Corticosteroide

(Redirección desde «Corticoide»)

Os corticosteroides ou corticoides (do latín cortex, -ĭcis 'cortiza') son unha variedade de hormonas do grupo dos esteroides (producida polo córtex das glándulas suprarrenais) e os seus derivados.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Os corticosteroides están implicados nunha variedade de mecanismos fisiolóxicos, incluíndo aqueles que regulan a inflamación, o sistema inmunitario, o metabolismo de hidratos de carbono , o catabolismo de proteínas, os niveis electrolíticos en plasma e, por último, os que caracterizan a resposta fronte ao estrés.

Estas substancias poden sintetizarse artificialmente e teñen aplicacións terapéuticas, utilizándose principalmente debido ás súas propiedades antiinflamatorias e inmunosupresoras e aos seus efectos sobre o metabolismo.

Uso clínico

editar

Os corticoides son moi empregados na medicina actual, xa que melloran os síntomas e prognóstico de moitas enfermidades. En termos xerais, moitas das enfermidades inflamatorias son tratables con corticoides, xa sexan en forma intravenosa ou oral. Enfermidades coma a asma, EPOC e outras enfermidades do aparello respiratorio son tratadas habitualmente con corticoides inhalados coma budesonida ou fluticasona.

Nas enfermidades inmunolóxicas tamén son un piar importante por mor do seu efecto antiinflamatorio e linfolítico. Os corticoides producen a morte dos linfocitos T, responsables de moitas enfermidades autoinmunes.

Tamén se empregan en certos tipos de cancro e nas metástases, xa que diminúen a inflamación e a masa tumoral. Moitas enfermidades cutáneas de diferente natureza responden a tratamentos tópicos con corticoides.

No caso dos fetos, a betametasona atravesa a placenta e induce a maduración pulmonar ao estimular a proliferación de pneumocitos tipo II, responsables da síntese de surfactante pulmonar.

Efectos secundarios

editar

Dada a súa actividade a diversos niveis, poden producir numerosos efectos secundarios, especialmente en tratamentos crónicos a altas doses:

  • No sistema inmune: producen unha inmunosupresión que pode ser severa, aumentando o risco de infeccións oportunistas e de neoplasias.
  • No metabolismo: producen un incremento na resistencia periférica á insulina e un aumento do peso corporal cunha maior retención de líquidos. Poden producir redistribución da graxa corporal, acumulándoa na caluga e no abdome. Na faciana aparece un aspecto en "claro de lúa" pola retención de auga.
  • Nos nenos, pode producir alteracións no crecemento por alteración da cartilaxe e do tecido óseo.
  • A nivel cardiovascular poden producir hipertensión arterial por un efecto mineralocorticoide.
  • A nivel muscular poden producir debilidade.
  • A nivel cutáneo poden aparecer estrías violáceas por ruptura de pequenos vasos subcutáneos.