Comunicación (linguaxe)

acto de transmitir os significados previstos dunha entidade ou grupo a outro a través do uso de signos e regras mutuamente comprendidos

A comunicación (do latín communicare, "tornar común", "trocar ou asociar opinións", "conferenciar") é unha función da linguaxe, considerada comunmente como primordial.

Un modelo simple de comunicación: un emisor transmite unha mensaxe a un receptor.

Comunicarse, significa polo tanto, estar en relación con; representa a acción de pór en común, de compartir ideas, sentimentos, actitudes. É un intercambio de experiencias socialmente significativo, un esforzo para a converxencia de perspectivas. A comunicación é a resposta dun ser vivo a un estímulo. Se o estímulo é ignorado polo individuo, non hai comunicación, pois a mensaxe sen resposta non pode considerarse un acto comunicativo. Polo tanto, a comunicación implica a participación dun emisor e un receptor que interaccionan intercambiando mensaxes, emitindo e recibindo información.

Función comunicativa: considérase como base para o desenvolvemento lingüístico. A linguaxe posibilita a integración do suxeito no medio social; é o vehículo regulador de comportamentos, relacións afectivas e sociais así como soporte de regras culturais.

Formas de comunicación editar

Dependendo das clases de signos que se empregue, diferénciase a comunicación non verbal e a comunicación verbal.

En moitas ocasións os signos verbais e os signos non verbais combínanse nunha mensaxe, dando lugar a formas mixtas de comunicación. Un exemplo sería un anuncio publicitario, o cinema ou unha banda deseñada.

Se se atende á relación que se establece entre emisor e receptor, diferénciase unha comunicación unilateral e outra comunicación bilateral. A comunicación unilateral prodúcese cando o receptor non se converte en emisor. Sucede nos sinais de tráfico. A comunicación bilateral prodúcese cando o receptor se pode converter á súa vez en emisor. Sucede nunha conversa.

Comunicación non verbal editar

 
A comunicación non verbal axuda a que persoas de linguas diferentes poidan alcanzar un grao de comprensión

A comunicación non verbal consiste en transmitir significados na forma de mensaxes non verbais. Empréganse signos non lingüísticos. Exemplos de comunicación non verbal inclúen os xestos, as expresións faciais, a expresión corporal, o contacto visual, a maneira de vestir, a háptica (comunicación por medio do tacto), a cronémica (significado do tempo na comunicación) e a kinésica (linguaxe corporal), entre outros. A mesma comunicación oral contén elementos non verbais como a paralingüística (elementos non verbais que acompañan á lingüística, por exemplo tons de sorpresa, interese, desinterese, medo, cansazo, insinuacións etc.) Segundo estudos, o 55 % da comunicación humana dáse por medio de expresións faciais non verbais e un 38 % por medio da paralinguaxe.[1] Isto inclúe a mesma comunicación escrita na que é posible determinar sentidos no estilo de escritura, a distribución de espazos entre palabras e o uso de emoticonas para transmitir emocións. Neste sentido, para transmitir unha mensaxe empréganse cores, como a marca azul e vermella das billas, sons como a sirena dunha ambulancia e xestos, como chiscar un ollo.

Algúns dos propósitos da comunicación non verbal inclúen a complementación e ilustración da mensaxe para reforzar ou enfatizalo, substituír, controlar ou regular e mesmo contradicir. Isto dálle unha grande importancia á comunicación non verbal porque contribúe a reforzar as ideas e propósitos do emisor e axuda ao receptor a unha mellor decodificación da mensaxe que recibe.

Comunicación verbal editar

 
O desenvolvemento da voz humana e o cerebro posibilitaron a linguaxe.

A comunicación verbal ou comunicación lingüística é aquela que emprega as palabras como signos. Non pode ser illada dunha serie de factores para que sexa efectiva, o que inclúe a comunicación non verbal, as habilidades de escoita e a clarificación. A linguaxe humana pode ser definido como un sistema de símbolos ou signos lingüísticos, coñecidos como lexemas e regras gramaticais nos que os símbolos son manipulados. A palabra "linguaxe" refírese ademais ás propiedades comúns do mesmo. Con estes signos represéntanse os obxectos e feitos da realidade, e uníndoos mediante as regras da gramática constrúense mensaxes complexas, é dicir, as oracións, coas que se representan pensamentos. No caso de que dúas persoas falen a mesma lingua, recoñecerán os signos que cada un pronuncia e o seu significado, de tal forma que evocará na mente un pensamento ou unha idea que é a que se quería transmitir.

A aprendizaxe deste ocorre normalmente e de forma intensa durante os anos da nenez humana. A maioría dos idiomas no mundo empregan sons e xestos como símbolos que posibilitan a comunicación con outras linguaxes, os que tenden a compartir certas propiedades, aínda que existen excepcións. Non existe unha liña definida entre unha linguaxe e un dialecto. As linguas construídas como o esperanto, a linguaxe de programación e varios formalismos matemáticos, non están necesariamente restrinxidos polas propiedades compartidas pola linguaxe humana.

Fundamentalmente a comunicación verbal é oral, empregando palabras pronunciadas coa voz. Tamén pode ser escrita. Na escritura transfórmanse os sons en letras, e as palabras pronunciadas en palabras gráficas.

Comunicación escrita editar

 
A invención da escritura marcou o inicio da historia da humanidade. Na imaxe, o papiro de Artemidoro, que contén o primeiro mapa da Península Ibérica.[2] É un rolo de 3 metros de longo escrito no século I a.C., talvez en Alexandría.

A comunicación escrita, a diferenza da verbal, ten outra maneira de interacción entre emisor e receptor, producíndose no tempo ou mesmo nunca, aínda que o escrito pode perdurar. A través da historia, este tipo de comunicación desenvolveuse grazas ao impacto das tecnoloxías e da ciencia. Estes procesos de desenvolvemento divídense en tres etapas: Os pictogramas como as formas máis primitivas de escritura humana; o desenvolvemento de alfabetos en diferentes linguas escritos sobre soportes físicos como a pedra, a cera, a arxila, o papiro e, finalmente, o papel; e por último a información transmitida a través de medios electrónicos.

A comunicación escrita require a habilidade interpersoal de procesar, escoitar, observar, falar, cuestionar, analizar, xestar e avaliar en tal xeito que se posibilite a colaboración e a cooperación. Os malentendidos poden anticiparse e resolverse a través de formularios, preguntas e respostas, parafraseo, exemplos e historias.[3]

Elementos básicos da comunicación editar

 
Modelo de comunicación tipo jacobsoniano con elementos e funcións.

Os seguintes son os elementos básicos da comunicación:

  • Código: É un conxunto de signos que se combinan seguindo unhas regras (semántica) e que permiten a súa interpretación (decodificación), polo que o emisor elabora a mensaxe. O receptor tamén ten que coñecer o código para interpretar a mensaxe.
  • Canal: O medio físico a través do que se transmite a mensaxe dende o emisor ata o receptor.
  • Emisor: É a persoa que ten a intención e que se encarga de transmitir unha información (mensaxe), para o que necesita elaborala e enviala ao receptor. Esta persoa escolle e selecciona os signos que lle conveñen, é dicir, realiza un proceso de codificación; codifica a mensaxe.
  • Receptor: A persoa a quen vai dirixida a mensaxe e quen recibe a mensaxe e o interpreta. Realiza un proceso inverso ao do emisor, xa que descifra e interpreta os signos escollidos polo emisor, é dicir, descodifica a mensaxe.
  • Mensaxe: No sentido máis xeral, é o obxecto da comunicación. Está definido como a información ou secuencia de signos que o emisor elabora e envía ao receptor a través dun canal de comunicación ou medio de comunicación determinado.
  • Situación, situación comunicativa ou contexto: No sentido máis xeral, é o espazo onde se desenvolve o acto ou situación comunicativo. É o conxunto de circunstancias que afectan tanto o emisor como o receptor, e ademais condicionan a interpretación da mensaxe. Tanto emisor como receptor deben ser conscientes das circunstancias dese acto comunicativo, que nunha conversa se dá por sabido, para que sexa eficaz a comunicación.
  • Marco de referencia: É o contorno que enmarca a situación.

Os seguintes son os elementos básicos mecánicos da comunicación:

  • Fonte ou emisor (remitente): Dispositivo que xera os datos para transmitir, por exemplo teléfonos ou computadores persoais.
  • Transmisor: Transforma e codifica a información, xerando sinais electromagnéticos que poden ser enviadas a través dalgún sistema de transmisión. Por exemplo unha antena.
  • Sistema de transmisión: Pode ser dende unha sinxela liña de transmisión ata unha complexa rede que conecta a fonte co destino.
  • Receptor: É a persoa que recibe, acepta e interpreta o sinal (mensaxe) proveniente do emisor e a transforma de tal xeito que poida ser manexada polo destinatario. Por exemplo, unha radio ou un televisor.
  • Destino, destinatario ou destinación: Toma os datos do receptor, por exemplo a audiencia.

Notas editar

  1. Mehrabian, A. (1972). Nonverbal communication. Transaction Publishers.
  2. Gallazzi, C.; B. Kramer, S. Settis, Il papiro di Artemidoro, con la colaboración de G. Adornato, A. C. Cassio, A. Soldati. Milano, Led edizioni, 2008, ISBN 978-88-7916-380-4
  3. Heyman, Richard. Why Didn't You Say That in the First Place? How to Be Understood at Work.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Griffin, Emory A., A first look at communication theory. 3rd edition, Nova York: McGraw-Hill, 1997. ISBN 0-07-022822-1 (en inglés)
  • Littlejohn, S. W., Theories of human communication. 7th edition, Belmont, CA: Wadsworth, 2002. (en inglés)
  • Miller, K., Communication Theories: Perspectives, processes, and contexts. 2nd edition. Nova York: McGraw-Hill, 2005. (en inglés)
  • Werner, E., «Cooperating Agents: A Unified Theory of Communication and Social Structure.» Distributed Artificial Intelligence, Vol. 2, L. Gasser e M. Huhns, eds., Morgan Kaufmann e Pitman Press, 1989. Abstract (en inglés)
  • Werner, E., «Toward a Theory of Communication and Cooperation for Multiagent Planning.» Theoretical Aspects of Reasoning About Knowledge: Proceedings of the Second Conference, Morgan Kaufman Publishers, pp. 129-143, 1988. Abstract PDF. (en inglés)
  • Witzany, G., Biocommunication and Natural Genome Editing. Springer Verlag, 2009. (en inglés)

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar