Candorca

Especie de mamífero mariño

A candorca[4] ou alcandorca,[5] (Orcinus orca) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos, e pode chegar a pesar 10 t.[6] Poderoso e versátil depredador, pode cazar peixes, pinnípedes, cefalópodos, aves e tartarugas. En grupo pode atrapar presas de maior tamaño, como morsas e incluso baleas. Está, polo tanto, no cumio da cadea trófica oceánica.

Candorca
Orcinus orca

Candorca saltando sobre a superficie da auga

Comparación co tamaño dun humano
Comparación co tamaño dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Orcininae
Xénero: Orcinus
Fitzinger, 1860 [2]
Especie: O. orca
Nome binomial
Orcinus orca
(Linnaeus, 1758) [3]
Distribución da candorca
Distribución da candorca

Distribución da candorca
Sinonimia
Referencias:

– Do xénero:[2]

  • Gladiator Gray, 1870
  • Ophysia Gray, 1868
  • Orca Gray, 1846

– Da especie:[3]

  • Delphinus orca Linnaeus, 1758
  • Delphinus gladiator Bonnaterre, 1789
  • Orca ater Cope in Scammon, 1869
  • Orca capensis Gray, 1846
  • Orca rectipinna Cope in Scammon, 1869
  • Orcinus glacialis Berzin e Vladimirov, 1983
  • Orcinus nanus Mikhalev e Ivashin, 1981

As candorcas poden atoparse en calquera dos océanos. Viven tanto en mar aberto coma xunto ao litoral.

Teñen unha vida social complexa, baseada na formación e mantemento de grupos familiares de 3 a 150 individuos. Ás veces poden reunirse varios destes noutros máis amplos.[6] Comunícanse a través de sons e adoitan viaxar en formacións que asoman ocasionalmente á superficie. Parece que a primeira descrición da especie fíxoa Plinio o Vello, quen xa a describía como un monstro mariño feroz.[5] Con todo, non se ten coñecemento de ataques a seres humanos no medio natural, aínda que se sabe dalgúns casos de agresións aos seus adestradores en delfinarios.

Con frecuencia chámaselles "baleas asasinas" (do inglés killer whales), aínda que non son baleas (son golfiños moi grandes) nin moito menos asasinas (son simplemente depredadores).

Taxonomía e etimoloxía editar

Taxonomía editar

A candorca é a única especie do xénero Orcinus e unha das 38 especies da familia dos golfiños. Foi descita por primeira vez en 1758 por Linneo co nome de Delphinus orca.

Etimoloxía editar

Nome científico editar

O xénero Orcinus foi creado en 1860 por Fitzinger. Derivou o seu nome do latín orca, nome de certo cetáceo ou monstro mariño (o nome específico asignado por Linneo á especie Delphinus orca que describira en 1758, como quedou dito), e engadiulle o sufixo -inus ("-ino").

Nome galego editar

Segundo Antón Santamarina,[7] a palabra candorca evidentemente está relacionada con orca, do latín orca. Quizais poida explicarse coa composición *can de orca procedente dun *can orca. En alcandorca parece que hai unha aglutinación do artigo árabe al-.

Véxase tamén: Os cetáceos nalgúns dicionarios galegos en Galilibros

Evolución editar

A especie caracterízase por ter unha poboación abundante sen parentes inmediatos desde o punto de vista da cladística. A paleontoloxía considera que a candorca puido ter un pasado evolutivo anaxenético, isto é, unha evolución das formas ancestrais ás descendentes sen se verificar ningunha ramificación da liña xenética (formación de especies emparentadas que coexistisen no tempo). Se así fose, a candorca pasaría a ser unha das máis antigas especies de golfiños, aínda que é pouco probable que sexa tan antiga coma a propia familia, cuxo inicio se data en hai preto de 5 millóns de anos.

Características físicas editar

 
A aleta dorsal, maior nos machos, axuda a distinguir os sexos.

Estes animais caracterízanse por teren o dorso negro e a zona ventral branca. Teñen tamén manchas brancas na parte lateral posterior do corpo e por riba e detrás dos ollos, así como o queixo, a gorxa e o tórax, que se prolonga estreitándose polo ventre e se ensancha nos flancos. Detrás da aleta dorsal teñen unha mancha gris variable en forma de sela.[6]

O corpo é pesado e engrosado e teñen unha aleta dorsal moi alta, a maior do reino animal, que pode medir ata 1,8 m de altura (maior e máis erecta nos machos de maior idade que nas femias). Os machos poden medir ata 9,5 m de lonxitude e pesar de 2,6 a 9 t. As femias, menores, poden chegar aos 8,5 m e 5 t. As crías nacen con preto de 180 kg e miden preto de 2,4 m de lonxitude.[6]

As candorcas macho de maiores dimensións teñen un aspecto distinto que non dá marxe a confusións ao identificalos. Con todo, vistas á distancia en augas temperadas, as femias e as crías poden confundirse con outras especies, como a falsa candorca (Pseudorca crassidens) ou o caldeirón cinsento (Grampus griseus).

A maior parte dos datos sobre a vida das candorcas foi obtida en investigacións de longa duración con poboacións da costa da Columbia Británica (Canadá) e do estado norteamericano de Washington, así como pola observación de animais en catividade. A información dispoñible sobre esta especie é abundante e está debidamente sistematizada polos naturalistas. Isto débese tamén á natureza altamente estruturada dos grupos sociais destes animais, nos que os membros dunha familia adoitan permaneceren xuntos toda a súa vida.[6] Con todo, algúns grupos transitorios ou residentes noutras áreas xeográficas poden teren características lixeiramente diferentes.

As femias alcanzan a madurez sexual aos 15 anos de idade. A partir de entón teñen períodos de ciclo poliestral (celo regular e continuo) con períodos sen o ciclo estral que poden durar de tres a dezaseis meses. As femias poden dar á luz unha soa cría unha vez cada cinco anos. Nos grupos sociais analizados os nacementos poden ocorrer en calquera época do ano, cunha certa preferencia polo inverno. A mortalidade dos recentemente nacidos é elevada: os resultados dunha investigación suxiren que preto de metade das crías morren antes de alcanzar os seis meses. As crías son aleitadas ata os dous anos de idade, mais con doce meses xa se alimentan de comida sólida. As femias son fértiles ata os 40 anos, polo que poden ter ata cinco crías de media. A esperanza de vida das femias é, xeralmente, de cincuenta anos, aínda que en casos excepcionais poden vivir ata os noventa. Os machos son sexualmente activos con 15 anos de idade e chegan a vivir ata os 30 anos (ou ata os 50 en casos excepcionais).

Distribución xeográfica editar

A candorca é dos mamíferos con maior área de distribución xeográfica no planeta. Encóntranse en todos os océanos e na maior parte dos mares, e tamén (o que é raro para os cetáceos) o mar Mediterráneo e o mar de Arabia (incluído o mar Vermello e o golfo de Omán). Porén, a distribución non é uniforme, pois é máis abundante nas augas máis frías das rexións temperadas e sobre todo nas polares, máis do que nas tropicais e subtropicais. Aínda que se encontren por veces en augas profundas, as áreas costeiras son xeralmente preferidas aos ambientes peláxicos.[6]

Existen poboacións de candorcas particularmente concentradas na zona nordeste da Conca do Pacífico, onde o Canadá fai curva coa Alasca, ao longo da costa da Islandia e na costa setentrional da Noruega. Son avistadas con frecuencia nas augas antárticas, por riba do límite dos casquetes polares. De feito, crese que se aventuran baixo o casquete de xeo e sobreviven só co ar presente en bolsas situadas baixo o xeo, como fai a beluga. No Ártico, con todo, a especie é raramente avistada no inverno, xa que evita o casquete polar e visita estas augas só no verán. A información sobre outras rexións é escasa.

Estado de conservación editar

Non existe unha estimación para a poboación global total. Estes son algúns datos a nivel local:

  • Antártida: preto de 70 000-80 000 individuos
  • Pacífico tropical: 8 000 (aínda que as augas tropicais non sexan o ambiente preferido destes animais, na súa gran dimensión -19 millóns de km²- poderán vivir millares de candorcas)
  • Xapón: preto de 2 000
  • Pacífico nordés: 1 500 nas augas máis frías
  • Noruega: 1 500.

De xuntárense os datos de estimacións menos precisas sobre áreas menos investigadas, a poboación total podería ascender aos 100 000 individuos.

En 2008 a especie foi catalogada na Lista vermella da UICN como especie con datos insuficientes ("DD", do inglés Data Deficient). A decisión está xustificada ante a posibilidade de existiren dúas ou máis especies, o cal obrigaría a estabelecer un risco específico para cada unha delas. Faise a precisión de que mentres non se aclare a clasificación taxonómica manterase clasificada como "DD".[15] A combinación de posibles descensos impulsado polo esgotamento dos recursos alimenticios e os efectos dos contaminantes crese suficiente para que se produza unha redución global do 30 % ao longo de tres xeracións (77 aos)[16]

En 2005 o goberno dos Estados Unidos catalogou a comunidade de candorcas residentes como ameazada baixo a Lei para a protección de especies amenazadas.[17] A comunidade está composta por tres grupos que habitan principalmente os estreitos de Georgia, Haro e Puget no estado de Washington e na Columbia Británica. Non se reproducen fóra do grupo e a súa poboación estimouse inicialmente en 200 animais, que se reduciu posteriormente a só 90.

Interacción social editar

 
As candorcas emerxen frecuentemente da auga, nun movemento designado polo termo en inglés spyhopping - unha saída da auga cuxo significado aínda é discutido pola ciencia

As candorcas teñen un sistema social de agrupamento bastante complexo. A unidade básica é a liña matriarcal que consiste nunha única femia, máis vella, e a súa descendencia. Os fillos e fillas da matriarca forman parte desta liña, como os fillos e fillas destas últimas fillas. Con todo, os fillos e fillas de calquera dos fillos pasarán a vivir coa liña matriarcal das súas compañeiras de emparellamento, e así sucesivamente, ao longo da árbore xenealóxica destes animais. Como as femias poden vivir ata preto de 90 anos, non é raro atopar catro ou cinco xeracións de candorcas vivindo na mesma manda. Estes grupos matrilineares son moi estables e mantéñense durante anos. Os seus elementos só os abandonan, non máis dalgunhas horas, co fin de procurar alimento ou procrear. Non hai rexistro de ningunha expulsión dun individuo destes grupos. O tamaño medio dunha liña matriarcal é de preto de nove animais, segundo as estatísticas efectuadas nas candorcas do Pacífico nordeste.

As liñas matriarcais teñen algunha tendencia a xuntárense a outras, de forma que se constitúen grupos que teñen, de media, preto de 18 individuos. Os membros dun grupo comparten o mesmo dialecto (os sons distintivos da especie), co que hai indicios de estaren todos emparentados por parte materna. Ao contrario das liñas matriarcais, os grupos poden separarse das liñas que os constitúen por varios días ou semanas en busca de comida, ata volvérense xuntar. O maior grupo rexistrado tiña 49 membros.

O seguinte nivel de organización dos grupos de candorcas é o "clan", reunión dos distintos grupos con dialectos semellantes. Novamente, verifícase que as relacións entre os grupos teñen un fundamento xenealóxico por liña materna. Varios clans poden compartir a mesma área xeográfica. Hai rexistro de grupos de clans diferentes viaxando en conxunto. Cando os grupos residentes se xuntan para viaxaren como un clan, hai un ritual de recoñecemento, con saudacións que consisten en colocárense en liñas paralelas semellantes, antes de se mesturaren por completo.

O último nivel de asociación é a "comunidade", definida vagamente como o conxunto de clans que se unen con regularidade.

No nordés do Pacífico conseguíronse identificar tres comunidades:

  • A comunidade meridional (1 clan, 3 grupos e 83 candorcas en 2000)
  • A comunidade setentrional (3 clans, 16 grupos e 214 candorcas en 2000)
  • A comunidade do sur de Alasca (2 clans, 11 grupos e 211 candorcas en 2000)

Débese salientar que estas xerarquías son só válidas para grupos sedentarios ou residentes. Os grupos nómades, cazadores de mamíferos, son, en xeral, menores porque, malia baseárensd en liñas matriarcais, nótase na maior tendencia dos machos a levaren unha vida illada. Con todo, os grupos nómades manteñen unha vaga cohesión definida polos seus dialectos.

O comportamento cotián das candorcas está xeralmente dividido en catro actividades básicas: busca de alimento, viaxe, descanso e socialización. Esta última adoita estar acompañada de comportamentos entusiastas; exhiben varios tipos de saltos, golpes coa cola e coas aletas pectorais na auga e erguer a cabeza, asomando ás veces case todo o corpo fóra da auga. Son típicos tgamén os fregamentos nas praias.[6] Grupos constituídos só por machos interactúan, frecuentemente, cos penes erectos. Non se sabe se este xénero de interacción é un comportamento unicamente lúdico ou se comporta manifestacións de afirmación de papeis de dominación.

Alimentación editar

 
Cranio dunha candorca onde se pode observar a súa dentición, adaptada a un réxime alimenticio esencialmente carnívoro.

As candorcas utlizan na súa alimentación unha grande diversidade de presas diferentes. Poboacións específicas teñen tendencia a especializarse en presas específicas, mesmo co prexuízo de ignoraren outras presas en potencia. Por exemplo, algunhas poboacións dos mares de Noruega e de Groenlandia están especializadas no arenque, seguindo as rotas migratorias deste peixe ata á costa norueguesa, en cada outono. Outras poboacións prefiren cazaren focas.

A candorca é o único cetáceo que caza regularmente outros cetáceos. Hai rexistros de vinte e dúas especies de cetáceos cazadas por candorcas, sexa polo exame do contido do estómago, sexa pola observación das cicatrices no corpo doutros cetáceos ou, simplemente, pola observación do seu comportamento alimenticio. Grupos de candorcas chegaron mesmo a atacar baleas de Groenlandia (Balaena mysticetus), rorcuais de aletas brancas (Balaenoptera acutorostrata) ou, mesmo rorcuais azuis (Balaenoptera musculus) novos. Neste último caso, os grupos de candorcas perseguen a cría do rorcual azul, xunto coa súa nai, ata ao esgotamento de nai e fillo. Ás veces conseguen separar á cría da nai. En seguida, rodean á cría, impedíndolle subir á superficie onde esta precisa tomar aire para respirar. Cando a cría morre afogada, as candorcas poden alimentarse dela sen problemas.

Hai tamén un caso rexistrado de probable canibalismo. Un estudo levado a cabo por V. I. Shevchenko nas augas temperadas do sur do Pacífico en 1975 rexistrou a existencia de restos doutras candorcas no estómago de dous machos. Das 30 candorcas capturadas e examinadas nesta investigación, 11 tiñan o estómago completamente baleiro. Unha porcentaxe moi alta que indica que o canibalismo foi forzado, debido á falta extrema de alimento.

Máis frecuentemente, con todo, as candorcas depredan preto de 30 especies diferentes de peixes, especialmente salmóns, incluíndo o salmón real (Oncorhynchus tshawytscha) e o salmón prateado (Oncorhynchus kisutch), arenques e atúns. O peixe bobo (Cetorhinus maximus), o Carcharhinus longimanus (un parente do tiburón gris) e, moi ocasionalmente, o tiburón branco (Carcharodon carcharias), son tamén cazados polos seus fígados altamente nutritivos, considerándose tamén que son cazados no sentido de eliminar ao máximo a competencia. Outros mamíferos mariños, incluíndo varias especies de focas e leóns mariños son tamén buscados polas poboacións de candorcas que viven nas rexións polares. As morsas e as lontras mariñas son tamén cazadas, mais menos frecuentemente. A súa dieta inclúe aínda sete especies de aves, incluíndo todas as especies de pingüíns ou aves como os corvos mariños. Aliméntanse tamén de cefalópodos, como o polbo ou luras.

As candorcas son moi inventivas, e dunha crueldade brincadeira impresionante nas súas matanzas. Ás veces lanzan focas unhas cara a outras, polo aire, para atordoalas e matalas. Os salmóns cázaos xeralmente unha candorca illada ou pequenos grupos, os arenques son moitas veces apañados pola técnica da captura en carrusel: as candorcas forzan os arenques a concentrárense nunha bóla apertada, cercándoos e asustándoos soltando burbullas de ar ou cegados co seu ventre branco. As candorcas baten, entón, coa cola sobre o grupo concentrado, atordoando ou matando preto de 10 a 15 arenques con cada pancada. A captura en carrusel só foi documentada na poboación masculina de candorcas de Tysfjord (Noruega) e no caso dalgunhas especies doutros golfiños oceánicos. Os leóns mariños mátanos por golpes de cabeza ou pancadas coa aleta caudal.

Varias poboacións no mundo utilizan outras técnicas máis especializadas: na Patagonia, as candorcas aliméntanse de leóns mariños do sur e crías de elefantes mariños, forzando as presas a dar á costa, mesmo correndo o risco delas mesmas ficaren, temporalmente, en terra. As candorcas observan o que pasa na superficie, a través dun comportamento designado de spyhopping, que lles permite localizar focas a descansar sobre masas de xeo flotante. A técnica consiste en crear unha onda que obrigue o animal a caer á auga, onde outra candorca o espera, para o matar.

Por termo medio, unha candorca come preto de 60 kg de comida por día. Cunha tal variedade de presas e sen outros depredadores que o home, é un animal situado no cumio da cadea alimenticia.

Sons editar

 
As candorcas, como esta en Alasca, conseguen emerxer totalmente o seu corpo para fóra da auga.

Tal como os outros golfiños, as candorcas son animais cun comportamento vocal complexo. Producen unha gran variedade de estalidos e asubíos usados en comunicación e ecolocalización. Os tipos de vocalización varían co tipo de actividade. Naturalmente que, cando descansan, emiten menos sons, aínda que fan ocasionalmente un chamamento ben distinto daqueles que usan nun comportamento máis activo.

Os grupos sedentarios teñen unha maior tendencia para a vocalización que os grupos nómades. Os científicos indican dúas razóns principais para este feito. En primeiro lugar, as candorcas residentes mantéñense no mesmo grupo social durante moito máis tempo, desenvolvendo, así, relacións sociais máis complexas, o que implica tamén un maior desenvolvemento local e compartir un maior número de sons propios do grupo. Os grupos nómades, como fican xuntos durante períodos máis pasaxeiros (algunhas horas ou días), comunícanse tamén menos. En segundo lugar, as candorcas nómades teñen maior tendencia para se alimentaren de mamíferos, ao contrario das candorcas residentes, que prefiren peixes. As candorcas depredadoras de mamíferos necesitan, naturalmente, pasar despercebidas polos animais que pretenden apañar por sorpresa. Usan por iso, só estalidos illados (o chamado "estalido críptico") para a ecolocalización, en vez da longa serie de estalidos observada noutras especies.

Os grupos residentes presentan dialectos rexionais. Cada grupo ten as súas propias "cancións" ou conxuntos de asubíos e estalidos que repiten constantemente. Cada membro do grupo parece coñecer todo o repertorio grupal, de forma que non é posible identificar especificamente un animal só pola súa voz: é só posible identificar o grupo dialectal. Unha canción pode ser específica dun grupo ou compartida por varios. O grao de semellanza nas vocalizacións de dous grupos distintos parece estar máis relacionado coa proximidade xenealóxica dos dous grupos que coa proximidade xeográfica. Dous grupos que comparten un conxunto de antepasados comúns, por máis que vivan en lugares distantes, continuarán a ter un repertorio de cancións moi semellante. Isto suxire que as cancións pasan de nai a fillo durante o período de aleitamento.

As candorcas na historia editar

Aínda que non se clasificou como especie ata 1758, a candorca xa era coñecida polo ser humano desde tempos prehistóricos. A cultura desértica de Nazca representou unha candorca, debuxada polas famosas liñas de Nazca, nunha data indeterminada entre 200 a.C. e 600 d.C.

A primeira descrición escrita dunha candorca foi de Plinio o Vello, na súa Historia Natural, escrita preto de 50 a.C.. A aura de invencibilidade, ligada a unha imaxe voraz da candorca, estaba xa ben establecida nesta época. Ao asistir á matanza pública dunha balea encallada no porto de Roma, Plinio escribiu: "As candorcas (cunha aparencia que non hai imaxe que consiga expresar, non era máis quen unha enorme masa de carne salvaxe con dentes) son inimigas das outras baleas... Atácannas e esgázanlles a carne como navíos de guerra en golpes bélicos."

Tribos aborixes do Noroeste do Pacífico da América do Norte, como a tlinxit, haida, e tsimshian destacan con frecuencia a candorca na súa relixión e artesanía.

As candorcas e o home moderno editar

 
Candorcas nadando na enseada do Príncipe Guillerme xunto á costa de Alasca.

Caza editar

As candorcas foron branco da caza de baleas comercial a partir de mediados do século XX debido ao esgotamento das reservas de especies de maior tamaño. Esta actividade tivo un final abrupto en 1981 coa implantación dunha moratoria internacional sobre a caza de baleas. Aínda que desde dun punto de vista taxonómico a candorca sexa un golfiño máis que unha balea, o seu tamaño xustificou a súa inclusión entre as especies protexidas pola Comisión internacional para a caza da balea.

O país que máis candorcas cazaba era a Noruega que capturou unha media de 56 animais por ano, desde 1938 a 1981. O Xapón capturou, tamén de media, 43 candorcas ao ano, desde 1946 a 1981. (Non hai datos fiables sobre os anos de guerra, pero supóñese que se cazaran menos exemplares). A Unión Soviética cazaba unha pequena cantidade de animais todos os anos no Antártico, á excepción dunha época extraordinaria de caza, ocorrida en 1980, durante a cal se capturaron 916 candorcas.

Hoxe en día, non se realiza unha caza substancial da especie. O Xapón captura algúns individuos case todos os anos, no ámbito dun programa de "investigación científica" controvertido. Proséguese un nivel de captura igualmente baixo en Indonesia e Groenlandia. Alén de cazalas para serviren de alimento humano, as candorcas tamén se matan porque algúns defenden que entran en competencia cos pescadores. Na década de 1950, a Forza Aérea dos Estados Unidos de América, a petición do Goberno da Islandia, usou bombas e armas de fogo sobre grupos de candorcas nas augas da Islandia, con este mesmo pretexto. A operación foi considerada un éxito polos pescadores e polo goberno islandés. Os opositores desta medida afirmaron, porén, que a caída nas reservas de peixe débese á pesca excesiva por parte do ser humano. Este debate continúa sen que cada parte acepte ceder terreo á outra.

As candorcas son aínda, ocasionalmente, mortas debido ao medo que a súa reputación provoca. Aínda que ningún ser humano teña sido atacado por unha candorca en liberdade, os mariñeiros de Alasca mátanas para protexerse. Este medo estase disipando nos últimos anos debido a unha mellor información das poboacións en relación á especie, alén da popularidade que estes animais teñen en acuarios e outras atraccións turísticas afíns.

Cativeiro editar

A intelixencia das candorcas, a facilidade para adestralas, a súa aparencia impresionante, o seu comportamento brincadeiro en cativeiro e o seu tamaño anormalmente grande fixéronas animais bastante populares como exibición en acuarios e en espectáculos acuáticos, como en parques temáticos. A primeira captura e exhibición dunha candorca tivo lugar en Vancouver, en 1964. Durante os 15 anos seguintes, preto de sesenta ou setenta candorcas foron retiradas das augas do Pacífico con este fin. No final dos anos 1970, e na primeira metade da década dos 1980, as augas da Islandia eran a orixe de moitos dos animais capturados: nos cinco anos antes de 1985, capturáronse aí 50 candorcas. Desde que as candorcas son criadas desde que nacen en cativeiro, son raros os espécimes salvaxes nestas condicións. O cativeiro pode, con todo, levar ao desenvolvemento de determinadas patoloxías, como o colapso da aleta dorsal, verificada no 60 ao 90 % dos machos cativos.

Xa ocorreron algúns ataques ou accidentes con candorcas en cativeiro, envolvendo seres humanos. En 1991, un grupo de candorcas foi responsable da morte dunha adestradora, Keltie Byrne, en Sealand, Victoria, na Columbia Británica (os empregados non estaban autorizados a permaneceren na auga coas candorcas). Crese que esta morte foi provocada porque as candorcas non se decatan de que o ser humano non é capaz de sobrevivir debaixo da auga, polo que se xulga que se trata máis ben dun comportamento brincadeiro, pero tráxico. O mesmo se considera que aconteceu en 1999, no parque SeaWorld en Orlando (Florida), onde unha candorca tería supostamente matado a un turista que entrou de forma subrepticia na piscina, durante a noite. Hai quen considera que o mesmo podería morrer por hipotermia. No final de xullo de 2004, durante un espectáculo no parque SeaWorld, en San Antonio, Texas, unha candorca empurrou ao seu instrutor (despois de dez anos de convivencia entre os dous) a debaixo da auga, impedindolle alcanzar o bordo da piscina. Só despois dalgúns minutos de angustia os seus colegas conseguíronno salvar.

Outro incidente tráxico coas candorcas ocorreu en agosto de 1989, cando unha femia dominante, Kandu V, abalanzouse contra unha candorca recentemente chegada, Corky II, mordéndoa durante un espectáculo acuático. A Corky II traérana de Marineworld, California, apenas uns meses antes do accidente. De acordo con testemuños, ouviuse unha dentada sonora ao longo do delfinario. Aínda que os adestradores trataron de continuar o espectáculo, a dentada provocou a fragmentación do maxilar da candorca atacante, provocando o corte dunha arteria que comezou a xurrar sangue. Despois de evacuar á multitude de espectadores e despois dunha hemorraxia de preto de 45 minutos, Kandu V morreu. Os opositores deste xénero de espectáculo refírense frecuentemente a estes incidentes nas súas críticas e argumentos para a súa abolición.

A SeaWorld continuou implicada en varias prácticas criticadas por movementos a favor dos dereitos dos animais, como o mantemento de candorcas capturadas no medio salvaxe. A asociación Born Free Foundation criticou esta práctica de manter en cativeiro, despois de varios anos, a candorca Corky II, que querían devolver á súa familia no grupo A5 Pod', na Columbia Británica, no Canadá.

Cultura popular editar

Ata ao final da década de 1970 en que as candorcas eran presentadas de forma negativa na ficción, como depredadores feroces que os heroes da historia tiñan que enfrontar para salvar as presas. O exemplo máis extremo talvez sexa un filme que tivo, por certo, pouca aceptación do público: candorca onde se describe a historia dunha candorca que se decide vingar dos seres humanos responsables da morte do seu compañeiro (a historia remite de inmediato para o argumento de Jaws, de Steven Spielberg).

Con todo, a investigación sobre a vida destes animais e a súa popularidade nos espectáculos acuáticos rehabilitou case por completo a imaxe pública da especie. De feito, o público rapidamente concedeu a este animal o estatuto dun respectable e nobre depredador, o que non aconteceu, por exemplo, con outros depredadores, como o lobo, que continúa a ter unha posición menos favorecida no imaxinario popular.

O filme Liberade a Willy (de 1993) enfocouse, con algún éxito, na loita pola liberación dunha candorca cativa. A balea asasina (un macho) usada nas filmaxes, Keiko, era orixinaria de augas islandesas. Despois da súa rehabilitación no Oregon Coast Aquarium en Newport, Oregón, volveu para os países nórdicos, no seu hábitat natural, aínda que se mantivese dependente dos seres humanos, ata á súa morte, en decembro de 2003.

Ameazas ambientais editar

 
Exxon Valdez: as mareas negras provocadas polos petroleiros están entre as principais ameazas para as candorcas.

O derramamento de cru do petroleiro Exxon Valdez tivo un efecto particularmente adverso na poboación de candorcas de Alasca. Un dos grupos de candorcas foi apañado polo derramo. Aínda que conseguiran nadar para augas limpas, once membros do grupo (preto da metade) morreron nos días e semanas seguintes. O derramamento tivo outros efectos a longo prazo, ao reducir a cantidade dispoñible de presas necesarias para a alimentación. En decembro de 2004, científicos da North Gulf Oceanic Society comprobaron que o grupo AT1, agora só con sete membros, estaba afectado por algunha forma de esterilidade, xa que fallaron desde entón todos os intentos de reprodución. Espérase que a súa poboación decreza ata á súa extinción.

Tal como outros animais de niveis tróficos máis elevados da cadea alimenticia, a candorca é particularmente susceptible ao envelenamento pola acumulación de bifenilos policlorados (ou PCBs) no corpo. Unha investigación efectuada sobre candorcas residentes ao longo da costa do estado de Washington demostra que os niveis de PCB son máis elevados nestes animais que os niveis atopados en espécimes de foca común en Europa, envelenados e coa súa saúde gravemente afectada por este produto químico. Con todo, non hai ningunha evidencia de doenzas nas candorcas, aínda que se supoña que teña efectos, por exemplo, na taxa de reprodución que poderá decrecer no futuro.

As candorcas están obrigadas a enfrontar outras ameazas ambientais, como a industria turística que, a través da organización extensiva de actividades de observación de baleas, parece ter efecto nos cambios de comportamento destes animais. Foi tamén probado como os ruídos de elevada intensidade en navíos modificaron a frecuencia dos cantos e chamadas da especie.

Notas editar

  1. Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (2013). "Orcinus orca". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 2014-06-05. 
  2. 2,0 2,1 Orcinus Fitzinger, 1860 en ITIS.
  3. 3,0 3,1 Orcinus orca (Linnaeus, 1758) en ITIS.
  4. candorca Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  5. 5,0 5,1 Martín Sarmiento (1762), alcandorca y candorca: «Tengo bastantes libros para ver las pinturas de todos los peces cetáceos, para leer su historia. Y para saber sus nombres, sobre ese pie, me sería fácil escribir algunos pliegos copiando, a diestro y siniestro. Hace pocos años que en el puerto de Zumaya, en Vizcaya, vararon trescientos pescados cetáceos, que ninguno sabía su nombre. Remitiéronme toda la descripción y en ella se decía que un gallego, que por acaso estaba presente, había llamado alcandorca al dicho pez cetáceo. Esa sola voz alcandorca, que se usa en la ría de Pontevedra, me bastó para escribir tres pliegos sobre los dichos pescados, con algunas noticias curiosas. Al fin, conjeturé que sería el pescado orca de Plinio, y el que en Galicia llaman candorca y alcandorca».
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Carwardine, M. (1995), pp. 168-169.
  7. Ríos Panisse, M. C. (1983), pp. 10-12.
  8. Estravís:1986:121.
  9. Estravís:1986:491.
  10. Ir Indo:1986:188.
  11. Franco Grande;1972:237.
  12. Rodríguez González, E, (1958).
  13. Cornide, Joseph (1787).
  14. Ríos Panisse, M. C. (1983).
  15. Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Lista Vermella der epecies ameazadas da UICN.
  16. Taylor, B. L., Chivers, S. J., Larese, J. e Perrin, W. F. (2007): "Generation length and percent mature estimates for IUCN assessments of Cetaceans". Southwest Fisheries Science Center.
  17. "Killer Whale (Orcinus orca) – Office of Protected Resources – NOAA Fisheries". NOAA Fisheries Service.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alonso Estravís, Isaac (1986): Dicionário da língua galega. Madrid: Alhena Ediciones. 3 Vols. ISBN 84-7707-000-8.
  • Cornide, Joseph (1788): Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo. Madrid: Banito Cano. Ver en liña.
  • Franco Grande, X. Luis (1972): Diccionario galego-casteláne vocabulario castelán-galego. Vigo: Editorial Galaxia, 2ª edición. (1ª ed. de 1968).
  • Guardians of the Whales, Graeme Ellis and Bruce Obee, Whitecap Books.
  • Killer Whales, John K.B. Ford, Graeme Ellis, Kenneth C. Balcomb, UBC Press.
  • Killer Whale, John K.B. Ford, pp669–675 in the Encyclopedia of Marine Mammals, Academic Pres.
  • National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World, Reeves, Stewart, Claphan and Powell. Alfred A. Knopf.
  • Orca: The Whale Called Killer, Erich Hoyt, Camden House Publishing;
  • Real Academia Galega (2012): Dicionario da Real Academia Galega Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
  • Ríos Panisse, Mª del Carmen (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia.II. Mamíferos, aves y algas. Verba, Anexo 19. Santiago de Compostela: Univerdsidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-291-0.
  • Rodríguez Gozález, Eladio (1958): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo I, A-CH. Vigo: Editorial Galaxia.
  • VV.AA. (1986): Diccionario da lingua galega. Práctico. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-004-5.
  • VV.AA. (1986): Diccionario Xerais da lingua. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-241-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar