Tragelaphus strepsiceros

Tragelaphus strepsiceros, ou cudú maior,[2] é unha especie de antílope que vive nas sabanas arboradas de África oriental e austral. Malia que a especie ocupa un territorio moi grande, ten poboacións pequenas na maioría das áreas, debido á deterioración do seu hábitat, a deforestación e a caza furtiva.[3]

Cudú maior
Tragelaphus strepsiceros

Macho no Parque Nacional Kruger de Suráfrica

Femia na charca de Chudop, Etosha, Namibia
Femia na charca de Chudop, Etosha, Namibia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Tribo: Tragelaphini
Xénero: Tragelaphus
Especie: T. strepsiceros
Nome binomial
Tragelaphus strepsiceros
(Pallas, 1766)
Mapa de distribución das subespecies de Tragelaphus strepsiceros
Mapa de distribución das subespecies de Tragelaphus strepsiceros

Mapa de distribución das subespecies de Tragelaphus strepsiceros
Subespecies
  • Tragelaphus strepsiceros cottoni
  • Tragelaphus strepsiceros chora
  • Tragelaphus strepsiceros strepsiceros
Sinonimia
Véxase o texto

Características físicas

editar
 
Vista da cabeza dun macho de Tragelaphus strepsiceros.

Os cudús maiores teñen un corpo esvelto con patas longas e pelaxe que pode ser dese gris azulada ou acastañada a marrón avermellada. Presenta de 4 a 12 raias brancas verticais finas ao longo dos flancos do tronco. A cabeza adoita a ser máis escura que o resto do corpo, e mostra unha pequena marca branca en forma de v entre os ollos. As orellas deste animal son grandes e arredondadas.[3]

Os machos adoitan seren máis grandes que as femias, e vocalizan moito máis. Os machos teñen grandes crinas colgantes que nacen ao longo da súa papada, e grandes cornos esporalados que describen dous xiros e medio, e que, en caso de que estiveran rectos, terían unha lonxitude media de 120 cm (o récord é de 187,64 cm). Os cornos sepáranse lixeiramente a medida que se inclinan cara a atrás. Os cornos non empezan a medrar ata que o macho ten de 6 a 12 meses, retórcense unha vez contra os 2 anos de idade, e non completan os seus 2 xiros e medio ata os 6 anos; ocasionalmente poden ter 3 xiros.[3]

É unha das especies máis grandes de antílopes (a maior é o elán), xa que o macho pesa de 190 a 270 kg, cun máximo rexistrado de 315 kg, e ten unha altura de 160 cm na cruz. As femias pesan entre 120 e 210 kg e só teñen unha altura de 100 cm ata a cruz; carecen de cornos e non teñen papada nin marcas no fociño. A lonxitude da cabeza e corpo é de 185 a 245 cm, ao que hai que sumar un rabo de 30 a 55 cm.[4]

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A especie foi descrita por primeira vez en 1766 polo médico, zoólogo e botánico alemán Peter Simon Pallas nun traballo publicado en Misc. Zool.: 9,[5] co nome de Antilope strepsiceros.[6]

Sinónimos

editar

Ao longo do tempo, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[6]

  • Antilope strepsiceros (epónimo)
  • Strepsiceros strepsiceros

Etimoloxías

editar

Nome científico

editar
  • Xénero

O nome Tragelaphus vén do mítico animal denominado "traguelafo" ou "cabra-cervo", unha besta misteriosa descrita orixinalmente na antigüidade, sobre todo por Aristóteles. Buffon cría recoñecer nela unha variedade do cervo común.

O nome deriva dos elementos do latín científico trag-, tirado do grego antigo τράγος trágos, 'cabrón', 'macho da cabra', e -elaphus, derivado do grego antigo ἔλαφoς élaphos, 'cervo'.[7]

  • Especie
 
Imaxe antiga do Tragelaphus ou cabra-cervo.[8]

O termo específico strepsiceros deriva do grego científico στρεπσικερως strepsikerōs, derivado das formas gregas στρεσι- strepsi- (de στρέφω strephō, 'retorcer', 'trenzar') e -κερως -kerōs (de κέρας kéras 'corno').[9]

Nome vulgar

editar

O seu nome común vulgar, cudú, kudú ou kudu, é o nome que se lle dá a este animal na lingua dos khoisans ou hotentotes.[4]

E o epíteto específico "maior" dáselle polo seu maior tamaño en comparación con outra especie de cudú, o cudú menor (Tragelaphus imberbis).

Evolución

editar

Segundo un estudo realizado en 2006, o xénero Tragelaphus diverxeu do seu xénero irmán Taurotragus contra o final do mioceno tardío.[10]

Clasificación

editar

Formalmente describíronse ata cinco subespecies:[5][11]

  • Tragelaphus strepsiceros bea (Heller, 1913)
  • Tragelaphus strepsiceros burlacei Ansell, 1969
  • Tragelaphus strepsiceros chora (Cretzschmar, 1826)
  • Tragelaphus strepsiceros strepsiceros (Pallas, 1766)
  • Tragelaphus strepsiceros zambesiensis (Lorenz, 1894)

Pero recentemente só se aceptan tres baseándose na cor, número de raias e lonxitude dos cornos:[12]

Esta clasificación estaba apoiada na diferenza xenética dunha especie do norte de Kenya (T. s. chora) en comparación con varias mostras da parte sur da súa área de distribución entre Tanzania e Zimbabwe (T. s. strepsiceros). Ningún espécime da poboación noroeste, que pode representar unha terceira subespecie (T. s. cottoni), foi probada neste estudo.[12]

No libro de Groves e Grubb Ungulate Taxonomy,[13] fíxose unha recente revisión crítica taxonómica que avaliaba todas as especies e subespecies de cudú e outros ungulados relacionados. Esta revisión dividiu o amplo xénero Tragelaphus en 4 xéneros separados, que se denominaron Tragelaphus, Ammelaphus, Strepsiceros (onde quedou o cudú maior) e os seus parentes próximos Taurotragus. Á súa vez, o cudú maior foi dividido en catro especies baseándose en probas xenéticas e características morfolóxicas (cornos, cor). Cada especie baseouse nunha subespecie diferente, Strepsiceros strepsiceros (o cudú do Cabo), Strepsiceros chora (cudú do norte), Strepsiceros cottoni (o cudú do oeste), e Strepsiceros zambesiensis (o cudú do Zambeze), este último non é normalmente aceptado nin sequera como subespecie. O cudú do Cabo encóntrase en África do sur e central, o cudú do Zambeze (moi relacionado co cudú do Cabo), encóntrase desde ao norte ao sur de Tanzania e no norte de Suráfrica, Namibia, e Angola a través de Zambia, Mozambique, e leste da República Democrática do Congo, o cudú do norte encóntrase no leste do Sudán cara ao sur a través de Etiopía e Kenya ata a fronteira de Tanzania, e o cudú do oeste no sueste do Chad, oeste do Sudán, e norte da República Centroafricana. Aínda que esta taxonomía alternativa non é comunmente aceptada, é a que foi utilizada no Handbook of the Mammals of the World, editado pola editorial catalá Lynx Edicions.

Distribución e ecoloxía

editar
 
O cudú maior no Parque Nacional dos Elefantes de Addo.

A área de distribución de T. strepsiceros esténdese desde o leste en Etiopía, Tanzania, Eritrea e Kenya ata o sur, onde se encontra en Zambia, Angola, Namibia, Botswana, Zimbabwe e Suráfrica. Outras rexións nas que se pode encontrar esta especie están localizadas na República Centroafricana, o Chad, a República Democrática do Congo, Djibuti, Malaui, Mozambique, Somalia, Eswatini, e Uganda.[14]

 
Femias de cudú maior e dous impalas nunha charca de Namibia.

O seu hábitat inclúe sabanas boscosas e arbustivas mixtas e terras con mato e arbustos, campos de cultivo abandonados nos que medraron os arbustos, e pasteiros degradados, en terras baixas con acacia e mopane (Colophospermum mopane), outeiros e montañas.[1] Aventúrase ocasionalmente en chairas pero só se hai abundancia de arbustos, mais normalmente evita as áreas abertas nas que podería ser un obxectivo fácil para os depredadores. Aliméntase de follas, herbas, brotes e de cando en vez tubérculos, raíces e froitos (gustan especialmente das laranxas e mandarinas).[3]
Durante o día, estes antílopes normalmente cesan a súa actividade e procuran recollerse en zonas boscosas, especialmente durante os días cálidos. Aliméntanse e beben pola mañá cedo e ao final da tarde, abeberando en charcas ou comendo raíces e bulbos que teñen abundancia de auga. Aínda que tenden a permanecer nunha mesma área, poden buscar auga en grandes extensións en tempos de seca; por exemplo, no sur de Namibia, onde a auga é relativamente escasa e cobren grandes distancias en curtos períodos de tempo.[3]

Predación

editar

Os predadores deste antílope son normalmente os leóns, leopardos, hienas, e licaóns. Aínda que o guepardo tamén é outro dos seus predadores, xeralmente son incapaces de cazar os machos adultos, e céntranse nas femias e crías. Hai varios informes de cudús depredados por crocodilos do Nilo,[15][16][17] Cando unha manda está ameazada por predadores, un adulto (xeralmente femia) emite unha especie de ladrido para alertar o resto da manda. A pesar de ser moi veloz en ladeiras rochosas e montañas, o cudú maior non é rápido dabondo nin resistente para escapar dos seus principais predadores en terreos abertos, polo que adoita confiar en dar saltos sobre os arbustos e pequenas árbores para quitarse de encima os seus persiguidores.[3] Estes antílopes teñen un excelente oído que lles axuda a detectar a aproximación dun predador.[4]

Comportamento e organización social

editar
 
Manda de cudús maiores en Ruaha, Tanzania.

O cudú maior ten unha vida de 7 a 8 anos na natureza, e de ata 23 anos en catividade. Poden estar activos as 24 horas do día. As mandas dispérsanse durante a estación chuviosa cando hai abundancia de comida. Durante a estación seca, só quedan unhas poucas áreas concentradas con suficiente alimento, polo que as mandas se volven a congregar.[4] O cudú maior non é territorial; pero teñen áreas concretas onde habitan. As mandas maternas habitan en áreas de aproximadamente 4 quilómetros cadrados, que se poden solapar coas doutras mandas maternas. As áreas onde habitan os machos son de aproximadamente 11 quilómetros cadrados e xeralmente comprenden as áreas de dous ou tres grupos de femias.[4] As femias forman xeralmente pequenos grupos de 6 a 10 individuos coas súas crías, e ás veces poden formar unha manda de ata 20 exemplares. Os machos poden formar pequenos grupos de solteiros, pero é máis común atopalos en solitario e moi dispersos. Os machos solitarios só se reúnen en grupos coas femias e crías (xeralmente de 6 a 10 individuos por grupo) durante a tempada de apareamento (de abril a maio en Suráfrica).[18] Raramente unha manda chega a ter 40 individuos, en parte pola natureza selectiva da súa dieta, que dificulta a alimentación de grandes grupos.[3]

Os machos non sempre son fisicamente agresivos entre si, pero ás veces hai pelexas entre machos, especialmente cando ambos son de similar tamaño e estatura. Os machos pelexan entrelazando os seus cornos e empurrando. A dominancia establécese cando un macho mostra unha exhibición lateral.[19] En raras circunstancias, pode ocorrer nas pelexas que os dous machos queden enganchados polos cornos sen poderse soltar, o que pode ter como resultado a morte dos dous animais.

Reprodución

editar
 
Femia nova en Tsavo Oeste.

O cudú maior chega á madureza sexual entre os 1 e 3 anos de idade. A tempada de apareamento ocorre ao final da estación húmida, a cal pode flutuar lixeiramente segundo a rexión e o clima. Antes do apareamento realizan un ritual de cortexo, que consiste en que o macho se coloca diante da femia e con frecuencia loitan cos seus pescozos. O macho persegue a femia mentres emite un son de ton grave ata que a femia lle permite copular. A xestación dura uns 240 días (ou oito meses).[3]

O cudú maior pare xeralmente unha cría, e só ocasionalmente dúas. A femia preñada abandona o seu grupo para dar a luz; unha vez que pariu, a cría agóchase na vexetación durante unhas 4 a 5 semanas para evitar os predadores.[18] Pasado ese tempo, as crías acompañan as súas nais durante curtos períodos de tempo e o resto seguen agochadas; despois, cando teñen de 3 a 4 meses de vida, acompáñanas sempre.[18] Aos 6 meses de idade son xa bastante independentes das súas nais. A maioría dos nacementos ocorren durante a estación húmida (de xaneiro a marzo).[19] As femias chegan á madureza sexual entre os 15 e 21 meses. Os machos chegan á madurez entre os 21 e 24 meses.[4]

Interacción cos humanos

editar
 
Alimentación a man dun cudú maior no Zoo do Bronx en 1920.

O cudú maior tanto se beneficiou coma sufriu pola interacción cos humanos. Os humanos están convertendo gran parte do hábitat dos cudús en campos agrícolas, o que restrinxe a súa área de distribución.[19] Tamén destruíron a cuberta de sabana boscosa, onde normalmente viven. Porén, os pozos de auga e os sistemas de rega construídos polo ser humano permitíronlle ao cudú maior ocupar territorios que estaban desprovistos de auga anteriormente.[3] Este antílope é tamén o obxectivo de cazadores furtivos pola súa carne e cornos. Os seus cornos (ou os de carneiro) úsanse comunmente para facer os Shofars, que son cornos (~trompetas) rituais xudeus que se fan soar durante o Rosh Hashanah ("festa das trompetas" do ano novo xudeu).

Status

editar

A poboación do cudú maior na parte norte da súa área de distribución declinou debido á excesiva caza que sofren e á rápida perda do seu hábitat. Porén, están avaliados como en risco baixo (Pouco preocupante) na lista vermella da IUCN de especies en perigo. A supervivencia a longo prazo desta especie en xeral non está ameazada, xa que as poboacións doutras zonas seguen sendo prósperas e están ben xestionadas.[1] Afortunadamente, o cudú maior recibe unha adecuada protección desde o sur de Tanzania ata Suráfrica. Hai grandes poboacións en parques e reservas como as de Ruaha-Rungwa-Kisigo e Selous (Tanzania), val do Luangwa e Kafue (Zambia), Etosha (Namibia), Moremi, Chobe e Kalahari Central (Botswana), Hwange, Chizarira, Mana Pools e Gonarezhou (Zimbabwe) e no Parque Kruger (de 11.200 – 17.300 exemplares)[20] e no de Hluhluwe–iMfolozi (Suráfrica). Tamén hai abundancia desta especie en facendas privadas e zonas de conservación no sur de África, especialmente en Namibia, Zimbabwe e Suráfrica, onde son populares entre os cazadores de trofeos.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2008). "Tragelaphus strepsiceros". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 19-09-2016. 
  2. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Tomo 6. Páxina 490. ISBN 84-7680-294-3.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Oddie, Bill (1994). Wildlife Fact File. IMP Publishing Ltd. Group 1, Card 110. ISBN 0951856634. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Brent Huffman. "Greater Kudu. An Ultimate Ungulate Fact Sheet". 
  5. 5,0 5,1 Tragelaphus strepsiceros en MSW.
  6. 6,0 6,1 Tragelaphus strepsiceros Pallas 1766 Arquivado 19 de setembro de 2019 en Wayback Machine. en Fossilworks.
  7. Tragelaphus no Merriam Webster Dictionary.
  8. Esta xilografía é unha ilustración do libro The history of four-footed beasts and serpents (A historia dos animais cuadrúpedes e serpentes) de Edward Topsell, 1658.
  9. strepsiceros no Merriam Webster Dictionary.
  10. Ropiquet, A. (2006): "Etude des radiations adaptatives au sein des Antilopinae (Mammalia, Bovidae)". Tese de doutoramento, Université de Paris. 6 (1-247).
  11. Tragelaphus strepsiceros (Pallas, 1766) no ITIS.
  12. 12,0 12,1 Nersting, L. G.; Arctander, P. (2001). "Phylogeography and conservation of impala and greater kudu". Molecular Ecology 10 (3): 711–719. PMID 11298982. doi:10.1046/j.1365-294x.2001.01205.x. 
  13. Groves, Colin & Peter Grubb (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  14. African Wildlife Foundation (n.d.) Kudu. Web. 4 de marzo de 2015. http://www.awf.org/wildlife-conservation/kudu
  15. Mills, M. G. L., & Biggs, H. C. (1993). Prey apportionment and related ecological relationships between large carnivores in Kruger National Park. In Symposia of the Zoological Society of London (Vol. 65, pp. 253-268).
  16. Cronje, H. P.; Reilly, B. K.; MacFadyen, I. D. (2002). "Natural mortality among four common ungulate species on Letaba Ranch, Limpopo Province, South Africa". Koedoe 45 (1): 79–86. doi:10.4102/koedoe.v45i1.12. 
  17. Owen-Smith, N.; Mills, M. G. (2008). "Predator–prey size relationships in an African large‐mammal food web". Journal of Animal Ecology 77 (1): 173–183. doi:10.1111/j.1365-2656.2007.01314.x. 
  18. 18,0 18,1 18,2 "The Kudu". African Wildlife Foundation. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "Information About the Greater Kudu". The Nature Conservancy. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 19 de marzo de 2016. 
  20. "Biodiversity Statistics: Most recent estimates (2010-2011)". SANParks: Kruger National Park. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 27 de xullo de 2015. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2, pp. 313–320.
  • Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Los kudús", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 2, África (Región etiópica), pp. 160–164. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar