Agolada
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Coordenadas: 42°45′46″N 08°01′09″O / 42.76278, -8.01917
Agolada é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca do Deza. Segundo o IGE en 2015 tiña 2 585 habitantes (3 875 en 2003).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é agoladés ou aqualatense[8].
Agolada | |
---|---|
Casa do concello. | |
Situación | |
Xentilicio[1] | agoladés/agoladesa aqualatense |
Xeografía | |
Provincia | Provincia de Pontevedra |
Comarca | Comarca do Deza |
Poboación | 2.252 hab. (2022)[2][3] |
Área | 147,8 km²[3] |
Densidade | 15,24 hab./km² |
Entidades de poboación | 24 parroquias e 165 lugares[4] |
Capital do concello | Agolada |
Política (2023[5]) | |
Alcalde | Luís Calvo Miguélez (PAYJ[6]) |
Concelleiros | BNG: 1 PPdeG: 4 Outros: PAYJ 6 |
Eleccións municipais en Agolada | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 86,33% |
Na rede | |
www.agolada.es | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía editar
Agolada está situado no centro de Galicia, na punta nordeste da provincia de Pontevedra, entre o río Arnego, a serra do Farelo e o río Ulla. O concello limita cos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla (provincia de Lugo), Santiso (provincia da Coruña), Rodeiro, Lalín e Vila de Cruces.
O monte Farelo, con 952,6 metros[9], e situado na serra do Farelo, é o punto máis alto do concello. O río Ulla, que fai de límite norte do concello, é o principal curso fluvial. En Brocos úneselle o río Arnego antes do comezo do encoro de Portodemouros. O seu outro afluente principal é o río Deza.
Ten clima é oceánico interior, co inverno suave e o verán fresco. As precipitacións anuais son de 1 290 mm.
Demografía editar
Censo total 2015 | 2 585 |
---|---|
Menores de 15 anos | 171 (6,61 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1 428 (55.24 %) |
Maiores de 65 anos | 986 (38.14 %) |

Evolución da poboación de Agolada Fontes: INE e IGE. | |||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 |
4 794 | 6 432 | 7 003 | 4 786 | 3 678 | 2 995 | 2 926 | {{{13}}} | {{{14}}} | {{{15}}} | {{{16}}} | {{{17}}} | {{{18}}} | |||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia editar
Consérvanse importantes pegadas correspondentes ao Megalitismo pertencentes ao período do 3000 ao 1800 a. C. Estas terras están cubertas de mámoas das cales sobresae o Tesouro de Agolada atopado nunha mámoa do Campo do Xastre, na parroquia de Ferreiroa, e que na actualidade áchase no Museo Provincial de Pontevedra. Este tesouro está formado por dous brazaletes e un torque de ouro; unha louza con gravados en zig-zag, atopada en Coteimil; dúas mazás de pedra puída en Lamas (Trabancas).[10]
Os campos de túmulos máis salientábeis áchanse en Pereiro en Agra, Monte Luxilde en Artoño, Monte da Carballeira en Berredo, Campo da Mámoa en Brántega, e noutros lugares como Eidián, Esperante, Vidueiros, Ferreiroa, Gurgueiro etc.
Tamén hai abondosos castros neste concello. Sobresae o Castro Marcelín, situado na parroquia de Merlín, posuidor de mámoas, covas, tesouros e unha lenda sobre a raíña Marcela. A lenda di que nel habitou unha raíña chamada Marcela ou Marcelina, de aí o nome do lugar, e que agochou un tesouro tras dunha porta de pedra e das consabidas trabes de ouro, prata, piche etc. Outros son o Castro do Coto dos Mouros, en Trabancas; o Castro de Vilela, en Borraxeiros; o Castro de Buxel, en Artoño; o Castro de Brocos...
Neste concello atopouse unha machada con dúas argolas de bronce no Monte Farelo, en Trabancas, pertencente á Idade de Bronce.
Desde o século VI, Agolada pertenceu ao Condado do Deza e até o século XIV pertenceu aos Condes de Deza, cando pasou aos Suárez de Deza, máis coñecidos como os Churruchaos. Máis tarde, estas terras pasaron a mans do Conde de Lemos, Pedro Enríquez de Castro.
Constituíuse como concello trala caída do Antigo Réxime. A capital estivo situada na Guillerma (parroquia de Borraxeiros), até que pasou ao lugar de Agolada, na parroquia de Ferreiroa.
Cultura editar
Toponimia editar
O topónimo procede do latín, combinando os lexemas aqua, aquae, "auga" e mais latus, lata, latum (participio do verbo fero, fers, ferre, tuli, latum, "levar"). Así o significado de Aqua Lata sería "auga levada", debido ás conducións hídricas que traían auga doutros lugares.
A errónea interpretación do topónimo como locución artigo + substantivo, supoñéndolle na etimoloxía popular un derivado de golada ou golete (unha indumentaria medieval), provocou a aférese do a inicial que deu pé ao topónimo *Golada ou á variante *La Golada, como resultado da oficialización dos topónimos en castelán no século XIX.
Patrimonio editar
Atópanse numerosos restos do Megalítico, como 17 mámoas no Trazos dos Montes[11], nas proximidades do Castro Marcelín descubertas por Manuel Galego Iglesias[12][13], ou o monte das Mámoas. Da idade de bronce é o tesouro de Agolada.
Hai dous castros notorios, o castro de Buxel e o castro de Marcelín. Conta a lenda, recollida por Manuel Galego, que neste último houbo unha raíña chamada Marcela[14] que de cando en vez baixaba ó val a cazar e recoller froita.
No Monte Farelo hai constancia da existencia noutro tempo dunha capela chamada de San Silvestre. Atópanse varias construcións notorias, aínda que en certo estado de ruína, como a fortaleza dos condes de Borraxeiros, do século XVI, a torre dos Vilar de Ferreirós, a casa de Quintela dos Arias Loureiro e a casa dos Traspenas.
Na vila de Agolada consérvanse os pendellos da feira, que se celebra o día 12 de cada mes.
Festas e celebracións editar
As Festas patronais de Agolada na parroquia de Ferreiroa, son o 29 de xuño, festividade de San Pedro. O día 12 de cada mes celébrase a feira, tanto de gando, coma de alimentación, téxtil, ferramentas etc. Amais, previa á feira do 12 de agosto, o 11 dese mes celébrase a romaría medieval, acompañada da mostra de artesanía. A derradeira fin de semana do mes de xullo celébrase a festa dos chofers.
- Feira
As primeiras pegadas de feiras no concello son as celebradas en Chaos de Aián, ao pé do Monte Farelo, pasando a Agolada por xestións realizadas polo entón escribán Ramón Barrio de Losada no ano 1788. Na actualidade presérvase un monólito de pedra adicado a Constitución da Vila, situado na Rúa da Constitución. O novo mercado, de rexistro comarcal, substitúe as funcións do vello Campo da Feira.
Economía editar
A economía do concello é eminentemente agraria, sector no que se ocupa o 60% da poboación. As terras máis fértiles, que se dividen en parcelas de tamaño medio superior ao doutras zonas de Galicia, atópanse no fondo dos vales, onde a pendente é menor, a uns 300 m. de altitude. Ademais da agricultura de autoconsumo (millo, hortalizas, centeo e vide), comercialízanse noces, castañas, patacas e trigo.
Nas últimas décadas aumentou a cabana gandeira, especialmente vacas e porcos. Existe unha incipiente industria de transformación da madeira (serradoiros).
Agolada na cultura popular editar
- As mociñas da Agolada/ non saben tascar o liño/ e andan porta por porta:/ ¡tásqueme este afuxaliño!
Galería de imaxes editar
- Artigo principal: Galería de imaxes de Agolada.
-
Os Pendellos de Agolada
-
Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros
-
As vinte e catro parroquias que conforman o concello de Agolada.
Parroquias editar
Lugares de Agolada editar
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Agolada vexa: Lugares de Agolada.
Notas editar
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020.(en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Agolada".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
- ↑ "Resultados eleccións 2023".
- ↑ Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Agolada". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
- ↑ Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
- ↑ Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 42. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
- ↑ Cartografía 1:5000 Arquivado 13 de abril de 2008 en Wayback Machine. do Sistema de Información Territorial de Galicia, folla 122-46.
- ↑ Concello de Agolada. "Algo de historia". Arquivado dende o orixinal o 04/12/2020. Consultado o 12/9/2015.
- ↑ Mámoas da provincia de Pontevedra, artigo de Xabier Moure no blog O noso patrimonio, xullo de 2011.
- ↑ Fichas en Megalitos.Arqueoloxico.com
- ↑ "Denuncian ante Patrimonio destrozos en cuatro mámoas de ´Trazos dos Cotos´", Faro de Vigo, 22 de decembro de 2013 (en castelán).
- ↑ "Los Castros y la Reina Marcela", Faro de Vigo, 24 de setembro de 1963 (en castelán).
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Agolada |
Outros artigos editar
Ligazóns externas editar
- Toponimia de Agolada (documento PDF) Arquivado 14 de abril de 2018 en Wayback Machine., Luz Méndez, col. Terra Nomeada, Sección de Lingua / Seminario de Onomástica, Real Academia Galega, 2016.