Analxésico
Un analxésico é un medicamento que produce analxesia, é dicir, que se utiliza para eliminar ou calmar a dor,[1] ben sexa de cabeza, muscular, artrítica ou outras.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Existen diferentes tipos de analxésicos e cada un deles ten as súas vantaxes e os seus riscos ou inconvenientes.
Aínda que o termo analxésico pódese usar para calquera substancia, é dicir, para calquera medio que reduza a dor, xeralmente refírese a un elemento dun conxunto de fármacos, de familias químicas diferentes, que eliminan ou calman a dor por diferentes mecanismos.
Etimoloxía
editarO termo analxésico, usado como adxectivo ("relativo ou pertencente á analxesia", e "que suprime ou diminúe a sensibilidade á dor"), e como substantivo ("medicameento que suprime ou calma a dor"), formouse, como é habitual en galego para moitos adxectivos e susbtantivos derivados, a partir da raíz do substantivo analxesia, coa adición do elemento ´-ico.[2]
En canto a analxesia é un termo que se adoptou contra 1700 no latín dos médicos, calco do grego antigo ἀναλγησία analgēsia, "insensibilidade" (de ἀν- an-, "partícula privativa", "non", e ἀλγείν algeín ou ἀλγέω algeō, "sentir dor", "ter dor".[3]
Clasificación
editarAntiinflamatorios non esteroideos
editarOs antiinflamatorios non esteroideos (AINE) son un grupo heteroxéneo de fármacos, cuxo representante máis coñecido é o ácido acetilsalicílico (coñecido co nome comercial rexistrado de aspirina®.
Estes analxésicos actúan sobre todo inhibindo ás enzimas chamadas ciclooxixenases, cruciais para a produción de prostaglandinas, substancias mediadoras da dor. Corresponden ao chamado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) primeiro chanzo analxésico,[4] canda o paracetamol (AINE carente de efectos antiinflamatorios).
Ademais da súas propiedades analxésicas, os AINE son antipiréticos, antiinflamatorios e, algúns, antiagregantes plaquetarios.
Porén, teñen o inconveniente de que non se pode superar unha dose de tolerancia ou teito terapéutico debido aos graves efectos adversos, como poden ser as hemorraxias.
Opiáceos menores
editarSon un grupo de substancias, a maioría sintéticas, que imitan, con menor poder analxésico, a acción dos opioides. Corresponden ao segundo chanzo analxésico da OMS.[4]
Opiáceos maiores
editarSon un grupo de fármacos, uns naturais (opiáceos), como a morfina, e outros artificiais (opioides), como o fentanilo, que actúan sobre os receptores opioides das neuronas do sistema nervioso, imitando o poder analxésico dos opiáceos endóxenos.[5]
Son os fármacos analxésicos máis potentes coñecidos e corresponden ao terceiro chanzo analxésico da OMS.[4] Pódense asociar e potencian a súa acción cos AINE, pero non é bioloxicamente correcto asocialos a opiáceos menores.
Os opiáceos maiores non presentan teito terapéutico, polo que se pode aumentar a dose segundo a presenza de dor e a tolerancia do paciente. Presentan o inconveniente de que son substancias estupefacientes, e deprimen o sistema nervioso central nas primeiras doses.
Outros
editarO ziconotide é un fármaco que non é nin opioide, nin un AINE, e tampuoco un anestésico local. Úsase no tratamento das dores crónicas.
Fármacos coadxuvantes
editarSon fármacos que, aínda que non son analxésicos cando se administran illadamente, potencian a acción de calquera analxésico en asociación. Entre os fármacos coadxuvantes analxésicos encóntranse os:
- Corticoides.
- Antidepresivos, sobre todo os antidepresivos tricíclicos.
- Anticonvulsivantes, sobre todo na dor neuropática.
O efecto placebo
editarAínda que non se poden incluír dentro do grupo dos analxésicos, o placebo, é dicir, o efecto placebo ou alivio da dor en ausencia dun tratamento coñecido bioloxicamente como activo, é capaz de activar áreas cerebrais implicadas no alivio da dor, provocando cambios físicos na maneira na que o cerebro responde á dor, visíbel en resonancia magnética funcional, polo que está demostrado que a confianza que deposita o doente nun tratamento, mellora os resultados do mesmo. Pese a todo, ningunha fase do tratamento da dor pasa pola utilización de placebos, porque non é ético.
Efectos adversos
editarOs analxésicos son medicamentos que poden causar dependencia física e mesmo poden, posibelmente, levar á morte se son administrados en exceso. O seu uso abusivo tamén pode provocar efectos colaterais, como hipertensión, gastrite e hepatite.[6]
Non é recomendabel o uso destas drogas por conta propia (compo tampouco o é a de calquera outro medicamento. Outras clases de drogas, que normalmente non son consideradas analxésicos, úsanse para tratar síndromes de dor neuropáticas. Estas inclúen antidepresivos tricíclicos e anticonvulsantes.
A aspirina pode inhibir a produción de prostaglandinas, substancias que protexen a mucosa gástrica (do estómago) e os riles, favorecendo así a produción de hemorraxias e úlceras gástricas.[6]
O paracetamol en doses maiores de 10 g/día pode causar hepatite medicamentosa.[6]
Moitos analxésicos conteñen altas cantidades de cafeína. Por iso, a súa falta pode causar a "cefalea de retirada" e, así, é necesario o consello médico para a retirada desas drogas.[6]
Lista dos principais analxésicos
editarAnalxésicos
|
Notas
editar- ↑ analxésico no Dicionario da RAG.
- ↑ analxésico -a no Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN 978-84-9914-071-1.
- ↑ analgesia (n.) no Online Etymology Dictionary.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Leone 2007, p. 91.
- ↑ Fitzal 1994, pp. 290–295.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Botelho, Rachel. (27 de maio de 2010). Analgésico pode levar a "vício" psíquico. Folha de S. Paulo.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Analxésico |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Analxésico |
Bibliografía
editar- Fitzal, S. (1994): "Medikamentöse Therapie, Inhalationstherapie". En: J. Kilian, H. Benzer & F. W. Ahnefeld (Editores): Grundzüge der Beatmung, 2ª ed. Berlin: Springer. ISBN 3-5405-7904-4.
- Leone, Salvino (2007): Nati per soffrire? Per un'etica del dolore. Roma: Città Nuova Editrice. ISBN 978-88-3112-672-4.
- Melchert, H. U.; H. Knopf, E. Pabel, M. Braemer-Hauth & Y. Du (2001): "Co- and multimedication in users of ASA and vitamin E drugs in the Federal Republic of Germany. Results of the Federal Health Surveys 1984–1999". Int. J. Clin. Pharmacol. Ther. 39 (11), pp. 488–491. Resume.
- Sarganas, G.; A. K. Buttery, W. Zhuang, I. K. Wolf, D. Grams, A. S. Rosario, C. Scheidt-Nave & H. Knopf (2015): "Prevalence, trends, patterns and associations of analgesic use in Germany". BMC Pharmacol Toxicol. 16 (28).
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Analgésicos. Principios activos, información sobre medicamentos para profesionais da saúde, no sitio web Farmanuario (en castelán).
- Medicamentos esenciales. 14ª edición (marzo de 2005). Lista Modelo de la OMS Ver: 2. ANALGÉSICOS, ANTIPIRÉTICOS, ANTIINFLAMATORIOS NO ESTEROIDEOS (AINE) (en castelán).