Espasante, Ortigueira
San Xoán de Espasante é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2013 tiña 611 habitantes (344 mulleres e 267 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 849 habitantes.
Espasante | |
---|---|
Igrexa de San Xoán de Espasante. | |
Concello | Ortigueira[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°42′45″N 7°48′05″O / 43.7125, -7.8013 |
Poboación | 611 hab. (2013) |
Entidades de poboación | 28[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía
editarEspasante localízase no norte do concello de Ortigueira, entre o mar e o somonte da Serra da Faladoira. Os límites pola costa van dende o regato que baixa do Monte Sardiñeiras no extremo sur da praia da Concha até a Pena dos Paraños no final da praia de Santo Antón, polo suroeste linda coa parroquia de Ladrido, polo leste coa parroquia de Céltigos, e polo sur coa parroquia de San Salvador de Couzadoiro.
O río Dola que atravesa a parroquia até desembocar na praia da Concha recolle as augas que baixan dos montes da Calvela, de Penaquente, o monte máis alto da parroquia, de Liñares e de Xedriz. Na parroquia hai outro pequeno areal, coñecido como praia de Santa Cristina ou dos Namorados, separado da Concha por un pequeno peirao e un dique de abrigo de recente construción, que configura un fondeadoiro para refuxio de pequenas embarcacións.
Poboamento
editarA poboación de Espasante concéntrase en dous núcleos importantes, O Porto, que é o núcleo mais importante, onde está o centro de saúde, a farmacia, establecementos hoteleiros e de hostalería, e outro popularmente chamado a Aldea, que agrupa varios lugares ao longo da estrada AC-682 e arredor da igrexa parroquial. Na mesma Aldea, paralela a AC-862, hai unha estación de FEVE que hoxe só funciona como apeadoiro.
Patrimonio e tradicións.
editarA igrexa parroquial atópase preto da AC-862 que atravesa a parroquia de oeste a leste. É unha construción dos séculos XVII e XVIII con planta de cruz latina, e campanario na fronte. No seu interior hai tres retablos barrocos e á súa beira está a vella reitoral, hoxe abandonada. Existe ademais unha pequena capela adicada á Santo Antón (dedicada a San Antonio de Padua), no Porto, preto da praia do mesmo nome; punto de encontro de romaxes de xentes e animais en épocas aínda non moi afastadas.
Salientar no lugar do Plantío a localización do Pazo de Rasamontes do século XVIII, un caserón actualmente en mal estado de conservación. Un dos seus primeiros propietarios foi Miguel Tenreiro de Andrade, presbítero e que promoveu a reedificación da igrexa parroquial en 1694.[2]
No mesmo Porto, no cume do Monte Facho, tamén chamado A Chousa, hai unha antiga garita–vixía, restaurada recentemente, dende a que en días claros se poden albiscar a garita da Herbeira na Serra da Capelada e o semáforo de Bares, sinalando así para axuda á navegación tres puntos de situación nos tempos en que non había as sinalizacións actuais. Tamén no Porto están os restos de vellas fábricas de salgadura encima da praia da Concha, que o historiador da comarca Federico Maciñeira (1870-1943) traslada na súa orixe a outras fábricas da época romana na mesma localización. Este mesmo historiador fai mención dunha rara estatuíña de bronce atopada fortuitamente en 1900 na desembocadura do río Dola e que relaciona co comercio marítimo en auxe no propio Porto.
Enriba do perico está o Castro de Punta dos Prados, sometido á escavación e no que se descubriu un monumento con forno ou Pedra Formosa xunto cunha pequena calzada de acceso da época romana.
Na beira sur da praia da Concha hai afloramentos de lavas almofadadas de enorme importancia xeolóxica e que atraen a estudosos cada ano a este lugar. É un dos lugares de interese xeolóxico que está catalogados[3] e que forman parte da candidatura a Xeoparque de Cabo Ortegal.[4]
Porén, a conservación dunhas propiedades privadas case oculta cun dique de pedra estes fósiles pétreos.
Espasante conserva a tradición do porquiño de san Antón,[5] pola que anualmente a parroquia cría un porquiño que anda ceibe polas rúas e é alimentado polos vecinos. Posteriormente é poxado. É unha tradición centenaria ligada á orde Antoniana (Irmáns Hospitalarios de Santo Antonio).
Lugares de interese
editar- Castro dos Prados: Castro marítimo que conserva os restos dun monumento con forno.
- praia da Concha.
- Praia dos Namorados ou de Santa Cristina.
- Praia de Santo Antón.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Espasante, Ortigueira.
-
Vista de Espasante desde o porto.
-
Outra vista da praia de San Antón.
-
Praia dos Namorados ou de Santa Cristina.
-
Pazo de Rasamontes no Plantío.
Lugares e parroquias
editarLugares de Espasante
editarLugares da parroquia de Espasante no concello coruñés de Ortigueira | |
---|---|
A Abasteira | O Adro | As Bodegas | Callobre Vello | A Calvela | O Campo da Silva | O Cutimán | Espasante | O Fabeiro | O Faro | Formariz | Forno | O Gandareiro | Hedrosa | Liñares | Muíño do Lago | O Outeiro | O Pazo | Penaquente | O Plantío | A Ponte | O Porto de Espasante | Pouta do Lobo | A Rega | O Río | A Taipa | A Torre | Xedriz |
Parroquias de Ortigueira
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ Montero Santalha, José-Martinho (2021). "Espasante en 1670 segundo a visita pastoral do bispo Tello de Olivares". Terras do Ortegal nº 8. Dossier Espasante: 339–372.
- ↑ "Unha viaxe ao interior da Terra". Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2021. Consultado o 21 de setembro de 2021.
- ↑ "El Xeoparque do Cabo Ortegal da otro paso hacia su oficialidad". Consultado o 21.09.21.
- ↑ Durán Penabad, Ana (2021). "A tradición do porquiño de San Antón no Porto de Espesante". Terras do Ortegal, nº 8. Dossier Espasante: 297–324.