Abrir o menú principal

Vimieiro (árbore)

especie de planta
Vimieiros polo inverno
Flores femininas nuns exemplares en Alemaña
Flores masculinas nun exemplar en Alemaña

O vimieiro ou vimbieira[1] (Salix viminalis) é unha arboriña ou arbusto do xénero Salix (salgueiros), da familia das salicáceas da que se tiran os vimes.

DescriciónEditar

É un arbusto grande, ocasionalmente árbore de até 10 m de altura, con pólas magras e longas, erectas; bota gromos tenros a miúdo con densa pilosidade tomentosa; poliñas de cor verde amarelenta ou pardo cincento a avermellado, mates, con pilosidade cincenta cando son novas. As follas son pecioladas, de 5 a 15 cm de longo e aproximadamente 1,5 cm de ancho, entre 6 e 20 veces máis longas ca anchas, lanceoladas estreitiñas ou con bordos paralelos; a face foliar de cor verde sucia, mate, con pilosidade dispersa e curta; envés foliar con brillo prateado, cuberto con densos pelos curtos, orientado na dirección dos nervios laterais; bordo foliar enrolado cara a abaixo; pecíolo foliar de até 1 cm de longo, con curta pilosidade cincenta; estípulas só nos macroblastos, lanceoladas estreitas, longamente apuntadas. As escamas das xemas son pardas, con pilosidade cincenta. As inflorescencias aparecen antes que as follas, e antes da floración presentan unha vistosa pilosidade mesta e sedosa. Os amentos masculinos son erectos, cilíndricos, de até 3,5 cm de longo e 1 cm de ancho, mestos nas axilas de follas moi pequenas e estreitas, longamente pilosas. Ten Brácteas tectrices elípticas ou ovadas alongadas, con pilosidade longa cincenta; estames dúas veces máis longos cá bráctea tectriz; ten filamentos estaminais libres, glabros; anteras elípticas alongadas, amarelas, trala floración de cor vermella acastañada. Os amentos femininos son erectos, cilíndricos, de até 3 cm de longo e 1 cm de ancho. O ovario case sentado, ovado, de até 6 mm de longo. O estilo é case tan longo coma o ovario, fino amarelo; os estigmas lineais, divididos en 2 ou 4 partes até a metade. Florece na primavera. Hibrídase doadamente con outros salgueiros. A reprodución vexetativa é moi eficaz. En Galicia é común cortar unhas varas e deixalas nun balde ou nun bocoi con auga até botaren raíces para despois plantalas. Adoitan agromar sen problema.

HábitatEditar

Adóitase atopar nas ribeiras dos regueiros e outros lugares húmidos, xeralmente chairas baixas, sobre solos húmidos. En Galicia cultívase preto dos ríos e regueiros, ás veces formando sebes ou ringleiras. Está naturalizada en moitas zonas.

DistribuciónEditar

A orixe exacta da especie é descoñecida por mor de que se vén cultivando dende hai séculos. Crese que é orixinaria do centro de Europa e o oeste de Asia. Crese que na Península Ibérica foi introducida. É moi común en Galicia e toda a Europa atlántica, onde foi cultivada e naturalizada nos terreos baixos.

UsosEditar

Fornece o mellor vime ou vimbio empregado para a cestaría. Moitas especies de salgueiros teñen tamén pólas utilizábeis na cestería. Despois de podar a árbore, mergúllanse as pólas na auga durante un tempo até viraren flexíbeis.

Tradicionalmente adoitan empregarse os vimes máis finos para atar as viñas.

No eido forestal é unha das especies coñecidas como hiperacumuladora de metais pesados para a restauración de solos contaminados, pois acumula cadmio, cromo, chumbo, mercurio, zinc, petróleo, hidrocarburos, disolventes orgánicos, MTBE, TCE e subprodutos, selenio, prata, uranio etc.

TaxonomíaEditar

Salix viminalis foi descrita por Charles Linneo e publicado en Species Plantarum 2: 1021, no ano 1753.

Sinonimia
  • Salix pseudolinearis Nas.
  • Salix rossica Nas.
  • Salix rufescens Nas.
  • Salix semiviminalis E.Wolf
  • Salix serotina Pall.
  • Salix splendens Nas.
  • Salix strobilacea Nas.
  • Salix veriviminalis Nas.
  • Salix viminalis var. semiviminalis Poljakov
  • Salix viminalis subsp. veriviminalis

Nome comúnEditar

Vrimieiro, vrimieira, vrimeiro, vrimeira, vrimbero, vrimbeiro, vincalleiro, vimieiro, vimieira, vimia, vimeiro, vimbreiro, vimbo, vimbio, vimbieiro, vimbieira, vimbia, vimbeiro, vimbeira, vimbeeira, vemieira, veeira, vareiro, trogalleiro, sangubiño, salce, pé do vimbio, paleiro, mimbreiro, mimbreira, lagomeiro, correiro, correeiro, cepeira de vimes, cepa de vimbio e bringueiro[2].

NotasEditar

  1. Nomes vulgares galegos preferidos en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade, 2004; Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991; e Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  2. "Vimbieira (Salix viminalis L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar