Encoro de Portodemouros
O encoro de Portodemouros é unha represa artificial da conca do río Ulla, situada no centro xeográfico de Galicia. A presa encóntrase entre os concellos de Arzúa e Vila de Cruces, e as augas inundan tamén parte dos concellos de Santiso e Agolada. Ten unha capacidade de 297 hm³. A elección da localización debeuse entre outros factores á existencia na contorna dos materiais necesarios para a súa construción, ademais da excelente impermeabilidade da cerrada.
Tipo | encoro | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Arzúa, España, Vila de Cruces, España, Agolada, España e Santiso, España | |||
| ||||
Afluentes | ||||
Efluente do lago | río Ulla | |||
Historia
editarNunha orde ministerial do 10 de novembro de 1962, o Estado concedeulle á Hidroeléctrica Moncabril o aproveitamento integral da cunca do río Ulla mediante a construción de oito encoros (Belmil, Portodemouros, Ledesma, Lamas, Fornelos, San Paio, Pereiro e Padrón), ocupando terreos nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei (provincia de Lugo), Arzúa, Boqueixón, Melide, Padrón, Santiso, Touro, Teo e Vedra (provincia da Coruña), e Agolada, A Estrada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces (provincia de Pontevedra), se ben finalmente só se construíu o de Portodemouros. Máis recentemente[cando?] fixéronse dous máis entre Touro, Arzúa e Vila de Cruces.
Trescentos metros augas abaixo da actual presa atopábase a presa de Salgado, encoro de reducidas dimensións que abastecía de luz eléctrica á bisbarra. Esta obra foi destruída para facer efectivo o desaugadoiro do actual encoro, pois coincide case co final da cunca de amortecemento.
En outubro de 1971 outra orde ministerial transferiulle a concesión á sociedade Unión Eléctrica, e o 7 de xullo de 1979 a dirección xeral de obras hidráulicas transferiuna a favor de (Fenosa), pasando a Unión Fenosa e a Naturgy tras as sucesivas fusión.
O encoro asolagou os servidumes entre as terras dunha e doutra banda. Nos últimos anos do franquismo os veciños reclamaron a súa reposición. En maio de 1975 unha orde ministerial mandou poñer en funcionamento unha barcaza que unise as parroquias de Loño e Beigondo que segue en servizo na actualidade.
A Unión Europea a través do plan Leader utilizou o encoro coma eixe vertebrador do desenvolvemento turístico da bisbarra que creou un club náutico.[Cómpre referencia]
A presa e o parque de transformación
editarA presa, de gravidade e planta recta, construíuse entre 1964[1] e 1967, e inaugurouse o 1 de marzo de 1968.[2] É de pedraplén, co interior de arxila. Mide 90 metros sobre o leito do río, cun volume de 2 350 000 m³ e unha lonxitude de coroación de 430 metros, máis unha ponte sobre o aliviadoiro de 30 metros. Conta cun aliviadoiro de superficie na beira esquerda de 130 metros, capaz de desaugar 1,500 m³/s., dotado dunha comporta de tipo vagón de 4 metros de luz por 8 metros de altura, que pode desembalsar 395 m³/s. para rebaixar a cota do encoro en previsión de fortes crecidas.
A obra complétase cun desaugadoiro de fondo en forma de túnel na marxe dereita, e unha bocatoma a media altura que alimenta dous grupos turboalternadores situados na central subterránea da marxe esquerda, cunha potencia de 95 MW.
O parque de intemperie que nun primeiro momento estaba concibido só para evacuar a corrente producida, foi máis tarde transformado nun nó de distribución con ligazóns con Santiago (66 kV en transformación a 220 kV), Melide (66 kV), Lalín (66 kV), Tivo e O Mesón do Vento (220 kV), ademais de estar conectado ao parque eólico do Carrío (220 kV). Na actualidade[cando?] estase a construír a conexión co parque eólico de San Sebastián e coas centrais hidroeléctricas en obra río abaixo (66 kV).
O conxunto hidroeléctrico púxose en funcionamento no 1968. En decembro de 2003, para aproveitar o caudal ecolóxico do Ulla, foi instalado un novo equipo turboalternador de 11.23 MW, cun diámetro de rodete de 1280 mm.
Problemas da construción
editarO proxecto inicial contemplaba unha saída de aliviadoiro en forma de túnel coa estrada de Lalín a Ponte San Xusto por riba do labio, pero debido ás fortísimas escavacións que esixía, optouse por facelo en canle libre.
Este feito trouxo bastantes problemas co tempo (a partir do 1973), pois a presa quedou rematada contra un muro de formigón en vertical que no seu momento non foi ben calculado e non aguantou os asentos, co que tivo que ser reforzado cunhas vigas de arriostrado debaixo da ponte. O muro que forma o aliviadoiro tamén está a dar problemas por unha expansión do formigón que o forma. Tamén foi cambiado o perfil e o deseño da columna impermeabilizante en función dos materiais que saian da canteira.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do encoro de Portodemouros.
-
Ponte sobre o aliviadeiro e detalle do arriostramento do muro.
-
Panorámica do encoro.
O encoro durante a seca primavera de 2012
editar-
Ruínas da antiga aldea de Brocos
-
Restos da igrexa parroquial
Notas
editar- ↑ Rey F. Alvite, José (7 de novembro de 1964). "Aprovechamiento hidráulico del río Ulla". La Noche. pp. 7–8.
- ↑ "Portodemouros,una presa pionera". El Correo Gallego (en castelán). 20 de xullo de 2014.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Encoro de Portodemouros |