Toxo arnal

especie de planta
(Redirección desde «Ulex europaeus»)

Para o xénero de plantas chamadas normalmente toxos ver o artigo Toxo (xénero Ulex).

O toxo arnal, tamén chamado simplemente toxo, é un arbusto espiñento da clase das dicotiledóneas (nome científico: Ulex europaeus) e da familia das leguminosas, de flores amarelas moi rechamantes que mide entre 0,5 ata 3 metros segundo a variedade. Os agromos son verdes e as follas son espiñas de entre 1 e 3 cm. Cando a planta é aínda nova, as follas son normais, trifoliadas.

Etimoloxía

editar

O termo galego toxo (en portugués tojo), viría dunha verba preindoeuropea toju[Cómpre referencia]. En galego tamén recibe os nomes de toxo bravo, toxo albar, árgoma, cachal, toxo branco, toxo macho, toxo arnelo, toxo arnio, toxo cachas, toxo cachudo ou toxo común.

Distribución e hábitat

editar

O toxo atópase no occidente europeo, desde Escocia a Portugal e ao leste até Bélxica. É a "flor nacional" da Bretaña francesa e de Galiza. Noutras partes nas que se introduciu, como Nova Zelandia, Australia, o oeste dos Estados Unidos e Chile, é unha praga, chegando a estar na lista de 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo[1] da IUCN.

En Galicia é o toxo máis grande do xénero, até os 3 m. Medra nos cantís mariños de gran parte do país e do norte de Portugal. Nesta zona atópase a subespecie endémica latebracteatus.

Características

editar

Tense a crenza de que o toxo está todo o ano en flor mais non é certo, é polas diferentes especies de toxos, que florean a distinto tempo (ver artigo Ulex).

Floración

editar
 
flor do toxo

As flores, chamadas chorimas, miden entre 1 e 2 cm. O froito é unha vaíña de dous centímetros de cor cinza escuro rodeada dos restos marrón claros da flora. Esta vaíña contén dúas ou tres sementes negras que se liberan cando a vaíña estala en momentos de calor.

Arde moi doadamente, pero medra moi pronto após un incendio, polo que son das primeiras plantas en ocupar un terreo que ardeu. As sementes poden xerminar mesmo se se viron algo afectadas polo lume. O seu uso tradicional é como estrume para as cortes, aínda que a finais do século XX coñeceuse unha proposta por parte dunha empresa xaponesa para aproveitar os restos da roza para a súa utilización como biomasa.

editar

Galicia

editar

A flor do toxo, a chorima, considérase a flor nacional de Galicia, tamén está considerada a flor nacional bretoa.[2]

O toxo servía coma alimento do gando, coma estrume e tamén para roxar o forno. A parte lígnea, moi dura, servía tamén coma combustíbel nas cociñas de leña e nas lareiras. Tamén para facer os caxatos (cos que tamén se xogaba á choca).

Estranxeiro

editar

O toxo é a insignia dos clans escoceses Sinclair e MacLennan. Mentres que a semellante flor da xesta é a insignia dos reis de Inglaterra.

Na novela clásica de Thomas Hardy O regreso do nativo, cando Clym está medio cego de tanto ler, tórnase a apañar toxo na terra de Egdon, para consternación da súa dona Eustacia.

A inflamabilidade do toxo, que arde tan axiña, tamén é mencionada nalgunhas fontes, por exemplo Doyle, no seu libro "Sir Nigel" o personaxe Sir John Chandos di: "...Eles estralan coma un toxo en chamas, mais se aturas un chisco a calor, logo pode que se vire máis frío... Se o galés fose coma o lume de toxo, logo, meu deus! Os escoceses son coma a turba, xa que están a arder pero sen rematar nunca."[3]

Winnie-the-Pooh caeu en riba dun toxo cando estaba intentando apañar mel no primeiro capítulo do libro do mesmo nome.[4]

No segundo libro de J. R. R. Tolkien, As Dúas Torres, Frodo Bulseiro e Samwise Gamgee son guiados por Smeagol (Gollum) entre unha matogueira de toxos moi altos e vellos, de camiño ás Minas Morgul ou a 'Torre da Lúa'.[5]

Galería de imaxes

editar
  1. Lowe S., Browne M., Boudjelas S., De Poorter M. (2000). 100 de las Especies Exóticas Invasoras más dañinas del mundo. Unha selección do Global Invasive Species Database Arquivado 24 de xuño de 2021 en Wayback Machine.. Publicado polo Grupo Especialista de Especies Invasoras (GEEI), da Comisión de Supervivencia de Especies (CSE) da Unión Mundial para a Natureza (UICN), 12pp. Primeira edición, en inglés, sacada xunto co número 12 da revista Aliens, Decembro 2000. Versión traducida e actualizada: Novembro 2004.
  2. Artigo sobre Flores Nacionais no Portal das Palabras da RAG.
  3. Doyle, Sir Arthur Conan; Sir Nigel; Pub:Smith, Elder & Co. London, 1906
  4. Milne, A.A. Winnie the Pooh, Chapter 1.
  5. J.R.R. Tolkien, The Two Towers, Chapter VII; Pub: Houghton Mifflin Company Boston / New York 1954...1982

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • BOUZA BREY, F.: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.