Ictericia
A ictericia[1] é a coloración amarelada da pel e mucosas por mor dun aumento da bilirrubina (valores normais de 0,3 a 1 mg/dl) que se acumula nos tecidos, sobre todo aqueles con maior número de fibras elásticas (padal, conxuntiva).
Ictericia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
DiseasesDB | 7038 |
MedlinePlus | 003243 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Faise clinicamente evidente cando a bilirrubina é maior de 2.5 mg/dl. Este aumento pode ser a expensas da fracción non conxugada ou "indirecta" da bilirrubina (BI); esta é liposoluble e non se filtra polo ril, polo que non aparece coluria. Cando o aumento é a expensas da bilirrubina conxugada ou "directa" (BD), ó ser esta hidrosoluble, fíltrase polo ril, aparecendo coluria. Pode haber aumentos de ambas as fraccións e fálase entón de hiperbilirrubinemia mixta. A bilirrubina non conxugada é a relacionada coa ictericia prehepática e non hai coluria nin acolia, mentres que a bilirrubina conxugada está relacionada coa ictericia hepática e poshepática.
Fisioloxía
editarA ictericia por si mesma non é unha doenza, senón un signo clínico externo dun proceso patolóxico subxacente que ocorre nalgún punto da vía fisiolóxica normal do metabolismo da bilirrubina, polo que para comprender como se xera a ictericia é importante coñecer o metabolismo desta substancia no organismo.
Cando os glóbulos vermellos completaron o seu ciclo vital normal (uns 120 días), ou cando están danados, as súas membranas vólvense fráxiles e creban doadamente. A medida que atravesan os órganos do sistema reticuloendotelial (os ganglios linfáticos e o bazo), os glóbulos vermellos fráxiles rompen, e o seu contido celular, incluíndo a hemoglobina (a molécula que transporta o osíxeno), libérase no sangue. Os macrófagos fagocitan a hemoglobina, degradándoa nos seus compoñentes: a globina e o grupo hemo. A globina é un fragmento proteico que se degrada en aminoácidos e non ten ningún efecto no desenvolvemento da ictericia. O grupo hemo sofre dúas reaccións:
- primeiro unha oxidación catalizada pola encima microsomal hemo-oxigenasa, producíndose biliverdina (un pigmento de cor verde), ferro e monóxido de carbono.
- o seguinte paso é a redución da biliverdina pola encima citosólica biliverdina reductasa nun pigmento tetrapirrólico de cor amarela, a bilirrubina. Cada día xéranse aproximadamente 4 mg por kg de bilirrubina.
A maior parte da bilirrubina provén da ruptura do grupo hemo dos glóbulos vermellos degradados como se indicou. Porén, aproximadamente o 20 % provén doutras fontes de grupos hemo, incluíndo eritropoese defectuosa e a ruptura doutras proteínas con grupos hemo, como a mioglobina do tecido muscular e os citocromos.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ictericia.