Abrir o menú principal

Abades, Silleda

parroquia do concello de Silleda

Coordenadas: 42°45′05″N 8°19′14″O / 42.7514472, -8.3204184

Santa María de Abades é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o padrón municipal en 2011 tiña 140 habitantes (78 mulleres e 62 homes), 25 menos ca en 1999. Ten 5 entidades de poboación.

Abades
Santuario de Santa María de Abades, Silleda.JPG
Santuario de Santa María de Abades.
ConcelloSilleda
Poboación140 hab. (2011)
Entidades de poboación6

Índice

Historia e patrimonioEditar

Da época do megalitismo consérvase a mámoa da Chousa Nova, de hai 6000 anos, escavado a comezos do século XXI con motivo das obras da liña de alta velocidade Santiago-Ourense. Na parroquia está situada a estación da Bandeira, inaugurada en 1958.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Trasdeza, da diocese de Lugo. O nome da parroquia na Idade Media era Santa María de Pedre[1]. O conxunto relixioso de Abades abrangue a igrexa románica de Santa María, o Santuario da Virxe dos Desamparados, a casa reitoral e o cruceiro.

A igrexa de Santa María de Abades é un templo románico do século XII. Destacan as pinturas murais do seu interior e a colección de canzorros zoomorfos dun dos seus laterais exteriores[2]. O santuario da Nosa Señora dos Desamparados é unha construción de grandes dimensións de estilo neoclásico, levantada no século XVIII. Foi deseñada polo pontevedrés Melchor de Ricoi, e promovida polo párroco de Abades, o valenciano Joaquín Espes. Destaca pola súa gran torre, os tres corpos que a forman, as pinturas murais interiores realizadas por Jorge Calvo en 1773 e as imaxes de San Xoaquín e San Xosé, realizadas polo escultor Gambino[3].

No Antigo Réxime pertencía á xurisdición de Trasdeza e á provincia de Santiago. En 1826 tiña 243 habitantes[4]. Até 1853 pertencía ao concello de Chapa, que nese ano mudou a súa capitalidade por Silleda. En 1846 tiña 376 habitantes[5] e tiña escola de seu.

Desde 1988 celébrase cada domingo de Pascua a carón do santuario a festa gastronómica da rosquilla, alimento que ten como avogada a Virxe do Carme.

Desta parroquia era natural Juan Salgueiro, alcalde de Silleda entre 1987 e 1999.

Abades na literatura popularEditar

  • Nosa Señora de Abades/ ¿qué lle dás ós teus romeiros?/ Agoiña da miña fonte,/ sombra dos meus castiñeiros.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Abades, na web municipal de turismo
  2. Igrexa de Santa María de Abades na páxina web colaborativa PatrimonioGalego.net.
  3. Santuario da Virxe dos Desamparados na páxina web colaborativa PatrimonioGalego.net.
  4. Miñano Bedoya, S. (1826): Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal. Madrid: tomo 1, páx. 1 ("ABADES").
  5. Madoz Ibáñez, P. (1845). "ABADES". Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) I. Madrid. p. 33. 

Lugares e parroquiasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar