Historia de Escocia

A historia de Escocia abrangue a historia de Escocia e a dos seus estados predecesores. A do Reino de Escocia e posteriormente a do país escocés, un dos países que integrou e integra o Reino Unido. Así pois, e aínda que a data inicial do que pode considerarse Escocia cunha continuidade histórica está en disputa, podería remontarse ata os séculos IX ou X, e de aí ata os nosos días.

Historia de Escocia

Mapa do Reino de Escocia de c. 1894
Historia de Escocia Escocia
Categoría Historia de Escocia
Relacionados
Historia Historia do Reino Unido

Historia do territorio

editar

A maior parte do territorio de Escocia ocupa terreos ermos e improdutivos. Isto débese a varios factores, pero fundamentalmente de relevo e climáticos. Só o 40% da superficie de Escocia se atopa por baixo dos 150 metros de altitude, e ata un 30% está por riba dos 300 metros[1]. A altitude, sumada á súa latitude próxima do círculo polar, dificulta a presenza de cultivos agrícolas. Ademais, o solo é formado maioritariamente por arxila e xisto, de maneira que as terras baixas son ermos pantanosos e ácidos. Climaticamente, aínda que se beneficia do impacto benévolo da Corrente do Golfo, particularmente no oeste da illa, os seus invernos son fríos, as nevaradas comúns, e os veráns curtos e chuviosos.

Estes factores fixeron que o territorio e a poboación que o ocupaba no Reino de Escocia estivese ao longo da historia no límite da sostibilidade. Isto é especialmente así entre o século XIII e o XIXI, durante a Pequena Idade de Xeo: neses séculos a temperatura de Europa arrefriou considerablemente, moveuse cara ao sur a liña de xeos perpetuos, aumentaron as nevaradas e os veráns acurtáronse aínda máis. Ademais, por volta de 1500 o proceso de deforestación que se iniciara no Neolítico foi substancialmente consumado e en paralelo, o da extinción de especies que vivían nese ecosistema: os alces extinguíronse na Idade de Ferro, os uros na Idade de Bronce, o oso a principios da Idade Media, o xabaril e o lince ata o século XIII e o castor ata o XVI. A finais do XVII os humanos acabaron cos últimos exemplares de lobo e un século máis sobreviviu a pita do monte.

Con todo, ese período de seis séculos denominado Pequena Idade de Xeo non foi uniforme para Escocia. O século XIV e o XV viviron décadas de fame en Escocia, pero a primeira metade do século XVI foi tan tépeda como a primeira metade do século XX. O apoxeo da friaxe acadouse no resto do XVI e no XVII, con períodos especialmente terríbeis nas décadas de 1560, 1590 e 1620. E aínda que houberon anos máis benignos nas décadas de 1650 e 1660, os anos definidos polo Mínimo de Maunder (escasa actividade solar e arrefriamento entre (1645 e 1715) causou efectos devastadores[2]. No século XVII, a temperatura do Atlántico Norte era uns 5º máis baixa cá actual, mentres que a temperatura en terra era 1.5 ou 2º menos de media cá actual. A época de cultivo agrícola puido chegar a ser ata cinco semanas máis curta do que é agora.[3]. Ese período de friaxe veu acompañada de importantes treboadas e temporais, con treboadas de area que modificaron o perímetro costeiro de Escocia en numerosos puntos. O impacto da friaxe foi maior na Terra Alta escocesa do que na Baixa. Particularmente nesas zonas a poboación sufría crises que a desmaban.

A partir de 1760 a vida dos humanos empeza a mellorar: as condicións climáticas que permiten aumentar a produción de avea e de orxo nas zonas de pouca altitude, a introdución da pataca e o aproveitamento dos recursos mineiros, fai posible que a poboación medre de forma constante. Con todo, ese crecemento non é homoxéneo en todo o territorio, e grandes áreas rurais comezan a despoboarse, ben polo proceso político das clearances, ben porque as condicións comparadas da vida se fan máis insostibles. É o caso da illa de Santa Kilda, que foi evacuada pola súa miseria en 1930, logo de dous milleiros de anos de ocupación humana.

O crecemento da poboación, e sobre todo a súa concentración nas cidades de Edimburgo, Glasgow e Dundee provocou grandes alteracións ecolóxicas. Os detritos afectaron severamente os cultivos pesqueiros e marisqueiros, e acabaron coa ostra do estuario do Forth; pero tamén o fume das fábricas foi o responsable da morte, só en 1909 de 1603 persoas en Glasgow[4]. En 1750 xa só o 10% do territorio escocés conservaba bosques, pero a partir deses anos ademais intensifícase a práctica da queima de monte baixo para a súa transformación en prado co que alimentar o gando, especialmente as novas razas de ovella: a cheviot e a cabecinegra escocesa. Só a caza, que empeza a desenvolverse como actividade deportiva no século XIX frea a conversión do terreo en prado, e mantén a existencia de bosque e de monte baixo nalgunhas áreas setentrionais de Escocia; ao mesmo tempo, condena á extinción algunhas especies particularmente de aves de rapina e de mustélidos. Con todo a grande extinción non se produce en terra, senón no océano, onde a mellora das técnicas de pesca e a incorporación dos motores de vapor levou a que a produtividade, por exemplo, no Mar do Norte sexa na actualidade a décima parte da que podía ser en 1883[5], ou a que na década de 1970 comezasen as paradas biolóxicas con peches das pesquerías de arenque ás veces durante anos enteiros.

Ao longo do século XX, porén, algunhas destas tendencias mudaron: dende a reintrodución de especies, como a pita do monte, ata a reforestación contribuíron ao desenvolvemento da industria turística en Escocia: en 1960 só o 6% do territorio escocés era bosque, pero corenta anos máis tarde esa porcentaxe triplicárase (17%), en particular con coníferas alóctonas, como a picea e o alerce.

  1. B.M.S.Campbell, 'Benchmarking Medieval Economic Development:England, Wales, Scotland and Ireland c 1290'. Economic History Review, 61 (2008), 921.
  2. TC Smout, 'Land and Sea: The Environment', in Devine & Wormald The Oxford Handbook of Scotish Modern History, OUP, 2012, p. 21-22.
  3. TC Smout, 'Land and Sea: The Environment', in Devine & Wormald The Oxford Handbook of Scotish Modern History, OUP, 2012, p. 22.
  4. John Robert McNeill, Something New Under the Sun: An Environmental History of the Twentieth Century World, Norton&Co, Nova York, 2000, 63, 66, 70-1.
  5. Charles Clover, The End of the Line, Ebury Press, Londres, 2004, 54.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar