Abrir o menú principal

Aspecto físico e personalidade de Wolfgang Amadeus Mozart

O chamado Mozart de Boloña foi copiado en 1777 en Salzburgo (Austria) por un autor descoñecido a partir dun retrato orixinal pedido para a galería de compositores de Giovanni Battista Martini en Boloña (Italia).

O aspecto físico e a personalidade de Wolfgang Amadeus Mozart son obxecto de múltiples investigacións na actualidade.[1] O feito de que non se puidesen exhumar os restos de Mozart, debido a que se descoñece o punto exacto no que se localiza a tumba comunitaria na que foi enterrado, nin se conserven máscaras ou moldes mortuorios,[a] confire certo grao de incerteza á aparencia física do compositor. Aínda que existe un suposto cranio de Mozart, a súa autenticidade, máis que cuestionable, non se puido verificar ata o momento. Este cranio ten sido sometido a diversas probas de ADN, comparándoo cos das súas supostas sobriña e avoa materna, mais non só encontraron que o ADN do primeiro non coincidía co das súas dúas familiares, senón que os delas tampouco concordaban entre si.[b] Así mesmo, preservouse un presunto mechón do seu pelo, tamén de dubidosa lexitimidade. Con todo, existen fontes e referencias fiables respecto tanto do seu aspecto e indumentaria como da súa personalidade. Esta información concrétase en obras plásticas, descricións e testemuños da época, que permiten facerse unha idea máis ou menos acertada de como era Mozart física e psicoloxicamente.

En relación á súa indumentaria e efectos persoais, estudos baseados en documentos como a Orde de Suspensión[c] redactada logo da súa morte ou o rexistro dos recibos de compra de traxes, contribuíron moito a esclarecer os gustos de Mozart relativos á roupa.

Polo que respecta á súa personalidade, o coñecemento da mesma débese, fundamentalmente, ás descricións dos seus contemporáneos que se conservaron, así como á análise da ampla correspondencia persoal do compositor.[5]

Aspecto físicoEditar

 
Representación da orella esquerda de Mozart (esquerda) e dunha orella normal (dereita), ofrecida na biografía que realizou do compositor o segundo marido da viúva de Mozart, Georg Nikolaus von Nissen.[6]
Véxase tamén: Orella de Mozart.

Como escribiu Franz Xaver Niemetschek, un dos seus primeiros biógrafos, «non había nada especial no [seu] físico. [...] Era pequeno e a súa cara, excepto os seus ollos grandes e intensos, non mostraba ningún signo do seu xenio».[7]

Mozart foi descrito polo tenor Michael Kelly,[d] actor e cantante irlandés da Ópera de Viena, na súa obra Reminiscences. Esta achega unha das descricións máis valiosas e completas da figura de Mozart:[9][8]

Entretiña as visitas interpretando fantasías e caprichos no piano. A súa sensibilidade, o seu sentimento, a rapidez dos seus dedos e, sobre todo, a axilidade e potencia da súa man esquerda, deixábanme absorto. Logo da espléndida execución, sentábamos á mesa para cear, e eu tiña o honor de sentar entre el e a súa esposa. Despois da cea, se a ocasión era propicia e había máis invitados, marchaban todos cara ao baile, e Mozart uníase a eles con grande entusiasmo. Fisicamente era un home de complexión pequena, moi delgado e de pálida tez, con abundante cabelo, aínda que algo fino e claro, do que estaba, por certo, moi orgulloso. Lembro que unha vez me invitou á súa casa e estiven longo tempo alí, onde sempre fun recibido con hospitalidade e estima; naquela ocasión puiden comprobar a súa grande afección polo ponche, que mesturaba con outras bebidas e inxería, en verdade con pouca mesura. Era moi afeccionado ao billar, e xogabamos xuntos bastantes partidas, aínda que sempre me gañaba. Foi un home de corazón bondadoso e o seu ánimo estaba constantemente disposto a compracer aos demais. Só se mostraba algo distinto cando interpretaba a súa música: era capaz de interromper a súa execución se escoitaba o menor ruído. Ofrecía concertos todos os domingos, aos cales eu non lembro ter faltado en ningunha ocasión.

Dos testemuños directos do físico do compositor, diversos especialistas na vida de Mozart conclúen que era un home de pouca estatura (medía 152 cm, aproximadamente),[10] moi delgado e pálido.[11] Da súa curta altura dá fe o diario do conde Ludwig von Bentheim-Steinfurt, aristócrata contemporáneo de Mozart que asistiu a un dos seus concertos, celebrado o 15 de outubro no Teatro Municipal de Viena, no que Mozart interpretou varias pezas.[12] Na entrada correspondente ao 15 de outubro, o conde afirma que «o señor Mozart é un home pequeno, de figura agradable».[8][13] Da súa palidez, a súa curta estatura e a súa delgadeza testifican, así mesmo, uns comentarios redactados en 1792 por Maria Anna Mozart, a irmá de Wolfgang, para a futura biografía de Friedrich Schlichtegroll:[14][15]

Os pais de Mozart eran na súa época a parella mellor parecida de Salzburgo, e nos seus anos de xuventude a filla pasaba por posuír unha beleza notable. Mais o fillo, Wolfgang, era pequeno, delgado, de complexión pálida e sen ningún aspecto extraordinario na súa aparencia externa e figura.

Presentaba un rostro corrente, que estaba marcado polas cicatrices da varíola que padeceu na súa infancia, e no que resaltaba un gran nariz. Os seus ollos eran grandes e claros (ao parecer, de cor azul intensa) e lucía unha abundante e espesa cabeleira, de cabelo fino e cor trigueira, recollida nunha cola.[e] As súas mans eran de mediano tamaño, con dedos longos e finos, e a súa boca era pequena. Á orella esquerda de Mozart faltáballe a circunvolución usual ou cuncha (esta rara malformación conxénita coñécese agora na literatura médica co nome de «orella de Mozart»).[16][17]

Era bastante torpe na manipulación de obxectos, tanto máis canto menor fora o tamaño destes, e non podía parar de xogar ou tamborilar as mans cando falaba con alguén ou cando comía: o seu corpo sempre estaba en movemento.[18]

Pola súa banda, Constanze (a esposa de Amadeus) escribiu máis tarde que «era un tenor, bastante suave na oratoria e delicado no canto, mais cando algo o excitaba, ou era necesario esforzarse, era tan poderoso como enérxico».[19][20]

EnfermidadesEditar

Véxase tamén: Mozart e a varíola.

Dada a súa complexión delgada e feble, Mozart foi xa dende os seis anos de idade unha persoa que padeceu numerosas enfermidades ao longo da súa vida, as cales foron deteriorando paulatinamente a súa saúde ata desembocar na súa prematura morte,[21] cando contaba trinta e cinco anos.[f] Así, contraeu unha infección estreptocócica nas vías superiores en 1762, máis adiante padeceu un eritema nodoso que o doutor Peter J. Davies, do Hospital St. Vincent de Melbourne (Australia), considera de probable orixe estreptocócica. Ese mesmo ano contraeu unha nova infección estreptocócica e sufriu un leve ataque de febre reumática. En 1764, sufriu unha amigdalite, e en 1765 contraeuna de novo, neste caso complicada con sinusite. A finais dese ano, sufriu unha febre tifoide endémica que o levou a un estado de coma, e ao ano seguinte padeceu un novo ataque de febre reumática. En 1767, contraeu a varíola, tres anos despois sufriría unha conxelación durante as súas viaxes por Italia, e en 1771 padeceu unha traqueobronquite con ictericia. Tres anos máis tarde, sufriu un absceso dental agudo, e catro anos despois, padeceu unha bronquite.[22][23]

Aos vinte e cinco anos de idade, en 1781, contraeu unha infección viral, mais foi en 1784 cando padeceu unha grave enfermidade en Viena, cuxos síntomas son cólicos terribles que acababan en vómitos violentos, e febre reumática inflamatoria, que puideron orixinar unha enfermidade renal crónica. Considérase que nesta infección se encontran as orixes da súa morte sete anos máis tarde. En 1787, Mozart «volveu contraer unha infección estreptocócica que orixinou unha segunda aparición da síndrome de Schönlein-Henoch; ademais, os seus riles, xa en mal estado, quedaron aínda máis danados».[22][24]

Retratos e imaxes do compositorEditar

 
Mozarts letzte Tage (Últimos días de Mozart) de Hermann von Kaulbach (1873). A pesar da súa calidade artística, este retrato foi pintado oitenta e dous anos despois de que Mozart morrese, polo que o aspecto físico do compositor non é representado con moita rigorosidade.

Na actualidade, existen máis de sesenta[g][25] retratos e representacións pictóricas de toda índole de Mozart, a pesar de que boa parte delas presentan escasa fidelidade ao modelo, sendo segundo Ramón Andrés "con probabilidade, Mozart é o músico do que máis retratos imaxinarios se pintaron".[26]

Arthur Hutchings manifestou o seu punto de vista sobre a contradición que ofrece a oposición que se dá entre a inxente cantidade de obras plásticas que representan ao xenio e o escaso valor iconográfico das mesmas mediante a sentenza: «Demasiadas imaxes».[27] Pola súa banda, Alfred Einstein, tamén especialista en Mozart, expresou a súa opinión relativa a estes retratos nas seguintes declaracións:[25][28]

Nada posuímos que nos dea unha idea do aspecto físico de Mozart, salvo escasos e mediocres lenzos que non gardan sequera afinidade entre si.

A excepción do artista francés Jean-Baptiste Greuze, ningún outro pintor relevante acometeu a empresa de reproducir fielmente o físico de Mozart. Por outra banda, unha das características do século XVIII no que á pintura se refire foi precisamente, aínda que só nalgunhas escolas, a falta de fidelidade cara aos trazos do modelo reproducido.[25]

Todo isto fixo que o musicólogo Arthur Schuring afirmase en 1923 o seguinte:[25][29]

Mozart ten sido o compositor célebre de quen máis retratos ficticios se realizaron, material pictórico que contribuíu non pouco a confundir ás posteriores xeracións no referente á súa cara.

Estas declaracións levaron aos musicólogos e historiadores da arte a emprender unha rigorosa análise de todas as pinturas, bosquexos, debuxos, camafeos e gravados do compositor que existían. A conclusión deste labor foi que tan só oito obras plásticas,[25] de interese desigual, foron elaboradas por autores que coñeceron directamente a Mozart, ou ben mediante bosquexos tomados de debuxos realizados do natural. A partir desta selección, as «pinturas biográficas» de Mozart publicáronse con máis coidado, seguindo, polo xeral, os criterios xurdidos a raíz desa análise.[25]

 
Detalle do retrato inacabado de Mozart ao piano, obra do seu cuñado Joseph Lange, pintado en 1789-1790. Este é considerado por Constanze como o mellor de todos os retratos do seu marido.[30][31][32][33]
 
Retrato concluído por Barbara Krafft en 1819. O retrato, malia ter sido pintado case trinta anos despois da morte do compositor, considérase unha das súas representacións máis fieis, xa que a autora empregou como modelo tres obras fieis ao orixinal que a irmá de Wolfgang puxo á súa disposición. A obra foi solicitada á artista por Joseph Sonnleithner, con intención de incluíla na súa galería de compositores.[34]

Deste xeito, parece oportuno sinalar unha relación de autores, contemporáneos ao compositor, que asinaron retratos pouco rigorosos de Mozart:[35][36] Pompeo Girolamo Battoni, François Joseph Bosio, Breitkopf, Joseph Duplessis, Nicolò Grassi, Jean-Baptiste Greuze, Klass, Langernhöffel, Rigaud, Saint-Aubin, Van Smissen, Thelott, Tischbein e Johann Zoffany. Con todo, o estudo destes retratos pode resultar interesante, xa que, aínda sen seren fieis aos trazos físicos do compositor, achegan importantes datos iconográficos, sexa sobre instrumentos musicais, ou sobre outras personalidades que figuran neles.[36]

A toda a anterior lista de autores, entre os que se encontran algúns grandes nomes da pintura, cómpre engadir a todos os artistas do século XIX que representaron a Mozart, como Hermann von Kaulbach ou Shields, que ofrecen unha visión puramente romántica e pouco rigorosa do aspecto físico do xenio de Salzburgo. Desta afirmación habería que excluír o retrato realizado por Barbara Krafft en 1819 xa que, malia ter sido pintado case trinta anos despois da morte do compositor, considérase unha das súas representacións máis fieis. Isto débese a que Krafft se baseou en retratos feitos en vida de Mozart e considerados pola irmá do compositor como de gran parecido co xenio. Así, Krafft tomou como modelos o retrato de familia de Della Croce (1780-1781) e o óleo inacabado de Joseph Lange (1789-1790, reproducido na marxe dereita), que lle foron facilitados pola propia irmá de Wolfgang, en Salzburgo.[34]

Á marxe de todo estudo iconográfico, os coñecementos actuais no que respecta á similitude dos retratos con respecto á figura de Mozart baséanse máis ben en opinións que supoñan unha fonte fiable, como, por exemplo, o testemuño e as descricións dalgúns dos seus amigos, da súa esposa ou do seu fillo maior, Karl Thomas Mozart.[36]

Finalmente, cabe mencionar que o retrato de Mozart realizado polo seu cuñado, Joseph Lange (contra o ano 1789) é considerado actualmente como a representación máis fiel do compositor (representado na marxe dereita). Lange era o marido da irmá maior de Constanze, Aloysia Weber, e traballaba como actor no Burgtheater de Viena. A pesar de ser tan só un afeccionado á pintura, a súa obra foi considerada por Constanze como o mellor de todos os retratos do seu marido,[30][37] afirmando:[31][32]

Sen dúbida, o pintado polo marido de madame Lange, que, aínda tratándose dunha obra inacabada, presenta un parecido admirable.

Maria Anna Mozart, irmá do compositor, tamén admitiu que o parecido do retrato co modelo era asombroso.[38]

IndumentariaEditar

A Mozart, como a Constanze, gustáballe a roupa elegante, e sempre vestía á última moda e con vestidos caros, independentemente de cal fose a súa situación económica. Isto era así, en parte, por ser un home que lle daba moita importancia á súa aparencia externa.[39]

Mozart tiña unha intensa actividade social, que incluía obrigas como as de aparecer nas funcións da corte,[h] visitar os elegantes salóns de persoas como Johann Tost e o chanceler da corte Greiner, e frecuentar os círculos e recepcións cortesás de Praga na súa calidade de Hofcompositeur.[i] A súa esposa asistía a moitos destes eventos; isto significa que os Mozart tiñan que ir ben vestidos, e o cabelo de Wolfgang requiría unha atención constante. En canto a este último punto, consérvase o testemuño directo do seu perruqueiro, herr Haderlein:[4][40]

Mentres lle estaba arreglando o pelo a Mozart unha mañá, xusto no momento en que estaba rematando de facerlle a coleta, de repente Mozart levantouse dun salto e, a pesar de que eu seguía coa súa coleta entre as mans, dirixiuse á habitación contigua, arrastrándome tras de si, e comezou a tocar o piano. Admirado ante o seu xeito de tocar e ante a fermosa tonalidade do instrumento -era a primeira vez que escoitaba un piano como aquel-, soltei a coleta e non rematei de peitealo ata que se levantou. Un día, cando eu estaba xirando a esquina dende Kärtnerstrasse ata Himmelpfortgasse para acudir ao servizo de Mozart, chegou el a cabalo, detívose e, mentres avanzaba uns pasos, sacou unha táboa pequena [do peto] e púxose a escribir música. Volvín falarlle, preguntándolle se podía recibirme, e díxome que si.

O musicólogo Bernhard Paumgartner (1991) cre que Mozart non só concedeu importancia ao seu aspecto por razóns sociais, senón tamén porque sufría unha falta de calidades físicas.[41][42] Dise que o actor Backhaus o tomou por un oficial de xastre,[41] e ao poeta Johann Ludwig Tieck, que o viu en Berlín no mes de maio de 1789, roldando inquedo polos atrís dunha sala vacía e escura na que ía representarse Die Entführung aus dem Serail (KV 384), pareceulle un home de figura trivial.[43] Tamén o sociólogo xudeoalemán Norbert Elias (2002) incide na insignificancia do seu aspecto, aínda que sinala que a súa face resulta amable e humanamente grata.[44][45]

Non existe ningún dato sobre como vestía Constanze Mozart, mais si se coñece como era a indumentaria do seu marido en 1791, grazas á Orde de Suspensión[j] redactada en decembro dese mesmo ano, tras a morte do xenio. Este documento posúe un inventario da súa roupa e efectos persoais:[39]

  1. 1 casaca branca de pano.
  2. 1 ídem azul.
  3. 1 ídem vermella.
  4. 1 ídem de cor nanquín.[k]
  5. 1 ídem de cor satén marrón [braun = ¿brune de marine?] con calzas, bordada en seda.[l]
  6. 1 traxe enteiro de pano negro.
  7. 1 gabán pardo.
  8. 1 ídem de pano máis lixeiro.
  9. 1 casaca de pano azul con pel.
  10. 1 ídem Kiria con adornos de pel.
  11. 4 chalecos variados, 9 calzas variadas, dous sombreiros correntes, 3 pares de botas, 3 pares de zapatos.
  12. 9 pares de medias de seda.
  13. 9 camisas.
  14. 4 panos de pescozo de cor branca, 1 gorro de durmir, 18 panos de peto.
  15. 8 calzóns, 2 camisas de durmir, 5 pares de medias.

Un vestiario semellante era o que podería ter un comerciante acomodado: trátase de roupa cara e luxosa. Kelly lembrouno nun ensaio do seguinte xeito:[46]

Estaba sobre o escenario coa súa peliza carmesí e o seu bicornio con encaixes de ouro, dando o tempo da música á orquestra.

O vestiario de Mozart semella ter sido mercado segundo a última moda; segundo H. C. Robbins Landon, musicólogo e especialista na vida e obra de Mozart, probablemente tivo que adquirir roupa elegante para os festexos da coroación de Frankfurt,[47][m] para asistir aos concertos públicos e recepcións privadas.[4] O seguinte extracto dun xornal coetáneo dá unha idea da moda do momento:[47]

As calzas curtas hai xa tempo que se levan... de estame (para diario) e no verán de cor palla; tamén en gris cinza e o nanquín couleur sur couleur a raias (a última moda); tamén en tea branquecina, verdosa ou cor xofre... Outra peza de roupa moi usada é o chaleco... Agora empezan a levarse de Manchester [algodón] liso, a raias ou a cadros... Tamén comezan a levarse as botas... se se usan zapatos é con... medias de seda gris perla. [O abrigo] chega case ata os zapatos e úsase en todas as cores.

Inclúese unha ilustración de «un alemán elegante vestido á última moda» e descríbese o seu traxe:[48]

O cabaleiro elegante é unha combinación de inglés e francés: 1) O peiteado en grecque carré à dos d'âne;[n] 2) un pano inglés de muselina negra; 3) unha casaca anglofrancesa; 4) un chaleco en fond filoche;[o] 5) calzas axustadas en bleu mignon ou estame de cor azul forte; 6) dúas cadeas de reloxo grandes; 7) medias de seda a cadros azuis e brancos; 8) séguense levando os zapatos negros; 9) na man un sombreiro à l'Andromane, con forro de cor de rosa, porque o sombreiro é máis para a man que para a cabeza.

Logo da morte do compositor, os seus bens taxáronse en 595 floríns e 9 kreutzer, dos que 55 floríns correspondían a vestiario e ropa interior. Entre as débedas pendentes (que sumaban 918 floríns e 16 kreutzer) había tres facturas considerables entre as que se encontraba a dun xastre, a quen debía 282 floríns e 7 kreutzer.[49]

Personalidade e crenzasEditar

Como alegan numerosos testemuños da época, o trazo máis característico da personalidade de Mozart era o seu optimismo. Cando o matrimonio de músicos e editores ingleses Vincent e Mary Novello se entrevistaron con Constanze en 1829 e lle preguntaron polo carácter do seu marido, ela respondeu sen vacilar: «Sempre estaba ledo».[32][50]

A maioría dos investigadores apuntan a que Mozart presentaba un carácter infantil e anenado e, mesmo, un pouco irresponsable, que o levaba, ás veces, a tomar decisións impulsivas.[51] Esta idea vese apoiada nun texto redactado en 1792 por Maria Anna Mozart, irmá de Wolfgang, para a futura biografía de Friedrich Schlichtegroll:[14][15]

Exceptuando a súa música seguiu sendo un neno, e esta é a característica principal do lado escuro da súa personalidade: sempre precisou dun pai, unha nai ou alguén que velase por el; era incapaz de administar os cartos; casou, contra a vontade de seu pai, cunha xove que non era en absoluto axeitada para el, e de aí o gran desorde que houbo no seu fogar durante e despois da súa morte.

Mozart tamén foi descrito polos seus contemporáneos como un home hospitalario,[36] xeneroso,[52] celoso do seu propio xenio[53] e adicto ao traballo.[54] Por outra banda, tiña unha grande autoestima e, en ocasións, podería resultar un tanto orgulloso. A pesar de non estar dotado dunha gran forza psicolóxica, chegou ata os seus últimos días cunha entereza sorprendente en todos os aspectos.[50] Era extravertido,[53] sociable[53] e inconformista, posto que se negaba a aceptar o status de serventes que tiñan os músicos na época, o que lle ocasionou non poucos problemas no transcurso da súa existencia.[55]

Sobre este inconformismo social do que Mozart fixo gala ao longo da súa vida cabe citar a ruptura co que fora o seu mecenas e protector dende a infancia, Hieronymus von Colloredo, Príncipe-arcebispo de Salzburgo, quen gozaba dunha excelente relación co pai do compositor, Leopold.[p] Mozart nunca deixou de ser músico da corte arcebispal de Salzburgo de xeito oficial. Debido ao seu espírito alegre e cosmopolita, o compositor foise distanciando progresivamente do arcebispo, quen o consideraba «un mozo insolente».[57] Colloredo fíxoo chamar a Viena en 1781 para lanzarlle un ultimato pola súa irresponsable actitude; Mozart chegou á cidade para reunirse con el o día 16 de marzo. Neste encontro, tivo lugar un duro enfrontamento entre ambos, que desembocou na presentación dunha carta de renuncia por parte de Mozart, e concluíu coa célebre «patada de despedida» que o conde Arco, membro da corte arcebispal, lle propinou a Mozart no traseiro. O arcebispo, consciente da valía de Mozart como compositor, negouse a asinar a carta de renuncia que este lle presentara, o que converteu a Mozart durante o resto da súa vida nun vasalo fuxido, condición perigosa na Europa do século XVIII.[58]

Na correspondencia co seu pai, Mozart relata como se desenvolve o encontro co conde Arco:[57]

Vaia xeito de abrandar a xente! Non se atreveu por covardía a dicirlle nada ao arcebispo e mantívome pendente dun fío durante un mes para, finalmente, darme unha patada no traseiro. Vaia proceder!

Leopold sentíase profundamente preocupado polo temor a perder o seu salario, pois Wolfgang escribiulle encolerizado enumerándolle as numerosas represalias que pensaba levar a cabo contra o conde. Trátase dunha carta moi interesante, en tanto que mostra a faceta máis reivindicativa de Mozart, moi vinculada co espírito da Ilustración:[57]

... Escribirei moi pronto a ese malfadado home para dicirlle o que penso del, e en canto se poña ante os meus ollos dareille unha patada que lembrará nas súas carnes para sempre... A pesar de non ser conde, teño máis gallardía e honor no meu corazón que moitos dos que gozan de tal título. Quen me insulte, xa sexa lacaio, xa conde, merecerá o meu desprezo.

En realidade, os temores de Leopold eran infundados, xa que Mozart era un home de carácter pacífico, tranquilo e amable; era pouco dado á violencia, e só nos seus escritos afloran trazos de vinganza física.[57]

Polo xeral, Mozart traballaba durante moito tempo e con enerxía, rematando composicións a un gran ritmo debido aos axustados prazos. Frecuentemente facía bosquexos e esbozos aínda que, a diferenza de Ludwig van Beethoven, non se conservaron, xa que Constanze destruíunos despois da súa morte.[59] Con respecto ás súas propias composicións, Mozart adoitaba xulgalas con imparcialidade, e frecuentemente cunha severidade e rigor que non tería soportado facilmente doutro.[60]

Canto á xestión dos cartos, Mozart era bastante despreocupado, mais non tanto como afirma a crenza popular.[61] Con todo, esta actitude levouno a gastalos en ocasións de xeito excesivo,[52] e a depender durante varios anos dos empréstitos que lle facían algúns amigos, especialmente Johann Michael Puchberg.[62][q] Por outra banda, e dende que se instalou en Viena, Mozart viviu longos períodos de tempo nos que non posuía un salario fixo.[64] En certa ocasión, nunha viaxe que o compositor fixo a Berlín, o rei Federico Guillerme II de Prusia propúxolle tres mil escudos de honorarios se desexaba instalarse na súa corte e encargarse da dirección da súa orquestra. Mozart rexeitou a proposta, replicando: «Gústame vivir en Viena; o emperador quéreme, e os cartos impórtanme pouco».[64][65] Os editores de música e empresarios de teatro abusaron do coñecido desinterese de Mozart polos cartos, ata tal punto que a maior parte das súas composicións para piano non lle produciron nada.[66] Así mesmo, as representacións das óperas de Mozart en Alemaña reportáronlle fama, mais non diñeiro, debido á inexistencia de «dereitos de representación»; e os editores alemáns podían reimprimir ao seu antollo a música de Mozart sen consultalo, xa que tampouco existía unha lei de propiedade intelectual.[63]

Foi criado segundo a moral católica, mais sen coacción nin trabas espirituais que puidesen desviar a libre iniciativa do xenio.[67] Foi un membro leal da Igrexa católica en todas as etapas da súa vida,[68] malia pertencer á francmasonería durante os últimos sete anos da súa vida. Isto era posible debido a que na época de Mozart, a francmasonería considerábase unha prolongación ilustrada das crenzas cristiás, de xeito que ser católico e masón non era excluínte, senón perfectamente compatible.[69][70]

Formación e calidades intelectuaisEditar

Mozart era unha persoa culta e ilustrada, que dominaba catro linguas (alemán, italiano, francés e inglés, e tiña coñecementos avanzados de latín),[67] experimentaba un profundo interese pola lectura,[71] especialmente pola literatura de William Shakespeare, e sentíase atraído polas Belas Artes (parece ser que nalgún momento colleu os lapis e pinceis).[32][67] O propio Leopold Mozart sentíase moi orgulloso da educación que lle fornecera ao seu fillo, vangloriándose de que Wolfgang recibira unha cultura máis sólida que os rapaces que acudían á célebre Escola Imperial de Viena, onde se formaron os irmáns Haydn e Schubert, escola cuxa formación incluía unha esmerada ensinanza do latín e da música, tanto no campo instrumental como no vocal.[67] Arthur Hutchings, musicólogo e especialista na vida e a obra de Mozart, afirma que o xenio recibiu unha educación bastante completa, sendo idónea cando menos no ámbito musical: o pequeno Mozart atopou diversión na música.[67]

Posuía unha grande habilidade para o manexo das linguas e para as matemáticas (especialmente, a álxebra), a súa materia favorita na infancia.[67][72] Por outra banda, tiña oído absoluto, calidade innata moi valiosa en música, así como unha prodixiosa memoria fotográfica e auditiva, que lle permitía reter as ideas na súa cabeza durante anos.[72] Destas dúas calidades dá testemuño a célebre anécdota do Miserere de Gregorio Allegri: esta musicalización do salmo cincuenta, un dos mellores exemplos do estilo polifónico renacentista italiano, interpretábase dúas veces cada Semana Santa, unha o Mércores Santo e outra o Venres Santo, na Capela Sistina. Considerada patrimonio do Vaticano, prohibíase categoricamente a execución da obra fora da Capela, baixo pena de excomuñón para quen a copiase. Con todo, na súa viaxe a Italia na Semana Santa de 1770, Mozart asistiu co seu pai á interpretación do Miserere do mércores na Capela Sistina, e propúxose retelo de memoria. Así, cando esa noite regresou á fonda na que se hospedaba, púxoo por escrito. Dous días despois, o venres, volveu presenciar a interpretación da obra e, disimulando o manuscrito no sombreiro puido facer algunhas correccións. Ao chegar a proeza a oídos do papa Clemente XIV, este non só non excomungou a Mozart, que daquela tiña catorce anos de idade, senón que decidiu galardoalo nomeándoo cabaleiro da Orde da Espora de Ouro no seu primeiro grao.[73][74]

ContornoEditar

Mozart viviu no centro do mundo musical vienés e coñecía a un gran número e variedade de xente: compañeiros músicos, intérpretes teatrais, amigos que coma el se mudaran dende Salzburgo e moitos aristócratas, incluíndo algún coñecido do emperador Xosé II de Austria. Contou con numerosos amigos entre os intelectuais, e asistía asiduamente ás xuntanzas celebradas nos salóns das familias sinaladas nas que se daban cita artistas e pensadores; con todo, a súa presenza en tales reunións foi facéndose cada vez máis esporádica a medida que a súa vinculación coa masonería se estreitaba.[67]

Solomon considera que os tres amigos máis próximos ao compositor puideron ser Gottfried Janequin, o conde August Hatzfeld e Sigmund Barisani. Moitos outros incluíron entre as súas amizades ao seu vello colega Joseph Haydn, os cantantes Franz Xaver Gerl e Benedikt Schack, e o trompista Joseph Leutgeb. Leutgeb e Mozart mantiveron un curioso tipo de burlas amigables, frecuentemente con Leutgeb sendo o obxecto das bromas pesadas de Mozart.[75]

AfecciónsEditar

Gozaba xogando ao billar, posiblemente porque era un xeito de facer exercicio.[76][77] Tamén lle encantaba o baile, especialmente as festas de disfraces, ás que sempre asistía disfrazado de arlequín.[78] Tiña varios animais domésticos: un canario, un estorniño, un can e tamén un cabalo para equitación lúdica.[79][80][81] Non hai nin o máis mínimo indicio de que Mozart se adicase ao xogo (agás ao billar ou ás partidas caseiras de cartas, con apostas pequenas), dende logo non ía aos famosos establecementos vieneses, xa que, entre outras cousas, o seu poder adquisitivo non llo permitía.[82] Agradáballe tomar café en cunca, así como fumar en pipa, mais con moderación.[83]

Especialmente na súa xuventude, Mozart sentía unha especial predilección polo humor escatolóxico, non tan insólito no seu tempo, que pode apreciarse en moitas das súas cartas que sobreviviron, especialmente aquelas escritas á súa prima Maria Anna Thekla Mozart (arredor de 1777 e 1778), mais tamén na correspondencia coa súa irmá Nannerl e os seus pais.[84] Mozart mesmo escribiu música escatolóxica, como o canon Leck mich im Arsch KV 231 (literalmente «lámbeme o cu», ás veces traducido como «Bícame o cu»).[85]

Rutina diariaEditar

Como pode desprenderse dun texto escrito polo propio Mozart, o seu programa diario en 1782[r] era o seguinte:[78][86]

Ás seis, sempre estou peiteado. Ás sete, completamente vestido. Logo escribo ata as nove. Dende as nove ata a unha, dou clase. Despois como, cando non estou invitado, e nese caso o almorzo é ás dúas ou ás tres. Non podo traballar antes das cinco ou as seis, e frecuentemente mo impide unha academia;[s] senón, escribo ata as nove da noite [...]. Debido ás academias e á eventualidade de ser solicitado aquí ou aló, nunca teño a seguridade de poder compoñer pola tarde, de xeito que tomei o costume (sobre todo cando regreso cedo) de escribir algo antes de deitarme. Con frecuencia fágoo ata a unha, para levantarme de novo ás seis.

Meses despois de redactar este escrito, Mozart contraeu matrimonio con Constanze Weber; polo tanto, a súa rutina sufriu certas modificacións dende ese momento.[80] Non obstante, e segundo recollen diversas entradas do seu diario posteriores ao enlace matrimonial, a vida diaria de Mozart como casado presentaba unha organización bastante similar, incluíndo algunhas actividades novas, como os paseos a cabalo pola mañá cedo,[79][80][81] e as partidas de billar coa súa esposa pola tarde.[76][77][87]

Método de composiciónEditar

Polo xeral, Mozart traballaba con enerxía, terminando composicións a un gran ritmo debido aos axustados prazos de entrega e á acumulación de encargos. Empregaba en compoñer entre cinco e sete horas diarias, en función de se tiña ou non algún concerto, as cales adoitaban repartirse entre a primeira parte da tarde e a noite.[78][86]

Na actualidade, é de sobra coñecida a rapidez coa que compuña Mozart. Nunha carta á súa nai, a irmá do compositor, Nannerl Mozart, fai chanza dicindo que o seu irmán está a escribir unha sonata mentres vai compoñendo outra mentalmente.[88]

Deste xeito, Mozart tardou un mes en escribir o Concerto para piano n.º 21, de oitenta e tres páxinas de extensión —moitos compositores terían tardado un mes só en copiar un concerto de tales dimensións.[88]

Mozart foi capaz de escribir a súa Sinfonía «Linz», KV 425, en tan só cinco días, durante o seu período de vacacións nesa cidade.[89] Este feito queda reflectido na correspondencia de Wolfgang co seu pai:[90][91]

O martes 4 de novembro darei unha academia no teatro de aquí, e como aquí non teño a man nin unha soa sinfonía, estou escribindo unha nova a balavento, que ten que estar acabada para entón...

— Carta de Wolfgang Amadeus Mozart a seu pai, datada en Linz o 31 de outubro de 1783.

Outro exemplo da súa velocidade compositiva encóntrase na abertura da ópera Don Giovanni, na que Mozart traballou tan só a noite que precedeu á primeira representación e cando xa tivera lugar o ensaio xeral.[92]

Mozart non tiña por costume facer copias das súas composicións, de xeito que as escribía directamente na versión definitiva, sen precisar dun borrador previo.[88][t] Con todo, as súas partituras autógrafas presentan sorprendentemente poucas correccións e revisións, xa que Mozart puña por escrito unha obra tan só cando xa fora finalizada na súa mente.[88]

Mozart adoitaba seguir un proceso de composición moi peculiar, que se caracterizaba porque non terminaba unha obra ao completo, senón que deixaba na partitura espazos en branco dos que estaba seguro que sería capaz de lembrarse transcorrido un tempo, e cando se aproximaba a data de entrega ou de estrea da obra, completaba os ocos baleiros. Deste xeito, lograba optimizar o tempo de traballo nas distintas composicións, dándolle preferencia a aquelas cuxas datas de entrega ou estrea estivesen máis próximas.[93]

Así, o método de traballo que adoitaba seguir Mozart era o de completar a parte dos primeiros violíns, a dos segundos violíns en caso necesario, e o baixo e restantes partes, xeralmente de carácter solista, se o consideraba necesario para axudar a súa memoria.[93]

No caso dunha grande obra vocal, como a Gran Misa (KV 427) ou o Réquiem (KV 626), Mozart anotaba o coro, o baixo continuo e as seccións de ritornello da orquestra, e tamén normalmente os primeiros violíns e as entradas complicadas, polifónicas ou canónicas, das cordas ou das seccións solistas da madeira.[93]

Cunha particella desas características, Mozart podía ter gardada mesmo unha obra de importancia ata tres anos, como fixo co Concerto para piano n.º 27 (KV 595), para desempoala e completala noutro momento posterior.[93]

NotasEditar

  1. O conde Joseph Deym von Strižtež, alias Müller, realizou dúas máscaras mortuorias de Mozart a mesma noite da súa morte, coas que elaborou unha estatua de cera que expuxo, xunto a unha das máscaras, na galería de arte que rexentaba (Kunstkabinett Müller). A outra máscara entregoulla a Constanze, quen transcorridos uns anos, rompeuna «sen querer» (ela sempre dicía que o accidente fora fortuíto, mais existen suficientes datos como para afirmar que a súa destrución foi intencionada). Polo que respecta á máscara e á estatua de cera que conservou Müller, os seus rastros perdéronse coa morte do coleccionista, en 1804.[2]
  2. Para máis información sobre este suposto cranio de Mozart, véxase o artigo Morte de Wolfgang Amadeus Mozart.
  3. En alemán Sperrs-Relation, relación de bens levada a cabo logo da morte dunha persoa.[3][4]
  4. Debido á súa amizade con Mozart, Kelly foi o primeiro intérprete dos papeis de don Curzio e don Basilio na ópera Le nozze di Figaro.[8]
  5. Nos seus últimos anos de vida, non levaba perruca, senón que lucía o seu propio pelo.[4]
  6. Para máis información sobre as causas da morte de Mozart, véxase o artigo Morte de Wolfgang Amadeus Mozart.
  7. Concretamente sesenta e dous, segundo a obra La vie de W. A. Mozart par l'image, de Robert Bory, publicada en 1948.
  8. Tiña que dirixir a orquestra nos numerosos bailes cortesáns nos que interpretaban composicións súas.[4]
  9. Id est, «compositor da corte».
  10. En alemán Sperrs-Relation, relación de bens levada a cabo logo da morte dunha persoa.[3][4]
  11. Id est, amarela ou de cor gamuza.
  12. Mozart levouno no concerto dado en Frankfurt o 15 de outubro de 1790. Véxase Deutsch, Dokumente, p. 329 («vestindo un traxe de satén azul mariño luxosamente bordado»).
  13. Faise referencia á coroación do emperador Leopoldo II de Habsburgo como rei de Bohemia, no ano 1791. Para as celebracións de dito acontecemento, Mozart compuxo a súa penúltima ópera, La clemenza di Tito, que foi estreada no Teatro Nacional de Praga o 6 de setembro, baixo a dirección do propio compositor. Véxase Robbins Landon, cap. IX: «Diario de la coronación».
  14. En galego traduciríase como peiteado ‘en greca cargado ao lombo [dun asno]’, id est pelo rizado e botado cara atrás en moitos rizos pequenos, rematado en cola de cabalo; o peiteado de Mozart que aparece no retrato inacabado de Lange, de 1789-1790.
  15. Id est, con base de tecido de seda.
  16. Leopold Mozart ostentou o cargo de concertino na orquestra arcebispal, e compuxo numerosas obras para o arcebispo. Aínda que criticaba con dureza a Colloredo na correspondencia con Wolfgang, sempre lle mostrou submisión e respecto.[56]
  17. Johann Michael Puchberg (1741-1822) foi un comerciante austríaco, amigo e irmán masón de Mozart e, daquela, tesoureiro da loxia Zur wahren Eintracht.[63]
  18. Este texto foi redactado polo propio Mozart, e reflicte a súa rutina diaria aos vinte e seis anos de idade, un ano despois de ter fixado a súa residencia en Viena, e algúns meses antes de que contraese matrimonio na Catedral de Santo Estevo de Viena con Constanze Weber. Véase Sollers.
  19. Id est, un concerto.
  20. Probablemente, o motivo polo que Mozart eludía facer borradores das súas composicións era o aforro de tempo que iso supuña.[88]
Referencias
  1. Véaxse o prólogo de Einstein.
  2. Robbins Landon 2005, p. 247 n. 25.
  3. 3,0 3,1 Deutsch 1961, p. 495.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Robbins Landon 2005, p. 36.
  5. Para a correspondencia de Mozart, véxase Mozart, Wolfgang Amadeus (1997). Cartas (en castelán). tradución de Miguel Sáenz. Barcelona: El Aleph. p. 296. ISBN 84-7669-297-8. 
  6. Nissen, Georg Nikolaus von (1972). Biographie W. A. Mozarts nach Originalbriefen (en alemán). reimpresión fotográfica da edición orixinal. Hildesheim. 
  7. Romero Sangster, Nicolás (21 de decembro de 2016). "Personalidad de Mozart" (en castelán). expreso.ec. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2018. Consultado o 10 de decembro de 2018. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Andrés 2006, p. 51.
  9. Hutchings 1986, pp. 15-16.
  10. Hutchings, cap. 1
  11. Stendhal 2000, p. 58.
  12. Robbins Landon 2005, p. 20.
  13. Robbins Landon 2005, p. 21.
  14. 14,0 14,1 Robbins Landon 2005, p. 218.
  15. 15,0 15,1 Mozart, Briefe, IV, páxs. 199 e s.
  16. Davies 1984, pp. 437–442, 560 e ss..
  17. Nissen, Georg Nikolaus von (1972). Biographie W. A. Mozarts nach Originalbriefen (en alemán). reimpresión fotográfica da edición orixinal. Hildesheim. 
  18. Stendhal 2000, p. 59.
  19. Solomon 1995, p. 308.
  20. Hutchings 1986, p. 21.
  21. Robbins Landon 2005, p. 203.
  22. 22,0 22,1 Davies 1984, pp. 437–442.
  23. Robbins Landon 2005, p. 204.
  24. Robbins Landon 2005, p. 205.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 Hutchings 1986, p. 14.
  26. Andrés 2006, p. 61.
  27. Hutchings, cap. I: «Siempre estaba alegre».
  28. Einstein, Alfred (1953). Mozart: Sein Charakter, sein Werk (en alemán). Stuttgart. 
  29. Schuring, Arthur (1923). Wolfgang Amadé Mozart 2. Leipzig. 
  30. 30,0 30,1 Andrés 2006, p. 56.
  31. 31,0 31,1 Hutchings 1986, p. 16.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 Véxase Novello.
  33. Robbins Landon, p. 72.
  34. 34,0 34,1 Andrés 2006, pp. 60-61.
  35. Zenger, Max (1941-1942). Falsche Mozartbilonisse (en alemán). Múnic: Mozart-Jahrbuch. 
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 Hutchings 1986, p. 15.
  37. Robbins Landon 2005, p. 72.
  38. Andrés 2006, p. 57.
  39. 39,0 39,1 Robbins Landon 2005, p. 37.
  40. Pfannhausser, Karl (1971-1972). Epilogomena Mozartiana. Mozart-Jahrbuch. 
  41. 41,0 41,1 Andrés 2006, p. 52.
  42. Paumgartner, Bernhard (1991). Mozart (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. 
  43. Andrés 2006, pp. 52-53.
  44. Andrés 2006, p. 53.
  45. Elias, Norbert (2002). Mozart. Sociología de un genio (en castelán). edición de Michael Schröter, tradución de Marta Fernández-Villanueva e Oliver Strunk. Barcelona: Ediciones Península. ISBN 84-297-3341-8. 
  46. "Michael Kelly and the Great Little Man" (en inglés). Cambridge Library Collection Blog. Consultado o 10 de decembro de 2018. 
  47. 47,0 47,1 Robbins Landon & 2005 pp235-236.
  48. Robbins Landon 2005, p. 261 n. 3.
  49. Robbins Landon 2005, pp. 38-39.
  50. 50,0 50,1 Hutchings 1986, p. 11.
  51. Stendhal 2000, pp. 59-60.
  52. 52,0 52,1 Stendhal 2000, p. 74.
  53. 53,0 53,1 53,2 Hutchings 1986, p. 13.
  54. Stendhal, cap. VI.
  55. Hutchings, cap. 5.
  56. Deutsch 1961, p. 31.
  57. 57,0 57,1 57,2 57,3 Hutchings 1986, p. 117.
  58. Hutchings, cap. 5: «De la servidumbre a la libertad».
  59. Solomon 1995, p. 310.
  60. Stendhal 2000, p. 73.
  61. Para máis información sobre as finanzas, salario e débedas de Mozart, véxase Robbins Landon, páxs. 22 e ss., 38 e s., 56 e ss., 83 e ss., 172, 246 n. 12, 251 n. 5.
  62. Robbins Landon, páxs. 23, 42, 47 e s., 58, 73 e s., 83, 243 n. 12.
  63. 63,0 63,1 Robbins Landon 2005, p. 23.
  64. 64,0 64,1 Stendhal 2000, p. 75.
  65. Robbins Landon, p. 244 n. 15.
  66. Stendhal 2000, p. 76.
  67. 67,0 67,1 67,2 67,3 67,4 67,5 67,6 Hutchings 1986, p. 12.
  68. Einstein, Alfred (1945). Mozart, His Character, His Work (en inglés). Oxford University Press. p. 77. 
  69. Robbins Landon, cap. VI: «Medianoche para los masones».
  70. Robbins Landon, H. C. (1982). Mozart and the Masons. New Light on the Lodge «Crowned Hope» (en inglés). Londres e Nova York. 
  71. Hutchings 1986, pp. 11-12.
  72. 72,0 72,1 Stendhal, cap. I: «De su infancia».
  73. Hutchings 1986, pp. 66-73.
  74. Stendhal 2000, pp. 43-48.
  75. Solomon, sec. 20.
  76. 76,0 76,1 Niemetschek 1956, p. 72.
  77. 77,0 77,1 Robbins Landon 2005, p. 217.
  78. 78,0 78,1 78,2 Sollers, Philippe. Misterioso Mozart (en castelán). tradución de Anne-Hélène Suárez. Barcelona: Alba Editorial. p. 216. ISBN 84-8428-186-8. 
  79. 79,0 79,1 Véxase Lorenz.
  80. 80,0 80,1 80,2 Sollers, cap. II.
  81. 81,0 81,1 Solomon 1995, p. 319.
  82. Robbins Landon 2005, p. 39.
  83. Véxase Sollers.
  84. Solomon 1995, p. 169.
  85. De acordo coa súa tradución idiomática ao inglés proveniente de Schemann, Hans (1997). English-German Dictionary of Idioms. Nova York: Routledge. ISBN 0-415-17254-3. 
  86. 86,0 86,1 Stendhal 2000, p. 68.
  87. Robbins Landon 2005, p. 38.
  88. 88,0 88,1 88,2 88,3 88,4 Grout, p. 629, nota ao pé da ilustración 22.3.
  89. Robbins Landon 2005, p. 173.
  90. Robbins Landon 2005, p. 257 n. 2.
  91. Mozart, Briefe, III, p. 291.
  92. Stendhal 2000, pp. 69-70.
  93. 93,0 93,1 93,2 93,3 Robbins Landon 2005, p. 246 n. 7.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Bibliografía empregadaEditar

Bibliografía adicionalEditar