A cor branca na cultura popular galega
Como resulta común noutras culturas próximas, a cor branca representa en Galicia a inocencia e a pureza, e de aí, por exemplo, que as meniñas na súa primeira comuñón ou as noivas na voda vistan de branco. Pola mesma razón, visten de branco os meniños que morren e incluso o seu cadaleito é da mesma cor.
Abreuse a porta da casa e saíu primeiro un ataúde branco con guirindolas de frores. Dispois asomou Pedriño co hábito verde [...], na man o varal frorecido do santo.CASTELAO: Os dous de sempre
Xa na antigüidade grega e romana, os bois que se sacrificaban ós deuses eran sempre brancos, e se non o eran totalmente, abrancazábanse con creta; no caso de que o oferente non tivese medios para sacrificar un boi de verdade, ofrecía un feito de fariña ou cera. Cando Zeus se transformou en touro para raptar Europa, fíxoo nun touro espectacularmente branco. Non sabemos de que cor serían os animais que se inmolasen en Galicia, pero hai constancia da crenza de que os animais de pel escura son de máis forza cós outros, segundo Álvarez Giménez [1].
Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de bolboretas. Cando se ve unha bolboreta branca voando ó redor dunha luz, crese que é unha ánima redimida que vén dar algún aviso ós vivos, como tal o anuncio de boas novas de familiares ausentes (se for negra, trataríase dunha ánima aínda en pena e, popularmente, crese que vén anunciar unha desgraza) [2].
Eladio Rodríguez recolle outra vella crenza do folclore galego segundo a cal un año branco serve para recuperar eses tesouros que a lenda disque agocharon os mouros baixo os castros ou nalgúns lugares máxicos. Estes tesouros están protexidos por estes seres mitolóxicos e, para desencantalos, hai que entregarlles un año branco, sen mancha ningunha. López Cuevillas engade que hai mouros tan malignos que esixen que o tal año teña os dentes negros, coma se non soportasen a brancura perfecta.
Lis Quibén di que, para cura-la úlcera, en Mourente (Pontevedra) atan nove xuncos en tres feixes: tres xuncos cun fío branco, tres cun fío amarelo e outros tres cun fío verde. Póñenos en cruz sobre a ferida e recitan o ensalmo, repetindo a oración durante 18 días seguidos. Tamén, que a baba dunha lesma branca –puntualiza: nunca negra- serve para cura-las espullas das mans: unha vez fregadas as mans coa baba da lesma, crávase esta nun pau e espíchase no chan, e segundo vai secando a lesma, van curando as espullas.
A cor branca no léxico
editarNumerosos obxectos, plantas e animais desígnanse co cualificativo branco/branca para resalta-la cor branca ou máis clara cá normal, marcando a diferenza fronte ó mesmo concepto máis común noutra cor ou no que predomina outra cor. Así temos, por exemplo:
- chopo branco (Populus alba).
- andoriña de cu branco (Delichon urbica), pola mancha branca na base do rabo.
- berberecho branco (Cerastoderma edule)
- branco da árbore, a parte máis clara e branda do tronco das árbores, xusto debaixo da cortiza. Tecnicamente denomínase albura.
- branco da uña, faixa branca, arqueada, que pode verse no nacemento das uñas da man.
- branco do dente, o esmalte que cobre a coroa dos dentes.
- branco do ollo, esclerótica, capa exterior branca opaca do ollo, cuberta pola conxuntiva transparente.
- branco do ovo, a clara do ovo.
- cabeza branca, calvo.
- caldo branco, o que non leva verduras.
- canizo branco (Halimione portulacoides), pequeno arbusto de zonas dunares ou cubertas durante a pleamar, con abundante pilosidade branca sobre as follas.
- carne de branco, carne de vacún, por oposición á de porco
- cazón branco, nome común a distintos peixes selacios (Galeus galeus, Mustelus mustelus).
- cebada branca, di Sarmiento que así chamaban en terras de Lugo á cebada castelá.
- carballo branco, carballo albar (Quercus petraea), variedade de carballo. Por veces dáselle este nome ó carballo común (Q. robur).
- chourizo branco, en Monterroso, chourizo feito unicamente con carne.
- cuco branco, variedade de feixón que ten unha mancha negra no punto onde se une coa vaíña.
- curuxeira de ollo branco, variedade de castaña de casca abrancazada.
- espiño branco, espiño albar, arbusto arborescente máis coñecido como estripo (Crataegus monogyna).
- faba branca, variedade de faba.
- feo branco (Holcus lanatus), herba gramínea presente nalgúns prados.
- flores brancas, o fluxo vaxinal branco, tecnicamente leucorrea.
- Surbia (Veratrum album), planta herbácea de rizoma carnoso.
- herba branca, denominación xenérica do feo dos prados, que se sega e garda seca para alimenta-lo gando.
- longueirón branco (Ensis ensis), Navalla. No galego exterior (As Figueiras) aguillolo branco.
- manto branco. Constantino García recólleo en Ramirás e só a describe como planta alta, de hojas carnosas.
- meimendro branco (Hyoscyamus albus), planta de grandes follas cubertas de tomento branco.
- ourizo branco, tipo de ourizo.
- pan branco, pan albeiro, o feito con fariña triga.
- pancho branco (Pagellus bogaraveo), peixe semellante ó ollomol, de menor tamaño.
- pataca branca, variedade de pataca, de carne amarelada clara.
- peixe branco, peixe cun baixo contido en graxa. O antónimo sería peixe azul.
- polbo branco (Eledone aldrovandii), semellante ó polbo común pero menos cotizado.
- roupa branca, denominación xenérica da roupa interior, que se adoitaba facer con lenzo (tea de liño ou de algodón). Aplícase tamén á roupa de cama (sabas e almofadas) e á de servizo de mesa (manteis e panos de mesa). A brancura nunha casa é moita regalía. Nesta acepción, o adxectivo chegou a tomar valor de substantivo, e así chámase brancura ou albura ó enxoval que a noiva achega ó matrimonio.
- salgueiro branco (Salix alba).
- tomiño branco (Thymus mastichina), variedade de tomiño.
- toxo branco (Ulex europaeus), o toxo común ou toxo arnal.
- trevo branco (Trifolium repens), variedade de trevo.
- uz branca, uz brancal, uz albariña (Erica sp.), variedade de uz de flor branca.
- viño branco.
- xesta branca (Cytisus multiflorus), variedade de xesta coa flor branca. Tamén se lle dá este nome á xesta femia, xesta molar ou xesta mansa (Cytisus striatus).
- xunco branco (Rhynchospora alba).
-
Branco da árbore
-
Trevo branco
-
Viño branco
Xaquín Lorenzo recolle o nome substantivado de branco para o becerro criado só a leite, sempre envetillado para que non coma herba e conseguir que a súa carne sexa branca; e para o tratante que merca becerros e que os mata para vende-la carne [3]. Cómpre lembrar que, en xeral, se chama carne branca á procedente de aves de curral ou coello, fronte ás carnes vermellas que se aplican ás procedentes do porco, ovino ou vacún.
Ríos Panisse recolleu en Portonovo, marcándoo como identificación dubidosa, o nome de blancón para a beluga (Delphinapterus leucas) un cetáceo de cor completamente branca. Tendo en conta que a beluga é exclusiva de augas polares e que nunca se achega ás áreas de persca dos mariñeiros galegos, máis probable é que se aplique ó delfín gris (Grampus griseus), de cor cinsenta, moito máis clara cá doutros cetáceos habituais nas nosas costas.
Na fraseoloxía
editar- Branco coma o ampo da neve: extremadamente branco.
- Dar carta branca a alguén: dar plena liberdade a outro, autorizarlle para facer e desfacer.
- Dar no branco: alcanza-lo obxectivo buscado, acertar plenamente na opción escollida.
- De punta en branco: elegantísimo dos pés á cabeza.
- Deixarlle a un en branco: enganalo, rompe-las esperanzas.
- En branco: nin escrito nin impreso.
- Facer do branco negro: da-la volta ás cousas, terxiversa-lo que se dixo.
- Firmar en branco: deposita-la máis absoluta confianza noutra persoa.
- Máis branco que a cera: pálido, enfermizo.
- Pasa-la noite en branco: non dormir absolutamente nada.
- Pasar en branco algunha cousa: non reparar nin mencionar algunha cousa.
- Poñe-los ollos en branco: sufrir un desmaio e revira-los ollos.
No refraneiro
editar- A branca, con frío, non vale un figo; a negra, nin figo nin breva.
- Da ovella branca nace un año negro.
- Da ovella negra nace un año branco.
- Gando branco, nin no pasto nin no banco.
- Negra é a pimenta, e cómena os fidalgos; e branca é a neve, e trípana os cabalos.
- Non come o lobo besta branca
- Non hai branca sin chata nin morena sin gracia.
- O branco encobre moitas faltas.
- O leite é branco pero sae negro.
- Onde hai branco tamén hai negro.
No cantigueiro
editar- Aprendín a cazador/ nos montes de Salamanca;/ agora xa vou cazando/ lebres de cabeza branca.
- Eu, cantar, cántoche ben,/ gracia non che teño moita,/ téñoche un burriño branco/ pra botar a quen me escoita.
- Heiche de dar o boi branco/ e mais a vaca marela/ e mais a filla mais nova/ para que cases con ela.
- Miña nai e maila túa/ van á feira a Paradela/ vende-lo becerro branco/ e maila vaca amarela.
- Nosa Señora da Barca/ ten uns zapatiños brancos,/ as mozas de Camariñas/ vanllos ver os días santos.
Nas adiviñanzas
editar- Branco como papel,/ doce como mel,/ amargo como fel [4].
- Ó mundo negro/ visto de branco/ cando os paxaros/ chían no campo.[5].
- Nace branco coma o leite,/ despois verde coma a herba,/ despois rubio coma o sangue/ e leva no cu unha verga.[6].
- Nace branco coma o leite,/ despois verde coma a herba,/ e despois ten unha verga no cu/ e adiviña tu.[6].
Notas
editar- ↑ No mesmo senso, a Enciclopedia Espasa, s.v. leche, atribúe á época romana a crenza de que se recomendaba la leche de burra y también la de vaca negra porque el animal de este pelaje pasaba por más vigoroso.
- ↑ Risco engade que No caso das avelaíñas ou volvoretas tense lembrado, con razón, a psíquis grega, coa súa significación orixinal de volvoreta, forma en que as almas saían dos corpos, asegún os antigos gregos (Risco: 419).
- ↑ Antonio Blanco Rodríguez explica que este nome de brancos lles vén do mandil branco que usan: O gremio dos 'tablaxeiros' ou carniceiros [de Allariz], que montaban os seus postos na praza dos Brancos, así chamada polos mandís desa cor que adoitaban levar, non só doaban os bois do Corpus senón tamén o de san Xoán".
- ↑ Solución: o coco.
- ↑ Solución: a neve.
- ↑ 6,0 6,1 Solución: a cereixa.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra 1904.
- BLANCO RODRÍGUEZ, Antonio: “A festa do Boi na historia de Allariz” en A. C. FUNDACIÓN XAN DE ARZÚA: Festa do Boi en Allariz desde 1317. Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2003.
- BOUZA BREY, Fermín “Cantigas populares da Arousa”, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
- LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: “Etnografía: cultura material” en Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.). vol. II. Ed. Nós, Buenos Aires 1962. Reedición Akal, Madrid 1979.
- MARTÍN, Paco: ¿Que cousa é cousa...? Libro das adiviñas. Galaxia, Vigo 1985.
- PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña. Biblioteca de las Tradiciones Populares Españolas VII, 1885; IX, 1886; XI, 1886. Reed. facs. Akal, Madrid 1979.
- RISCO, Vicente: “Cultura espritual”, en Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.). vol. I. Ed. Nós, Buenos Aires 1962. Reedición Akal, Madrid 1979.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos, Compostela 1933.