Mouchos coma este, por exemplo
Información Babel do usuario
gl Este usuario é galegofalante.
es Este usuario es un hablante nativo de español.
en-3 This user can contribute with an advanced level of English.
pt-3 Este usuário pode contribuir com um nível avançado de Português.
ca-1 Aquest usuari pot contribuir amb un nivell bàsic de català.
fr-1 Cette personne peut contribuer avec un niveau élémentaire de français.
de-1 Dieser Benutzer hat grundlegende Deutschkenntnisse.
Procurar usuarios por lingua
5899 Este usuario realizou arredor de 5899 edicións na Galipedia.
mulleres Este usuario participa no Wikiproxecto mulleres.

Corazón auriense, nome real á esquerda do punto. Virgo, milenial e xeración Xabarín.

Un segredo confesábel? Colecciono mouchos, curuxas e similares. Outro? O amor pola lingua, a literatura e a cultura en xeral. O amor en todas as modalidades posíbeis.

Estudei no IES Eduardo Blanco Amor da miña cidade natal. Gradueime en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e formeime en Lingüística aplicada, adquisición e ensino de linguas na USC. Seguinte parada: Mestrado Universitario en Profesorado, mención de linguas e literaturas galega e castelá, de volta na Cidade Olívica.

Adoro a lectura. Estou saíndo da miña área de comodidade e botándome a ler cousiñas en ámbitos novos. Fiquei gratamente sorprendida coa filosofía despois de ler pola miña conta Pandemia, de Slavoj Žižek. Obvio seguirei afondando nese eido, aínda que xa me adentrara nel con Viktor Emil Frankl no instituto. Disto tamén tivo parte de culpa Xosé Manuel Domínguez Prieto, o meu profesor de Filosofía de segundo de Bac, e a serie Merlí. Dende hai xa un par de anos estou afondando tamén nos feminismos e mais no colectivo LGBTI.

É lindo combinar o texto con debuxos e ilustracións, e velaí temos a novela gráfica, o álbum ilustrado ou a banda deseñada. Mando saúdo a Kiko da Silva e a Fiz, "o neno máis porco do mundo", que tantas gargalladas me sacou lendo o tristemente desaparecido Golfiño. Tamén no Golfiño gostaba de ler "O Castelo Regadeira" de Norberto Fernández. Xa na idade adulta lin o meu primeiro manga, "さびしすぎてレズ風俗に行きましたレポ", Sabishisugite Rezu Fūzoku ni Ikimashita Repo, sobre a depresión e o descubrimento da propia orientación sexual. A verdade é que gostei moito del. Agardo seguir mergullándome no cómic nipón! E non esquezamos que o fanzine tamén é literatura :)

Teño a casa ateigada de libros e unha lista de agarda interminábel para ler. É fermoso peregrinar a librarías e pescudar o que agochan. Amo incondicionalmente acudir a bibliotecas, arquivos e similares, embriagarme do cheiro a libro novo, a libro vello, de autorxs por descubrir e de puntos de vista diferentes. O que vén sendo bibliofilia, vaia. E se corto un dedo cunha folla (cousa que pode pasar)? Pas de problème!

Gosto de sagas literarias como Harry Potter ou O Señor dos Aneis, universos de fantasía nos que me mergullei xa na infancia-adolescencia. Leo practicamente todo o que cae nas miñas mans ou que aparece na miña pantalla, dende libros até artigos de revistas ou o prospecto dos medicamentos. Non son seareira de xéneros ou autorxs en particular, mais gosto moito de ler as creacións de amigxs e coñecidxs. Se podo, tento contribuír cando fan micromecenado para publicaren as súas obras.

Sen dúbida a miña obra (galega) favorita é A esmorga, tanto en contido como nos aspectos que compoñen a novela. A adaptación ao cinema de Xosé Ignacio Vilar Díaz paréceme brillante, unha obra de arte do cinema galego. A maxistral interpretación de Karra Elejalde Garai dignifica dunha maneira excepcional a idiosincrasia do personaxe, dende o meu punto de vista.

E bon, xa que falamos de cinema, ADORO Star Wars. OLLO! Dende 1977 até 2005, é dicir, as seis obras (maxistrais) de George Lucas. Gosto especialmente da princesa Leia. Non é a típica princesa frívola que agarda ser rescatada, senón unha verdadeira líder que loita polo seu pobo e a súa independencia persoal, pouco común nos personaxes femininos do cinema da época. Nesa liña, outra saga de cinema da que tamén gosto é Piratas do Caribe.

Gosto moito dos idiomas. Estudo inglés dende ben cedo, antes de que fose materia obrigatoria no ensino primario. Xa en Vigo entrei en contacto co alemán e co francés. Coa música, a lectura e as redes sociais (principalmente) levo bastantes anos adquirindo nocións de català. A miña última aventura lingüística (no ensino formal) é a lingua portuguesa, coa que xa tomara contacto na adolescencia nos campamentos Portugaliza da Xunta, en Entrimo.

Estar en contacto coa natureza éncheme de paz. Ademais da paradisíaca Serra do Xurés, que adoro, gozo no bloque oriental do Courel e dos Ancares, e tamén nos Montes do Invernadeiro e en Manzaneda. Encántame a montaña e fica moita por explorar na Galiza, certamente.

Mais certamente a costa ten moito que visitar! Visitei Fisterra, a Mariña de Lugo e o Cadoiro. Teño pendente afondar na Costa da Morte e no norte da provincia da Coruña. Encántame e reláxame contemplar o ceo estrelado sobre todo nas noites de verán, con ou sen lúa.

Dende primaria, principalmente cos apoios da miña mestra Ignacia e da miña nai, déixome levar pola creación literaria. Teño escritos relatos curtos en galego baixo pseudónimo galardoados nalgúns certames, entre outros nos concellos de Ourense, Barbadás, Lalín e Compostela. Tamén teño algún relato en castelán, igualmente baixo pseudónimo, con algunha alegría durante o meu paso polo instituto. Con todo, resúltame moito máis cómodo e natural escribir en galego. A imaxinación, os pensamentos, as palabras, todo flúe con moita máis naturalidade.

Gosto moito do debate. Coido que é unha ferramenta esencial na vida, permite enriquecer o pensamento e descubrir e compartir novos puntos de vista. Ligada ao debate, fascíname a política. Son militante no nacionalismo galego e defendo a autodeterminación dos pobos. Acredito firmemente na vocación de servizo público como guía para a mellora da sociedade, tanto dende a propia política como, por exemplo, dende o asociacionismo, a autoxestión, o voluntariado ou os movementos veciñais.

Seguirei editando isto con máis calma, que hoxe esgotóuseme a inspiración.

"O imposíbel custa un poco máis e derrotadxs [...] son só quen baixan os brazos e se entregan. A vida pode darche mil tropezóns en todas as ordes: no amor, no traballo, na aventura do que estás a pensar, nos soños que pensas concretar. Mais unha, e mil veces, estás feitx con forza para volverte erguer e volver comezar. Porque o importante é o camiño. [...] Porque a vida non é só recibir, é, antes que nada, dar algo do que temos e por fodidx que esteas, sempre tes algo para dar".
Pepe Mujica, expresidente do Uruguai

Wiki-aventura

editar

Punto de inicio? A Segunda Wikimaratona do Día Internacional da Muller, o 9 de marzo de 2019, cando me rexistrei como usuaria. Porén, levo editando de maneira máis activa dende abril de 2021. Sempre disposta e interesada en aprender e intercambiar opinións, impresións, puntos de vista. Cal será a vindeira Wikiparada?