Igrok (Игрок), en galego O xogador, é unha novela en lingua rusa de Fiódor Dostoievski, escrita en 1866 e publicada en 1867.

Игрок
Autor/aFiódor Dostoievski
OrixeRusia
LinguaLingua rusa
Xénero(s)Novela
Data de pub.1867
editar datos en Wikidata ]

A obra reflicte a propia adición de Dostoievski ao xogo nos casinos durante a súa estancia en Wiesbaden, presentada como a cidade ficticia de Roulettenbourg, e o seu amor apaixonado por Polina. A obra foi escrita tres anos despois dos acontecementos narrados, baixo a coerción do seu editor ante a ameaza do incumprimento dun prazo para que pagase unhas débedas de xogo. O autor ditou a novela á taquígrafa Anna Grigorievna Snitkina, que meses despois se converteu na súa segunda esposa.

Trama editar

Alexei Ivanóvich é o titor dos nenos dunha familia rusa que vive nunha suite dun hotel da cidade alemá de Roulettenbourg. O patriarca da familia, o Xeneral, está en débeda co francés De Grieux e hipotecou as súas propiedades en Rusia, pero isto só lle acada para pagar unha pequena parte da débeda. Cando descobre que a súa rica e anciá tía está enferma, comeza a mandar telegramas a Moscova, agardando con ansiedade a nova do seu falecemento, pois espera poder pagar coa herdanza as débedas e conseguir a man de Madamoiselle De Cominges.

Á súa vez, Alexei está perdidamente namorado de Polina, á que fai un xuramento de servidume. Durante un paseo pola montaña de Schlangenberg dille que con pronunciar unha palabra abonda para que el con gusto se tire polo precipicio abaixo. Ela pídelle que vaia ao casino e faga unha aposta por ela. El négase nun principio, pero incitado polo seu propio xuramento de amor eterno e fatal servilismo, finalmente accede e termina por gañar para ela na mesa de ruleta, na súa primeira experiencia cos xogos de azar. El regresa coas ganancias, pero ela non lle di a razón pola que necesita os cartos. Ri na cara del (ao igual que fixera cando lle profesara o seu amor) e trátao con fría indiferenza e mesmo certa malicia.

 
A cidade de Wiesbaden.

Co tempo, Alexei coñece os detalles do estado financeiro do Xeneral e de Polina a través de Mr. Astley, un tímido inglés que parece compartir a fixación de Alexei por Polina. Procede da nobreza británica e ten unha boa cantidade de diñeiro.

Un día, mentres Polina e Alexei se encontran nun paseo, ven un barón e unha baronesa. Polina rétao a comportarse de forma insultante coa parella de aristócratas, e el faino sen vacilar. Isto desencadea unha serie de eventos que poñen en evidencia o interese da señora de Cominges polo Xeneral, e este despide a Alexei como titor dos seus fillos. Pouco despois aparece a anciá tía do Xeneral, sorprendendo a todos. Ela dilles que sabe todo acerca da débeda do Xeneral e por que o home e a muller francesa están a esperar día tras día. Por fin, anuncia a todos os beneficiarios da súa futura morte que non conseguirán nada da súa fortuna. A continuación, pide a Alexei que exerza de guía pola cidade-balneario, notoriamente famosa polas súas augas curadoras e tamén notoriamente infame polos seus casinos. Entran nun deles, e a tía quere xogar.

Despois de ensinarlle a mecánica da mesa da ruleta, xoga e gaña unha cantidade significativa de cartos. Tras un breve regreso ao hotel, volve á mesa da ruleta e comeza a perder, e enviciada polo xogo termina por deixar na mesa case cen mil rublos antes de irse da cidade. Cando Alexei regresa á súa habitación, despois de enviar á tía á estación de tren, é recibido por Polina. Ela dille que De Grieux deixou a cidade logo de condonar ao Xeneral unha parte das hipotecas na súa propiedade. A continuación, explica que non podía corresponder ao amor de Alexei debido a que estaba en débeda con De Grieux. Ao oír isto Alexei sae correndo da habitación e diríxese ao casino, onde comeza a xogar nun estado case febril e gaña máis de douscentos mil rublos. Volve á habitación, onde o agarda Polina, e ante ela baleira sobre a cama os petos cheos de ouro e billetes de banco. Quedan durmidos no sofá, e ao día seguinte ela dille que o odia e que quere estar co Sr. Astley. Estes dous tiveran xa varios encontros, e supúñase que debía encontrarse con el se non quedase durmida na habitación. Sae correndo do hotel e Alexei non volve vela.

Sabendo que o Xeneral non recibiría a agardada herdanza, a señora de Cominges abandona o hotel acompañada da súa nai rumbo a París, e Alexei únese a elas. Permanece en París durante un mes e déixase levar pola nobre, gastando a súa fortuna en cabalos e frivolidades para que ela acade un nome na sociedade parisiense.

Alexei comeza a xogar para sobrevivir. Porén, perde todos os cartos e é levado ao cárcere tres meses, pero alguén paga a súa débeda e pode saír. Un día atópase co Sr. Astley nun banco do parque de Bad Homburg e charla con el. Este dille que Polina está en Suíza e que o ama de verdade. Astley dálle algo de cartos, coa esperanza de que Alexéi non o gaste no xogo.

A obra remata cun final aberto. Alexei marcha á casa soñando con ir a Suíza ao día seguinte. É consciente de que se vai ao casino é moi probable que perda os cartos, pero sabe que algún día logrou moitos cartos, e que pode repetirse a xogada.

Narración editar

A obra está escrita en primeira persoa, e desenvólvese na cidade de Wiesbaden na década de 1860, pouco antes de ser anexionada por Prusia. Parte da acción discorre tamén en París.

Aínda que a lingua principal da narración é o ruso, hai numerosas frases e palabras en francés, alemán e polaco, como mostra do cosmopolitismo da cidade nese momento.

Adaptacións editar

Serguéi Prokófiev fixo unha ópera baseada no libro. Foi levada ao cinema en diversas ocasións: por León Klimovsky en 1947, Claude Autant-Lara en 1958, e por Sebastian Bieniek en 2007. Ademais, hai dúas películas que tratan do proceso de escritura da novela por parte do escritor ruso: unha de 1997 de Károly Makk, e outra de 2007 de Giuliano Montaldo.