Abrir o menú principal

Legume

(Redirixido desde "Vaíña")
Tres tipos de lentellas
Sementes de soia

Denomínase legume (do latín legumen) a un tipo de froito seco, tamén chamado comunmente vaíña, vaxa ou bagullo. Así mesmo reciben tal nome as sementes comestibles que crecen e maduran dentro deste froito e as plantas que as producen.

Os legumes constitúen un grupo de alimentos moi homoxéneo, formado polos froitos secos das leguminosas, sendo dehiscentes, desenvolvidos a partir do xineceo, dun só carpelo e que se abre tanto pola sutura ventral como polo nervio dorsal, en dúas valvas e coas sementes nunha fileira ventral. Estas vaíñas adoitan ser rectas e carnosas. Polo xeral posúen unha carne interior esponxosa, con tacto de veludo e de cor branca. A súa parte interna corresponde ao mesocarpio e ao endocarpio do froito.

O tamaño dos legumes varía dende un milímetro ou pouco máis ata medio metro. A súa forma, aínda que na maioría dos casos é alongada e comprimida, como a dos feixóns ou fabas, varía moitísimo.

Estes froitos pertencen á grande orde das plantas leguminosas (familia Fabaceae, leguminosas de gran). Malia o gran número de especies que compón esta familia, as empregadas para a alimentación humana e do gando é moi baixo.

A parte da planta consumida en alimentación animal e humana varía entre as distintas especies de leguminosas. Na maior parte dos casos, a parte comestible coincide coa utilizada pola planta como almacén de substancias de reserva. A gran variación existente na parte consumida é unha consecuencia da diversidade de estratexias utilizadas polas leguminosas para a súa adaptación aos medios máis diversos.

Tipos de legumesEditar