Portal:Santiago de Compostela/Artigo destacado/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Santiago de Compostela:

1 editar

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira Universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza. Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha Autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.

En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo. No ano 2012 contaba con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Histórico, Norte e Sur-, e Campus de Lugo) cun total de 23 Facultades e 2 Escolas Técnicas Superiores.


2 editar

O Obradoiro Clube de Amigos do Baloncesto, denominado Río Natura Monbus Obradoiro por razóns de patrocinio, é unha entidade deportiva profesional adicada ó baloncesto, con sede na cidade galega de Santiago de Compostela. O club foi fundado en 1970, e na actualidade compite por sétima ocasión na máxima categoría do baloncesto nacional, as cinco últimas de xeito consecutivo.

En 1990 o equipo xogou o ascenso á Liga ACB contra o Júver Murcia, que no primeiro partido xogou polos murcianos Esteban Pérez, de nacionalidade arxentina, o que daquela supuña un aliñamento indebido. O Obradoiro reclamou o aliñamento, con todo os tres partidos rematarían coa derrota do Obradoiro, pero este club reclama, primeiro á xustiza deportiva e logo pola vía ordinaria. Finalmente en 2003 o preito resólvese, e a Xustiza obriga a ACB a readmitir o equipo na primeira división estatal, o que se produciría finalmente na tempada 2009-10.

Xoga os seus partidos como local no Multiúsos Fontes do Sar.


3 editar

O Aeroporto de Santiago de Compostela (IATA: SCQOACI: LEST), no pasado tamén coñecido como Aeroporto da Lavacolla, é un aeródromo situado preto da capital de Galicia, concretamente na Lavacolla, Sabugueira, Santiago de Compostela.

O aeroporto de Santiago de Compostela comezou a súa andaina no ano 1932, cando un grupo de afeccionados da aeronáutica constrúe un aeroclube na cidade, máis concretamente, no termo municipal da Lavacolla. Nos seus inicios, o aeroporto contou con tres zonas de aterraxe formando un triángulo de pistas de dimensións 1100 por 200 m, 950 × 150 m e 600 × 125 m. Co motivo do Ano Santo de 2010 constrúese unha nova terminal de pasaxeiros. Na actualidade está xestionado por AENA, e abrangue a maior parte do tráfico aéreo en Galicia, tanto nacional como internacional. Na actualidade dende Lavacolla hai voos regulares a 29 destinos, 24 deles durante todo o ano e o resto estacionais.

O aeroporto enlaza a capital galega con, entre outras cidades: Madrid, Barcelona, Londres, Dublín, Istambul, Frankfurt, Milán, Xenebra ou Ámsterdam.


4 editar

Televés é unha empresa galega con sede en Conxo, Santiago de Compostela dedicada á investigación, deseño, fabricación e comercialización de equipos para a recepción e distribución do sinal de radio, televisión, telefonía, Internet e telecomunicacións. A empresa fundouse no ano 1958, cando a televisión en España acababa de comezar as súas emisións. Inicialmente, a empresa operou desde un pequeno obradoiro cun cadro de persoal de 10 traballadores.. A facturación do seu primeiro ano foi de 400.000 pesetas.

En 2015, a Corporación Televés agrupaba a 700 traballadores, cunha cifra de vendas de 150 millóns de euros, que procede nun 60% das vendas no estranxeiro. Dende o ano 1995 forma parte do DVB, un consorcio internacional de empresas que crea e mantén un conxunto de estándares relacionados coa televisión dixital.


5 editar

As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto, é o nome co que se coñece en Santiago de Compostela a parella formada polas irmás Maruxa (morta no 1983) e Coralia Fandiño Ricart (falecida no 1980), representadas dende hai anos nunha célebre escultura situada no parque da Alameda.

As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola Zona Vella da cidade, durante as décadas dos cincuenta e sesenta, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Por outra banda, o escritor e guionista Henrique Rivadulla Corcón realizou o documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, narrado por Farruco.


6 editar

O Preito Tabera - Fonseca foi unha arbitraxe ou concordia que tivo lugar entre o arcebispo de Compostela Alonso III de Fonseca, e o seu sucesor no cargo Juan Tabera. Trátase dunha fonte documental fundamental para o coñecemento do patrimonio do arcebispado nos séculos XV e XVI e dos feitos relacionados coas revoltas irmandiñas e os conflitos señoriais do convulso século XV galego. A descuberta da súa existencia atopámola da man de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, que en decembro de 1889, na publicación Galicia diplomática IV, deu a coñecer a existencia duns poucos pregos (17) gardados no mosteiro de San Martiño Pinario.

A orixe do preito remóntase ao 26 de decembro de 1525, cando o novo arcebispo reclamoulle ao Fonseca dez millóns de marabedís como indemnización polos danos sufridos nos castelos e casas pertencentes á mitra compostelá durante os gobernos de Alonso II de Fonseca e do propio Alonso III, e que foran ocasionados polas revoltas irmandiñas, e os enfrontamentos de Alonso II cos seus inimigos señoriais.

Como resultado, o 28 de xaneiro do ano 1534 aceptou facer o pago de 200.000 marabedís, aínda que nunca se chegaría a realizar xa que Fonseca morreu o 4 de febreiro.


7 editar

O Santiago Futsal, chamado Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala até 2012, é un club galego de fútbol sala da cidade de Santiago de Compostela, que milita na Primeira División de fútbol sala española dende o ano 2003. Trátase do club máis laureado do fútbol sala galego, con 5 Copas Xunta, 1 Copa de España, 1 Supercopa de España e 1 Recopa de Europa.

O primeiro equipo disputa os seus encontros como local no Pavillón Multiúsos Fontes do Sar da capital galega, mentres que o seu filial, que compite baixo o nome "Santiago FS" na Segunda División B, adoita xogar no Pavillón Municipal de Santa Isabel. A media de seareiros que asistiron ó pavillón durante a tempada 2010-11 foi duns 2350 por encontro, mentres que durante a tempada 2011-12 esta media de asistencia no pavillón baixou a uns 1700 seareiros por encontro.


8 editar

O accidente ferroviario de Angrois de 2013 foi un descarrilamento ferroviario sucedido o 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, en Santiago de Compostela. Foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e de España, se ben hai hipóteses que sinalan que o máis grave da historia de España foi o accidente de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. Ademais, tamén foi o primeiro accidente de tren mortal producido nunha liña de alta velocidade en España. Das 222 persoas que viaxaban no tren, preto de 140 resultaron feridas e 79 morreron.

O accidente produciuse a tres quilómetros da entrada da estación de Santiago de Compostela, ao final da recta da liña de alta velocidade que cruza o barrio do Eixo. Nese punto a vía traza unha curva pechada, chamada a curva da Grandeira, limitada a 80 km/h, xusto ao pasar por baixo do viaduto da AP-9.

Unha das primeiras consecuencias foi o peche do camiño de ferro entre Ourense e Santiago de Compostela. Tamén se suspenderon os actos festivos e políticos programados na cidade para o 25 de xullo, e o Goberno galego decretou sete días de loito oficial, o maior loito da autonomía ata a data.


9 editar

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS polas sús siglas) é unha institución cultural, constituída o 16 de febreiro de 1944 en Santiago de Compostela, especializada en estudos científicos sobre arqueoloxía e historia, nomeado en honor ó Padre Sarmiento. O IEGPS forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de España.

Foi fundado en 1944, sendo o seu primeiro director Francisco Javier Sánchez Cantón, e dende aquela ten sido un centro de gran importancia para a investigación da cultura e o patrimonio galego. As súas investigaciones son difundidas a través da revista "Cuadernos de Estudios Gallegos", de periodicidade anual -unha das revistas científicas en humanidades máis antigas de Galicia-, e por medio das súas dúas coleccións de libros: "Estudios" e "Monografías".

Entre as personalidades que formaron parte do IEGPS cómpre salientar a figuras como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, ou Xesús Ferro Couselo, entre outros.


10 editar

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente. O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento.

O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galicia, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral, senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa.

Chegados a Compostela, o Camiño continúa co denominado Camiño de Fisterra-Muxía, que moitos peregrinos deciden facer ata Fisterra ou Muxía.