Taurotragus

xénero de mamíferos

Taurotragus
Eláns

Grupo de eláns comúns ou do Cabo
(Taurotragus oryx)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Tribo: Strepsicerotini
Xénero: Taurotragus
Wagner, 1855
Especies e Subespecies
Véxase o texto

Taurotragus é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos e tribo dos estrepsicerotinos que comprende dúas especies de antílopes da sabana africana,[1] coñecidos xeralmente por eláns.

Características editar

Son os antílopes africanos máis grandes, co volume dun boi e aparencia "bovina". Os machos teñen unha lonxitude de cabeza a tronco de 2,40 a 3,45 m (e de 60 a 90 cm de cola), e as femias de 2,10 a 2,70 m (e de 50 a 80 cm de cola). A altura na cruz é de 1,40 a 1,80 m nos machos, e de 1,30 a 1,60 m nas femias. O seu peso oscila entre os 400 e os 1.000 kg nos machos e entre os 300 e os 600 nas femias.[2][3]

A coloración xeral é parda amarelada ou parda avermellada pálida, que se vai facendo agrisada coa idade, agás na parte inferior das patas. Os flancos do corpo son de cor uniforme, ou claramente marcados por raias verticais, segundo as especies e subespecies. Unha liña negra percorre o longo do dorso. Presentan un copete de pelos ensarillados de cor parda chocolate que adorna a fronte dos adultos, que tamén presentan unha curta crina escura nos ombros e nas agullas.[2][3]

Teñen unha papada prominente. Os cornos son moi grandes (de 73 a 121 cm), macizos, lixeiramente diverxentes desde a base, e rectos e dirixidos cara a atrás, en liña co perfil da cara, e retortos en espiral apertada, como nun parafuso.[2][3]

Bioloxía editar

 
Parella de Taurotragus derbianus.

Son animais gregarios que viven en mandas de entre 20 e 60 cabezas, aínda que se puideron observar congregacións de máis de 600 animais. Os machos vellos adoitan seren solitarios.

Os machos adultos establecen unha xerarquía que determina o dereito ao apareamento.

Tamén as femias desenvolven un sistema xerárquico que determina factores como posición na manda e o acceso aos pasteiros.

Son activos tanto de noite como de día; ademais, a pesar do seu enorme tamaño son uns magníficos saltadores. Ao andar fan un ruído que se cre que está producido polo choque dos pezuños ou polo movemento da articulación do xeonllo.

Teñen unha soa cría por parto, despois duns 270 días de xestación; a cría nace cun peso duns 30 kg.[2][3]

Taxonomía editar

Descrición editar

O xénero Taurotragus foi descrito en 1855 polo zoólogo alemán Johann Andreas Wagner in Schreber, Die Säugethiere, Suppl., 5: 438.[1]

Etimoloxía editar

O termo do latín científico Taurotragus é un composto híbrido latín-grego (híbridos liguísticamente incorrectos,[4] que usaban ás veces antigamente os taxonomistas), xa que deriva do latín taurus, "touro", e o grego antigo τράγος trágos, "bode", "cabrón", aludindo á aparencia destes animais.

Especies e subespecies editar

Segundo Wilson & Reeder, o xénero comprende dúas especies, coas subespecies que se indican a continuación:[1]

Xénero Taurotragus

Porén, para algúns autores ambas as especies son conespecíficas,[5] ou outros, ademais, consideran ao xénero Taurotragus como un subxénero de Tragelaphus, Tragelaphus (Taurotragus) oryx Pallas, 1766,[3] coas cinco subespecies citadas:

  • Tragelaphus (Taurotragus) oryx oryx
  • Tragelaphus (Taurotragus) oryx livingstonei
  • Tragelaphus (Taurotragus) oryx pattersonianus
  • Tragelaphus (Taurotragus) oryx derbiuanus
  • Tragelaphus (Taurotragus) oryx gigas

Relacións cos humanos editar

A carne dos eláns contén máis proteínas que a carne do gando bovino, e menos graxa, e o seu leite ten un nivel moi alto de calcio. Por esta razón, os eláns sometéronse a selección para aumentar a cantidade de leite producido e a calidade da carne, no parque zoolóxico de Askaniya-Nova en Ucraína.[6]

Porén, os intentos de domesticación destes animais en Europa para aproveitar o seu valor nutritivo non tiveron éxito.[6]

Así e todo, o elán común críase nalgunhas partes de África, onde se adapta ben ás condicións locais.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Taurotragus en Wilson & Reeder (2005).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 190-191.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), pp. 65-66.
  4. Font Quer, Pío (1993): Diccionario de botánica. Brcelona: Editorial Labor, S. A., ISBN 84-335-0078-3, pp. XVII-XIX.
  5. Taurotragus no NCBI,
  6. 6,0 6,1 Diamond, Jared (1997): Guns, Germs, and Steel: The Fates of Human Societies Arquivado 19 de outubro de 2014 en Wayback Machine.. New York: W. W. Norton & Co. ISBN 0-393-03891-2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, EE.UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligázons externas editar