O costumismo é o termo co que se alude a un tipo de creación literaria desenvolta na España do século XIX, sobre todo entre 1830 e 1850, e máis especificamente ao chamado o “artigo de costumes”, texto breve que tiña por obxecto o retrato filosófico, festivo ou satírico dos costumes populares do seu tempo, nunha peculiar fusión entre o ensaio e o conto caracterizada por unha mínima acción, pola escaseza do diálogo e polo seu descritivismo. Porén, o costumismo esténdese a todas as artes, podendo falar de pintura, relatos ou novelas costumistas, sendo o folclore a miúdo unha forma de costumismo.

O paseo de Andalucía ou A bela e os embozados, obra pintada por Goya en 1777, dentro da serie costumisma dos cartóns para tapices.[1]

O costumismo ten unha consideración transversal ao longo da historia da arte, malia que a tendencia é a falar de costumismo especialmente relacionado cos autores a partir do século XIX. Entre estes autores están Larra ou Mesonero, que foron os que consolidaron o xénero nas revistas do seu tempo. Este tipo de artigos irán evolucionando desde a pintura de ambientes e espazos (escenas) até tipos representativos do grupo social ao que pertencen.

Historia do costumismo editar

A partir da publicación en 1843-44 de Los españoles pintados por sí mismos (inmediatamente posterior á de Les Français peints par eux mêmes e Heads of the People, or Portraits of the English), obra en que se pretendía ofrecer unha descrición dos tipos e costumes máis característicos da nación e das súas diferentes rexións, este tipo de literatura, que vencéllase á reacción contra o irrealismo romántico e ao afán por preservar o típico nacional que xulgaban, corría o risco de desaparición. Non obstante, a crítica aprecia no costumismo madrileño un desinterese e menosprezo polo de fóra, o que provocaría como reacción un costumismo de corte rexional que trataría de describir as propias tradicións (especialmente prolíficos serían o andaluz, o cántabro, e o leonés) e que medra no clima de toma de conciencia das identidades diferenciais que se producen por volta da metade do século.

Despois da participación do compostelán Antonio Neira de Mosquera en Los españoles pintados por sí mismos cun texto sobre “El gaiteiro gallego”, sería a madrileña sociedade Galicia Literaria a que se empeñaría en desenvolver un dos proxectos semellante aos anteditos, titulado Los gallegos pintados por sí mismos. Sería Victorino Novo, un dos membros da sociedade que máis activamente apoiara a idea, quen dalgún xeito a retomaría, preparando unha colección de artigos que constituísen unha descrición de tipos da terra. Aparentemente publicada entre 1883 e 1887 en El correo gallego de Ferrol co título Álbum de Galicia. Tipos, costumbres y leyendas inclúe varios dos cadros escritos polos seus autores para formar parte do proxecto fundacional de Galicia Literaria, entre eles, os de Lamas Carvajal ou Xesús Muruais.

No tocante a unha influencia foránea no espallamento dunha estética costumista en Galicia fala o papel protagonista que Antonio Trueba, recoñecido pola crítica como un importante escritor costumista (ademais de prologuista das Escenas montañosas de Pereda). O seu Libro de cantares (1842), que consolidou no ámbito peninsular a temática folclórica e as formas líricas populares, sería a inspiración directa de Rosalía de Castro nos Cantares gallegos, tal e como a escritora confesa no seu prólogo a esta obra.

A literatura costumista foi unha importante escola de aprendizaxe para os iniciadores da novela realista do século XIX, coa que ás veces se confunde. En Galicia o modelo estético costumista asumiría tamén a función de defensa dos valores tradicionais ante o avance alienante da modernidade. Así mentres que Lamas Carvajal en Gallegada permanecía fiel ao modelo costumista coa vontade de conservar os costumes galegos máis enxebres, Pérez Placer intentaría renovar ese modelo con apuntamentos naturalistas e impresionistas, mais sería Álvarez de Nóvoa quen definitivamente o superase coa nova sensibilidade dos contos de Pé das Burgas. Na novela decimonónica hai unha influencia costumista e importante no folletín en obras como ¡A Besta! ou nos contos de Labarta Posse, iniciándose unha liña de continuidade que chegará até os nosos días, centrada no ruralismo, por medio de autores como Lesta Meis ou García Barros na narrativa ou Varela Buxán no teatro.

Dándolle ao termo “costumismo” un valor máis xeral, aplicábel a aquelas obras nas que na acción é mínima e cobra protagonismo a descrición de tipos e escenas. É posíbel detectar a súa pegada en autores como Pintos Villar, Añón, José Benito Amado Boullosa, Luís González López, Juán Bautista Armada y Losada ou Losada Astray, e mesmo nas novelas históricas de López Ferreiro.

Variedades de costumismo editar

A escola Rosaliana editar

A temática costumista aparece nun considerable número de composicións en que predominan a descrición e a narración para presentar crenzas, romarías, devocións ou personaxes característicos da cultura popular galega que Rosalía defendía fronte aos estereotipos colonizadores. Ademais, os poemas de temática folclórico-etnográfica conforman o grupo máis numeroso, coa intención de reflectir a idiosincrasia do pobo galego. Hai poemas costumistas pero tamén poemas de amor.

Cantares gallegos creou unha “escola poética”. Varios autores continuaron o camiño de Rosalía e comezaron a destacar a beleza da paisaxe galega, os costumes galegos e a solidarización coas loitas dos labregos e das mulleres.

Tratan temas como a emigración e empregan as cantigas populares. Algúns destes autores deixaron o sentido dignificador e reivindicativo de Rosalía, como por exemplo o ourensán Valentín Lamas Carvajal, quen fundou un dos primeiros xornais escritos en galego.  Escribiu O Tío Marcos da Portela e colaborou noutros como El Heraldo Gallego e El Eco de Orense, desde os cales polemizou con outros autores (Murguía, Álvarez de Nóvoa...). Escribe Espiñas, follas e frores, Saudades gallegas e A musa das aldeas. Tamén é autor do volume Dez cartas aos gallegos e do libro de relatos Gallegada. Pero a súa obra cume é o Catecismo da doutrina labrega, editado por entregas en 1888 no xornal O Tío Marcos da Portela. Este trátase dun libro anticaciquil, mais non anticlerical. Parodia as preguntas e respostas do catecismo católico do Padre Astete e, recorrendo ao humor tráxico, Lamas reflicte a situación de miseria que padece o campesiñado galego. Foi durante moito tempo o libro de maior difusión popular e mais as veces reeditado da literatura galega (até 13 edicións en vida do autor).

Destacan dúas mulleres escritoras: a ourensá Filomena Dato Muruais, autora do volume Follatos, e a coruñesa Francisca Herrera Garrido, autora dos libros Sorrisas e bágoas, Almas de muller... ¡Volallas na luz! e Frores do noso paxareco. Esta última foi a primeira muller designada académica e a primeira en escribir en galego unha novela longa (Néveda) e ensaio (A muller galega, publicado na revista Nós).

Outra achega da poesía rosaliana é a saudade. Rosalía expón unha saudade que a está matando, unha saudade cargada de sensibilidade constante na súa poesía. A saudade debe de ser entendida como a clave de moitos dos poemas da autora aínda que devandito termo non apareza explícito. Relacionando a cultura Atlántica en xeral, o termo saudade presenta unha correspondencia co termo irlandés hiraeth. Ambos termos son a día de hoxe de difícil definición nas súas propias culturas inclusive, e carecen de tradución a outros idiomas como o español e o inglés.

A saudade rosaliana expresa aflición por haber perdido algo ou por separarse de algo, ademais dunha necesidade ou forte querenza por recuperalo. O apego emocional está fortemente relacionado coa patria, coa afastameto dela, mais concretamente o a dor ven dada pola separación do lugar onde naceu. Esta valoración da patria, froito da saudade, ven expresada tamén na evocación da natureza. Xa que normalmente se falan destas carencias desde unha perspectiva adulta, pódese dicir que a saudade está relacionada en moitas ocasións coa perda da xuventude. Esta perda da xuventude pode relacionarse coa neurose de Freud.[2] No momento en que Freud afirma que todas as persoas son neuróticas, no sentido de que todo ser humano perdeu o idílico da infancia e ansía recuperalo na súa totalidade, a saudade é parte deste neurismo en tanto que consiste na memoria da patria e do pasado.

Vida Gallega editar

Vida Gallega apareceu co carácter de "ilustración regional" e co afán de dotar a Galicia dunha revista gráfica de prestixio e calidade. As súas páxinas centrais impresas en ocogravado foron unha crónica do acontecer diario da vida galega, con abundante material gráfico, especialmente do propio Jaime Solá, e de Xosé Gil, o seu primeiro director artístico. Colaboraron tamén os máis sinalados fotógrafos das cidades, retratistas das vilas e afeccionados á fotografía. Na revista apareceron os máis importantes acontecementos sociais e políticos que se sucederon en Galicia e nas comunidades de emigrantes galegos (Portugal, Madrid, Suramérica). Entre os seus colaboradores estiveron Roberto Padín Rodríguez cos seus debuxos (foi subdirector entre 1924 e 1927) e Manuel Lustres Rivas.

Tivo unha segunda época entre 1954 e 1963 cando Xosé Iglesias Presa adquire a revista. Nesta etapa editáronse 77 números e estivo dirixida por Fabriciano Fernández Serra. A fins de 1956 a sede trasladouse á cidade de Lugo.

 
Antonio Noriega Varela, unha das figuras máis representivas do costumismo galego

Destácase o seu galeguismo:

O sentimento de defensa de Galicia estaba claro. Xurdía, ademais, nun contexto no que as ansias –chamémoslles– rexionais ou rexionalistas, alborexaran había pouco. Mais o grande debate chegou á hora de defender a lingua propia, o galego, como instrumento no que expresar ese amor polo país.

Vida Gallega viviu, páxina a páxina, a protohistoria do nacionalismo galego, o nacemento das Irmandades da Fala, a constitución do Partido Galeguista, a República e o estoupido da Guerra Civil. De todo isto non ía saír indemne. Acolleu a toda a intelectualidade do momento. Firmas como Murguía, Cabanillas, Pardo Bazán, Fernández Flórez, Sofía Casanova, Noriega Varela, ey Soto etc., e ilustradores do talle de Castelao, Álvaro Cebreiro, Eduardo Padín… Mais axiña iniciou un distanciamento fronte aos novos movementos que, dende a política e xa na segunda década do século, comezaban a artellar xa un marco propio de decisións para o país, e en galego. Justo Beramendi, no seu recente e premiado volume De provincia a nación (Xerais, 2008) define a ideoloxía desta publicación como “rexionalismo ortodoxo”. O historiador e intelectual Marcos Valcárcel explica, pola súa banda e deste xeito, as relacións de Vida Gallega cos galeguistas:

Vida Gallega non era unha revista enmarcable no mundo cultural galeguista aínda que contase nesa época con algunhas firmas ocasionais vinculadas a este movemento ou aínda reproducindo con frecuencia, como facían tantos medios, versos dos clásicos galegos do Rexurdimento. Máis ben habería que dicir que o galeguismo consideraba esta publicación como unha revista de carácter folclórico, dirixida á emigración e a certas capas burguesas hostís aos ideais galeguistas.

As Irmandades da Fala editar

As Irmandades da Fala foi unha organización activa desde o ano 1916 até o ano 1931.

No ámbito da literatura, destaca fundamentalmente a diferenza entre Noriega Varela e Ramón Cabanillas. Ademais, existía unha confrontación entre os autores influenciados polas vangardas e aqueles que mantiñan unha forma de facer poesía máis tradicional.

No que respecta á narrativa, comeza a haber un apoio institucional e a temática que abarca correspóndese á representación de ambientes urbanos ou vilegos, sobre o sentimento da terra (Vicente Risco), o humor macabro, a cultura popular, o celtismo, etc.

Tiña como obxectivo entreter e galeguizar. Para a súa promoción celebrouse o concurso ANT (1918) para pequenas novelas.

O teatro é un xénero que non ten tradición nin antecedentes, como tampouco público, compañías, formación actoral, crítica, tradución, etc. Entre as súas dificultades estaba a confrontación co cinema e tiña como obxectivo a formación galeguista das masas.

Para a súa promoción creáronse os concursos das Irmandades da Fala na Coruña (1918), en Betanzos (1919) e a Festa da Lingua (Santiago de Compostela, 1924) que era unha  de redacción de obras teatrais.

A composición ideolóxica dos homes que compuxeron nun principio as Irmandades era ben variada. Dunha banda, a corrente culturalista (de dereitas, personificada por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e, da outra, a máis activista politicamente (de esquerdas, con Antón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao ou Víctor Casas). Polo cal, as figuras mas destacábeis nas Irmandades serían Antón Vilar Ponte e Vicente Risco, a pesar das súas diferenzas ideolóxicas, como característica confrontada coa revista de Vida Gallega, na que non se atopaba ideoloxías entre os membros tan dispares.

No congreso celebrado en novembro de 1918 na cidade de Lugo, as Irmandades marcaron o seu programa político, sendo os seus obxectivos prioritarios:

  • Autonomía integral para Galicia.
  • Autonomía municipal
  • Ingreso de Galicia na Liga das Nacións
  • Busca dunhas bases para facer posible un federalismo con Portugal.

Como obxectivos para Galicia, presentaban os seguintes:

  • O poder lexislativo encomendábase a un Parlamento galego, elixido directamente polo pobo.
  • O poder xudicial estaría sempre desenvolto por cidadáns galegos.
  • O réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
  • Cooficialidade do castelán e do galego.
  • Igualdade de dereitos da muller.
  • Supresión das Deputacións Provinciais.
  • Lexislación social nas competencias que se estimasen non exclusivas do Estado.
  • Toda a potestade docente.
  • Administración (non construción dos ferrocarrís).
  • Fixación da cota de forzas que se estimasen precisas para manter a orde no país.
  • Control da política económica, non excluídos os bancos.
  • Substantividade do dereito foral galego.
  • Recuperación por parte dos pobos dos montes comunais.
  • Soberanía estética de Galicia, que conservase nas construcións o estilo digno e propio de cada marco xeográfico.

Autores vencellados ao costumismo editar

No século XIX, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal iniciaron unha recuperación da literatura galega que foi coñecida como o Rexurdimento. Estes precursores comezaron facendo unha literatura de carácter popular e costumista, na que se revalorizaba Galicia, os costumes da súa xente e o folclore, o paisaxe, o idioma; criticábase a aldraxe, a Castela, a situación precaria do idioma galego e das súas xentes.  A raíz desta recuperación de uso e revitalización da lingua galega, así como tamén un inicio de creación da identidade do pobo, no século XX apareceu un elenco de autores que tomaron a estas tres figuras, os Precursores como referentes para a continuación da literatura galega.

Ruptura co costumismo editar

Ramón Cabanillas editar

Ramón Cabanillas (1876 - 1959 ) foi un dos máximos expoñentes nas Irmandades da Fala. Ao longo da súa vida, desenvolveu unha ampla traxectoria poética con diversas influencias, sendo as máis destacábeis o saudosismo (influencia de Teixeira de Pascoaes), o celtismo (cuxa influencia reside no poeta irlandés Yeats), a poesía popular (con influencia do folclore) e a tradición dos Precursores do século XIX como Rosalía, Curros e Pondal, ademais da poesía popular (con influencia do folclore).

Entre 1910 e 1915 residiu na Habana, Cuba, onde desenvolveu unha literatura de carácter agrarista caracterizada por unha mestura de modernismo e anticaciquismo.

Das súas obras, destácase Vento Mareiro (1915). Neste libro de poemas detéctase certa influencia da poesía tradicionalista, sobre todo de Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.

¡Ou meu sono labrego! Unha casiña

preto do río, ó abrigo dos pinales, con piorno e alboios nos currales [sic]

e palleiros na eira e na curtiña. (10)
Ramón Cabanillas, Vento Mareiro

Ramón Cabanillas escribe en Vento Mareiro o seu encomio da aldea (1915).

A raíz deste poemario, foi considerado como o “poeta da raza” pola súa defensa do galeguismo e tamén polo contido crítico e social da súa poesía, na que denunciaba as inxustizas sociais e a desigualdade. Sempre houbo na súa literatura unha intención educadora, e a intención de achegar ao pobo ao nacionalismo galego.

Defensa do costumismo tradicional editar

Noriega Varela editar

Antonio Noriega Varela naceu na cidade de Mondoñedo, sendo bautizado o 18 de outubro de 1869 cos nomes de Antonio Manuel Jesús María, Expósito, por ser fillo de nai solteira fora depositado ese mesmo día na casa-inclusa de Mondoñedo. Anos despois foi recoñecido pola súa nai, que resultou ser María de los Dolores Fernández Noriega y Varela.

Descoñecida aínda ata hoxe a identidade do pai do poeta, podemos afirmar que a súa familia por vía materna ten raíces en Ferrol e Mondoñedo.

Noriega Varela criouse nun ambiente familiar de sacerdotes e militares, nunha cidade profundamente tradicional e fechada á modernidade, nucleada arredor da Catedral e do Seminario, que, a fins do século XIX, máis miraba cara á Idade Media que ao século XX.

Toda a súa traxectoria poética está impregnada dunha grande relixiosidade. Raro é o poema onde non exista algunha referencia ou invocación de carácter divino. Fórmulas como “Bon Xesus”, “O Salvador”, “Dios Meniño”, “El-Señor”, “O Filliño”, “O Ben Amado” etc. aparecen constantemente nos seus poemas. Ademais, cando, estando de mestre en Foz, un poeta da zona publica unha composición denunciando a falta de solidariedade coa vella pobre, Noriega sae inmediatamente cun poema-resposta en que defende a posición da Igrexa. Tamén, nalgunhas composicións o poeta convértese en trobador e canta á Virxe dos Remedios como un romeiro máis.

Esta relixiosidade está intimamente unida á tradición, mesmo formando parte dela. Acéptaa e deféndea como algo natural e indiscutíbel. A tradición convértese nunha relixión para o poeta e a relixión imprégnase na tradición.

No ano 1920 publica nos tres primeiros números da revista Nós, dentro da sección “Archivo filolóxico e etnográfico de Galiza”, unha colección de adiviñanzas e refráns. En 1928 aparece na editorial “Nós” o seu libro Como falan os brañegos. Serie I. Locucións, frases, modos adverbiais, unha leria pr´os rapaciños, refráns, canteres i-adiviñanzas. En 1930 aparecen en Vida Gallega algúns refráns baixo o título de “Es poeta de la montaña y sus refranes gallegos”. En maio de 1931 inicia en Vida Gallega a publicación dunha serie de adiviñanzas en varios números sucesivos, até completar as cen.

Ademais do tradicionalismo católico que profesou ao longo da vida, outro factor importante para delimitar o marco ideolóxico en que se move o autor é o seu posicionamento a respecto do movemento galeguista e a “cuestión da lingua”. Noriega Varela é un dos poetas galegos máis fieis ao uso do idioma do país nos seus versos desde o Rexurdimento até a inmediata posguerra. A súa obra en español é practicamente irrelevante. En realidade, moi pouco, en comparación coa obra poética en galego. Nin o autor lle deu importancia, pois nunca a incluíu nos seus libros, nin tampouco a crítica, para a que pasou totalmente desapercibida.

Esta fidelidade poética á lingua galega vese corroborada cando compón e recita poemas de circunstancias perante autoridades eclesiásticas ou civís en galego, sendo o español a lingua habitualmente empregada neses actos. Afirma que a nosa terra non debe renegar da fala.

Non se pode negar o amor de Noriega cara ao idioma do país. Mais ese amor deriva do seu amor pola tradición, da que a lingua forma parte.

Disparidade no costumismo galego editar

Durante a primeira metade do século XX, a influencia das Vangardas europeas provocou que unha nova xeración de autores (coñecida como “os Novos”) aparecese no ámbito literario galego. Este novo grupo de autores tiñan unha concepción moi diferente da literatura galega á que tiñan os autores precedentes, que deu lugar a diversas tensións.

Os "Vellos" editar

Denominados negativamente como “pasadistas”. Conformaban este grupo escritores como Vicente Risco e Antonio Villar Ponte. A súa literatura reunía unhas características vinculadas á anterior forma de facer literatura:

  • A concepción de saudade, etnia e terra: consistía na idea de que a nación era inherente ao pobo, independentemente da súa vontade.
  • O universalismo: fomenta a idea de que Galicia debe de presentar unha uniformidade, ademais de expor a necesidade de eliminar os obstáculos que hai para o desenvolvemento da súa cultura.
  • Acompañaban o seu discurso cunha defensa do nacionalismo[3]:
Ora, en Europa, unha nacionalidade e un pobo afincado n-unha terra, e un grupo d'homes xunguidos antre eles, xunguidos co'a terra de que sun donos coleutivamente, e que traballan en común, por un conxunto de vínculos naturais, nados da comunidá d'orixe e da convivencia no tarreo.

Estes vínculos (fala, tradiciós, costumes, historia etc.), añedindo a súa aución á da étnia [sic] y-a [sic] da terra, detreminan nos individos certas coincidencias psicolóxicas, certa maneira de ser común a todos eles, que constituie o caráuter nacional, e xunguen n-unha entredependencia, n-unha solidaridade [sic] necesaria os intereses de todos eles n-un intrés coleutivo superior qu' é o intrés nacional.

A nación ven a ser resolvere d'iste [sic] xeito nunha comunidade d'intereses espirituaes e materiais detreminada pol-a natureza."
Vicente Risco, Teoría do nacionalismo galego
  • Defendían a arte estética: o concepto de “arte pola arte” consistía na concepción da poesía pura como algo afastado dos asuntos sociais;[4] era primordial a estética e o decoro poético antes que a mensaxe:
"[a arte] non tiña un rol social, era o goce esotérico dos escolleitos, era unha revelación mística”
Vicente Risco, Nós
  • A tradición por encima da renovación: era outros dos asuntos, parellos á estética da arte, primordiais. Estes poetas defendían a continuación da tradición rosaliana e, en xeral, dos Precursores.

Os "Novos" editar

A oposición, pola contra, ven dada polos nados nunhas décadas posteriores, cunha maior apertura continental ao que era a cultura europea neses anos. Isto lles permitiu adquirir influencias literarias (tanto temáticas como estilísticas). Estes “novos” esixían unha apertura da literatura galega en todos os sentidos, unha renovación que foi expresada no manifesto ¡Máis alá![5], de Manuel Antonio, un dos máximos representantes das vangardas. Neste manifesto, ademais de ser un acto de rebeldía para negar as normas estéticas estabelecidas, tamén rexeita a titorización dos vellos consagrados na creación artística:

"Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respetar [sic] aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa inhábil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe. [...] Pero é a nosa desgracia [sic] que non só non fan iso senón que aínda teñen o pretendemento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo."
Manuel Antonio, ¡Máis Alá!

Este manifesto foi duramente criticado polos escritores “vellos” como Antonio Vilar Ponte, o grupo ANT etc.

Eventualmente, xurdiría en Galicia unha nova Vangarda, o Neotrobadorismo. Deste xeito, mediase entre unha aproximación ao discurso artístico do galeguismo tomando como base as Vangardas europeas, mais con base e temática tradicional.

Notas editar

  1. Arnáiz, José Manuel (1987). Francisco de Goya, cartones y tapices. Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-5284-3. 
  2. Freud, Sigmund (1966). Obras completas. Madrid: Gredos. [cómpre nº de páxina]
  3. Martínez Risco e Agüero, Vicente (2000). Teoría do nacionalismo galego. Edición crítica de Justo Beramendi. Sotelo Blanco Edicións. ISBN 84-7824-369-0. 
  4. Risco, Vicente (1933). "Nós, os inadaptados". Nós (115). 
  5. Pérez Sánchez, Manuel Antonio. ¡Máis Alá!. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar