Trevo branco
Trevo branco | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Non ameazado | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
|
O trevo branco[1] (Trifolium repens L.) é unha especie de trevo nativa de Europa, norte de África e Asia Occidental. É cosmopolita, ao aparecer en distintos ambientes dentro do clima temperado húmido. É moi importante como forraxeira. Moi común en Galicia.
Descrición
editarTratase dunha especie herbácea perenne. De porte rastreiro, acada unha altura duns 10 cm. O seu hábito estolonífero fai dela unha leguminosa de excelente adaptación ao pastoreo en zonas temperadas de todo o mundo. Propágase por estolóns e sementes.
O raizame é ramificado na súa raíz principal, ademais presenta raíces adventicias de carácter estolonífero.
As follas son pecioladas e trifoliadas; os seus folíolos son ovais, cunha mancha branca, e sen ningunha vilosidade (tampouco en pecíolos nin talos). Os estolóns atópanse abrazados por estípulas membranosas das follas.
As inflorescencias son glomérulos de 1,5 a 2 cm de largo, contendo de 50 a 100 flores brancas ou branco-rosadas. Atópanse sobre un pedúnculo de 7 cm. As flores son de tipo papilionáceo ou papilionoides.
Os froitos conteñen tres ou catro sementes en forma de corazón, sumamente pequenas e de cor variábel do amarelo ao marrón-avermellado.
A semente ten forma arredondada cunha protuberancia que coincide coa posición da futura radícula. A cuberta seminal forma unha grosa capa suberizada arredor da semente. Presenta fío: cicatriz correspondente ao antigo punto de enganche á parede do ovario.
Fisioloxía
editarBioloxía
editarO trevo branco é esixente en luz e sensíbel á seca, probabelmente polas súas raíces superficiais, o que obriga a cultivala baixo rega nos veráns secos.
Porén, pode vexetar nos solos pobres, acedos ou areentos, necesitando fortes adubados fosfóricos, ao igual que case todos os trevos. É pouco tolerante á salinidade.
Desenvolve nas súas raíces nódulos formados por bacterias nitrificantes do xénero Rhizobium. En condicións axeitadas de temperatura, humidade e solo, as bacterias fixan importantes cantidades de nitróxeno da atmosfera.
Fenoloxía
editarO crecemento do trevo branco comeza polo desenvolvemento da coroa, dunha raíz pivotante e até dez estolóns primarios, que nacen das xemas axilares das follas da coroa. Os estolóns adoitan adoptar forma radial sobre o chan. Posteriormente, os nós destes estolóns desenvolven novas raíces adventicias, follas e xemas axilares.
A aparición de estolóns secundarios ocasiona certa febleza nos primarios, por emigración das substancias de reserva cara ditos estolóns fillos, até o punto de que, finalmente, os primarios morren e o sistema secundario independízase da planta orixinal. Este comportamento facilita a supervivencia das plantas por multiplicación vexetativa, ao asegurar o desenvolvento e o crecemento sucesivo de novos estolóns e con eles, a emerxencia de novos individuos. O crecemento dos estolóns, é aproximadamente de 20 cm/ano.
Unha vez que as condicións ambientais (fundamentalmente fotoperíodo e vernalización previa) favorecen o proceso de floración, as xemas axilares orixinan cabeciñas florais. Deste xeito, a produción de inflorescencias faise en detrimento da dos novos estolóns e, por conseguinte, o crecemento da planta se reduce. Tamén se mobilizan reservas cara ás flores para formar as sementes.
Condicións óptimas
editarA temperatura óptima para o crecemento é de 24 °C. Tanto no verán como en inverno, redúcese moito o crecemento (a partir de 35 °C e por debaixo de 7 °C, presenta un escaso crecemento).
Desenvólvese mellor en climas húmidos con precipitacións ben repartidas durante todos os meses. O pH óptimo do solo para a fixación do nitróxeno é de 6.5.
Para desenvolver a floración con éxito, necesitan obrigatoriamente baixas temperaturas invernais (vernalización)
Interese forraxeiro
editarO trevo branco é amplamente utilizado en produción de forraxe. A súa principal utilización é o pastoreo a dente en mestura con gramíneas, ás cales subministra ademais grandes cantidades de nitróxeno fixado nos seus nódulos radicais.
Cada rebrote prodúcese a partir da xema terminal dos estolóns e das xemas situadas nas axilas das follas. Este proceso, resultado do hábito estolonífero da planta, sucede despois de cada pastoreo ou roza. A pisada do animal favorece a reprodución vexetativa da planta. O rebrote supón unha mobilización das reservas da planta, diminuíndo trala defoliación e recuperándose posteriormente grazas á rápida proliferación de follas horizontais dos novos estolóns, o que lle permite acadar unha alta eficiencia fotosintética cunha área foliar reducida. Esta elevada capacidade de recuperación débese a que o pastoreo non elimina as áreas de crecemento.
Salienta a súa gran calidade alimentaria para o gado, en termos de proteína e minerais, así como a súa capacidade para se autoabastecer de nitróxeno e tamén de cedelo ao medio (e por tanto ás especies coas que conviva no terreo).
Aínda que o contido alimentario é elevado, seméntase pouco como cultivo puro por constituír unha forraxe algo desequilibrada e polo perigo de provocar meteorismo nos ruminantes. É por isto que acostuma empregarse mesturado con gramíneas. Malia isto, o trevo branco presenta unha alta dixestibilidade, presentando os valores máis altos en inverno e primavera, e declinando lentamente durante o verán.
Por outra banda, o trevo branco contrasta con outras especies pratenses en que non posúe órganos específicos para a acumulación de reservas. Este comportamento, desde o punto de vista da produción é positivo, xa que o seu crecemento acada axiña volumes altos de forraxe. Isto permite ás plantas cubrir as súas necesidades metabólicas nun prazo moi curto, sen ter que agardar, como no trevo rubio (Trifolium pratense) ou a alfalfa, a mobilizacións das reservas dende o raizame. Deste xeito a recuperación tralo pastoreo é sumamente rápida permitindo unha gran frecuencia de aproveitamentos.
Agronomía e manexo
editarSegundo diferentes datos de ensaios en cultivo puro na zona Norte da Península Ibérica e en Galicia, as producións oscilan entre 9 e 12 t/ha de materia seca, cifras obtidas baixo corte e sen pastoreo, o cal non é a situación máis real de utilización deste trevo.
Porén, en condicións de pradeiras de rega no Centro e Sur da Península Ibérica, as producións oscilan entre 10 e 15 t/ha de materia seca, segundo asociacións ou mesturas de trevo branco con gramíneas (festuca e dáctilo), correspondéndolle ao trevo normalmente até case o 70% de dita produción, segundo os datos de diferentes ensaios do INIA e da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro (Agencia de Desarrollo Ganadero) españois.
En rexións do Norte de España (Galicia e Cantábrico), correspondentes a climas temperados e húmidos, en asociación con ballico (Lolium perenne), a produción de trevo branco raramente supera o 25-30% da produción total da pradeira, o cal se cifra entre 10-13% de materia seca total.
Esta situación tan diferente xustifícase porque os trevos necesitan para o seu óptimo crecemento grandes intensidades de luz, mentres que as gramíneas, aínda que tamén crecen mellor a plena luz, están máis adaptadas a condicións de sombra, de xeito que en climas mediterráneos, a abundancia de luz conduce á dominancia de leguminosas sobre gramíneas en pradeiras de pastoreo frecuente. Porén nos días centrais do verán, con temperaturas medias superiores a 30 °C, sofre nestas rexións unha certa parada vexetativa, efectuando floracións continuas e con escasa produtividade.
Hai que ter en conta que na época favorábel de máxima iluminación de primavera o rápido crecemento en condicións de cultivo puro pode chegar a producir graves problemas de meteorismos en ruminantes en pastoreo.
En canto á persistencia do trevo branco, está asegurada polo proceso de formación e enraizamento de estolóns e ademais, incluso en pradeiras moi pastoreadas, unha certa proporción das inflorescencias produce sementes, das cales case un 80% son duras e permanecen no chan como reserva para situacións de seca ou sobrepastoreo, nas que poden xermolar e chegar a substituír as plantas perdidas.
A sementeira realízase no outono, cando o clima é temperán, e en primavera ou verán cando o clima é frío.
O establecemento do trevo branco adoita ser máis lento que o das gramíneas que poden acompañalo na pradeira, moi especialmente do ballico, que en solos fértiles pode facerlle unha forte competencia inicial.
En mesturas con festuca e/ou dáctilo, de máis lento establecemento, a competencia non é tan forte e a implantación é máis doada.
A dose de sementeira en mestura con gramíneas oscila entre 0,5–3 kg/ha. A dose é menor cando non se quere unha forte dominancia do trevo sobre as gramíneas, e maior cando se quere incrementar a proporción de leguminosas, e polo tanto de proteína, na pradeira. Seméntase ou ben con sementadora de pratenses ou ao lance, neste caso aconséllase pasar un rolo estriado para lograr un bo contacto da semente co solo. A sementeira ao lance pódese facer cunha fertilizadora centrífuga previamente calibrada para esta semente.
En canto á profundidade de sementeira, a semente debe situarse na superficie do chan ou en profundidade, mais sen superarar os 5 mm.
Situación varietal
editarExisten tres grupos varietais de trevo branco:
1) Variedades de folla pequena ou ananas: tamén chamadas variedades salvaxes, por ser na súa maioría ecotipos nativos ou espontáneos de distintas rexións do mundo. Algúns exemplos son Aberystwyth S-184 e Kent.
2) Variedades de folla común ou intermedias: moi utilizadas para pradeiras de pastoreo de media e longa duración:
- Grassland Huia: considerada en España como a leguminosa máis produtiva para pastoreo en áreas de máis de 650 mm de choiva e de non máis de tres semanas de seca no verán. É dura e persistente, incluso con pastoreo continuo e intenso. O seu óptimo de temperatura son 24 °C, mais ten escasa produción invernal.
- Luisiana: máis temperá e de mellor produción invernal que a Huia, en condicións de invernos temperáns. Soporta tamén a seca estival.
- S100: persistente e moi produtiva, de comportamento semellante a Huia.
- Outras variedades importantes son: Kersey, Barbiean, Cultura, Pertina, Wikla, Grasslands 4700, Victoria Irrigation e Mika.
3) Variedades de follas grandes: teñen porte máis elevado, estolóns máis grosos e follas e inflorescencias máis grandes. Son altamente produtivas en condicións de boa subministración de humidade, mais resisten peor o pastoreo intenso e continuo que os grupos anteriores. A súa persistencia é tamén deficiente. Neste grupo atópanse:
- Ladino: trátase da variedade máis importante deste grupo. Posúe follas grandes, mais cunha relación follas/talo inferior a outras variedades, o que orixina unha menor dixestibilidade, dada a inferior calidade dos talos en relación ás follas. É moi esixente en humidade e bastante sensíbel á salinidade do solo. O seu crecemento en veráns cálidos en regadío é superior a calquera variedade dos outros grupos. Entre as variedades comerciais destaca Ladino California.
- Haifa: semellante en tamaño a Ladino, mais de porte máis rastreiro e con máis estolóns, de xeito que o seu aspecto é denso. Ten maior resistencia á seca que as variedades anteriores e mellor crecemento invernal.
O consumo por parte do gado español de semente de trevo branco oscila arredor de 130.000 kg/ano, correspondendo máis da metade á variedade Grassland Huia.
Outros usos
editarEn humanos é indixestíbel en cru, mais cocidas 5-10 min faise dixestíbel. As flores secas e as súas sementes constitúen unha nutritiva fariña para mesturar con outros alimentos.
Xardinaxe e paisaxismo:
O trevo branco tamén se emprega nas mesturas para céspede, dando cobertura a solos pobres, onde outras especies presentan dificultades para se desenvolver. Aínda que se considera como unha herba non desexábel cando se trata de manter un céspede exclusivamente formado por gramíneas, como sucede en céspedes deportivos e en campos de golf.
Simboloxía
editarShamrock (en gaélico: planta nova de tres follas ou flor do verán) é o nome que recibe esta planta en Irlanda, símbolo do país. A lenda di que San Patricio, patrón de Irlanda, cando estaba a evanxelizar os irlandeses botou man da fisionomía característica da planta para explicar a Santísima Trindade, concepto difícil de asimilar para os nativos.[2].
Taxonomía
editarTrifolium repens foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 767. 1753.[3]
Trifolium: nome xenérico que deriva de tri = (tres) e -folium = (folla), polo que se podería traducir coma "tres follas".
repens: epíteto latino que significa "rastreiro".[4]
- Lotodes repens Kuntze
- Trifolium limonium Phil.
- Trifolium stipitatum Clos
- subsp. macrorrhizum (Boiss.) Ponert
- Trifolium macrorrhizum Boiss.
- var. nevadense (Boiss.) C.Vicioso
- Trifolium nevadense Boiss.
- var. orbelicum (Velen.) Fritsch
- Trifolium orbelicum Velen.
- var. orphanideum (Boiss.) Boiss.
- Trifolium orphanideum Boiss.
- subsp. prostratum Nyman
- Trifolium biasolettii Steud. & Hochst.
- Trifolium occidentale Coombe
- var. repens L
- Amoria repens (L.) C.Presl[5]
Notas
editar- ↑ Nome vulgar galego en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991 e Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
- ↑ Artigo sobre flores nacionais no Portal das palabras da RAG.
- ↑ "Trevo branco". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ En Epítetos Botánicos
- ↑ Trevo branco en PlantList
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Trevo branco |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trevo branco |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Muslera Pardo, E., Ratera García, C, Praderas y forrajes,Mundi Prensa Libros S.A., 1984
- Uva, Richard H., Joseph C. Neal y Joseph M. Ditomaso, Malezas del Nordeste, (Ithaca, NY: Cornell University Press, 1997), pp. 236–237.
- Lee Allen Peterson, Plantas comestibles, (Nova York: Houghton Mifflin Company, 1977), P. 56.