Benito Losada Astray
Benito Ramón Hipólito Losada Astray, nado en Santiago de Compostela o 19 de novembro de 1824 e finado en San Mamede de Ribadulla o 11 de setembro de 1891, foi un médico, militar e escritor galego.
Benito Losada Astray | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 19 de novembro de 1824 |
Lugar de nacemento | Santiago de Compostela |
Falecemento | 11 de setembro de 1891 |
Lugar de falecemento | San Mamede de Ribadulla |
Nacionalidade | España |
Ocupación | médico, militar e escritor |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Fillo de Benito Álvarez-Losada Pardo, catedrático de Dereito Penal, e Teresa Astray-Caneda Calvelo. Licenciouse en Medicina e ingresou no Corpo de Sanidade Militar. Exerceu de médico militar no País Vasco durante a guerra carlista e máis tarde en Cuba. Convencido anticlerical, interesouse na política liberal, afiliándose ao partido republicano, o que o levou a participar no levantamento de Solís de 1846. Colaborador de diversas publicacións, como El Heraldo Gallego e Revista Gallega, pódese adscribir á xeración provincialista, polo que forma parte da nómina de poetas tardíos do Rexurdimento.
Consérvase un manuscrito que titula "Os que ensinan a orella" no que arremete implacablemente contra o clero polo seu desexo de exclusividade no ensino público e que lle valeu unha forte campaña de desprestixio por parte dun mozo director dun xornal compostelán, pero ao que veu a darlle a razón o Real Decreto sobre o ensino libre do Ministerio de Fomento, presidido por Pidal.
Casou en Cuba con Adelaida Ferrant Ajuria; non tiveron fillos.
ObraEditar
Unha vez xubilado do seu posto de xeneral médico militar, comezou a dedicarse á creación literaria. Tras o falecemento da súa muller, sumiuse nunha gran tristura que reflectiu nos versos "Recordos". Logo viría a novela curta Votos eternos de estilo romántico. En 1883 rematou outra das súas novelas en castelán Paca, na que narra minuciosamente as longas xornadas dunha viaxe en dilixencia de Santiago a Madrid a mediados do XIX. Consérvase un manuscrito en castelán dun relato tráxico romántico titulado "Mario", que non chegou a publicarse.
Da súa obra destacan Poesías (1878), o seu libro máis romántico; Soazes d’un vello (1886) premio literario de La Voz de Galicia e publicado por esta editorial (Biblioteca Gallega) e posteriormente con "Contiños dá Terra" na terceira parte de Soazes d´un vello. Ten publicada por entregas un novela curta co título "Por un retrato" na revista Galicia da Coruña. Tampouco están publicadas dúas das súas novelas en castelán Lola e Votos Eternos. A lenda "Afronta, daga e vieira" incluída en Soazes d´un vello é un fermoso relato en tempo medieval na que aparecen castelos e paraxes da bisbarra do Ulla, nobres violentos e sufridas heroínas, na que está presente encontros, amores secretos, fuxida fracasada, xuramento, anagnórises, arrepentimento e múltiple desenlace infausto. Pero polo que é máis coñecido Benito Losada é pola trintena de poemas soltos Contiños (1888) de signo costumista e polos seus epigramas. Estas composicións, posúen un marcado carácter picaresco, cheas de alusións maliciosas, o cal motivo algunhas críticas, entre elas de Pardo Bazán, por considerar que resultaban chocarreras e de mal gusto.
Foi Benito Losada un poeta áxil e solto que coñecía ben o galego. Negábase a ser fotografado, como ben recorda o seu amigo Enrique Labarta Pose en versos que escribe na revista da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Só se coñecía a súa imaxe a través do debuxo que figura na portada do número 6 da revista La Pequeña Patria. Finalmente atopouse unha fotografía escrita no reverso que di: "Lector se o nome saber lle agrada direino ao momento Benito Losada".
En 1922 Aubrey Fitz Gerald Bell dedicoulle un apéndice de Portuguese Litarature ao renacemento literario galego onde salienta sobre todo o seu populismo porque presenta cadros coloridos, íntimos e interesantes da vida de campo en Galicia. Hai un amplo e detallado estudo biográfico e bibliográfico de Benito Losada Astray de Antonio Couceiro Freijomil (1952) e de Ricardo Carballo Calero (1975). En 1991, con motivo do centenario do seu falecemento, José Filgueira Valverde, dedicoulle un artigo en Faro de Vigo.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- Couceiro Freijomil, A. (1952). "LOSADA ASTRAY, Benito". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 338.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.