Devesos, Ortigueira
San Sebastián de Devesos[1] é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 112 habitantes (62 mulleres e 50 homes) distribuídos en 41 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 225 habitantes.
Devesos | |
---|---|
![]() Igrexa de San Sebastián de Devesos. | |
Concello | Ortigueira[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°37′47″N 7°48′52″O / 43.6296, -7.8144Coordenadas: 43°37′47″N 7°48′52″O / 43.6296, -7.8144 |
Área | 27,87 km² |
Poboación | 112 hab. (2013) |
Densidade | 4,02 hab./km² |
Entidades de poboación | 41[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía editar
Devesos está situada na parte occidental do concello, esténdese polo curso alto do río Baleo e pola aba occidental da serra da Faladoira. A parroquia linda ao norte coa parroquia de Couzadoiro polo alto de Coucemosquento e a de Freires polo rego do Lombao; polo nordeste volve a lindar con Couzadoiro e os regatos de Santaballa e Viduído; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón; polo suroeste e polo sur linda coas parroquias das Neves e do Ermo, e polo oeste os altos de Folgoso sepárana da parroquia de Senra.
A estrada de Ortigueira – As Pontes, atravesa a parroquia no seu lado oeste, de norte a sur, dende o quilómetro 5 até o quilómetro 9, polos lugares do Coto, Camiño Grande, Casón e Paufito.
Os ríos Baleo e Mera, os dous leitos máis importantes do concello, teñen nos cumios e nos vales profundos desta parroquia as súas primeiras fontes.
Patrimonio editar
A igrexa parroquial de Devesos, no Igrexario, é un templo antigo con planta de cruz latina do que se pode destacar un pouco usual pórtico lateral. Está adicado a San Sebastián, o patrón da parroquia. Un pouco afastado está o cemiterio e no seu camiño testando coa igrexa atópase a casa reitoral, do século XVII, actualmente restaurada.
Neste mesmo lugar do Igrexario e no fronte do templo érguese o edificio da Sociedade de Instrución e Recreo "A Devesana", local sufragado polos emigrantes en Cuba naturais desta parroquia, que no ano 1908 constituíran na Habana unha sociedade con este mesmo nome. Os seus fundadores, todos eles obreiros tabaqueiros, co obxecto de facilitar a instrución dos socios e familiares, inauguraron en 1912 a Escola Laica de Devesos, seguindo os postulados da Escuela Moderna do anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia. A escola foi suspendida polo gobernador civil durante a ditadura de Primo de Rivera pola súa relación con asociacións libertarias, pero fundamentalmente pola hostilidade que os seus principios anticlericais suscitaran no cura párroco de Devesos. Despois disto a Devesana sufriu diversos avatares e actualmente acolle o centro social da parroquia.
No lugar de Portas ao que se chega por unha pista que sae do Igrexario e que vai até Penavide, atópase a medio camiño un desvío que nos leva por un camiño até a pequena ermida de Nosa Señora de Portas, moi concorrida en romaxe noutros tempos.
Galería de imaxes editar
-
Capela de Nosa Señora de Portas.
-
Inscrición na capela de Portas.
-
Reitoral de Devesos.
-
Local social de Devesos.