O porco na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada que deixou o porco na cultura popular galega, na fraseoloxía e na literatura de transmisión oral. Inclúense tamén as referencias á mata do porco, á súa carne e ós produtos que del se obteñen.

Monumento ao porco Antón en Espasante, Ortigueira

Crenzas e supersticións

editar

Cando algún labrego vende un porco na feira resérvase para si a corda coa que o levou atado pois cre que se a cede xunto co animal, non volverá a ter sorte e mercar ou vender ben na feira. Se o que fai é comprar un porco, cando chegue a casa deberá untar con allo o lombo do animal e metelo no cortello co cu por diante, pretendendo así protexelo das meigas e os seus meigallos [1].

A mata

editar
 
Cacheiras e chourizos no Corpiño, Losón, Lalín
Artigo principal: Mata do porco.

A mata do porco, tamén denominada matanza[2], é o conxunto de operacións que se realizan para o sacrificio do porco, o faenado da canal e a posterior elaboración dos embutidos e outras pezas para conserva-la carne obtida. Non se aplica ó sacrificio industrial nin á actividade da industria cárnica, senón só á mata realizada no domicilio do propietario e exclusivamente para o consumo familiar.

Representa —sobre todo noutras épocas— a principal fonte de abastecemento de carne da familia rural para todo o ano[3], ademais de constituír, xunto co Entroido, unha das formas máis representativas da cultura popular galega. Asemade, foi durante séculos un dos momentos de nucleación social de maior tradición.

editar

Na parroquia pontevedresa de Marcón queren curar as lombrigas dos meniños facendo sobre eles cruces cun cacho de unto metido en fariña (Mariño Ferro, 1985, px. 218). Co mesmo obxectivo, en Río Barba (parroquia do concello do Vicedo, Lugo) exconxúranas con unto de porco, ferruxe e la cortada dos testículos dun carneiro [4].

En Agolada (Pontevedra), para curar o eccema pustuloso (que os informantes identifican co fogardente, é dicir, co ergotismo), debe recollerse un pouco de terra de nove toupeiras situadas alí onde non vaias as galiñas. Mestúrase a terra e bótase nun trapo e, xa na casa, métese na terra un cacho de unto de porco branco, á vez que se fai o sinal da cruz. Logo, con esta mestura feita unha pasta trázanse cruces sobre a cara do enfermo, recitando ó tempo un ensalmo: Fogardente/ que queimas a xente./ ¿Donde vai tu padre, niña?/ Na arada/ busca dos bois/ e mais da aguillada./ Con unto de porco blanco/ e terra de nove toupeiras [5].

Léxico

editar
Léxico directo
  • Porco do leite: leitón, porco que aínda mama.
    • Bácoro, bacoriño, marrancho, rancho, reco, rello, relo, rengo, zacote.
  • Porco de cría, porco do campo, porco escravo: porco da desteta.
  • Porco da ceba, porco do cordel, porco do cordón, porco da cría, porco da fruxe: porco que se engorda para matar na súa época.
  • Porco macho, porco pai, porco de/do puesto, porco da semente: porco semental
    • Cachaceiro, cachazo, cacheiro, castal, castizal, castizo, verrón.
  • Porco colludo: porco sen capar, que se deixa como semental.
  • Porco chino: porco co fociño curvado cara a arriba.
  • Porco porreiro: porco con moito pelo.
  • Canivés, canavés: porco de mala caste, longo e delgado, que non engorda por máis que coma.
  • Quino, corricho: outros nomes do porco.
  • Quino: interxección empregada para chamar a súa atención, como quin, quiño, quiro, rin [6].

O Porco de Santo Antón é un porco doado por algún devoto ó santo e que manteñen tódolos veciños do lugar. Anda solto polas rúas, cunha campaíña no pescozo, comendo do que lle van botando voluntariamente nas portas das casas. Finalmente, unha vez cebado, póxase ou rífase, e o recadado destínase ó mantemento do culto [1] [7].

Semellante en todo é o porco das ánimas, cuxos beneficios van destinados ás ánimas do purgatorio [1].

Por outra banda, está o:

  • Porco bravo: xabaril, tamén chamado porco fero e porco montés.
Léxico metafórico
  • Porco: sucio, pouco aseado, groseiro, obsceno.
  • Matanza, mata: ademais do significado recto de sacrificar e partir o porco, tamén designa a época do ano na que adoitan matarse (desde San Martiño ata finais de xaneiro) [8].
  • Leitón: espiga de millo aínda verde, que deita un líquido leitoso [9].
  • Mazáns de porco: mazáns pequenas, procedentes de maceiras bravas [10].
  • Herba do porco: planta (Helleborus foetidus, H. viridis [11].
  • Tousiñeiro: un dos nomes do morcego, porque se cre que lle gusta o touciño [12].
  • Peixe porco: nome xenérico de peixes selacios, especialmente Etmopterus spinax [13].
  • Porco do mar: peixe, escorpión ou rascacio (Scorpaena porcus), semellante ó escarapote [13].
  • Porco da terra: verme que rilla a raíz do millo [14].
  • Porco de Indias: mamífero roedos chamado coello de Indias (Cavia porcellus) [1].
  • Porco espiño: outro mamífero roedor. O nome de porco espiño aplícase xenericamente a varias especies, especialmente a especie Atherurus africanus. Tamén se denomina porco espiño, quizais por confusión, o ourizo cacho [1].
  • Porco teixo: teixugo (Meles meles). Crese que a súa graxa, derretida, serve para curar a reuma e a dor de oídos [1].
  • Leituga dos porcos: planta coñecida como chicoria (Cichorium intybus).
  • Pega porca: un dos sinónimos da pega (Pica pica).
  • Porco do mar, porco mariño: denominación que as diferentes fontes recollen para distintas especies de cetáceos: candorca, cachalote, arroaz ou toniña, animais con cuxa corpulencia se fai a comparación [15].
  • Chámase Verrón do concello ó home luxurioso e mullereiro [16].

Locucións

editar
  • Alborotar o cortello: excitar os ánimos nun colectivo de xente [17].
  • Andar enganado coma un porco no mes de santos: dise de quen non se decata de que o están enganando e buscando a ruína, a pesar de que se faga con boas palabras.
  • Andar/ ser coma/ parecer o porco de Santo Antonio: dise das persoas que se van con calquera.
  • Andar coma o porco de San Antonio: vivir das esmolas que se poidan conseguir [7].
  • Andar/ser coma o porquiño de Santo Antón: comer a miúdo nas casas alleas ou comer de todo, que todo lle vai ben.
  • Andar enganado coma un porco no mes de santos: dise de quen non se decata de que o están enganando e buscando a ruína, a pesar de que se faga con boas palabras.
  • Cortar tanto touciño coma pan: ter abundancia nas comidas, sen escatimar nada.
  • Matar o porco: conseguir unha boa pesca e, por extensión, un excelente resultado nalgún obxectivo [18].
  • Poñerse feito un porco: ensuciarse, mancharse.
  • Poñerse feito un porco espiño: despeitearse; tamén se aplica a quen ten malos modos [1].
  • Quedar/caer/sentar coma a un porco unha gravata: dise das pezas de vestir que caen moi mal.
  • Quentar o rabo ao porco: molestar, incomodar a alguén
  • Saír a porca mal capada: non saír as cousas como un as esperaba.
  • Ter pan e porco para o ano: ter recursos suficientes para vivir sen dificultades [19].
  • Un porco cando pasa por onda outro roña: dise como recriminación cando unha persoa non devolve o saúdo.

Refraneiro

editar
 
Abre o porco, verás o teu corpo
  • A todo porco chégalle o seu San Martiño.
  • O porco débelo manter se ti o has de comer.
  • O porco i o sogro quixéraos mortos.
  • O porco que é pró lobo non hai san Antón que o garde.
  • Os porcos e os grelos, peores se marelos.
  • Polo san Martiño, mata o teu porquiño.
  • Pra o porco e a galiña, que pase a Santa Mariña.

Cantigueiro

editar
  • Adios, martes d’Antroido,/ adios, meu amiguiño,/ hasta domingo de Pascua/ xa non como máis touciño.
  • Adios martes d'Entroido,/ adios meu pequeniño;/ miña mai non matou porco,/ non comémo-lo touciño.
  • Anque túa nai me dera/ unha roda de diñeiro/ non me casaba contigo,/ fociño de porco negro [20].
  • Anque túa nai me dera/ unha vaca i un becerro/ non me casaba contigo/ fociño de porco negro [20].
  • As morenas son moi porcas,/ son parleiras e larpeiras/ e pra elas se casaren/ tense que ir locir ás feiras [21].
  • Cala, cebola rustrida,/ que es bica de formento,/ eres unha penachuda,/ cara de porco cheirento [22].
  • Cálate, porca, cochina,/ non me volvas a falar,/ que tiñas sete camisas/ de tomentos a raiar [23].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de caracandil,/ que paréce-lo meu porco/ cando foza no cubil [24].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de sardiña crúa,/ que paréce-lo meu porco/ a chuchar na lavadura [24].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de sardiña crúa,/ que paréce-lo meu porco/ cando solve a lavadura [24].
  • Chamáchesme trangalleira, fouciño de porco chino,/ pernas de grilo retortas,/ anda conmigo con tino [25].
  • Coidache porque era probe/ que xa me tiñas na man,/ moitas cerdas ten un cocho/ e mais non sai de marrán.
  • Desafío, desafío,/ pola punta da navalla,/ a culpa tívena eu/ desafiar cunha marrana [26].
  • Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [27].
  • Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [28].
  • Díano-los reises/ anque sean poucos:/ un touciño e medio/ i a mitai do outro [29].
  • Disme que vou tan velliño/ que non podo cos calzós;/ olla que a troita i o unto/ canto máis vellos, millor [30].
  • Do poleiro, unha galiña,/ do fumeiro, un salchichón,/ viño verde, viño verde,/ veña acá un trambullón [31].
  • Lacón con grelos,/ repolo de Betanzos/ e mais xurelos.</ref>.
  • Lubeira xa ten a fama/ das feiras dos porcos bos;/ teño gana de ir a ela/ por ver se me axuda Dios [32].
  • Miña nai ten unto vello/ do porco que ha de matar:/ o porco inda está na feira/ i o diñeiro por gañar [33].
  • Miña nena, non te quero/ porque onte ouvinlle a teu pai/ que eres porca e comes moito/ e non queres traballar [33].
  • Moito andas de paseio,/ mira xiquera pró chau;/ podes ver unha peineta/ pra lle dar ó teu marrau [34].
  • Na aldea de Palavea/ non entra carro ferrado/ sinón o de Martiñán/ cunha porca polo rabo [35].
  • Nantronte marchei á feira/ por mandado do teu pai/ pra vender en quince pesos/ á porca de túa nai [36].
  • Nin bo pedro/ nin bo burro negro/ nin bo lameiro/ por riba do rego [37].
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite [38].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas, as de agora,/ todas andan ao castizo [39].
  • O entroido é moi goloso/ porque lle gusta o touciño;/ de Zabariz foi contente,/ que lle untaron o fuciño [40].
  • O marrau de tres somanas,/ o cabirtiño dun mes,/ a meniña de quince anos,/ o galán de vintetrés [41].
  • O que nunca tivo un porco/ e agora ten un porquiño/ sempre anda ao rabo del/ chamándolle quiño, quiño [42].
  • Onte á noite fun á feira/ por mandado do teu pai/ a vender en trinta pesos/ a porca da túa nai [43].
  • Ovos ou magras, xastriño,/ que merenda quer millor?/ Pois logo, miña señora,/ torteliña de xamón [44].
  • Pasei pola túa porta,/ puxen a mau no ferrollo/ i a porca da túa nai/ tiroume cun tarambollo [45].
  • Pensabas porque es moi rico/ que xa me tiñas na mau:/ moitas serdas ten o porco/ e non pasa de marrau [46].
  • Sei que casou Xan de Fiz/ con unha boa rapaza,/ ás veces un porco ruín/ atopa unha boa landra [47].
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos viño e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós [48].
  • Vosté que matou o porco/ festexe ó Fillo de Dios/ dándonos algunha cousa,/ tragos de viño e lacós [49].
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  2. Ou matalota por terras de Lugo (Sarria, Palas de Rei ou Ribeira de Piquín).
  3. Téñase en conta que ata hai relativamente pouco tempo, o porco era o principal animal de abasto de carne. Outras especies, como o vacún, criábanse case exclusivamente como animal de traballo, sendo a carne e o leite aproveitamentos secundarios. Os équidos eran animais para o transporte e traballo, e o consumo da súa carne foi sempre residual.
  4. Realmente, Mariño Ferro localiza este procedemento en "Narba (Lugo)", pero o Nomenclátor non recolle ningún lugar nin parroquia con ese nome e o máis parecido é este Río Barba.
  5. Lis Quibén, 1949; Mariño Ferro, 1985, px. 218-219.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. quino.
  7. 7,0 7,1 José María Pereda Álvarez.
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. matanza.
  9. Constantino García González.
  10. Martín Sarmiento: Catálogo de voces y frases.
  11. E. Losada, J. Castro e E. Niño.
  12. Elixio Rivas Quintas (1988).
  13. 13,0 13,1 M. do Carme Ríos Panisse (1977).
  14. Elixio Rivas Quintas (1978).
  15. M. do Carme Ríos Panisse (1983).
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. berrón.
  17. Eladio Rodríguez González, s. v. cortello. Co termo cortello adóitase designar a corte, de pequeno tamaño, destinada a recoller os porcos, pero por veces tamén outros animais pequenos (ovellas ou xatos). Menos usual é usar ese termo para designar un apartado dentro da corte do gando, apartado destinado ós becerros.
  18. Constantino García González. Localízao no Grove.
  19. Martín Sarmiento: 660 pliegos.
  20. 20,0 20,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 41.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 49.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: és, pero logo eres.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 55. Tomentos son os restos da limpeza do liño, de ruín calidade; poñer a raiar é poñelos ó sol para que branquexen.
  24. 24,0 24,1 24,2 Xaquín Lorenzo Fernández, 55. No orixinal: parecelo.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 69.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos. Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro son chourizos e castañas.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díanolos.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 71.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 72. O único significado de trambullón é o de golpe forte que alguén se dá ó caer.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 91. Refírese ás terras do concello de Lobeira.
  33. 33,0 33,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 101.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 39.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 247. Recollida en Aranga (A Coruña). O único Palavea que recolle o Nomenclátor é o lugar da parroquia de Elviña no concello da Coruña. Ese Martiñán ten que referirise a unha persoa.
  36. Fermín Bouza-Brey 1929, 190. No texto: â feira, â porca, tua.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. Trátase dun exemplo de cantiga que tamén corre como refrán. O pedro é un chourizo que se fai co intestino groso do porco.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 111. No orixinal: berzas.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. Andar ao castizo: aplícase ás porcas en celo.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 117. Ten que referirise a Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 120. No orixinal: de un.
  42. Álvaro das Casas, 192. No texto: dél, kiño.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 122.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 127.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 130. No orixinal: paséi, tiróume. Un tarambollo ou tambullo é un pau que se ata no pescozo dos porcos para impedir que pasen por portelos ou lugares estreitos.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 143.
  48. Xaquín Lorenzo Fernández, 161.
  49. Xaquín Lorenzo Fernández, 163.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Verba anexo 19, Universidade de Santiago 1983.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • Martín Sarmiento: Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754-1758), ed. de J. L. Pensado Tomé, Universidad de Salamanca 1986.
  • Frei Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos (1762).