Portal:Escocia/Artigo destacado/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Escocia:

1 editar

O monstro do lago Ness, monstro de Loch Ness, ou tamén coñecido simplemente por Nessie en inglés ou Niseag en gaélico escocés, é unha suposta criatura acuática que presuntamente foi vista no Lago Ness (Loch Ness), nas Terras Altas de Escocia. A súa existencia, ou non, continúa a suscitar debate entre os escépticos e os crentes, e é un dos misterios da criptozooloxía. O monstro de Loch Ness é descrito como unha especie de serpe ou réptil mariño, semellante ao plesiosauro, un sauropteríxeo prehistórico. Pero o 29 de maio do 2003, o goberno de Escocia declarou que o monstro non existe e que a súa existencia é froito da imaxinación.

Rumores acerca dunha criatura estraña no Loch Ness existen desde hai 1595 anos. O primeiro rexistro escrito aparece na Vida de San Columba, Calum Cille en gaélico escocés, escrita por el no século VI, onde Columba describe como salvou a un picto das poutas do monstro. Noutro punto da obra, o santo conta que matou un xabaril co poder da súa voz, o que ergue sospeitas sobre a credibilidade dos seus relatos, o xabaril puido morrer por outra causa mentres Columba berraba ou simplemente usou unha metáfora, usando "Voz" como algo relativo ao pobo.


2 editar

A vaca da Terra Alta (en escocés: Bò Ghàidhealach; en scots: Heilan coo), é unha raza de vaca orixinaria das Highlands escocesas.

Posúe un característico pelo longo e unha cor rubia, algo máis clara cá rubia galega. Empregada para a produción de carne, ten unha elevadísima resistencia ao frío, o que a fai apta para climas extremos. A finais do século XIX levaron exemplares desta raza dende Escocia ata Norteamérica. Na actualidade tamén é posible atopala en Escandinavia.

A vaca da Terra Alta debería ser parente de antigas razas británicas brancas, como a chillingham e a white park. Orixinariamente existían dúas razas distintas, unha máis pequena e negra que vivía nas illas da costa noroccidental de Escocia e unha maior e mormente rubia que vivía na Terra Alta, e que converxeron. O libro xenealóxico único comezouse e 1884.

Tense cruzado frecuentemente coa raza shorthorn.


3 editar

A nora de Falkirk (en inglés Falkirk Wheel) é unha obra de enxeñería que permite conectar a canle do Forth e do Clyde coa canle da Unión, nas proximidades da cidade de Falkirk, en Escocia.

A nora, de espectacular aspecto, forma parte dun recente proxecto para recuperar as dúas principais canles da Escocia central agora que o seu uso industrial pasou completamente á historia. O obxectivo era facer comunicábel por vía fluvial o país de leste ao oeste, pero para iso era necesario salvar os 24 metros (115 pés) de altura que existen entre os cursos das dúas canles, a do Forth e o Clyde e a da Unión.

O seu funcionamento baséase nun sinxelo sistema de enchido e baleirado de dous canxiróns, situados verticalmente un enriba do outro, e con capacidade para 600 toneladas de auga. A nora, de 35 metros de diámetro, permite desprazar verticalmente 4 barcos de 20 metros de eslora nun tempo que anda sobre os 4 minutos. Está construída en aceiro e formigón, e consome en facer unha viraxe completa 22.500 watts, o equivalente "ao que gastan oito torradoras".


4 editar

O Parlamento escocés (en inglés: Scottish Parliament, en escocés: Pàrlamaid na h-Alba e en scots: Scots Pairlament) é o lexislativo unicameral de Escocia. Atópase situado na zona de Holyrood, na cidade de Edimburgo ao remate da Milla real, a principal arteria histórica da capital. Por iso ao parlamento escocés se lle coñece informalmente por Holyrood. Está composto por 129 deputados que se escollen democraticamente cada catro anos por un sistema mixto proporcional e directo, isto é, 73 deputados proceden da elección de 73 circunscricións e 56 repártense proporcionalmente conforme oito rexións distintas.

O primeiro parlamento de Escocia, tamén chamado os Estados de Escocia, foi a cámara lexislativa do Reino de Escocia, e funcionou dende comezos do século XIII ata que a monarquía independente se fusionou co Reino de Inglaterra conforme a Lei da Unión de 1707, para formar o Reino de Gran Bretaña. Como consecuencia, tamén o Parlamento de Escocia se fusionou co Parlamento de Inglaterra para formar o Parlamento de Gran Bretaña, que ten a súa sede en Westminster, en Londres.

Logo do referendo escocés de 1997 onde os escoceses apoiaron amplamente a recuperación da institución lexislativa, o actual parlamento estableceuno a Lei de Escocia de 1998, que lle devolve algunhas capacidades a esta nación. Esta lei define tamén as competencias da cámara sinalando explicitamente aqueles asuntos que lle corresponden unicamente xestionalos a Westminster, entre os que se atopan a lei que rexe esta cámara así como a capacidade para aumentarlle ou reducirlle competencias. A primeira sesión do novo parlamento tivo lugar o 12 de maio de 1999.


5 editar

Pictos (latín picti) é o nome que se lle dá aos antigos caledonios que vivían na moderna Escocia. Foron un grupo de pobos celtas da Idade de Ferro británica e o Baixo Medievo que viviron no leste e no norte de Escocia. Ammiano Marcelino preséntaos divididos en dúas tribos en tempos do emperador Flavius Iulius Constante: os dicalidóns (dicalidonae) e os verturións (verturiones) e aliados cos attacoti (do gaélico athach tuatha, que significa pobo ou xente que paga rendas, oposto a xente ceibe) e cos escotos. O seu nome significaba "pintado" e debíase ao costume dos caledonios de pintarse para o combate. Pictia ou Pictavia (Pictland en inglés) convértese no reino de Alba (Escocia) durante o século X, co que os pictos pasan a ser coñecidos como Albannach ou escoceses.

Hai unha asociación coa distribución xeográfica de fíbulas, nomes de lugares britónicos e pedras pictas. Os pictos son rexistrados desde antes da conquista romana de Britania ata o século X, momento no que se pensa que se mesturaron cos Gaels. Vivían ó norte dos ríos Forth e Clyde, e falaban a extinta lingua picta, a cal se pensa que estaba relacionada coas linguas britónicas faladas polos pobos do sur. Asúmese que son os descendentes dos antigos Caledonii e outras tribos nomeadas polos historiadores romanos, atopados tamén no mapamundi de Tolomeo. Pictia ou Pictavia, mesturouse gradualmente co reino gaélico de Dál Riata para formar o Reino de Alba (Escocia). Alba expandiuse, absorbendo os reinos de Strathclyde e Lothian, e no século XI, a identidade dos pictos foi incluída na amálgama de pobos que son os escoceses.


6 editar

A Ilustración escocesa (en inglés Scottish Enlightenment, en escocés Scots Enlichtenment e en gaélico escocés Soilleireachadh na h-Alba) foi un período na historia escocesa do século XVIII caracterizado por unha onda de logros intelectuais e científicos. Daquela, Escocia tiña unha rede de escolas parroquiais nas Lowlands e cinco universidades. A cultura foi orientada cara os libros, e diariamente tiñan lugar intensos debates en lugares intelectuais de Edimburgo como "The Select Society", e, posteriormente, "The Poker Club", así como nas universidades de Glasgow, Edimburgo e Aberdeen.

Ademais de compartir a visión humanista e racionalista da ilustración europea do mesmo período, os pensadores escoceses facían fincapé na grande importancia da razón humana combinada co rexeitamento de calquera autoridade que non estivese xustificada coa razón. Asemade, mantiveron unha crenza optimista na habilidade humana de crear cambios positivos para a mellora da sociedade e da natureza, guiados só pola razón. Esta último característica deulle á Ilustración escocesa a súa personalidade especial, distinguídoa da contraparte do continente europeo. En Escocia, a Ilustración caracterizouse polo empirismo e a práctica, virtudes eran mellora, onde as virtudes convertíanse en beneficios prácticos para o individuo e a sociedade no seu conxunto.


7 editar

As Guerras de independencia de Escocia foron un conxunto de diversas campañas militares que enfrontaron ó Reino de Escocia co Reino de Inglaterra entre finais do século XIII e xa avanzada a segunda metade do século XIV. Ó longo de dito período e das campañas e batallas seguintes, o obxectivo de Inglaterra era a ocupación e anexión do territorio escocés, mentres que Escocia pretendía manter a súa propia independencia fronte ós ingleses.

A Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1328) iniciouse cunha invasión inglesa de Escocia, finalizando mediante a firma do Tratado de Edimburgo-Northampton en 1328. A Segunda Guerra de Independencia de Escocia (1332-1357) produciuse con motivo da invasión de Eduardo Balliol, apoiado polos ingleses, en 1332, finalizando á súa vez en 1357 coa firma do Tratado de Berwick.

O período e tódolos conflitos no seu conxunto supuxeron para Escocia unha enorme crise de tipo nacional, sendo unha época decisiva para a posterior historia do país. Unha vez finalizadas ambas guerras, Escocia logrou manter a súa condición de nación libre e independente, o que fora o seu obxectivo durante todo o conflito.

Hai que destacar que estas guerras tamén teñen importancia por motivos alleos á política, relacionados coa historia da tecnoloxía militar, xa que foi durante as mesmas cando fixo a súa aparición o arco longo inglés, que foi un elemento clave do armamento medieval.


8 editar

A gaita das Highlands ou Terras Altas escocesas, tamén chamada gaita escocesa, é un dos tipos de gaita máis coñecidos. Alén da fama, está entre as gaitas tradicionais máis potentes, senón a de potencia sonora maior.

Consiste nun fol, un punteiro, un soprete, dous bordóns tenores e outro baixo. A escala do punteiro está aproximadamente en modo mixolídio cun rango desde un grao máis baixo que a tónica até unha oitava por riba dela (sol baixo, la baixo, si, dó#, re, mi, fa#, sol alto e la alto; os gaiteiros tratan a gaita como un instrumento transpositor e omiten os sostidos). Os dous bordóns tenores son unha oitava máis baixos que a tónica (la baixo) do punteiro e o bordón baixo está dúas oitavas máis abaixo. Realmente, este la da gaita das Highlands é en realidade un pouco máis sostido que si bemol (arredor de 480 Hz), e parece que se fai cada vez máis sostido entre as bandas de competición. Na última década, a gaita viu a aparición de novos materiais, como palletas e bolsas sintéticas, que se comportan mellor coa humidade que os materiais tradicionais.


9 editar

O Clan Campbell (en escocés: Clann Caimbeulach) é un clan escocés das Highlands. Historicamente un dos maiores, máis poderosos e exitosos clans das Terras Altas, as súas terras estaban en Argyll e o xefe do clan converteuse en Conde e despois Duque de Argyll.

O máis antigo testemuño dun Campbell é Gilleasbaig de Menstrie (floruit 1260s), pai de Cailean Mór, de quen se pensa que os xefes do clan tomaron o seu título MacCailean Mór. O epíteto kambel é tomado nesa época. Reconstrucións imaxinarias derivárono do castelán Campo Bello, pero a orixe máis probable é caimbeul, do irlandés ou gaélico escocés, que significa boca torta, para referirse a un home cuxa boca está inclinada cara un lado.

En canto ós antergos do Clan Campbell, hai boas evidencia de que teñen parentesco cos Mac Duibne, ou quizais cos Uí Duibne, e de que están relacionados coa figura mitolóxica gaélica de Diarmuid Ua Duibhne. Tamén se suxeriu que as propiedades iniciais da familia, arredor de Menstrie e Cowal, estaban relacionadas coa partición do Condado de Menteith en 1213, e que Gilleasbuig ben puido ser parente de Muireadhach I, conde de Menteith. As terras que rodean o Lago Awe, que máis tarde formarían o núcleo das súas posesións, non o foron nos primeiros anos.


10 editar

O Estandarte Real de Escocia (en scots: Royal banner o Scotland, en escocés: Bratach rìoghail na h-Alba, en inglés: Royal Standard of Scotland), tamén coñecido como Royal Standard of the King of Scots ("Estandarte Real do Rei dos Escoceses") ou máis comunmente como "León Rampante", é a bandeira empregada historicamente polo Rei de Escocia. Era a bandeira de escudo de armas do Reino de Escocia.

Crese que o león foi adoptado como símbolo a comezos do século XII por Guillerme I de Escocia, (coñecido como "Guillerme o León"), pero non existen evidencias do seu uso ata 1222, data na que apareceu no selo do seu fillo, Alexandre II de Escocia. Un estandarte escocés máis antigo que se conserva representa a un dragón, símbolo que tamén empregou David I de Escocia na Batalla do Estandarte de 1138.