Fiódor Dostoievski

escritor ruso
(Redirección desde «Dostoievski»)

Fiódor Mikhailovich Dostoievski[1][2] (en ruso Фёдор Миха́йлович Достое́вский), nado en Moscova o 11 de novembro de 1821 e finado en San Petersburgo o 9 de febreiro de 1881, foi unha das máis importantes personalidades da literatura rusa. A súa obra tivo un efecto profundo e perdurable na literatura do século XX.

Modelo:BiografíaFiódor Dostoievski

(1872) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ru) Фёдор Михайлович Достоевский Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento30 de outubro de 1821 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Moscova (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Morte28 de xaneiro de 1881 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata (59 anos)
San Petersburgo (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteEpilepsia
Enfisema pulmonar Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério Tikhvin (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa ortodoxa rusa Editar o valor en Wikidata
EducaciónMilitary Engineering-Technical University (en) Traducir
Nikolay engineering school (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióntradutor, filósofo, biógrafo, escritor, xornalista de opinión, xornalista, ensaísta, escritor de contos, novelista, prosista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1844 Editar o valor en Wikidata - 1880 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorAcademia das Ciencias de San Petersburgo Editar o valor en Wikidata
Membro de
MovementoRealismo literario Editar o valor en Wikidata
Influencias
Pseudónimo literarioД.
Пружинин
Н. Н.
Зубоскалов
Ред.
Ф. Д.
М-ий
М.
Друг Кузьмы Пруткова
Летописец
Зубоскал
—ий
N.N. Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeImperio Ruso Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeAnna Dostoievskaia (1867–valor descoñecido)
Maria Dostoevskaya (1857–valor descoñecido) Editar o valor en Wikidata
FillosLyubov Dostoevskaya
 () Anna Dostoievskaia Editar o valor en Wikidata
PaisMikhail Andreyevich Dostoevsky Editar o valor en Wikidata  e Maria Fiodorovna Dostoïevskaïa Editar o valor en Wikidata
IrmánsMikhail Dostoyevsky
Andrey Dostoyevsky
Nikolaj Michajlovič Dostoevskij Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteLiterary Encyclopedia 1929—1939 (en) Traducir, (vol:3, sec:Достоевский Ф. М.),
Larousse Encyclopedia online (pt) Traducir
Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978 Editar o valor en Wikidata
Páxina webfedordostoevsky.ru Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0234502 Allocine: 73684 Allmovie: p309039 IBDB: 5719
Facebook: FyodorDostoevskyAuthor BNE: XX1164367 Bitraga: 1141 iTunes: 497905012 Musicbrainz: 08dd4a10-f7c8-4da8-a724-8d261ebbd9e4 Discogs: 1592547 WikiTree: Dostoevsky-1 Find a Grave: 1515 Editar o valor en Wikidata

As súas novelas mostran a miúdo personaxes vivindo en condicións sociais e mentais extremas, e exploran a psicoloxía humana, analizando a un tempo a situación política, social e moral da Rusia do seu tempo. É considerado por algúns intelectuais como o precursor do existencialismo polas súas Memorias do subsolo, segundo Walter Kaufmann "a mellor abertura para o existencialismo que se escribiu nunca".

É considerado un dos máis grandes escritores de Occidente e da literatura universal. Del dixo Friedrich Nietzsche: «Dostoievski, o único psicólogo, por certo, do cal se podía aprender algo, é un dos accidentes máis felices da miña vida».[3] José Ortega y Gasset escribiu: «En tanto que outros grandes declinan, arrastrados cara ao ocaso pola misteriosa resaca dos tempos, Dostoievski instalouse no máis alto».[4]

A bibliografía de Fiódor Dostoievski consta de trece novelas, tres novelas curtas, dezasete contos e moitas outras obras. Os seus escritos foron moi lidos tanto dentro como fóra da súa Rusia natal e influíron nun número igualmente grande de escritores posteriores, entre eles rusos como Aleksandr Solzhenitsyn e Anton Chekhov, os filósofos Friedrich Nietzsche, Albert Camus e Jean-Paul Sartre, e o xurdimento do existencialismo e o freudianismo.[5] Os seus libros traducíronse a máis de 170 idiomas e serviron de inspiración para moitas películas.

Obras súas traducidas á lingua galega son A lenda do gran inquisidor (Xerais, 1998; traducida por Alexandra Koss), Crime e castigo (Editorial Galaxia, 2003; traducida por Ekaterina Guerbek) e o relato "Un nadal e unha voda", incluído no volume O conto ruso do XIX. De Puxquin a Tolstói (Ir Indo, 1997)[6].

Traxectoria

editar
Pais
Maria Fyodorovna Dostoevskaya
Mikhail Andreyevich Dostoevsky

Dostoievski naceu en Moscova nunha familia orixinaria de Belarús. Foi o segundo de sete irmáns. O pai, Mikhail Andreievich, era un cirurxián militar retirado que traballaba coma doutor no Hospital Mariinski para pobres en Moscova. O hospital estaba situado nunha das areas máis pobres da cidade, na que se achaban un cemiterio para criminais, un manicomio e un orfanato. Esta paisaxe urbana marcou fondamente a Dostoievski. Malia a prohibición dos seus pais, o futuro escritor gustaba de pasar moitas horas cos pacientes do hospital, escoitando as súas historias. A nai, María Fiodorovna (de solteira Maria Nechaeva) procedía dunha familia de comerciantes.

Dostoievski comezou a sufrir ataques epilépticos á idade de sete anos. En 1837, despois da morte da nai por tuberculose, (Dostoievski tiña 15 anos) o pai enviou a Fiódor e o seu irmán máis vello Mikhail (tamén futuro escritor) a San Petersburgo, como pensionistas de K. F. Komarov. O ano 1837, sería fundamental para o futuro do escritor. Foi o ano da morte de Pushkin, que era lectura desde a infancia dos dous irmáns máis vellos da familia, e o ano no que entrou na academia de enxeñaría militar.

O pai de Dostoievski morreu no ano 1837, segundo algunhas versións asasinado polos seus propios servos, que durante unha das habituais e violentas borracheiras do amo aproveitaron para afogalo. Outras versións indican que a morte foi por causas naturais, e que a historia da morte violenta foi inventada por un veciño para comprar a baixo custo as propiedades dos Dostoievski. A figura do pai dominante marcaría o traballo do escritor, servindo posiblemente de base á personaxe de Fiódor Pavlovich Karamazov, o pai dos tres principais protagonistas da novela Bratia Karamazovy.

Dostoievski deixou a academia militar co grao de tenente e, un ano despois, en 1843, publicou unha tradución de novela de Honoré de Balzac Eugénie Grandet. En 1844 aparece a súa primeira novela Biédnie Liudi (Pobres xentes) e o escritor acada unha popularidade case inmediata. A reacción á súa segunda novela Dvoinik (O dobre), estudo psicolóxico dun burócrata, foi, porén, negativa.

 

O 23 de abril de 1849 foi arrestado acusado de formar parte do grupo liberal coñecido como Círculo Petrashevski. Os temores de Nicolao I de que os movementos revolucionarios europeos de 1848 se espallasen polo Imperio Ruso provocaron a represión de tódalas organizacións que mostrasen calquera tipo de oposición á monarquía. En novembro o escritor e outros membros do Círculo foron condenados a morte e, despois dun simulacro de execución, o escritor foi enviado cunha condena a traballos forzados a Omsk en Siberia.

Foi liberado da cadea despois de catro anos e destinado no sétimo batallón do rexemento siberiano no que permaneceu cinco anos servindo na fortaleza de Semipalatinsk, no actual Kazakhstan, primeiro como soldado e despois como tenente. Alí comezou un romance con María Dmitrievna, muller dun antigo funcionario caído no alcoholismo. En 1857 despois da morte do home da súa amante, Dostoievski e a viúva de 33 anos casaron. O período de reclusión e servizo militar foi un punto de inflexión na vida do escritor, que se transformou nun home profundamente relixioso, desilusionouse das ideas occidentais e virou cara ao pensamento e valores rusos tradicionais. Dostoievski converteuse nun crítico feroz dos movementos socialistas e nihilistas que mesmo dedicou en parte os libros Os endiañados e os Diarios dun escritor a criticar as ideas socialistas. Máis tarde, fixo amizade co estadista conservador Konstantin Pobedonostsev.

En 1859 os Dostoievski deixan Semipalatinsk e, en 1860 o escritor e a súa muller volven a San Petersburgo. No período entre 1860 e 1866 editou, sen éxito, xunto co seu irmán as publicacións literarias Vremya (Tempo) e Epokha (Época) (esta última foi clausurada polas súas informacións sobre a Revolta polaca de 1863) e escribiu Zapiski iz mertvogo doma (Lembranzas da casa dos mortos), Unizhennye i oskorblennye (Humillados e ofendidos), Zimnie zametki o letnykh vpechatlienyx (Notas de inverno sobre impresións de verán) e Zápiski iz podpolia (Apuntamentos do subsolo).

A morte da súa muller en 1864, seguida pouco despois pola do seu irmán, tiveron un efecto devastador sobre Dostoievski. Cheo de débedas causadas polas súas empresas editoras fracasadas e a necesidade de manter ós seus propios fillos, ó fillo do primeiro matrimonio da súa muller e á muller e os fillos do irmán falecido, o escritor caeu nunha fonda depresión.

A situación económica era agravada pola ludopatía do escritor, acentuada nunha viaxe ó estranxeiro coa súa amiga Apolinaria Suslova. Unhas das súas obras máis coñecidas, Prestuplenie i nakazanie (Crime e castigo) escribiuna ó apuro para conseguir un adianto dos seus editores. Tomou como axudante para a transcrición das súas obras á estenografista de vinte anos, Anna Grigorevna Snitkina, coa que casou en 1867. Pouco despois da voda comezou a ditarlle a novela Igrok (O xogador), que se viu obrigado a escribir perante a ameaza de perde-los dereitos das súas obras por incumprimento de contrato. Coa cantidade, bastante elevada, cobrada por Crime e castigo marchou de novo, acompañado da súa axudante, ó estranxeiro para escapar dos seus acredores. O diñeiro que levaban foi axiña dilapidado nos casinos. Despois desta viaxe Anna Snitkina tomou as responsabilidades económicas do escritor e desde 1871, este abandonou o xogo.

O período que continua é considerado o máis frutífero do autor: entre 1873 a 1881 edita o Diario dun escritor, publicación mensual de relatos curtos, apuntamentos, e artigos nos que reflexiona e polemiza sobre os acontecementos da época. A revista tivo un éxito enorme. En 1875 publicase Podróstok (O adolescente), en 1876 Krotkaia (A rapaza dócil) e entre 1879 e 1880 Bratia Karamazovy (Os irmáns Karamazov).

En 1877 leu un controvertido discurso no funeral do seu amigo o poeta Nekrasov. En 1878 foi invitado polo emperador Alexandre II para ser presentado á familia imperial. En 1880, pouco antes morrer, deu un famoso discurso sobre Pushkin na inauguración dun monumento dedicado ó poeta.

Morreu dun enfisema agravado, segundo a súa filla Liubov, por unha discusión sobre propiedades coa irmá do escritor. Foi enterrado no Cemiterio do mosteiro Alexander Nevsky de San Petersburgo.

 
Notas manuscritas do capítulo V de Bratia Karamazovy.

Ademais de ser un grande creador de mitos literarios, Dostoievski, mostrou tamén nas súas obras máis importantes unha gran capacidade para comprender os matices da psicoloxía humana. Creou unha obra de vitalidade e poder case hipnótico caracterizada por escenas febrilmente dramatizadas (conclaves) coas personaxes desenvolvéndose nunha atmosfera explosiva e escandalosa, ocupadas en diálogos socráticos ó estilo ruso.

A procura de Deus, os problemas do Mal, e o sufrimento dos inocentes, están presentes nas máis das súas novelas. As personaxes divídense nunhas poucas categorías: cristiáns humildes e discretos (o príncipe Myshkin, Sonia Marmeladova, Aliosha Karamazov), nihilistas autodestrutivos (Svidrigailov, Smerdiakov, Stavrogin, home subterráneo), dexenerados cínicos (Fiódor Karamazov), e intelectuais rebeldes (Raskolnikov, Ivan Karamazov). As súas personaxes son arrastradas máis polas ideas que por imperativos sociais e biolóxicos. En comparanza con Lev Tolstói, que gustaba das personaxes realistas, as de Dostoevski son máis axiña símbolos das ideas que representan, o que relacionaría a Dostoevski co simbolismo literario.

As novelas de Dostoievski desenvólvense nun espazo temporal reducido (ás veces relatan sucesos ocorridos en poucos días) o que permite ó autor liberarse dunha das convencións da prosa realista: a decadencia da vida humana ó longo do tempo: as personaxes evocan sobre todo valores espirituais que son, por definición, intemporais. Outros temas obsesivos nos seus traballos son o suicidio, o orgullo ferido, a perda dos valores da familia, a rexeneración espiritual por medio do sufrimento, o rexeitamento de occidente e a afirmación dos valores tradicionais rusos e do tsarismo.

Estudosos como Bakhtin definen as súas obras como polifónicas: Dostoievski non buscaría un só punto de vista e, ademais de describir as situacións desde diferentes ángulos, creou dramas de ideas onde deixa que caracteres e situacións contrapostas se desenvolvan nun intolerable crescendo.

Temáticas

editar

Dostoyevski tomou como materia prima das súas obras as preocupacións que tiña con respecto ao futuro da humanidade[7] e as inxustizas sociais da súa época.[8] A maioría das súas novelas céntrase na condición humana e trata temas como a pobreza (Bédnyie liudi, Pobre xente, Unízhenyie i oskorblyónnyie, Humillados e ofendidos, Seló Stepánchikovo i yegó obitátyeli, Stepánchikovo e os seus habitantes);[9] as penumbras fantásticas (Dvoinik, O dobre); as relacións amorosas (Bélyye nóchi, Noites brancas); ou o amor, o egoísmo e a autopurificación por medio do sufrimento (Niétochka Nezvánova). O escritor recorre ao realismo psicolóxico e abarca áreas da psicoloxía, a filosofía e a ética.

Segundo Jorge Serrano Martínez, en Bésy, Os endemoñados, a «degradación moral rusa», denunciada previamente en Idiot, O idiota, estaba xa exacerbada, polo que o escritor entendeu que debía dar un contido máis explicitamente político á súa obra. Para Dostoyevski, a xeración reformista da década do 60 -a diferenza da súa- incorrera en dous erros fundamentais: a utilización de métodos de acción violentos e a incorporación de elementos occidentais como o liberalismo, o anarquismo ou o socialismo que non eran aplicables nunha Rusia fundamentalmente cristiá, campesiña e cunha burguesía apenas desenvolvida.[10]

As novelas de Dostoyevski caracterízanse por unha perspectiva social, política e moderna da sociedade, que «destapan o cinismo e o desprezo ao progresismo na sociedade»,[11] construíndo así un movemento «dostoyevskiano».[12] Así mesmo, os seus escritos presentan unha profunda reflexión psicolóxica, o que, segundo Joseph Frank, sitúao como o máximo representante da novela no devandito tópico,[13] precursor do existencialismo e un dos mellores escritores rusos.

Autobiografías

editar

Algunhas pasaxes das novelas de Dostoyevski poden interpretarse como reescrituras encubertas da súa propia vida. A crítica sinalou que estas temáticas pouco recorrentes nas novelas do escritor ruso xurdiron co único motivo de «relatar as súas impresións pasadas».[14] Neste sentido, adquiren unha perspectiva singular Zapiski iz Myortvovo doma, Recordos da casa dos mortos (a súa novela autobiográfica por antonomasia)[15] e Unízhenyie i oskorblyónnyie, Humillados e ofendidos. Na primeira, o autor relata a súa vida como prisioneiro en Siberia a través da figura de Aleksandr Petróvich, un home de clase nobre que, unha vez cumprida a condena por asasinar a súa esposa, queda en Siberia ensinando a ler aos nenos. Na segunda, a pesar de desenvolver un argumento e un estilo narrativo non autobiográficos, válese de elementos deste xénero como recurso literario.

Representábame de modo moi claro que a vida e o mundo non dependían máis que de min. En realidade, até podía dicirse, naquel momento, que o mundo non fora creado máis que para min. [...] E pode suceder que, en efecto, nada exista para ninguén despois de min e que o mundo enteiro, unha vez que se aboliu a miña conciencia, desvanézase como unha pantasma, posto que non é máis que o obxecto da miña conciencia, e que se aniquile, posto que todo o mundo e todos os homes seica non sexan máis que eu mesmo...
—Fiódor Dostoyevski, Son smeshnogo chelovieka, O soño dun home ridículo.

Cabe destacar que a súa obra Igrok, O xogador, fala dun aspecto importante da súa vida xa que trata dos seus propios problemas co xogo e como esta obra axuda tamén a mellorar a súa situación económica e tamén a superar esa adicción ao xogo. [16][17]

Contos

editar

Nos seus relatos -polo xeral, contos como Yolka i svad'ba, A árbore do Nadal e a voda- Dostoyevski expuxo as súas críticas, argumentou as súas perspectivas e aclarou e profundou as súas temáticas recorrentes dun modo máis «sarcástico e irónico» que nas súas novelas.[18] Facendo uso dun humor sutil e dunha profunda análise psicolóxica, esclarecía as súas ideas morais, baseadas na relixión cristiá ortodoxa, e opúñase ao racionalismo e ao nihilismo.[19] Nalgúns dos primeiros relatos, como Slàboie serdtse, O corazón débil, Gospodin Prokharchin, O señor Projarchin, ou Malen'kij geroj, O pequeno heroe, apréciase unha certa exaltación do sentimento, moi próxima ao romanticismo. O corazón débil, especialmente, é un delirio onde a sublimación dos sentimentos -o medo por unha banda, o amor por outra- termina por conducir á tolemia.

Dnevnik pisatelya

editar

Baixo este título, en galego Diario dun escritor, reuníronse unha serie de textos breves, como crónicas, artigos, críticas, relatos e apuntamentos, escritos por Dostoievski de 1846 a 1881, é dicir, durante toda a súa vida activa como escritor. Diario dun escritor contén tanto notas sobre revoltas políticas, xuízos sumarios e conflitos sociais como reflexións sobre Pushkin ou comentarios sobre Anna Karenina. Nestes textos, do mesmo xeito que nas súas obras literarias, Dostoievski explora aspectos do ser humano contemporáneo («A mentira sálvase por outra mentira»), o subconsciente («O talento»), as inxustizas do poder («Algo acerca dos avogados») e a pobreza («O neno esmoleiro», «Un home paradoxal»). Outros teñen carácter biográfico («A morte de George Sand», «A morte de Nekrásov», «Pushkin, Lérmontov e Nekrásov», «O poeta e o cidadán: Nekrásov home», «Unha testemuña a favor de Nekrásov», «A miña relación con Belinski» ou «O proceso a Kornílova») ou autobiográfico («Anécdota sobre a vida infantil»).

O nome da compilación tómase da sección homónima publicada por Dostoievski de 1873 a 1874 na revista Grazhdanin, O Cidadán, da cal foi director durante ese ano. Tres anos despois publicou, baixo o mesmo nome, un caderno pequeno mensual escrito e financiado por el mesmo, que se interrompeu en 1877. En 1880 e 1881 saíron os últimos números.

A través desta publicación periódica o escritor ruso divulgaba unha visión estática de Rusia como único baluarte dunha modernidade sen Deus e do pobo ruso como a única reserva do cristianismo. Isto levoulle a ter certa influencia entre os mozos radicais rusos e deulle certo peso político no país, aínda que a circulación desta publicación situouse ao redor dos 1000 exemplares.[20]

Crime e castigo

editar
Artigo principal: Crime e castigo.

Crime e castigo describe a vida ficticia de Rodion Raskolnikov, do asasinato dunha usureira e a súa irmá, a través da rexeneración espiritual coa axuda de Sonya (unha "prostituta cun corazón de ouro"), ata a súa sentenza en Siberia. A Strakhov gustoulle a novela, remarcando que "Só Crime e castigo foi lido en 1866" e que Dostoevsky conseguira retratar unha persoa rusa acertada e realisticamente.[21] Porén, tivo unha acollida regular entre os críticos, coa maioría das respostas negativas provenientes dos nihilistas. Grigory Eliseev da revista radical Sovremennik, O Contemporáneo, dixo da novela que era "unha fantasía segundo a que todos os estudantes están acusados sen excepción de intento de asasinato e roubo".[22]

Desta novela existe unha tradución ao galego a cargo de Ekaterina Gurbek, editada por Galaxia no 2003.[23][24]

Influencia

editar

A influencia de Dostoievski é recoñecida por unha gran variedade de escritores. De Herman Hesse a Bob Dylan, pasando por Marcel Proust, William Faulkner, Albert Camus, Franz Kafka, Ayn Rand, Friedrich Nietzsche, Henry Miller, Yukio Mishima, Gabriel García Márquez, Jack Kerouac, e Joseph Heller, practicamente tódolos grandes escritores do século XX medraron so a sombra do novelista ruso. Non faltan, porén, voces disidentes, entre outros Vladimir Nabokov, Henry James ou Joseph Conrad. O novelista americano Ernest Hemingway menciona tamén na súa autobiografía a influencia que lle supuxo a obra de Dostoievski. Malia morrer en 1880, considérase decote que a obra de Dostoievski tivo nos movementos filosóficos e psicolóxicos modernistas do século XX:

Nun libro de entrevistas con Arthur Power (Conversas con James Joyce), James Joyce eloxiaba a influencia de Dostoievski.

"el é o home que, máis ca ningún outro, creou a prosa moderna, e a intensificou ata o extremo actual. Foi o seu poder explosivo o que fixo anacos a novela vitoriana, coas súas mulleriñas afectadas e os seus lugares comúns: libros sen imaxinación nin violencia".

No seu ensaio "O punto de vista ruso", Virginia Woolf afirmou:

"As novelas de Dostoievski son remuíños ferventes, tormentas de area que xiran, trombas de auga que zoan, que ferven e que nos zugan. ... De sacado Shakespeare non hai lectura máis apaixonante."

Curiosamente, Dostoievski e o outro xigante da novela rusa do século XIX, Lev Tolstói non se coñeceron persoalmente (o único intento de entrevista entrámbolos dous fracasou por unha confusión sobre o punto de encontro), pero eloxiaron (Dostoievski considerou a novela "Anna Karenina" de Tolstói unha obra de arte perfecta), criticaron (na biografía de Henri Troyat cítase unha afirmación de Tolstói sobre "Crime e castigo"; "en lendo os primeiros capítulos, xa sabes como vai acabar todo") e influíronse mutuamente.

Novelas

editar
 
1ª ed. de Igrok.
  • Pobres Xentes (Biédnie liudi), 1846
  • Apuntamentos dende a casa dos mortos (Zápiski iz mertvogo doma), 1860
  • Humillados e ofendidos (Unizhenie o oskorblenie), 1861
  • Apuntamentos do subsolo (Zápiski iz podpolia), 1864
  • Crime e castigo (Prestuplenie i nakazanie), 1866
  • Igrok, 1866
  • O idiota (Idiot), 1868
  • O eterno marido (Vechni muzh), 1869
  • Os endiañados (Biesi), 1872
  • O adolescente (Podrostok), 1875
  • Bratia Karamazovy ("Os irmáns Karamazov"), 1880.

Contos e relatos

editar
  1. "Dostoievski, Fiódor Miháilovich". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 725. 
  2. Na páxina de BiTraGa aparece como "Fiodor Mijailovich Dostoevskii".
  3. Nietzsche, Friedrich. Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophiert, §45. 
  4. Ortega y Gasset, José (1957). Ideas sobre la novela. Obras Completas III. Madrid: Revista de Occidente S.A. p. 399. 
  5. Morson, Gary Saul (7 de novembro de 2023). "Fyodor Dostoyevsky". Encyclopædia Britannica. Consultado o 15 de agosto do 2024. 
  6. Entrada no Dicionario Histórico da Tradución en España (en castelán).
  7. Fiódor Dostoyevski, p. 123. Andrés Luetich.
  8. "Fyodor Dostoyevsky". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2021-01-25. 
  9. Dostoyevski, Fiódor Mijáilovich (1971). Pobres xentes. 
  10. Serrano Martínez, Jorge. Op. cit. pp. 426–427. 
  11. Serrano Martínez, Jorge. Op. cit. p. 425. 
  12. Serrano Martínez, Jorge. Op. cit. p. 433. 
  13. Frank, Joseph. Dostoevsky. Princeton University Press, Princeton, 1979-2003 (cinco volumes).
  14. Serrano Martínez, Jorge. Op. cit. pp. 203–204. 
  15. Serrano Martínez, Jorge. Op. cit. p. 205. 
  16. Martínez (2002), pp. 48-52.
  17. Cowper Powys, John (2001). Dostoïevski. Préface de Marc-Edouard Nabe. 
  18. Ler a obra Román v devyatí písmaj, Unha novela en nove cartas.
  19. López-Morillas, Juan. "Prólogo". Apuntes del subsuelo. 
  20. Donald Fanger (agosto de 2016). "La agonía y el éxtasis". Revista de Libros. Consultado o 31 de agosto de 2016. 
  21. Kjetsaa 1989, p. 183.
  22. Frank 1997, p. 45, 60–182.
  23. "Produtos / Crime e castigo". Consultado o 24/08/2022. 
  24. "«Hai que publicar en galego a mellor literatura mundial»". La Voz de Galicia. 6/3/2004. Consultado o 24/08/2022. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Serrano Martínez, Jorge (2003). Entre el bien y el mal. Madrid: Editorial Complutense. ISBN 84-7491-718-2. 

Ligazóns externas

editar