Asociación de Transporte Aéreo Internacional
A Asociación de Transporte Aéreo Internacional, (en inglés International Air Transport Association ou IATA) é un grupo comercial internacional de aeroliñas que ten como misión representar, dirixir e servir ás compañías deste sector. Fundouse na Habana en 1945 e ten a súa sede en Montreal, ao igual que a Organización de Aviación Civil Internacional. As oficinas executivas atópanse no aeroporto de Xenebra.
Asociación de Transporte Aéreo Internacional | |
---|---|
Acrónimo | IATA e יאטא |
Tipo | asociación de comercio |
Data de fundación | 19 de abril de 1945 |
Director/a | Alexandre de Juniac e Willie Walsh |
Sede | Montreal |
País | Países Baixos |
Na rede | |
https://www.iata.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A IATA representa a unhas 243 aeroliñas, que supoñen o 93% do tráfico aéreo internacional. O seu director xeral e conselleiro delegado é Tony Tyler dende o 1 de xullo de 2011.[1] Actualmente a IATA está presente en 150 países, cubertos por 101 oficinas espalladas por todo o mundo.
Historia
editarA IATA formouse o 19 de abril de 1945, na Habana, Cuba. É a sucesora da International Air Traffic Association, fundada na Haia en 1919, o ano en que se ralizaron os primeiros servizos regulares no mundo. No momento da súa creación a IATA tiña 57 membros de 31 nacións, principalmente de Europa e Norteamérica. En abril de 2012 estaba composta por 243 membros de 126 países de todo o mundo.
Actividades
editarEstablecemento de prezos
editarUnha das súas principais funcións é a de fixar prezos para os voos internacionais. Nun acordo que se remonta ao ano 1944, as tarifas de prezos internacionais establecéronse a través de acordos de gobernos bilaterais e non por mecanismos do mercado. Ás aeroliñas garantíuselles unha exención especial por cada unha das principais autoridades reguladoras do mundo para consultar os prezos dunhas e doutras a través deste corpo.
Orixinalmente tanto a aviación doméstica como a internacional estiveron fortemente reguladas pola IATA. Dende 1978 nos Estados Unidos e posteriormente en Europa, a desregulación doméstica destacou os beneficios dos mercados abertos para os consumidores, ao baixar os prezos e ao facerse as redes máis eficientes. Isto levou á creación de acordos bilaterais de "ceos abertos" que debilitaron o papel da IATA como reguladora de prezos. Hai negociacións en marcha dende o ano 2003 para crear un mercado aeronáutico completamente desregularizado no espazo aéreo europeo e estadounidense.
En anos máis recentes, a organización foi acusada de actuar como un cártel, e moitas aeroliñas de baixo custo no son membros de pleno dereito da IATA. As autoridades sobre competencia da Unión Europea atópanse na actualidade [cando?] investigando á IATA. No ano 2005, Neelie Kroes, a comisaría europea de competencia, realizou unha proposta para suprimir a excepción para consultar prezos. En xullo do 2006 o Departamento de Transporte dos Estados Unidos tamén propuxeron a retirada da inmunidade anti-monopolio. A IATA aliouse coa empresa de telecomunicacións SITA para unha solución de billetaxe electrónico.
O efecto das investigacións anti-monopolio foi que as "tarifas IATA" se retirasen:
- Dentro da Unión Europea a finais do 2006.
- Entre os Estados Unidos e a Unión Europea e entre Australia e a Unión Europea a finais de xuño do 2007.
- Entre a Unión Europea e o resto do mundo a finais de outubro do 2007.
- A autoridade australiana da competencia (ACCC), rematou coa inmunidade en xuño do 2008 para os voos dende e cara a Australia.
A IATA respondeu á desaparición destas tarifas introducindo unhas novas. Porén estas novas tarifas non son as substitutas das primeiras, e un feixe de aeroliñas non participan delas. Para o cálculo das mesmas a IATA dividíu o mundo en tres rexións:
- América
- Europa, Oriente Medio e África
- Asia, Australia, Nova Zelandia e as illas do océano Pacífico.
Notas
editar- ↑ IATA (ed.). "CEO Biography: Tony Tyler, Director General and CEO" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2017. Consultado o 7 de setembro de 2014.