O Digital Video Broadcasting (DVB) é un conxunto de estándares abertos para televisión dixital internacionalmente aceptados. Os estándares DVB están xestionados polo DVB Project, un consorcio internacional da industria con máis de 270 membros, e son publicados polo Joint Technical Committee (JTC, Comité Técnico Conxunto) do ETSI (European Telecommunications Standards Institute, xunto co CENELEC (European Committee for Electrotechnical Standardization) e a EBU (European Broadcasting Union). A interacción dos diferentes subestándares DVB descríbese no DVB Cookbook.[1] . Moitos dos aspectos do DVB está suxeitos a patentes, incluíndo elementos da codificación de vídeo e son MPEG.

Distribución dos estándares de televisión no mundo (en 2014).

Transmisión editar

Os sistemas DVB distribúen datos usando unha ampla variedade de métodos, que inclúen:

Estes estándares definen a capa física e de enlace do sistema de distribución. Os dispositivos interactúan coa capa física a través dunha interface síncrona paralela (SPI, Synchronous Parallel Interface), síncrona serie (SSI, Serial Synchronous Interface) ou asíncrona serie (ASI, Asynchronous Serial Interface). Os datos transmítense en fluxos de transporte MPEG (MPEG Transport Streams) con algúns condicionantes adicionais (DVB-MPEG), encapsulados en paquetes de 188 bytes. En novembro de 2004 publicouse un estándar para a distribución comprimida temporalmente a dispositivos móbiles.

Estes sistemas de distribución diferéncianse principalmente nos esquemas de modulación e nos códigos de corrección de erros empregados. En satélite, na banda de SHF, DVB-S emprega a modulación QPSK, mentres que DVB-S2 (a segunda xeración do estándar) emprega QPSK, 8PSK, 16 APSK ou 32 APSK, en función do perfil (profile) empregado. As modulacións máis empregadas son QPSK e 8PSK. No caso de DVB-C, nas bandas de VHF e UHF emprégase a modulación QAM: 16-QAM, 32-QAM, 64-QAM, 128-QAM ou 256-QAM. Finalmente, en transmisións de televisión dixital terrestre (TDT), o estándar DVB-T usa unha modulación COFDM coa posibilidade de ter modulación xerárquica.

A especificación DVB-T2 (segunda xeración do estándar de transmisión terrestre) foi aprobada pola xunta directiva (Steering Board) do DVB en xuño de 2008 e enviada ó ETSI para a súa adopción como un estándar formal, o que se produciu o 9 de setembro de 2009.[2]

O estándar DVB-T2 proporciona unha recepción máis robusta e aumenta a taxa binaria por riba dun 30 % para transmisores únicos, como os do Reino Unido, e debería aumentar a taxa binaria máxima en máis dun 50 % en grandes redes de frecuencia única (SFN Single Frquency Network), como en España, Alemaña e Suecia.

Por outra banda, o DVB creou un grupo de televisión en tres dimensións (CM-3DTV) para identificar "que clase de solución 3D-TV quere o mercado, e como o DVB pode xogar un papel activo na creación desa solución". O grupo CM-3DTV mantivo unha reunión de lanzamento en Xenebra o 25 de xaneiro de 2010, seguida pola primeira reunión do grupo o día seguinte.[3]

Normas editar

 
Transmisor DVB de R&S.

Listaxe das normas segundo campos e aplicacións.

Lista das normas da versión 10 ou posteriores a 2007
Normas Descrición
Transmisión
DVB-S Transmisión satélite
DVB-S2 Transmisión satélite versión 2
DVB-C Transmisión por cable
DVB-CS Transmisión satélite
DVB-T Transmisión terrestre
DVB-T2 Transmisión terrestre versión 2
DVB-H Receptor portable
DVB-SH Receptor portable transmisión por satélite
DVB-MDS Transmisión multipunto vía satélite
DVB-DSNG Transmisión vía satélite temporal
Multiplesaxe
DVB-SI Táboas de definición
DVB-DATA Difusión de datos broadcast
DVB-SSU Actualización de software de receptores
DVB-TVA Gravador dixital persoal
DVB-GSE Datos xenéricos
Fontes de codificación
DVB-MPEG Utilización dun sistema MPEG2
Subtítulos
DVB-SUB Subtítulos
Interactivo
DVB-NIP Servizo interactivo, protocolo non especificado
DVB-RCC Servizo interactivo por cable
DVB-RCP Servizo interactivo vía rede conmutada
DVB-RCD Service interactif par DECT
DVB-RCL Service interactif par LMDS
DVB-RCG Servizo interactivo vía GSM
DVB-RCCS Servizo interactivo vía satélite
DVB-RCS Servizo interactivo vía satélite
DVB-RCT Servizo interactivo vía terrestre
DVB-RCGPRS Servizo interactivo vía GPRS
MHP
DVB-MHP Plataforma multimedia
DVB-PCF Formato de contido para móbiles
Protección de contido/Xestión de dereitos
DVB-CPCM Protección de contido/Xestión de dereitos
Interface
DVB-PDH Rede PDH
DVB-SDH Rede SDH
DVB-ATM Rede ATM
DVB-HAN Rede HAN
DVB-HLN Rede HLN
DVB-CI Interface común para o acceso condicional
DVB-PI Interface para CATV/SMATV e ASI
DVB-IRDI Interface entrada/saída descodificada
Protocolo internet
DVB-IPTV IP por rede
DVB-IPDC Datacast IP vía redes DVB-H
Acceso condicional
DVB-CSAS Soporte para cifrado e de acceso condicional
DVB-SIM Simulcrypt
Análise e medida
DVB-M Análise e medida dos fluxos DVB/MPEG

Contido editar

Ademais de son e vídeo, o DVB tamén considera a transmisión de datos (DVB-DATA - EN 301 192) con canles de retorno (DVB-RC) sobre distintos medios de transmisión (DECT, GSM, PSTN/RDSI, satélite, etc.) e protocolos (DVB-IPTV: Internet Protocol; DVB-NPI: network protocol independent e protocolo independente de rede).

Tamén se tiveron en conta nos estándares, para facilitar a conversión, vellas tecnoloxías como o teletexto (DVB-TXT) e os datos incluídos no VBI (vertical blanking interval, intervalo de borrado vertical -DVB-VBI-). Non obstante, para moitas aplicacións existen alternativas máis avanzadas, como DVB-SUB para o subtitulado.

O DVB tamén define un novo estándar para a difusión de vídeo en 3D: DVB 3D-TV

Encriptación e metadatos editar

O sistema de acceso condicional (DVB-CA) define un algoritmo chamado CSA (Common Scrambling Algorithm) para encriptar os datos que se queiran protexer, así coma unha interface física, chamada Common Interface, para permitir o acceso a contidos encriptados (de pagamento). Os fabricantes que seguen o estándar DVB-CA desenvolven os seus sistemas completos de acceso condicional propietarios seguindo esta especificación. Un mesmo programa encriptado pode ir asociado a varios sistemas de acceso condicional ó mesmo tempo, de xeito que se obtén unha gran flexibilidade comercial para o provedor do servizo.

Por outra banda, o DVB tamén está a desenvolver un sistema anticopia para protexer o contido logo de recibido: DVB-CPCM (Content Protection and Copy Management, Protección de contidos e xestión de copias). A intención é permitir un uso flexible de contidos gravados nunha rede doméstica ou máis grande, entanto que se impide a distribución compartida sen límites en Internet. O DVB-CPCM foi unha fonte de moita controversia na prensa popular, e dise que o CPCM é a resposta do DVB ó errado sistema americano de Broadcast Flag.[4]

Os fluxos de transporte DVB inclúen metadatos chamados Información de Servizo (SI, Service Information, recollido en DVB-SI, ETSI EN 300 468, ETSI TR 101 211), que enlazan os distintos fluxos elementais (son, vídeo e teletexto, por exemplo) para formar programas coherentes e proporcionar descricións, lexibles polo usuario, para as guías electrónicas de programa e tamén para a busca automática e a filtraxe.

Recentemente, o DVB adoptou un perfil de metadatos definido polo Foro TV-Anytime (DVB-TVA, ETSI TS 102323). Trátase dun esquema baseado en XML que o DVB adaptou para os gravadores dixitais persoais avanzados.

Por outra banda, tamén se traballa no campo da televisión vía IP (DVB-IPI, ETSI TR 102033, ETSI TS 102034, ETSI TS 102814), que tamén inclúe metadatos coas definicións para unha guía de contidos emitidos en banda larga (DVB-BCG, ETSI TS 102 539).

Plataforma software editar

O DVB-MHP (Multimedia Home Platform, Plataforma Doméstica Multimedia) define unha plataforma baseada en Java para o desenvolvemento de aplicacións de sistemas de vídeo doméstico. Proporciona abstraccións para moitos dos conceptos DVB e MPEG-2, así como interfaces para outras características como o control de tarxetas de rede, descarga de aplicacións e gráficos multicapa.

Canle de retorno editar

O DVB-RCS inclúe os estándares para distintas canles de retorno que traballan xunto coa transmisión DVB(-S/T/C) para crear unha comunicación bidireccional. RCS significa Return Channel Satellite ou Canle de Retorno por Satélite, e especifica canles de retorno nas bandas C, Ku e Ka con ata 2 Mbit/s. DVB-RTC (ETSI EN 301958), pola contra, especifica a canle de retorno para a TDT (Return Channel Terrestrial).

Adopción editar

No ano 1994 ratificáronse o DVB-S e o DVB-C, mentres que o DVB-T foi ratificado a comezos de 1997. As primeiras emisións da TDT seguindo o estándar DVB-T levounas a cabo o Digital TV Group no Reino Unido a finais de 1998. En 2003, Berlín, en Alemaña, foi a primeira área que fixo o que logo se coñecería como "apagamento analóxico": a finalización de todas as transmisións dos sinais de televisión analóxica. Moitos países europeos teñen previsto dispor de cobertura total de televisión dixital para 2010 e proceder ó apagamento analóxico dos sinais PAL/SECAM para esa data.

Para a recepción do sinal da TDT é preciso dispor dun televisor compatible ou ben mercar un adaptador que reciba o sinal da TDT e o transforme de xeito que se poida visualizar nun televisor analóxico. Tanto os televisores equipados con sintonizador TDT como os equipamentos adaptadores foron baixando de prezo segundo se ía estendendo a cobertura da TDT e o número de equipamentos vendidos.

O sistema DVB-T úsase en Europa, Australia, a India, o Sueste asiático e varios países africanos. A maioría de países africanos optou polo sistema DVB-T. Os Estados Unidos, Porto Rico, Canadá, México, Corea do Sur, Honduras e O Salvador optaron polo sistema americano ATSC. Gran parte de Latinoamérica adoptou o sistema xaponés ISDB-T, o igual que as Filipinas e, por suposto, Xapón.[5]

África editar

  Kenya editar

As transmisións DVB-T foron inauguradas polo presidente de Kenya, Mwai Kibaki, o 9 de decembro de 2009. As transmisións están empregando a codificación H.264, e os descodificadores proporiónaos a Universidade de Nairobi. En Kenya tamén se leva transmitindo en DVB-H desde xullo de 2009, e está dispoñible para móbiles Nokia e ZTE na rede Safaricom.[6]

  Suráfrica editar

A finais de 2010 o goberno surafricano referendou a decisión da SADEC (Southern African Development Community, Comunidade de Desenvolvemento Surafricana) de adoptar o estándar DVB-T2.[7]

Asia editar

  Hong Kong editar

En Hong Kong, distintos operadores de televisión por cable, como TVB Pay Vision e Cable TV, xa empezaron a usar DVB-S ou DVB-C. O goberno, pola contra, adoptou o estándar DMB-T/H, desenvolvido en China, para os seus servizos de difusión de TDT, que comezaron o 31 de decembro de 2007.[8]

  Irán editar

As emisións en DVB-T en Irán comezaron o 17 de marzo de 2009.

  Israel editar

En Israel, as emisións de DVB-T, empregando a codificación H.264, comezaron oficialmente o 2 de agosto de 2009. O apagamento analóxico estaba previsto para o 2 de febreiro de 2010, pero foi posposto ata o 30 de marzo de 2011. Durante 2010, as transmisións DVB-T fóronse estendendo pola maior parte de Israel e engadiuse a guía electrónica de programas (EPG).[9]

  Xapón editar

Coa excepción de SKY PerfecTV!, Xapón emprega diferentes formatos, aínda que son semellantes ós equivalentes DVB. SkyPerfect é un provedor de satélite que usa DVB nos seus satélites, situados a 124 e 128 graos leste. Pola contra, o satélite situado a 110 graos lste non emprega DVB. En outubro de 2008, SKY PerfecTV/HD comezou a emisión de 15 canles en alta definción usando o estándar DVB-S2 e codificación MPEG-4, H.264 AVC. Ten previsto chegar a emitir máis de 100 canles.

  Malaisia editar

En Malaisia, unha nova emisora de televisión de pagamento, MiTV, comezou a dar servizo en setembro de 2005 usando a tecnoloxía de televisión sobre IP (DVB-IPTV). O único provedor de programas vía satélite, ASTRO, leva transmitindo en DVB-S dende a súa creación en 1996. As transmisión de proba de DVB-T en aberto empezaron a finais de 2006 coa transmisión simultánea de TV1 e TV2, ademais dunha nova canle chamada RTM3/RTMi. En abril de 2007 RTM anunciou os resultados positivos das probas e que esperaba comezar as transmisión ó público xeral en DVB-T a finais de 2007. Con todo, o sistema non chegou a arrincar como estaba previsto. En 2008 incluíronse nas probas unha canle de música chamada Muzik Aktif e unha canle de deportes chamada Arena, e está previsto incluír no futuro unha canle de noticias chamada Berita. Ademais, fixéronse probas de transmisións en alta definción durante os Xogos Olímpicos de Pekín, con resultados favorables. O lamzamento público estaba previsto para 2009. En 2009 MiTV pechou e cambiou o seu nome por U-Television, e anunciou que pasaba a emitir en DVB-T pero codificado (de pagamento) en vez do sistema DVB-IPTV, que usara antes do pechamento.

O apagamento analóxico esta previsto para 2015.

  Filipinas editar

En Filipinas, o DVB-S e o DVB-S2 son os dous estándares de difusión usados actualmente polas compañías de satélite, mentres que o DVB-C o empregan algunhas empresas de cable. O goberno adoptou o DVB-T en novembro de 2006 para as transmisións da TDT, pero un ano máis tarde cambiou de idea e adoptou o sistema xaponés ISDB-T.

  Taiwán editar

En Taiwán algúns operadores de cable usan DVB-C, aínda que moitos usuarios seguen a usar a televisión por cable analóxica en formato NTSC. O goberno tamén adoptou o DVB-T para as súas transmisións de TDT. A televisión pública, Public Television Service (PTS) e Formosan TV están a transmitir televisión en alta definición. A primeira delas ten unha canle chamada HiHD; a segunda usa a canle en HD para transmitir partidos da liga MLB de béisbol.

Europa editar

  Dinamarca editar

En Dinamarca, o DVB-T substituíu as transmisións analóxicas o 1 de novembro de 2009. As transmisións nacionais de televisión dixital foron subcontratadas á empresa Boxer TV A/S (Boxer TV).[10][11] Non obstante, hai aínda varias canles en aberto da emisora DR, e algúns de TV 2.

  Países Baixos editar

Nos Países Baixos, as emisións en DVB comezaron en abril de 2003 e o apagamento analóxico produciuse en decembro de 2006. Inicialmente foi comercializada por Digitenne e máis tarde por KPN. O bouquet 1 inclúe os seguintes servizos en aberto da televisión nacional: Nederland 1, 2, 3 e unha canle rexional. Os bouquets 2 a 4 teñen as outras canles comerciais e internacionais, tanto en aberto como de pagamento. O bouquet 1 tamén emite as canles de radio: Radio 1, Radio 2, 3 FM, Radio 4, Radio 5, Radio 6, Concertzender, FunX así coma unha canle rexional.

  Noruega editar

En Noruega, as transmisións de DVB-T lévanas a cabo RiksTV (emisións de pagamento) e NRK (canles públicas en aberto). As emisións DVB-T comezaron en novembro de 2007 e fóronse estendendo polas distinas zonas do país paso a paso. Como diferenza respecto a outros países, en Noruega empregan a codificación de audio H.264 con HE-AAC, mentres que a maioría doutros países adoptaron o estándar MPEG-2, menos recente. Isto leva a que moitos programas DVB para PC teñan problemas coa descodificación do audio, aínda que a finais de 2007 saíu ao mercado software compatible, como DVBViewer, que usa a libraría libfaad2. Sony puxo no mercado varios televisores HD (Bravia W3000, X3000, X3500, E4000, V4500, W4000, W4500, X4500) capaces de traballar coa implementaciópn DVB-T en Noruega sen precisar un receptor (set-top-box) separado.

  Portugal editar

Portugal segue a implementación DVB-T, empregando H.264 con AAC como sistema de codificación de audio. Comezaron as emisións o 29 de abril de 2009 e o apagamento analóxico programouse para o 26 de abril de 2012.

  América do norte editar

En Norteamérica, DVB-S emprégase adoito nas transmisións satélite, xunto co sistema DSS de Hughes. De xeito diferente ao sistema DigiCipher 2 de Motorola, o estándar DVB ten unha adopción máis ampla en termos de número de fabricantes de receptores. Os operadores de cable usan ben o DVB-C ou ben OpenCable. As emisoras terrestres en HD usan ATSC con modulación 8VSB en vez da modulación COFDM empregada polo DVB-T.

Canadá, México, O Salvador, Honduras e os Estados Unidos escolleron ATSC en vez de DVB-T.

Oceanía editar

  Nova Zelandia editar

En Nova Zelandia, as emisións DVB comercialízanse baixo a marca Freeview. As emisións vía satélite en MPEG-2 usando DVB-S (definición estándar) comezaron o 2 de maio de 2007, entanto que as de TDT usando DVB-T comezaron en abril de 2008, con codificación de vídeo en HD en formato H.264 e audio en HE-AAC.

Produtos compatibles DVB editar

 
Logo DVB-3DTV

As empresas que fabrican un produto que sexa compatible cun ou máis dos estándares DVB teñen a opción de rexistrar unha declaración de conformidade para ese produto. Sempre que a marca rexistrada DVB se use en relación cun produto, sexa unha transmisión, un servizo, unha aplicación ou un equipamento, o produto debe estar rexistrado na oficina do proxecto DVB.

Véxase tamén editar

Notas editar

  1. "Digital Video Broadcasting (DVB); A Guideline for the Use of DVB Specifications and Standards" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 2008-08-30. 
  2. "Work Programme: Details of 'DEN/JTC-DVB-228' Work Item Schedule". ETSI. Consultado o 2010-08-29. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2010. Consultado o 12 de marzo de 2011. 
  4. "Europe's Broadcast Flag". Electronic Frontier Foundation. 2005-09-29. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2005. Consultado o 2007-08-15. 
  5. "Mapa de distribución do sistema DVB". Proxecto DVB. 7-1-2011. Arquivado dende o orixinal o 20-03-2011. Consultado o 12-3-2011. 
  6. "Digital TV a reality in Kenya". Nation Media. Consultado o 2009-12-09. 
  7. "SA to adopt European TV standard: report". 24.com. Consultado o 2011-01-18. 
  8. "Hong Kong is entering a new era of digital broadcasting". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 12 de marzo de 2011. 
  9. "DVB-T Launched in Israel". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2011. Consultado o 12 de marzo de 2011. 
  10. Press release from The Danish Radio and Television Board[Ligazón morta]
  11. "Announcement from The Danish Ministry of Culture (in Danish)". Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2009. Consultado o 12 de marzo de 2011. 

Ligazóns externas editar