Crícket
O crícket[1] é un xogo de equipo que se xoga entre dous grupos de once xogadores cada un. Orixinouse, na súa forma moderna, en Inglaterra no século XVI e xa a fins do XVIII era o deporte nacional, e é popular principalmente nos países pertencentes á Commonwealth realizándose competicións internacionais a partir de mediados do XIX, formándose o International Cricket Council en 1909.
Nalgúns países do sur de Asia, como a India, Paquistán, Bangladesh e Sri Lanka, o crícket é o deporte máis popular. Polo número de espectadores o crícket, en especial na forma test cricket, é o segundo deporte máis visto logo do fútbol.
HistoriaEditar
As orixes do crícket son incertas e deron lugar a multitude de especulacións. A maioría dos investigadores afirma que o crícket foi inventado por nenos das comunidades situadas entre Kent e Sussex na Idade Media. Tamén se teñen datos dun deporte semellante, chamado creag, que practicaba o príncipe Edward de Nawenden en 1300.
Outra reivindicación foi a influencia flamenga. Paul Campbell, profesor da Australian National University de Canberra, descubriu un poema que data de 1533, atribuído a John Skelton, célebre poeta e dramaturgo da época que supón a primeira referencia coñecida do xogo do crícket.[2] Nel, Skelton refírese aos flamengos como os reis dos crekettes, paus curvados que empregaban os pastores e usaban os tecedores para golpearen unha bóla.
Contra 1550 xa se xogaba nalgunhas escolas e no século XVII o crícket expandiuse polo sur de Inglaterra, onde se xogaban partidos organizados con 11 xogadores por bando.[3] A finais do século XVIII xa era o deporte nacional do país. Coa creación do Marylebone Cricket Club (MCC) fixáronse as regras e supervisouse o xogo ata 1959. Máis tarde fixéronse algúns cambios e organizouse a primeira Copa do Mundo en 1975.
Dinámica do xogoEditar
Xógase nun campo de herba, de tamaño e forma variable pero o normal é que sexa oval e teña un diámetro de entre 137 e 150 metros, o seu perímetro coñécese como boundary (fronteira), claramente marcado habitualmente con pintura, cordas ou incluso conos nos partidos de afeccionados. Antes do partido comezar os dous capitáns lanzan unha moeda a cara ou cruz para decidir quen batea ou quen lanza primeiro. O capitán que gaña a cara ou cruz fai a súa decide segundo consideracións tácticas que teñen en conta o campo e o tempo que vai. A acción principal desenvólvese nunha área especialmente preparada do campo que xeralmente está no seu centro, denomínase pitch. A cada lado do pitch a vinte metros sitúanse os wickets que é cara onde debe tirar o lanzador e que defende un bateador. Un partido divídese en entradas (innings), nunha entrada, un equipo batea, mentres o outro lanza a bóla (bowling) e garda o campo (field). O equipo bateador é o que anota as carreiras. Os bateadores xogan por parellas, un nun extremo da cancha, dende onde se batea (striker end), e o outro dende onde se lanza a bóla. O bateador que se atopa nese momento no striker end debe batear a bóla o máis lonxe posible para que lles dea tempo, a ámbolos dous bateadores, correr ao outro extremo antes de que se devolva a bóla. O obxectivo último de cada equipo é eliminar os 10 wickets adversarios, ou se isto é imposible anotar máis carreiras que o seu rival.
Nos encontros profesionais hai 15 persoas no campo mentres se xoga o partido, dúas son os árbitros (umpire), que regulan toda a actividade no campo de xogo, o equipo que debe marcar os puntos dispón de dous xogadores, os bateadores, o que fai fronte ao lanzamento denomínase striker, os seus postos pódense intercambiar; o equipo contrario conta con once xogadores, un é o lanzador, outro o wicket-keeper e os outros nove son os xogadores de campo (fielders).
O bateEditar
Segundo o regulamento o bate ten que estar feito de madeira (tipicamente de salgueiro branco) agás o seu mango, que pode ser de cana e madeira.[4] A súa lonxitude non poderá exceder os 965 mm cunha largura máxima de 108 mm.[5] Non está estipulado o seu peso, aínda que adoita ser de 1,1 a 1,4 kg.
A pelotaEditar
A pelota de crícket é maciza e de tamaño similar á de tenis. Posúe un núcleo de cortiza recuberto por varias capas de corda, e sobre estas dúas pezas semiesféricas de pel curtida unidas por unha tira do mesmo material, cosida a elas a man.
Tipos de encontrosEditar
Un partido de crícket pode consistir nunha ou dúas entradas por equipo. Os partidos de dúas entradas dispútanse en varios días, tres ou catro para competicións de primeira clase (as ligas nacionais como o County Championship en Inglaterra ou o State Championship en Nova Zelandia) e cinco para un partido internacional (Test Match). Se transcorrido ese tiempo non se completaron as catro entradas o partido acaba en empate. Cada día xóganse seis horas repartidas en tres sesións de dúas horas (aproximadamente 30 overs por sesión), cun descanso de 40 minutos para a comida (lunch) e outro de 20 minutos para a merenda (tea). Cada equipo xoga alternativamente dúas entradas, agás que o equipo que batea en segundo lugar non logre situarse a menos de 200 carreiras do seu rival (150 en partidos de catro días), caso no que entón o capitán contrario pode forzar que batee as dúas entradas seguidas (follow on). Os equipos visten de branco, a pelota é de cor vermello granate e os partidos non se disputan baixo luz artificial.
Os partidos dunha entrada dispútanse nun só día e están limitados a un certo número de overs. Actualmente os partidos internacionais dun día (One-Day Internationals ou ODI) están limitados a 50 overs por equipo. Este sistema de partido é o que se empregar para disputar a Copa do Mundo. As competicións domésticas varían entre 40 e 50, mentres que se está a introducir unha nova modalidade de 20 overs con moito éxito en competicións domésticas. As ODI poden disputarse con luz artificial e os equipos poden vestir de cores; a pelota é branca.
Os países declarados con categoría suficiente para xogar partidos test pola International Cricket Council son: Inglaterra, Australia, Suráfrica, Nova Zelandia, Antillas (Antiga e Barbuda, Barbados, Dominica, Granada, Güiana, Saint Kitts e Nevis, San Vicente e as Granadinas, Santa Lucía, Trinidad e Tobago e Xamaica), a India, Paquistán, Sri Lanka, Bangladesh, Afganistán e Cimbabue.
Cómpre salientar que estes encontros adoitan reunir unha gran cantidade de afeccionados, aproximándose a unhas cifras de máis de 50 000 espectadores.
NotasEditar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para crícket.
- ↑ El críquet lo inventaron los flamencos, no los ingleses
- ↑ "The History of Cricket: 1300 – 1600". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 29 de xuño de 2012.
- ↑ «Laws of Cricket: Law 6 (The bat)» Regulamento (en inglés). Consultado o 1 de febreiro de 2013.
- ↑ «Laws of Cricket: Appendix E - The bat» Regulamento (en inglés). Consultado o 1 de febreiro de 2013.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Crícket |
BibliografíaEditar
- Altham, H. S. (1962). A History of Cricket, Volume 1 (to 1914). George Allen & Unwin.
- Ashley-Cooper, F. S. (1900). At the Sign of the Wicket: Cricket 1742–1751. Cricket magazine.
- Barclays (1986). Swanton, E. W., ed. Barclays World of Cricket. Willow Books. ISBN 0-00-218193-2.
- Birley, Derek (1999). A Social History of English Cricket. Aurum. ISBN 1-85410-710-0.
- Bowen, Rowland (1970). Cricket: A History of its Growth and Development. Eyre & Spottiswoode.
- Goldstein, Dan (2000). The Rough Guide to English Football (2000–2001). Rough Guides.
- Major, John (2007). More Than A Game. HarperCollins.
- McCann, Tim (2004). Sussex Cricket in the Eighteenth Century. Sussex Record Society.
- Underdown, David (2000). Start of Play. Allen Lane.