Año

Cría da ovella

Un año[1] (do latín agnus) é a cría de calquera animal do xénero Ovis, en especial da ovella doméstica (Ovis orientalis aries). Algún autores consideran que o termo só se refire á cría que non pasa dun ano, aínda que esta restrición só acostuma referirse ao termo cordeiro[2].

Un año.

Por extensión, chámase año ou cordeiro á carne que se obtén deste animal sacrificado cunha idade inferior a un ano[3] e cun peso de entre 5,5 e 25 kg, é o xeito principal no que se consomen estas especies. A carne de ovellas vellas comercialízase con outro nom[4].

O feminino é aña, o diminutivo (moi común) é añiño[5]. O animal tamén se coñece cos nomes de añagoto[6], cordeiro[7] (sempre que non pase dun ano) e roxelo[8][9].

Carne de año

editar
 
Año asado ao estilo castelán.

A carne de año ou cordeiro é, polo xeral, aquela procedente de animais de entre un mes e un ano de idade e cun peso de entre 5,5 e 25 kg. É a forma principal na que se consomen estes animais, xa que carnes de exemplares máis vellos adoitan ter un sabor rancio. O año é a especie de carne máis vella dos animais domesticados. Este foi criado polos humanos no Medio Oriente dende hai 9.000 anos. En moitos países, a carne de cordeiro é a maior fonte de carne que se consome. En Galicia hai moita tradición de consumo de carne de año, aínda que non tanto como de vaca ou porco.

Un año de leite é a carne do año sacrificado no momento da desteta, con menos de dous meses de vida, tamén chamado cordeiro mamote[3]. En castelán esta carne coñécese co nome de lechal ou lechazo. Adoitan ter un peso entre 5,5 a 8 kg. O sabor e textura da carne do año de leite á grella (por exemplo, en costeletas) ou asada (año de leite asado) considéranse xeralmente de maior calidade ca os de año maior. En moitos países é practicamente imposíbel atopar carne de año de leite, por considerarse antieconómica a súa produción.

Un año pascual é a carne do año sacrificado entre os catro meses e o ano, tamén chamado simplemente de pascual[3]. Despois da desteta, os años comezan a se alimentar aos poucos de forraxe ou gran moio. Críanse con feo e millo, orxo, sorgo e/ou trigo suplementados con vitaminas e minerais. Os años adoitan “rematárense” (medrar até a madurez) en currais de engorda, onde son alimentados con comida especialmente formulada.[10]

Simboloxía

editar
 
Agnus Dei (Año de Deus) con motivos celtas na cumieira da igrexa de Tállara, Lousame (Galicia).

O año é símbolo de mansedume na iconografía tradicional, e o animal escollido con frecuencia para os sacrificios relixiosos; por extensión, o termo Año de Deus (en latín Agnus Dei) designa moitas veces na literatura litúrxica e teolóxica a Xesús Cristo, e a súa figura é representada coma un año nas alegorías artísticas.

editar

No folclore galego disque para desencantar os fantásticos tesouros soterrados que existen baixo algúns castros, cómpre entregar aos mouros ou xigantes mitolóxicos que os gardan, un año branco, sen mancha algunha doutra cor; e aínda hai gardiáns tan esixentes, que piden que o rexelo teña os dentes negros. Algúns autores galegos como López Cuevillas, supoñen a eses gardadores dotados dun carácter infernal e demoníaco, a xulgar polas ofrendas que demandan. Outros xigantes, pola contra, consfórmanse cun animal puro, coma se a súa natureza fose máis benéfica.

Refráns

editar
  • Canto máis se desvía o año dá máis grande topeñazo.
  • Da ovella negra nace un año branco.
  • O año de abril enche o mandil.
  • O año manso mama a súa nai e a calquera; e o bravo, nin a súa nai nin á allea.
  • O año manso mama a súa nai e a tódalas do rabaño.
  • Tan axiña se vai o año como axiña se vai o ano.
  • Un año manso mama a súa nai e outras catro[11].

Año tamén designa á persoa que é mansa[12]. Dise de año pego, aquel cuxa lá é das cores branca e negra.

Na literatura galega recóllese o termo año xa nos primeiros escritos, como neste de Frei Martín Sarmiento de 1746:

  • ... se faga un mercado mercando e vendendo mil cousas do uso con muito comerzo de olas, de potes, de asados, pucheiros, de pratos, cazolas, picheles e petos, angazos e rodros, rebolos e eixos, de rocas, de fusos, de trouzos, sarelos, de polas e polos, de lebres, coellos, de pitas e ovos, deveces son frescos, marrás, bacuriños, años e carneiros, capós e cabirtos, e todo a bon prezo; pantrigos, petadas, ripotes e queixos, mel e manteiguiñas e fruitas do tempo; de liño, de estopa, de mantas, mantelos, de cintas, de faixas, manguiñas, ourelos, navallas, fouciñas, tixeiras, cuitelos, e bingueletiños grandes e pequenos; As coles con terra se venden por centos, se mide a nabiña, val...[13].
  1. "Denominación en galego en Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  2. Dicionario da Real Academia Galega, A Coruña, RAG, 2012; Léxico de xeografía. Santiago de Compostela, Universidade, 1996; Vocabulario de historia Santiago de Compostela, Universidade, 1994
  3. 3,0 3,1 3,2 VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2015. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  5. (ou aniño, Martín Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para añagoto.
  7. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cordeiro.
  8. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para roxelo.
  9. "Sinónimos en galego en Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  10. http://www.actiweb.es/fedeovinos/apuntes_teoricos_.html
  11. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  12. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano
  13. Tesouro Informatizado da Lingua Galega

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar