Fernando Osorio do Campo

escritor e político galego

Fernando Osorio do Campo, nado na Coruña o 9 de decembro de 1894 e finado na mesma cidade o 14 de maio de 1974, foi un escritor e político galego.

Infotaula de personaFernando Osorio do Campo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento9 de decembro de 1894 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte14 de maio de 1974 Editar o valor em Wikidata (79 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico , escritor , dramaturgo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMaría de los Ángeles Osorio Mateo (1920)

Galiciana: 27891

Foi un dos principais protagonistas da actividade teatral das Irmandades da Fala na década de 1920. Colaborou na súa maior iniciativa, o Conservatorio Nazonal de Arte Galego, entre 1919 e 1922. Foi gacetilleiro do xornal El Noroeste, publicou dous artigos titulados Paradoxo en A Nosa Terra e escribiu diferentes obras dramáticas como Norte e Desourentación, entre outras. Tamén fundou a súa propia compañía teatral e o semanario republicano Adelante. Cabe destacar a súa acción política na introdución clandestina en Portugal do manifesto O militarismo, do deposto presidente luso Bernardino Machado.

Traxectoria editar

Estudos editar

Pasou a súa infancia en Lisboa. Cando terminou a escola foi enviado a Coímbra para continuar os seus estudos na Escola Nacional de Agricultura e ser agrónomo como o seu pai, pero abandonou e decantouse polos estudos de interpretación. Conseguiu un traballo para matricularse na Escola de Representar do Conservatório Nacional de Lisboa, fundada por Júlio Dantas, un dos intelectuais portugueses máis prestixiosos e con máis presenza social nos primordios do século XX.

O plano de estudos da Escola de Arte de Representar caracterizábase pola multidisciplinariedade e a súa corrente predominante neses momentos era o naturalismo. Existía unha contigüidade entre o teatro naturalista e o movemento de propaganda republicana.

En 1913 escribiu para as festas de Carnaval as coplas Sem porta nem tranca[1] con José Lemos. Tiñan un estilo fundamentalmente lúdico e burlesco e incorporábanse termos do día a día, en moitos casos próximos do calão lisboeta.

Neste mesmo ano foi reclamado con outros tres compañeiros para participaren nun espectáculo co que se ía inaugurar a temporada do Teatro Nacional de Almeida Garrett. A peza titulábase A Honra Japoneza e tivo moito éxito.

O curso 1914-1915 foi o último en que Fernando Osorio frecuentou a Escola da Arte de Representar,[1] concluíu así a súa formación no centro. Ademais obtivo o máximo recoñecemento, recibiu o diploma de artista dramático.

Na súa etapa de formación teatral coñeceu o fervor republicano, o laicismo e a masonería que son trazos moi definidores da personalidade de Osorio. Fuxiu de Portugal cara a Cáceres para evitar ser chamado á guerra. Alí soubo que fora declarado desertor e decidiu incorporarse ao exército na súa localidade natal, A Coruña. Durante o seu servizo militar coñeceu a Lois Peña Novo que viña de ingresar nas Irmandades da Fala e estableceu relación con Antón Villar Ponte,[1] instalado na cidade desde 1912 e redactor entón de La Voz de Galicia.

Antes de concluír a etapa do servizo militar Fernando Osorio protagonizou un episodio de tentativa simulada de suicidio para evitar se mobilizado para a Guerra do Rif.[Cómpre referencia]

Irmandade da Fala da Coruña e Conservatorio Nacional de Arte Galega (CNAG) editar

O seu primeiro acto público na Coruña foi en xuño de 1918, cando deu unha palestra sobre o teatro no local da Irmandades da Fala da Coruña. Contou coa presenza do cónsul de Portugal e de representantes das sociedades artísticas da Coruña. Expuxo a súa visión do teatro como vía de dignificación da lingua galega e de propagación do ideario nacionalista.

A Nosa Terra deu conta deste evento mediante unha crónica anónima titulada «Portugal e Galicia. Unha festa dina de lembranza».[2] Descoñécese a data oficial, mais a finais de 1918 xa estaba plenamente integrado nas Irmandades da Fala da Coruña, organismo no cal tamén colaborou como xurado de concurso literario.

No número de 24 de xaneiro de 1919 A Nosa Terra[3] informaba sobre o inicio das actividades do gran proxecto teatral de Osorio e Antón Vilar Ponte, O Conservatorio Nacional de Arte Galega (Conservatorio Nazonal do Arte Galego). Mediante o súa labor nesta iniciativa, pretendía modernizar o teatro galego para que estivese libre de tópicos sociais e se caracterizase polo monolingüísmo escénico.[4] Ademais, vía esta institución como unha oportunidade para transmitir a súa formación e introducir pezas teatrais portuguesas na Galiza.

Fernando Osorio do Campo foi un dos docentes encargados da formación integral dos intérpretes. No Conservatorio impartíanse leccións de música, historia da arte, literatura galega, escenografía e declamación. Este programa de formación era esencialmente práctico.

Cabe destacar que foi o director da sección de declamación, e na presentación ao público do CNAG no 22 de abril de 1919 no Pavillón Lino da Coruña representáronse dúas obras nas que traballou como director e como intérprete xunto cos seus alumnos e alumnas: Uma anecdota, de Marcelino Mesquita, e A man de Santiña, de Ramón Cabanillas.[1]

O súa labor actoral tivo moi boa aceptación e foi gabada pola comunidade galega de Buenos Aires e polo periódico El Orzán.

Osorio colaborou na promoción e o deseño da Escola de Teatro Gallego Rosalía de Castro. A fundación desta nova escola causou unha división entre os irmandiños, feito que sumado á falta de recursos económicos, causou a cesación das actividades do Conservatorio. Osorio manifestou as súas queixas en dous artigos titulados "Paradoxo",[1] que publicou en A Nosa Terra,[5][6] nos cales reprobaba a falta de profesionalidade dos intérpretes e a aqueles que entendían as representacións teatrais como un evento social.

Coa súa propia compañía “Cuadro artístico” estreou un drama titulado Norte, que se calcula que escribiu despois da súa chegada á Coruña en 1916. Norte contaba cun só acto sen divisións en escenas, unha acción mínima e tres personaxes marxinais que se describen a través das súas intervencións, algo característico da clave naturalista na cal estaba escrita o drama. A obra está dotada de certo carácter moralista, e o protagonista era como unha representación do propio Osorio.

 
O Mariscal, traxédia histórica en verso por Ramon Cabanillas e Antonio Villar Ponte.

Actividade literaria despois do Conservatorio editar

Osorio abandona A Coruña en 1919 en busca de novas vías profesionais, ante a imposibilidade de vivir do teatro. Celébrase unha «Velada Teatral Extraordinaria en beneficio e despedida do autor» na Irmandade da Coruña con motivo da marcha do autor, en que se representou Norte[1].

En 1920, Fernando Osorio casou nunha cerimonia civil coa súa prima María de los Ángeles Osorio Mateo. Uns días despois do seu matrimonio, viaxa ao Congo Belga, e máis concretamente a Mathadi, para traballar nun negocio de importacións e exportacións, pero ao chegar ao seu destino enferma e marcha debido á mala fama da casa onde traballaba e dos seus donos. Regresa á Coruña e ingresa como gacetilleiro no xornal El Noroeste.

O 12 de abril de 1921 é elixido bibliotecario das Irmandades.

Atravesa un período de tres anos sen participacións escénicas, no cal colaborou en dous tentativas frustradas de representación do drama histórico O Mariscal. O seu traballo xornalístico non era suficiente para a súa subsistencia e a da súa familia, polo que a partir de 1922 traballou no concello da Coruña.

En 1924 publicou Desourentación, obra que non chegou a ser representada, un «boceto analítico de ideas» que presentou ao certame convocado polas Irmandades da Fala.

 
O presidente portugués Bernardino Machado na Coruña en 1927, a filla Jerónima, a neta Elzira, Álvaro Cebreiro, Antón Villar Ponte e Fernando Osorio (á dereita de todo).

En 1929 realizou as súas últimas participacións teatrais nunha nova función de A man de Santiña e na estrea de Máter Dolorosa, de Júlio Dantas. Afiliouse á Asociación da Prensa da Coruña.

Fernando Osorio do Campo participou na publicación clandestina do manifesto político O militarismo, un texto de Bernardino Machado, involucrándose ademais na edición do volume e de introducilos clandestinamente en Portugal. Contou coa colaboración de Leandro Carré, Ánxel Casal, Álvaro Cebreiro, Manuel Lugrís Freire e Antón Villar Ponte para propagar estas cento cincuenta páxinas de denuncia política ao réxime ditatorial e de reivindicación das liberdades perdidas.

O 18 de maio de 1930 fundou o semanario Adelante con Carlos Monasterio Valeiro e Ánxel Casal.

II República e Guerra Civil Española editar

Nos inicios da década dos 30, Fernando Osorio do Campo desenvolveu un intenso activismo relacionado en defensa do laicismo, a calidade na educación, a presenza da muller na política, a autonomía de Galiza e o republicanismo.

En outubro de 1931 fundou a Asociación Regional de Padres de Familia para la defensa del laicismo en la Enseñanza xunto con outros masóns militantes da ORGA coa intención de modernizar a institución educativa.[7]

Presidiu a Juventud Republicana a partir de xullo de 1931, onde defendeu a inclusión da muller na vida pública, intelectual e política. Participou na meta de conseguir a aprobación dun Estatuto para Galiza e formou parte da comisión encargada da súa elaboración. No exilio confesou que a súa afiliación política en 1936 era Izquierda Republicana da Coruña.

Deixou a ORGA-FRG e abandonou a primeira liña política a finais de 1932 por discordancias co partido. En marzo de 1932 foi elixido secretario da Xunta de Goberno do Colexio do Secretario Local. Participou en actividades do Casino Republicano como masón, creando unha loxa salvaxe chamada Hércules.[7]

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi despedido de axudante do Xefe Técnico Municipal o 19 de setembro por ser contrario ao movemento nacional e republicano de esquerdas.

En decembro fuxiu cara ao Porto, Portugal, e despois a París. Colaborou coa embaixada da III República en París no libro Lo que han hecho en Galicia. Despois da derrota republicana española emigrou a México coa súa familia o 11 de xuño de 1939. O 16 de xuño instaláronse en Veracruz.

Estancia en México editar

Os médicos diagnosticáronlle unha doenza cardíaca á súa muller. Achegouse ao grupo de socialistas galegos e apareceu no volume de 1945 Algunas consideraciones sobre el problema gallego co subtitulo Voces socialistas en el exilio.

En outubro de 1947 os organismos de represión franquista publicaron unha providencia de busca e captura contra el, o caso foi arquivado en xaneiro de 1949.[8]

En outubro de 1950 faleceu a súa muller Ángeles, o que deriva nunha alteración do estado mental de Osorio que empeora co paso dos anos. Vaille xurdindo unha grafomanía compulsiva con grande verbosidade en momentos de crise.

Tivo a idea de escribir a súa grande obra. Nesta altura, a súa maior preocupación era elaborar un grande tratado filosófico denominado Nefeloide.

En setembro de 1970 diagnosticáronlle numerosas doenzas e a idea de volver á Coruña para vivir o resto da súa vida en Galicia volveu á súa mente.

Regreso a España e morte editar

O 19 de marzo de 1971 obtivo un pasaporte para regresar a España como repatriado. O 22 de abril de 1971 chegou á Coruña e desde entón viviu grazas ás axudas familiares.

En 1971 contactou con Marino Dónega, un dos fundadores da Editorial Galaxia, quen publicou a súa narración biográfica Un home, unha aventura, un tempo: Fernando Osorio Do Campo no número 33 [9] da revista Grial.

As poucas cartas que escribiu eran curtas, confusas e de difícil comprensión. Mudouse varias veces e en marzo de 1974 ingresou na residencia Irmás da Caridade. Morreu o 14 de maio de 1974 por unha insuficiencia cardíaca.

Obra editar

Teatro editar

  • Sem porta nem tranca (1913)
  • Norte (1920) [1]
  • Desourentación (1924) [1][10]

Artigos editar

  • Paradoxo, dous artigos publicados en A Nosa Terra.[5][6]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Enciclopedia Galega Universal. 1999-2002. 
  2. A Nosa Terra Número 58. 
  3. A Nosa Terra Número 78. 
  4. Tato Fontaíña, Laura (2017). Justo Beramendi, ed. Repensar Galicia: as Irmandades da Fala. 
  5. 5,0 5,1 A Nosa Terra Número 101. 
  6. 6,0 6,1 A Nosa Terra Número 108. 
  7. 7,0 7,1 Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2016). "As Irmandades da Fala e a masonaría". As Irmandades da Fala, cen anos despois. p. 89. 
  8. "Sumario 58-48 contra Fernando Osorio Docampo por delito de masonería"
  9. Grial Núm. 33, 1971
  10. Silverio Cañada, ed. (1974). Gran Enciclopedia Galega. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar