Canon (música)
O canon é unha peza ou sección dunha composición musical de carácter contrapuntístico baseada na imitachión entre dúas ou máis voces separadas por un intervalo temporal. Unha parte vocal ou instrumental interpreta unha melodía e, uns compases máis tarde, unha segunda voz repite esa mesma melodía de maneira exacta ou ben modificando a súa tonalidade ou outros aspectos. Neste proceso poden participar máis voces. Á primeira voz chámaselle dux, proposta ou antecedente, e a cada unha das voces que lle seguen comes, resposta ou consecuente.[1]
| ||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
O canon achegou un gran beneficio ao estudo do contrapunto, e, en consecuencia, ao desenvolvemento das distintas formas musicais.
Historia
editarNo século XVII, e posteriormente coa obra de Bach, o canon desenvolve todo o seu poder creativo. Durante o período sinfónico e no romanticismo, o canon pasa a segundo plano. A principios do século XX, co neoclasicismo e o serialismo, recobra importancia.
Tipos
editarA enorme variedade de combinacións posibles na imitación das voces no canon deu lugar a un gran número de formas distintas:[2]
Segundo o intervalo de voces
editarCanon ao unísono
editarÉ o tipo de canon que se emprega con máis frecuencia tanto na música vocal como a instrumental. Consiste en colocar as voces imitadoras en unísono ou un número de oitavas por encima ou por baixo da voz principal, manténdose este intervalo até o final.[1][2]
Canons noutros intervalos
editarDe maneira análoga, a voz consecuente pode ser situada a calquera dos intervalos restantes —á segunda superior e inferior, á terceira superior e inferior etc.
Outros
editarCanon circular, infinito ou perpetuus
editarA repetición das voces é estritamente autosemellante, xeralmente deixando un intervalo de tempo entre o comezo de cada parte (o tema e os seus consecuentes). En ocasións pode comezar cun contratema en contrapunto ao tema canónico principal. Ao termo de cada parte estas poden comezar de novo escalonadamente remontándose na súa totalidade as veces que os intérpretes decidan. Na antigüidade adoitaba escribirse sobre un pentagrama circular.
Canon en espiral
editarUn canon en espiral sería unha variante na que en cada volta ou bucle o consecuente modulou con respecto ao tema a unha tonalidade diferente da de partida (por exemplo, un ton por encima) polo que unha execución completa deste tipo de canon consideraríase co número de voltas necesario ata que a voz principal volve alcanzar a tonalidade de partida (de aí o seu nome).
Debido á gran dificultade de contrapor unha voz repetida nunha tonalidade distinta (xa que antes do termo da voz principal, xa modulada, o consecuente aínda segue na tonalidade de partida) son poucos os exemplos deste tipo de canon, sendo o máis famoso o Canon per tonos de Johann Sebastian Bach, presente na súa Ofrenda musical, BWV 1079.
Canon de movemento contrario, ao inverso (per motum contrarium)
editarA repetición do tema canónico ou consecuente interpreta a melodía en sentido contrario interválicamente, mantendo xeralmente o tipo de intervalo diatónicamente, pero por tanto non necesariamente a súa especie.
O consecuente considérase unha imaxe especular interválica ou simetría impar do tema canónico, xa que bastaría con reflectir a partitura paralelamente nun espello para obtelo. O canon histórico chamado O bo rei Venceslau presenta este tipo de repetición.
Canon retrógrado (Canon cancricans)
editarA repetición do tema canónico ou consecuente é interpretada de atrás cara a adiante. Toma o nome cancricans do movemento retrógrado típico do cangrexo, en latín cancer. O tema canónico e o seu consecuente presentan unha imaxe especular temporal ou simetría par, podéndose obter reflectindo a partitura perpendicularmente nun espello.
Canon de mesa
editarA relación entre o tema canónico e o seu consecuente é que este sufriu unha reflexión especular interválica e temporal, polo que é unha mestura dos dous tipos anteriores de canon, contendo ambos os tipos de simetría. Non adoita presentar desfasamento temporal entre o antecedente e o consecuente, comezando ambos á vez. Ás veces a este tipo de canon tamén é nomeado ao espello xa que un canon desta natureza atribuído a Wolfgang Amadeus Mozart recibe o nome Der Spiegel (O Espello en alemán) o que pode prestar a confusión cos tipos anteriores de canon.
Desde un punto de vista estrito, ao reflectir a partitura paralelamente nun espello a lectura do executante seguiría indo de esquerda a dereita e só presentaría o tipo de simetría interválica (canon inverso) e analogamente de forma perpendicular obteríase a inversión temporal do tema (canon retrógrado), polo que o consecuente do canon de mesa non podería considerarse unha imaxe especular do tema canónico de ningún tipo; sería necesario un xiro de 180 graos do tema canónico para poder obtelo. O nome de canon de mesa débese a que cunha soa partitura co tema canónico disposta nunha mesa con dous executantes enfrontados sería suficiente para a lectura de ambos os músicos, tanto para a voz canónica como para o consecuente.
Canon por aumentación (per augmentationem)
editarA repetición do tema canónico ou consecuente aumenta temporalmente unha constante. Por exemplo, nun tema a tempos notado como é habitual a negras, o consecuente respondería a mesma melodía a brancas, indo temporalmente dúas veces máis lento.
Canon por diminución (per diminutionem)
editarA repetición do tema canónico ou consecuente diminúe temporalmente unha constante. Por exemplo, nun tema a tempos notado como é habitual a negras, o consecuente respondería a mesma melodía a corcheas, indo temporalmente dúas veces máis rápido.
Dobre canon
editarConsiste nunha combinación de dúas voces canónicas e os seus consecuentes nunha peza composta polo menos para catro voces.
Canon enigmático
editarDesígnase así a calquera tipo de canon no que o autor non deixou expresamente escrito o tema canónico e os seus consecuentes, se non só o tema principal, e ha de ser o intérprete o que previamente debe buscar en que forma ha de repetirse o tema para que encaixe, decidindo o desfasamento temporal entre as partes, o intervalo, e en ocasións o tipo (dos anteriormente mencionados).
Ofrenda musical
editar- Artigo principal: Ofrenda musical, BWV 1079.
A obra Ofrenda musical, BWV 1079 de Johann Sebastian Bach é un dos expoñentes da creación de case todos os tipos de canons coñecidos. Por exemplo, ademais das fugas (chamadas nesta obra Ricercare, do italiano) a tres e seis voces contaría cun canon dos seguintes:
- Tres naturais, un á oitava, outro a un intervalo de quinta (epidiapente) e un terceiro ao unísono, usando o Tema Rexio en contraposición a voz canónica e o seu consecuente.
- Retrógrado, baseado no Tema Rexio.
- Circular (por tons), co Tema Rexio en contraposición a voz canónica e o seu consecuente.
- Por movemento contrario, co Tema Rexio en contraposición a voz canónica e o seu consecuente.
- Por movemento contrario, en contraposición a voz canónica e o seu consecuente.
- Por aumentación e en movemento contrario, en contraposición a voz canónica e o seu consecuente.
- Un canon enigmático, cuxa resolución pode establecerse de varias formas todas elas coherentes.
Ademais dita obra conta cunha sonata para violín, frauta e baixo continuo, que aínda que non sexa en repetición canónica estrita, contén multitude de repeticións canónicas entre os instrumentos solistas. É un feito remarcable que o tema principal de cada movemento nesta sonata é unha variación do Tema Rexio, contraposto a temas secundarios seguindo a forma sonata barroca.
Gödel, Escher, Bach: an Eternal Golden Braid
editar- Artigo principal: Gödel, Escher, Bach: an Eternal Golden Braid.
No libro de Douglas Hofstadter Gödel, Escher, Bach: an Eternal Golden Braid (en galego, Gödel, Escher, Bach: un Eterno e Grácil Bucle) é recorrente o paralelismo que fai o autor entre o concepto de bucle estraño entre un sistema formal e a autorreferencia nos seus niveis de metalinguaxe e os bucles dun canon coas súas repeticións, así como a autosimilitude que se dá nun fractal.
Notas
editarVéxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Benjamin, Thomas: The Craft of Tonal Counterpoint. Routledge, 2003. ISBN 0-415-94391-4 (Google libros)
- Kennedy, Michael (ed.): «Canon» en The Oxford Dictionary of Music. Oxford University Press, 1994. ISBN 0-19-869162-9
- Mann, Alfred; Wilson, J. Kenneth & Urquhart, Peter: "«Canon (i).» en Grove Music Online. (consultado o 02-01-2011).
- Sanders, Ernest H.: «Rota» en New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Londres: Macmillan, 2001.
- Sanders, Ernest H.: «Sumer is icumen in» en New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Londres: Macmillan, 2001.
- White, John David: The Analysis of Music. Prentice-Hall, 1976. ISBN 0-13-033233-X
Ligazóns externas
editar- «Anatomy of a Canon» Arquivado 18 de xuño de 2012 en Wayback Machine. en Northern Arizona University, por Timothy A. Smith (en inglés).