Salgueiro branco

especie de planta
Salgueiro branco

Follaxe do salgueiro branco.

Ilustración de Salix alba.
Ilustración de Salix alba.

Estado de conservación
Non ameazado
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Malpighiales
Familia: Salicaceae
Xénero: Salix
Especie: S. alba
Nome binomial
Salix alba
L.

O salgueiro branco[1] (Salix alba) é unha especie de salgueiro (familia das salicáceas) de rápido crecemento nativa de Europa e do oeste e centro de Asia.[2][3] O nome deriva do ton abrancazado do envés das súas follas. Desta especie obtense o ácido salicílico usado na menciña. É unha árbore común nas ribeiras galegas.

O vimieiro dourado (Salix alba 'Vitellina') é unha variedade desta árbore de pólas douradas común nos prados galegos para tirar os vimes, coma ocorre co vimieiro común.

Descrición

editar

É unha árbore de folla caediza de mediano ou gran tamaño que pode acadar os 30 m de altura, cun toro que chega ao metro de diámetro e cunha copa irregular. A casca é pardo cinsenta cunhas fendas profundas nos exemplares vellos. Os gomos acostuman ser pardo cinsentos ou pardo verdosos. As follas son máis pálidas cás doutros salgueiros por mor da camada de peluxe que cobre as follas especialmente polo envés; son duns 5–10 cm de longo e 0,5-1,5 cm de largo. As flores prodúcense cedo na primavera en candeas, e son polinizadas por insectos. É unha especie dioica, con candeas (amentos) masculinase femininas en árbores separadas; as candeas masculinas teñen 4–5 cm de longo, as femininas 3–4 cm de longo durante a polinización, alongándose cando o froito vai chegando. Na maduración, a mediados do verán, as candeas femininas comportan numerosas cápsulas miúdas duns 4 mm, con cadansúas numerosas sementiñas que incorporan unha especie de peluxe abrancazada que facilita o espallamento co vento.[2][3][4]

Distribución

editar

Áchase en zonas temperadas, como o centro e sur de Europa, o norte de África e o oeste asiático, aínda que, en menor medida, tamén se pode ver en América do Norte. Cómpre de lugares húmidos e lameiros, e non atura as temperaturas extremas. En Galiza é común na beira dos ríos e regueiros de todo o país.

Doenzas

editar

Por mor a que medra axiña está exposto a enfermidades que acurtan a súa vida, como a antracnose, causada polo fungo Marssonina salicicola, e a marca de auga, causada pola bacteria Brenneria salicis. Estas doenzas poden supor un gran problema en leiras de cultivo e en exemplares utilizados coma árbores ornamentais.

 
Extracto de Salix alba.

A súa madeira é flexíbel e pouco densa, e se emprega para fabricar mistos, entre outros trebellos.

Usos medicinais

editar

Hipócrates escribiu no século V a. C. acerca dunha substancia agre extraída do salgueiro branco e que podía calmar as dores e amainar a febre. Os nativos indios americanos xa a usaban antigamente para as dores de cabeza, febres, dores musculares, e reumatismos. Máis tarde, no ano 1763, o reverendo Edward Stone comprobou que, efectivamente, o salgueiro branco diminuía a febre. A casca do salgueiro branco contén unha substancia chamada salicina, da que se obtén o ácido salicílico, predecesor da actual aspirina. A salicina reduce a sensación de dor e, ademais de propiedades analxésicas, posúe propiedades antiinflamatorias, e antipiréticas.

Taxonomía

editar

Salix alba foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 2: 1021-1022, no ano 1753.[5]

Híbridos e variedades

Forma híbridos naturais co salgueiro irto (Salix fragilis), dando como resultado Salix × rubens Schrank. Un número de salgueiros brancos cultivados e híbridos foron seleccionados para uso na silvicultura e horticultura:

  • O salgueiro de bate de crícket (Salix alba 'Caerulea'), ou simplemente chamado salgueiro inglés, é especialmente cultivado na Gran Bretaña para a extracción da súa madeira, non soamente para a produción de bates de crícket, mais tamén para outros usos onde son necesarias madeiras leves que non rachen facilmente. A súa principal característica é ter un crecemento rápido cun único toro recto, e tamén por posuír follas estreitas e longas (10–11 cm de longo, 1,5–2 cm de largura) cunha cor mais azul esverdeada. A súa orixe é descoñecida, mais pode ser tamén un híbrido entre o salgueiro branco e o irto (Salix fragilis).
  • O salgueiro chorón dourado (Salix × sepulcralis 'Chrysocoma', sin. Salix 'Tristis') é un híbrido entre o salgueiro branco e o salgueiro chorón (Salix babylonica) ou o salgueiro tortuoso (Salix matsudana).
  • O vimieiro dourado (Salix alba 'Vitellina' (L.) Stokes[6][7] é unha especie cultivada moi común en Galiza, de pequeno tamaño e pólas amarelo-arroibadas que se empregan para tirar vime. Tamén é empregada coma ornamental en xardíns británicos polos gomos amarelos dourados durante 1-2 anos, antes de tornárense castaños. Son especialmente decorativos no inverno (moi comúns na paisaxe galega); un mellor efecto é conseguido ao podar a árbore a rente do chan cada dous ou tres anos para estimular a produción de gomos novos e máis longos con mellores cores. Outros dous cultivares similares, o 'Britzensis' e o 'Cardinal', teñen gomos laranxa avermellados. Unha variedade ornamental é tamén o salgueiro tristeiro S. alba ssp. vitellina "Tristis"
 
O salgueiro chorón dourado é un híbrido entre o salgueiro branco e o salgueiro chorón común (Salix babylonica)

.

Sinonimia

Salix sepicola Gand.[8]
Salix leucophora Gand.[8]
Salix fausta Gand.[8]
Salix vitellina L.[6]

  1. https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm?
  2. 2,0 2,1 Meikle, R. D. (1984). Willows and Poplars of Great Britain and Ireland. BSBI Handbook No. 4. ISBN 0-901158-07-0.
  3. 3,0 3,1 Rushforth, K. (1999). Trees of Britain and Europe. Collins ISBN 0-00-220013-9.
  4. Mitchell, A. F. (1974). A Field Guide to the Trees of Britain and Northern Europe. Collins ISBN 0-00-212035-6
  5. Salgueiro branco en Trópicos
  6. 6,0 6,1 Catálogo de la vida Arquivado 17 de novembro de 2007 en Wayback Machine. (en ingés)
  7. http://www.theplantlist.org/tpl/record/tro-28300135 Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Salgueiro branco en PlantList]
  8. 8,0 8,1 8,2 Sinonimia de Salix albaen Tela Botanica (en francés)

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar