maridaxe con escumosos galegos e houbo unha degustación popular de melindres no partido de baloncesto Obradoiro e Real Madrid Baloncesto en Santiago de Compostela. Os invitados a tocar en Melide foron Malvela con Uxía, Os Carunchos, Os Melidaos, Froito Novo e Leirabuxo.

Xa no ano 2016 a presentación tivo lugar en Ourense. Incluíu unha xornada no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, con obradoiro e degustación popular. Tamén viaxaron ata a Escola de Hostalería de Porto (Portugal) e celebrouse un obradoiro de cociña cun cociñeiro estrela Michelín, Xoán Crujeiras, embaixador do melindre.

No ano 2017 a Asociación Melide Terra Doce asistiu ao Fórum Gastronómico da Coruña e á Feira Vinis Terrae en Ourense onde impartiron un obradoiro de repostaría melidá. Na edición de 2017 presentouse o libro A Repostaría de Melide.[1]

Durante a edición do ano 2018 os cociñeiros e presentadores de televisión xemelgos Sergio e Javier Torres dirixiron un showcooking durante a primeira xornada. Durante a segunda ofreceron concertos Óscar Ibáñez e Leirabuxo. [2]

Pasando á edición do 2019, os embaixadores que segundo a organización se comprometen a poñer en valor e dar a coñecer os doces do mundo da comarca melidense [3] foron o actor Marcos Pereiro, a reposteira Isabel Pérez de Aliter Dulcia, o triatleta Uxío Abuín, o xornalista gastronómico Jorge Guitián, a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal, a chef María Varela de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo, e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Debido á pandemia por coronavirus de 2020 en Galicia ese ano a Festa do melindre foi un evento unicamente virtual accesíbel a través da plataforma Facebook onde se puido asistir a un pregón da xornalista Cristina Pampín [4], a un showcooking de Bea Sotelo, cociñeira e membro do Grupo Nove e a un espectáculo de maxia do mago local Daniel Polo.

Ao seguinte ano, na edición do 2021, decidiuse cancelar a festa presencial coma no ano anterior por motivos sanitarios mais foi substituída polo evento “Días de exaltación da Repostaría Tradicional de Melide” onde se permitiu ás casas resposteiras montar stands no cantón de San Roque de acordo coas medidas de protección contra a pandemia vixentes.[5]

A festa presencial volveu no ano 2022 co lema do 30 aniversario da festa ao sobrepasar a data da súa fundación no 1991. Presentouse no Mercado de Abastos de Santiago de Compostelae contou cun acto solidario de apoio a Ucraína. Inaugurouse no Cantón a exposición "30 anos de doces" e a Asociación de Resposteiros organizou os concertos de Grande Amore e The Limboos. [6]

No ano 2023 os embaixadores foron Anxo Castro, finalista da maratón de Londres, e Patri López lateral dereito do Deportivo da Coruña. As actuacións musicais centránronse nos tocadores de bombos e caixas de rufo, instrumentos populares tradicionais portugueses, de percusión, de fabricación artesanal.

O deseño da festa do ano 2024 dividíu a vila no “Espazo Melindre” que comprendía a praza e a rúa do Convento, onde están todos os postos de doces, a maioría das actividades; o “Espazo Amendoado”, o cantón de San Roque, onde se situarían os stands de Artesanía de Galicia; e o “Espazo Rico” a praza das Coles, onde se desenvolveu a parte musical.

Embaixadores do Melindre

editar
  • 2012: Alejandro Rubín Carballo (director de Expourense), Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura), Froito Novo (grupo musical), Marcelo Tejedor (cociñeiro), Tomás Alongo (presentador), Diego Calvo (Presidente da Deputación da Coruña).
  • 2013: Oscar García (desafío Galicia-Kayak), Gorka Rodríguez (cociñeiro), Orquestra Sinfónica de Melide, Berta Castro (crítica gastronómica), María Mera (actriz), Alfonso Cabaleiro (Galicia Calidade), Belén do Campo Piñeiro (política), Marta González Vázquez (política), Beatriz Mato (Conselleira).
  • 2014: J. Manuel Rodríguez González (D.O. Ribeira Sacra), Alberto Otero Quintela (piloto de rallies), Diego López Portas (cociñeiro, premio mellor cociñeiro do ano en Galicia 2014), Mercedes González Rodríguez (sommelier), Lois Caeiro (director de El Progreso de Lugo), Miguel Vila Pernas (director de Benbo) , Xesús Ferreiro Pérez (piloto de rallies), Melchior Ribeiro Pereira (deputado do Parlamento de Portugal), Rosa Quintana (Conselleira)
  • 2015: Carmen Pita (Promoción Turística de Galicia), Pablo Bastabales (xornalista de Radio Voz), Churra Costa (concurso Master Chef), Iván Domínguez (cociñeiro), Siro González (cociñeiro), Nerea Barros (actriz), José Manuel Míguez (Bodeguilla Santa Marta), Francisco Conde (Conselleiro), Sonia Otero Padín (D.O. Orujos de Galicia), Manuel Andrade (Luar).
  • 2016: Celia Vázquez Suárez (Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado), Juan Gil de Araujo (D.O. Rías Baixas), Xurde Morán (xornalista), Ángeles Vázquez Mejuto (Conselleira), Cire de Melide (club de fútbol), Almudena Villedas (crítica gastronómica), Cristino Álvarez (crítico gastronómico).
  • 2017: a chef galega estrela michelín Bea Sotelo, Valentín García Gómez, Silvia Jato, Rubén Riós, Pablo Prieto membro da Federación Galega de fútbol, a presentadora de informativos da TVG María Belén Baños Riádigos e o club de motociclismo Milli Riders.
  • 2018: os irmáns Torres, cociñeiros, o actor Monti Castiñeiras, o adestrador do Obradoiro CAB Moncho Fernández, o chef Quique Rodríguez, o director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia Pati Blanco, o director da Orquestra de Cámara de Galicia Rogelio Groba, o director do CIFP Compostela Ramiro Esparís, a Asociación Deportiva Cerne, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez, a Directora Xeral de Comercio e Consumo Sol María Vázquez, a Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro e o Presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices.
  • 2019: o actor Marcos Pereiro, a reposteira Isabel Pérez de Aliter Dulcia, o triatleta Uxío Abuín, o xornalista gastronómico Jorge Guitián, a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal, a chef María Varela de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo, e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.
  • 2020 e 2021 : vacante debido á cancelación da Festa.
  • 2022: Cristina Pampín, Román Varela e José Mouriño (Novita) gañadores do programa “Come a comarca”, Pedro Coego, profesor da Escola de hostalaría de Lugo, Manuel Garea chef pasteleiro, Kike Piñeiro e Eloy Cancela copropietarios do restaurante A Horta D´Obradoiro de Santiago de Compostela.
  • 2023: Andrés Torreiro xefe de cociña, Patricia López futbolista profesional, Anxo Castro deportista de carreiras de fondo e maratón, as Casas Juanito, Mejuto, Santos e a Adega Ribeirao.
  • 2024: Paco Veiga pedagogo membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e Redacción da Revista Galega de Educación. E a figura do Museo Terra de Melide “como institución onde se garda a nosa memoria histórica e cultural”

Pregóns da Festa do melindre

editar

O primeiro pregón, no ano 1991 a cargo de Xosé Vázquez Pintor, repasou a historia de Melide dende tempos irmandiños nunha arenga contra o localismo.

"Eu, que non son Pedro Osorio nin Alonso de Lanzós nin Diego de Lemos senón un feble excomungado, aconséllolles que os toquen e os retoquen e que os ergan de xeito progesivo até a altura dos seus ollos como recreo para a vista; e que os baixen logo tres ou cinco ou vinte centímetros, segundo o nariz regulamentado de cada un, para permitir que os labios, que todo o profanan, que todo o enchen de glorioso pecado, permitir que os labios, digo, recollan o doce, a marabilla artesanal do melindre, promotor do bo gusto, animador do sexto sentido. Pero fágoo despois, agora non, que estou falando, e esta terra vosa e miña de Melide sempre respectou a un aprendiz de conselleiro, porque algún día do dous mil eu serei un conselleiro melindroso, rodeado de améndoas, de ricos e de nóminas. […]" [7]

O pregón de Felipe Senén, dedicado ao músico folk Mingos Fuciños, incluía unha ladaíña do melindre.

Melindres de Melide
saber das panadeiras,
traballados coa quentura
Melindres
Melindres de Melide
topografía de sabores
mapa de Galiza
Melindres[…]″" [8]

Galería de imaxes

editar
  1. Broz Rei, Xose Manuel; Coi Vazquez, Socorro (2017). A Repostaría de Melide. Asociación de Repostaría Tradicional Melide Terra Doce. 
  2. ""Festa do melindre de Melide"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de novembro de 2018. Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  3. Concello de Melide (25 de abril de 2019). "M chef Paco Roncero, pregoeiro da XVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide". www.festadomelindre.gal (en gal). Consultado o 10 de decembro de 2023. 
  4. https://lindeiros.net/melide-xxix-festa-do-melindre-virtual/
  5. https://www.concellodemelide.org/nova.php?id=905
  6. "Festa do Melindre, 30 aniversario" (PDF). 
  7. Broz Rei, Xose Manuel; Coi Vazquez, Socorro (2017). A Repostaría de Melide. Asociación de Repostaría Tradicional Melide Terra Doce. p. 176. 
  8. Broz Rei, Xose Manuel; Coi Vazquez, Socorro (2017). A Repostaría de Melide. Asociación de Repostaría Tradicional Melide Terra Doce. p. 181. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar