A Baña, A Baña

parroquia civil do concello da Baña

San Vincenzo da Baña é unha parroquia que se localiza no centro do concello coruñés da Baña na Comarca da Barcala. Segundo o IGE en 2016 tiña 538 habitantes (245 homes e 293 mulleres) distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 820 habitantes.

A Baña
Igrexa de San Vincenzo da Baña, A Baña.jpg
Igrexa de San Vincenzo da Baña.
ConcelloA Baña[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas42°57′43″N 8°45′29″O / 42.962, -8.758Coordenadas: 42°57′43″N 8°45′29″O / 42.962, -8.758
Área14,73 km²
Poboación538 hab. (2016)
Densidade36,52 hab./km²
Entidades de poboación17[1]
editar datos en Wikidata ]

Situación, relevo e paisaxeEditar

Limita ao norte coas parroquias de Ermida e de Suevos, ao noroeste con Marcelle, ao leste co Barro, ao sueste con Monte, ao sur con Barcala e Ordoeste, e ao oeste coa A Riba e Corneira.[2]

Entre os accidentes xeográficos destacan o río Baña, que abastece de auga, de norte a sur, aos núcleos dos cales está formada a parroquia. O río Baña conflúe co rego de Faílde na Cachopiña, formándose o río Albariña.[2]

Predominio do uso forestal baseado en pinos e eucaliptos cara a zona noroeste, xunto a importantes extensións de pastos. En canto á paisaxe agrícola trátase de cultivos extensivos e de hora en parcelas de tamaños desiguais, algunhas bastante pequenas a pesar dos procesos de concentración parcelaria e nun estado de labor importante.[2]

San Vicente da Baña é a parroquia máis grande e a máis poboada de todo o Concello, ademais de encontrarse a capital municipal. É por iso que nela se sitúa o Concello, o Centro Público Integrado e o Centro médico. Ten 13 núcleos asentados no val do río Baña en altitudes que oscilan entre os 250 e os 350 metros. A principal vía de comunicación é a estrada AC-444, que ao seu paso pola capital comunicase co resto das estradas municipais. Paralela a esta, dirección oeste, sitúanse a maioría dos núcleos da parroquia.[2]

Agás o núcleo de San Vicente, o resto trátase principalmente de núcleos de estrutura pechada e casarío denso con crecemento nalgúns casos ao longo das vías de penetración á capital.[2]

HistoriaEditar

Idade de FerroEditar

Na parroquia hai varios vestixios da existencia de asentamentos da cultura castrexa: os castros do Castro da Baña, o de Liñares e o do Castelo da Carballa. Existe tamén un grupo de 5 mámoas situadas entre Fampousa, Canlis e Busto denominadas as do Chan da Baña ou de Curros vellos.

O castro da Baña[3] conta cun recinto circular duns 80 metros de diámetro, rodeado por un rexo parapeto, agás na banda noroeste onde a construción do cemiterio fendeu a muralla e invadiu parte do interior da croa. Este parapeto é o maior dos castros situados no concello da Baña. Ten un grosor na parte alta de 4 m e a súa maior altura interior está na banda do poñente con 10 m. No sur acada os 5 metros, e no norte, ao redor de 8 m.

O castro de Liñares[4] aséntase nunha pronunciada ladeira pertencente á caída que os montes de Raxado, de 420 m, fan cara ao río da Baña. Ten unha posición na parte media dunha ladeira, a 408 m de altitude, amosando fortes pendentes na cara que mira ao val e elevándose os terreos que o circundan polo poñente por enriba da súa croa. Componse cun só recinto, ovalado e máis desenvolvido na cara norte que na sur, a cal se estreita nas inmediacións do lugar de Liñares.

O castro do Castelo da Carballa[2] sitúase ao nordeste do de Liñares, cerca do río Baña.

MedievalEditar

O Castrallón de Xasoso[5] está definido como un posible asentamento defensivo de época medieval. Situada nunha lomba en pleno val, a estrutura circular ten un diámetro de 60 metros. Cara o lado norte pasa un regueiro, e por esta zona e cara o leste as pendentes son máis acusadas. A estrada que pasa ao seu carón parece que cortou parte na súa estrutura defensiva e un foso que a rodearía.

Nomeamento como vilaEditar

O 14 de marzo de 1918 o rei Afonso XIII concedeulle o título de vila nun real decreto publicado na Gaceta de Madrid o día 16 dese mesmo mes con estas palabras: "Queriendo dar una prueba de Mi Real aprecio al pueblo de La Baña, provincia de Coruña, por el creciente desarrollo de su agricultura, industria y comercio y su constante adhesión a la Monarquía, vengo en concederle el título de Villa".[6]

Obra PíaEditar

Rafael Díaz, emigrante no Perú a comezos do século XIX, mandou construír este conxunto de tres edificios. A petición foi feita ao rei Fernando VII o 16 de xuño de 1916 e no que aportaba un capital fundacional de 194.900 reais para unha escola con casa para o mestre para proporcionarlle á xuventude da parroquia unha educación gratuíta, unha capela fundada como "Capilla del Señor de la agonía y virgen dolorosa a su pie", na que "diariamente se diga Misa a los niños", segundo consta no libro da Fundación, e unha casa para o capelán.

Os beneficios desta escola están amplamente recoñecidos. Débese salientar que foi das primeiras da comarca e que escolarizou a moitos dos nenos da comarca que despois sobresaíron en Cuba e noutros países americanos, sendo moitos os que puideron adquirir unha titulación no século XIX.

Na actualidade tan só quedan os tres edificios, non quedando rastro da Obra Pía. A escola e casa do mestre é a casa da cultura e biblioteca do Concello, a capela segue tendo uso como tal, e a casa do capelán facía de reitoral, estando actualmente pechada. O capital fundacional de relación de terreos e propiedades desapareceu, e no que se acusou ao Padroado de dar as rendas da Fundación de Rafael Díaz un destino non benéfico e de non dar contas, ademais de estar nun estado de completo abandono a institución.[7]

Colexio CubaEditar

Os emigrantes da Baña en Cuba fundaron esta escola un século despois da Obra Pía, que funcionou ata que se fixo a concentración escolar e que era parte da sociedade "La Baña y su comarca". O edificio estaba situado no centro de San Vicenzo. Actualmente, neste edificio está Correos, o Rexistro civil e o Xulgado de paz.

Igrexa parroquialEditar

A Baña foi filial da parroquia de Ordoeste ata o 1868. Daquela contaba cunha igrexa parroquial[8] situada no propio lugar de San Vicenzo, que se atopaba en malas condicións. Durante a visita pastoral de Simón Díaz de Rávago en 1772 ordénase o traslado da pía bautismal e a figura do santísimo para a ermida da Nosa Señora do Castro, que era Santuario da Virxe do Bo Suceso e da cal non quedan restos. En 1778 e por orde do visitador Miguel Campo Quevedo en nome do arcebispo Francisco Alejandro Bocanegra, abandonouse definitivamente a igrexa da Baña para converter en parroquial á do Castro. Na actualidade, a igrexa parroquial é unha construción de tipo monumental, e conta cun cemiterio costeado polos Fillos da Baña residentes na Habana, que no 1891 recadaron fondos destinados a súa construción. Da vella igrexa no lugar de San Vicenzo queda ningún vestixio, as pedras empregáronse para outras construcións.

Feira de San VicenteEditar

No lugar que agora se chama o campo da feira celebrábase unha feira o último domingo de cada mes. Foi a partir do ano 1897 ao mover a feira da Carballeira para a Baña.[9] A día de hoxe celébrase unha o primeiro luns de cada mes na rúa Jacinto Rodríguez.

Arquitectura popularEditar

Muíños[10]Editar

  • Rezortoio, de José Soto.
  • Pequeno, de Roque Blanco.
  • Vilariño, de Diego Ramos e consortes.
  • Pozanegra, de Pedro González e os seus.
  • Muíño do Medio, de Antonio Recarey e outros.
  • Muíño de Abaixo da Poza Negra, de Francisco Malvares e consortes.
  • Albariño, de Vicenzo Friáns e os seus, que un e outros moían con auga do río Retorloio todo o ano.
  • Muíño da Moa, tamén chamado Vello, de Andrés Pose, moía con augas do regato Porto de Cuba.
  • Muíño de Paredes Albeas Braña, de Domingo Feijoó e consortes.
  • Liñares, de Matías Vázquez e os seus, que moían medio ano con augas do regato de Grañoro.

Pombais[10]Editar

  • Pombal de 12 pares, de Andrés Pose
  • Pombal de 10 pares, de Pedro González
  • Pombal de 10 pares, de Felipe Carnota

FestasEditar

  • 22 de xaneiro: San Vicenzo
  • 23 de xaneiro: San Roque
  • 1º de maio: Pequerrachada
  • 1º sábado de xullo: Festa Rachada da Baña
  • 6 de agosto: San Salvador
  • 8 de setembro: Virxe do Bo Suceso
  • 9 de setembro: As Dores

Lugares da parroquia da BañaEditar

Lugares da parroquia da Baña no concello da Baña (A Coruña)

A Cachopiña | Canlís | A Castiñeira | O Castro | Fampousa | Guende | Liñares | Meán | Paredes | Salvande | San Salvador | San Vicenzo | Señor | Vesía | Vilariño | Vilarnovo | Xasoso


NotasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar