Fuxan os Ventos

grupo musical galego

Fuxan os ventos é un grupo musical inserido no movemento folk da canción galega, formado en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos". A partir de entón adoptaron este nome para o grupo.[1] O seu repertorio, inclúe composicións propias, da tradición popular e adaptacións de temas poéticos de Manuel María, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Moitos dos seus temas inclúen unha denuncia da situación de dependencia económica de Galicia e da minorización da súa lingua e cultura, con alusións ao mundo do caciquismo e a emigración.

Fuxan os Ventos
O grupo durante o concerto "Terra de soños" celebrado no Auditorio de Galicia en 2008.
OrixeLugo, Galicia
Período1972 – presente
Xénero(s)Folk
MembrosCarme Vázquez
Xoán L. F. Saavedra
Tereixa Novo
Alfonso Fernández
Moncho Díaz
Maruxa Fociños
Antón Castro
Xosé Vázquez
Pedro Lucas
Antigos membrosXosé Luís Rivas Cruz (Mini)
Baldomero Iglesias (Mero)
Na rede
https://fuxanosventos.gal/
Facebook: fuxanosven Twitter: fuxanosven Instagram: fuxanosventos_folk Spotify: 7CN8elt7MtnrNpJ0hPTYyi Last fm: Fuxan+os+Ventos Musicbrainz: 5960fc4b-caa3-4fe5-8d17-6a3dfb0cd06b Discogs: 2126315 Allmusic: mn0001477741 Editar o valor en Wikidata

Unha escisión, en 1984 deu lugar á creación do grupo A Quenlla.

Historia

editar

Comezos

editar

No ano 1973 o grupo participou no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume, gañando tamén o primeiro premio. No ano seguinte participaron noutros festivais en Ferrol e Madrid, acadando sempre o recoñecemento da crítica e prensa especializada, mentres participaban na misa radiada de Radio Popular, na que xa participaban antes da creación do grupo.

No ano 1975 o grupo sufriu a súa primeira escisión. No seo do grupo agroman dúas liñas de traballo, unha tendente ao folclore universal e outra máis comprometida coa cultura, idioma e identidade galega. Foi a segunda liña a que quedou, e comeza o percorrido polos teleclubes da provincia con "Galicia canta ó Neno", unha montaxe e representación costumista-musical, escenificación do xeito de vivir as festas do Nadal en Galicia. Este proxecto incluíu a participación de moita xente e a recolleita de centos de panxoliñas, aguinaldos e cantos de Reis.

Pouco despois apareceron as primeiras ofertas para editar discos. Nos primeiros anos o grupo rexeitaba a posibilidade de gravar o repertorio, co fin de non comercializar o problema galego.[Cómpre clarificar] Pero en 1976, co fin de espallar o seu traballo, chegan a un acordo Philips-Fonogram, co que o grupo podería gravar á súa maneira (sen arranxos electrónicos), manter a liña do grupo e o compromiso político apartidista e asegurarían que o grupo non se comercializaría cara a dentro. Froito daquel acordo edítase en 1976 o seu primeiro disco, Fuxan os ventos, e posteriormente outros tres: O tequeletequele , Galicia canta ó neno e Sementeira.

O grupo seguiu a cantar na Misa da radio, a representar "Galicia canta ó Neno" por toda Galicia, espectáculo que chegou a retransmitirse en directo, dende o Teatro Colón da Coruña a través da Televisión Española en Galicia. Participaron na "1ª Romaxe de Crentes Galego" que organizaron Irimia e Encrucillada, na que colaboraron na maior parte das edicións. En 1977, produciuse a segunda escisión do grupo, por mor de manter a independencia política. Entre 1978 e 1980 o grupo aumentou o número de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient (1978 e 1979), mentres realizan unha Campaña Cultural en zonas de montaña, con 30 actuacións en vilas e aldeas da provincia.

No ano 1979 conseguiron o seu maior éxito co disco Sementeira, o que lle seguiría un período onde o grupo aumentou a súa actividade ata cen concertos ao ano. O seu quinto disco Quen a soubera cantar xa foi coa editora Ruada, nun intento fracasado de apoiar o primeiro selo discográfico galego.[2]

Por Fuxan os ventos chegaron a pasar até 30 persoas, ata que a comezos do ano 1983 se produciu unha modificación relevante coa saída de dous dos seus compoñentes (Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, que fundaron A Quenlla) e a incorporación dun trío de música tradicional.[3]

 
Mini e Mero, moito tempo despois de deixar Fuxan os Ventos.

Nesta nova época o grupo gravou con Fonomusic no ano 1984 o disco "Noutrora" e continuou coas actuacións en directo incrementando as súas saídas fóra de Galicia, abríndose a novos circuítos: tocaron en Durango, nun galeuzca musical, en 1983; en Xaén, na Universidade Popular, en 1985, ou en Segovia, no Festival Agapito Marazuela, no ano 1989, na que sería a súa última actuación en directo durante unha longa tempada[1].

Inactividade

editar

Desde esa data, o grupo permaneceu inactivo de cara ao público, rompendo o seu silencio en contadas ocasións: en maio de 1993 participando na Festa Labrega de Láncara, organizada polo Sindicato Labrego Galego para conmemorar a supresión da "cota empresarial agraria"; e no ano 1997, en Lugo, para celebrar o vinte e cinco aniversario da Asociación Auxilia, coa que o grupo colaborou dende a súa fundación. Porén, o grupo seguiu a traballar internamente. En 1999 concretouse ese traballo na gravación do disco Sempre e máis despois, tras quince anos sen editar, e composto exclusivamente por temas tradicionais. O disco Na Memoria dos tempos apareceu no 2002.[2]

Reaparición

editar
 
Actuación especial do grupo con ocasión da inauguración en Compostela da exposición "Fuxan os Ventos: 50 anos de historia".

Após doutro período de inactividade, o grupo reapareceu diante do público no ano 2007. Nese ano, aproveitando o convite para dar o pregón da Feira de Artesáns de Instrumentos Tradicionais que tivo lugar no Festival de Pardiñas (Guitiriz), fixo unha pequena actuación na que cantou seis temas do seu repertorio. Por esas mesmas datas, participou na gravación de dous temas para o disco de cancións infantís Pelo gato 24, editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.[4]

O seu regreso aos escenarios tivo lugar no ano 2008, coa xira Terra de Soños, na que rememorando os clásicos do grupo ofreceron diversos recitais polo país,[5] e da que nacería un novo traballo discográfico editado no 2009.[6][7]

No Día das Letras Galegas de 2016, ano que homenaxeaba ao poeta Manuel María, Fuxan publicou o sinxelo Galicia e anunciaba a inminente saída dun novo disco.[8] Dous anos despois publicou outro tema polas mesmas datas, Lúa de prata, esta vez dedicado á escritora María Victoria Moreno.[9]

Significado social

editar

Fuxan os Ventos non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si un dos que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural.

O seu repertorio inicial elaborárono a partir da música folk universal, inclinándose cada vez máis cara á música popular galega, recollendo cantigas dos vellos e vellas dos lugares e incluíndo temas de composición propia. Consonte o período no que estiveron activos (devalar do franquismo e transición española), foron adquirindo un compromiso social que se plasmou na incorporación da canción protesta e de poemas doutros autores, nunha liña de oposición á ditadura e de reivindicación dun pobo, un idioma e unha cultura propia.

Como principais características destacan a presenza da voz e as letras das cancións. As letras, ben propias ou de poetas galegos, abrangueron temáticas moi amplas: foron en ocasións reivindicativas (temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía, a pobreza…) ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo. En ocasións ambos os dous aspectos mesturábanse, aínda que pola época só o feito de cantar en galego podía ser xa un xeito de reivindicación.

En 2022 foron Premio Rebulir da Cultura Galega na categoría de música galega "pola súa dilatada traxectoria no ámbito da música tradicional e popular galega, pondo en valor a poesía e cultura endóxena".[10]

En 2022 foron Premio Martín Códax da Música, premio honorífico.

En febreiro de 2023, finou un membro destacado do grupo, Moncho Díaz (voz, guitarra, frautas)[11].

Membros

editar

Discografía

editar

Álbums de estudio

editar

Sinxelos

editar

Recompilatorios

editar
  1. 1,0 1,1 Suárez, Iago (4/3/2022). "Fuxan os Ventos. 50 anos". Sermos Galiza (491): 4–9. 
  2. 2,0 2,1 O.L. (20/4/2012). "O grupo Fuxan os Ventos logra o V Premio Opinión Andaina Senlleira". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 6/3/2022. 
  3. Y.C. (10/2/2022). "Fuxan os Ventos: "Nunca pretendemos comercializarnos"". Nós Diario. 
  4. ""Pelo Gato 24", o novo traballo audiovisual da AGG". gaiteirosgalegos.gal. Consultado o 6/3/2022. 
  5. Iglesias, Óscar (20/10/2008). "Pacto por la emoción". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 6/3/2022. 
  6. Mandiá, Diana (15/10/2009). "Fuxan os Ventos celebra su vuelta con los éxitos de siempre". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 6/3/2022. 
  7. "Fuxan os ventos presentan en álbum en directo Terra de soños". culturagalega.org (en castelán). 14/10/2009. Consultado o 6/3/2022. 
  8. Castro, R. (8/5/2016). "Fuxan prepara novo disco e adianta un tema de Manuel María". Nós Diario. 
  9. "Fuxan os Ventos publica unha nova canción polo Día das Letras Galegas". Nós Diario. 3/5/2018. 
  10. "Méndez Ferrín, Fuxan os Ventos e Celso Fernández Sanmartín, premios Rebulir da Cultura Galega 2022". Galicia Confidencial. Consultado o 2022-07-29. 
  11. Falece Moncho Díaz, membro histórico de Fuxan os Ventos, Nós Diario, 17 de febreiro de 2023.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar