Porco formigueiro
O porco formigueiro,[2] ou oricteropo, Orycteropus afer (Pallas, 1766), é un mamífero de tamaño medio, propio da África subsahariana, onde vive en sabanas, pradarías e zonas boscosas. Este animal, solitario e de hábitos nocturnos, é a única especie vivente do xénero Orycteropus, da familia dos oricteropódidos (Orycteropodidae) que, á súa vez, é a única da orde dos tubulidentados (Tubulidentata).[3][4][5] En consecuencia, está considerado como un fósil vivente, que conserva trazos primitivos que perderon euterios máis avanzados como, por exemplo, a presenza de dez cromosomas.[6]
Porco formigueiro, oricteropo Orycteropus afer Rango fósil: mioceno temperán - actualidade [1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Orycteropus afer (Pallas, 1766) | |||||||||||||||||
Distribución posíbel do porco formigueiro
|
O aspecto do porco formigueiro semella mesturar orellas de coello, un fociño de porco e unha cola de canguro. Como os osos formigueiros e os pangolíns, o porco formigueiro desenvolveu adaptacións notábeis no seu xeito de alimentación. Ataca directamente niños de formigas e térmites, cunha lingua moi longa e uns dentes especialmente modificados. Utiliza as súas grandes poutas en forma de pá para escavar buratos onde refuxiarse, que despois son empregads por unha multitude de animais unha vez o porco formigueiro os abandona.
Malia que a UICN considera que o status do porco formigueiro é LC (pouco preocupante),[7] e que as poboacións desta especie son máis ou menos estábeis, resulta difícil avaliar o seu estado con gran precisión. Podería ser que estivese esmorecendo por mor do crecemento da presenza humana e conseguinte urbanización, a destrución e conversión do seu hábitat en campos de cultivo ou a caza de subsistencia.
Taxonomía
editarOrde
editarA orde dos Tubulidentata foi descrita en 1872 polo biólogo británico Thomas Henry Huxley.[8]
Familia
editarA familia Orycteropodidae descibiuna en 1821 o naturalista inglés John Edward Gray, en London Med. Repos., 15: 305.[9]
Xénero
editarA descrición do xénero Orycteropus débese ao naturalista francés Georges Cuvier, que o fixo en 1798,[9] na páxina 144 da súa obra Tableau élémentaire de l'histoire naturelle des animaux (1797-1798).[10]
Especie
editarFinalmente, a especie Orycteropus afer describiuna en 1766 o médico e zoólogo alemán Peter Simon Pallas, baixo o nome de Myrmecophaga afra.[10]
- Subespecies
Dentro desta especie distínguense as seguintes 17 subespecies:[11]
- O. a. afer
- O. a. adametzi
- O. a. aethiopicus
- O. a. angolensis
- O. a. erikssoni
- O. a. faradjius
- O. a. haussanus
- O. a. kordofanicus
- O. a. lademanni
- O. a. leptodon
- O. a. matschiei
- O. a. observandus
- O. a. ruvanensis
- O. a. senegalensis
- O. a. somalicus
- O. a. wardi
- O. a. wertheri
Clasificación dos tubulidentados
editarNa actualidade recoñécense, dentro da orde, unha soa familia, con 4 xéneros, tres deles extintos.[1]
- Orde Tubulidentata Huxley, 1872
- Familia Orycteropodidae Gray, 1821
- Xénero Orycteropus G. Cuvier, 1798
- Orycteropus afer (Pallas, 1766) - porco formigueiro
- † Orycteropus crassidens MacInnes, 1956
- † Orycteropus djourabensis Lehmann, Vignaud, Mackaye & Brunet, 2004
- Xénero † Amphiorycteropus Lehmann, 2009
- † Amphiorycteropus abundulafus (Lehmann, Vignaud, Likius & Brunet, 2005)
- † Amphiorycteropus browni (Colbert 1933)
- † Amphiorycteropus depereti (Helbing, 1933)
- † Amphiorycteropus gaudryi (Forsyth-major, 1888)
- † Amphiorycteropus mauritanicus (Arambourg, 1959)
- Xénero † Leptorycteropus , 1976
- † Leptorycteropus guilielmi Patterson 1976
- Xénero † Myorycteropus MacInnes, 1956
- † Myorycteropus africanus MacInnes, 1956
- Xénero Orycteropus G. Cuvier, 1798
- Familia Orycteropodidae Gray, 1821
Etimoloxías
editarO nome da orde, Tubulidentata, está composto polo elemento do latín científico tubuli-, do xenitivo de tubulus, i, diminutivo do latín clásico tubus, "tubo", e dentata, nominativo plural do adxectivo latino dentātus, -a, -um, "dentado", "con dentes". Literalmente: "os que teñen dentes con tubiños".
O da familia, Orycteropodidae, constrúese coa adición á raíz Oryctopod-, do nome do xénero (Oriycteropus) da desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.
O xenérico, Oriycteropus, está formado polo elemento do latín científico Oryctero-, tirado do grego antigo ορυκτόσ, -ή -óυ oryktós, -'ē, -ou, "escavado", participio do verbo ορύσσω orýsso, "escavar", e o elemento do latín científico -pus,[12] derivado do grego antigo πούς poús, "pé", "pata". Literalmente: "o que escava coas patas".
Finalmente, o nome específico, afer, está tomado do adxectivo do latín clásico Afer, -fra, -frum, "africano", "africana".
Características
editarTamaño e forma corporal
editarO corpo do único representate actual do grupo, o porco formigueiro (Oryteropus afer), non responde aos cánones de beleza establecidos para os animais polo home occidental do noso tempo. A súa longa e cilíndrica cabeza, os seus enormes pavillóns auditivos, a súa pel case espida, as fortes uñas das súas patas, os seus desproporcionados cuartos traseiros, e a súa cola como a dun canguro, compoñen a imaxe mesma do grotesco.
Pero o seu aire torpe e o seu aspecto desamañado transfórmanse en beleza funcional cando o animal comeza a escavar as súas galerías. Apoiado sobre a cola e as extremidades posteriores, rasca con rapidez e sorprendente rendemento o duro solo africano cos membros anteriores e proxecta con forza, coas posteriores e a cola, a terra removida, operacións todas elas que realiza cunha velocidade tal, que antepón a fuxida á construición dun tobo onde ocultarse cando un repentino perigo o sorprende lonxe do seu refuxio habitual.[13]
É un animal inconfindíbel, do tamaño dun porco, que alcanza unha lonxitude de até os 2 m (incluíndo a cola),[5][14] e un peso de entre 50 e 80 kg.[14] A altura na cruz é de 60 a 65 cm.[5][14]
A cabeza é alongada e tubular; con orellas grandes e similars, na súa forma, ás dunha lebre. O fociño, tamén alongado, é parecido ao dun porco; na boca ten unha lingua moi longa, que sobresae da boca a miúdo; presenta uns dentes especialmente modificados, con numeroos prismas de dentina. As orellas son moi logas, así mesmo tubulares, e rematadas en punta.[4][5]
O corpo, repoludo e co lombo arqueado, está cuberto dunha pelaxe delgada, con numerosas vibrisas na cabeza. As patas son curtas e poderosas, rematadas en catro dedos as dianteiras e cinco nas posteriores; os dedos están provistos de fortes garras, aínda que non afiadas. A súa marcha é dixitígrada.[4][5]
A cola é longa e forte, moi musculosa, e moi grosa na base.[4][5]
A pel é grosa, escasamente cuberta de pelos sedosos de cor gis apardazada apagada, máis escura nas patas, aínda que moitas veces aparece coloreada pola terra. A cola, ás veces, é algo máis clara.[5]
Presenta glándulas sebáceas e sudoríparas.[4]
Esqueleto
editarO cranio dos oricteropos é alongado, e presenta arcos cigomáticos ben desenvolvidos.
As fosas orbitais e temporais conflúen entre si. O número de espirais nasais é maior ue en calquera outro mamífero.
A mandíbula é delgada, pero ten ramas completamente desenvolvidas e unha sínfise longa.
A clavícula está ben desenvolvida. As patas dianteiras presentan catro dedos, e as traseiras, cinco.
As falanxes posteriores presentan un suco lonxitudinal.[4]
Sistema nervioso e órganos dos sentidos
editarOs hemisferiols cerebrais do oricteropo teñen poucas coircopunvolucións. Os centros do olfacto están moi ben desenvolvidos. Os seus olls son bastante grandes, adaptados para a visión nocturna, provistos só de bastonetes, e cunha membrana reflectante moi ben desenvolvida. Porén, os seus sentidos principais son os do olfacto e o do oído. Presentan, ademais, órgano de Jacobson.[4][15]
Aparello dixestivo e alimentación
editar- Aparello dixestivio
O porco formigueiro presenta dentes deciduos só no embrión, consistentes en incisivos, caninos e premolares. Na dentición permanen te os pequenos caninos e premolares son rudimentarios e non se utilizan. Os dentes iugais (de catro a sete, normalmente cinco por serie) están en constante crecemento, e caracterízanse por unha estrutura peculiar. Os dentes anteriores teñen forma ovalada. Os posteriores teñen unha forma similar á do número 8. Consisten en numerosos túbulos de paredes de dentina, co centro formado pola cavidade alveolar.[4]
A lingua é estreita e aplanada. As glándulas salivares son grandes. O estómago é único, e as súas paredes son moi musculadas; o cego é pequeno. A larinxe esténdese até a cavidade nasal, o que axuda a conservar os condutos nasais libres de comida.[4]
- Alimentación
O porco formigueiro aliméntase principalmente de térmites e, ocasionalmente, dalgúns outros insectos, como formigas e outros. Utiliza os seus potentes membros para buscar nos termiteiros, e alcanzan os insectos coa axuda da súa pegañenta lingua ou, simplemente, succionándoos.[4]
Aparellos uroxeninal e reprodutor
editarOs riles non están divididos, e son lisos. Os testículos están situados baixo a pel, e carcen de escroto. O pene é curto e carece de baculum (óso peneano). O útero é duplo. A placenta, zonaria. As femias teñen dous pares de mamas.[4][14]
- Reprodución
Despois dun período de xestación de sete meses nace unha soa cría, en ocasións dúas. Os partos prodúcense de outubro a novembro na África central, e de maio a agosto na África meridional. As crías, de cor carne, nacen co ollos abertos e permanecen dúas semanas no tobo; despois xa seguen á nai cando esta vai en busca de comida. As crías comezan a comer os primeiros alimentos sólidos aos 3 meses, pero son amamentadas durante 4 meses. Aos 6 meses xa poden facer vida independente, pero os xuvenís quedan coa nai até que nace a seguinte camada.[14]
Costumes
editarOs oricteropos son animais nocturnos, raramente activos durante o día. Escavan profundos tobos onde pasan as horas diúrnas, saíndo á noitiña, e son activos principalmente durante as noites máis escuras.[4][5]
Viven en áreas abertas, sabanas, pradarías e bosques claros, evitando os bosques densos, principalmente en zonas de solos areosos ou arxilosos, onde é máis doado escavar, e onde abunden os térmites.[5][14]
Habitan na África subsahariana, desde unha liña que vai desde Senegal a Eritrea, polo norte, até o Cabo de Boa Esperanza, polo sur. Véxase o mapa de distribución na caixa de clasificación científica, arriba, á dereita, deste artigo.
É un animal solitario, pero os individuos xuvenís acompañan á súa nai durante longo tempo.
Son escavadores de tobos moi activos e moi potentes, que cavan o solo a unha velocidade sorprendente.
As femias teñen querenza por determinados lugares, aos que volven con regularidade.
En cambio, os machos perece que son máis vagamundos.[5]
Os tobos poden ser simples buratos cunha soa entrada, ou poden formar un complicado labirinto de galerías con até 20 ou 30 entradas, dispersadas sonre unha área de até 400 m2. O túnel (ou túneles) remata nunha ampla cámara.[5][14]
Os tobos abandonados son usados como refuxio por unha ampla variedade doutros animais, desde réptiles (lagartos e serpes), morcegos, pequenos carnívoros, esquíos terrestres, lebres, porcos espiño e curuxas e outras aves, até facóqueros. Deste xeito teñen unha considrábel importancia ecolóxica.[5][14]
Evolución
editarMoitas características da estrutura corporal dos tubulidentados indican a súa relación cos ungulados é, particularmente, coa primeira das súas ordes extinguida, a dos condilartros, que viviron no paleoceno e no eoceno. Cabe supoñer que se separaron dos outros ungulados no terciario inferior, desenvolvéndose independentemente e mostrando adaptacións para alimentarse de insectos. O máis probábel é que esta evolución tivera lugar en África, e que no terciario os tubulidentados se estenderan por Europa e Asia de forma só temporal. As semellanzas entre esta orde e os edentados e os pangolíns producíronse pola súa forma de vida similar, é dicir, trátase dun fenómeno de converxencia adaptativa.[4]
Encontráronse tubulidentados fósiles no mioceno e o plioceno de África, e no plioceno de Europa e Asia meridional.[4] Estes fósiles poderían incluírse dentro do xénero Orycteropus, porque non proporcionan moita información sobre a orixe da orde. Porén, moitos autores contemporáneos, como Lehmann, Patterson e MacInnes distinguen até 4 xéneros.[1][16]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Lehmann (2009).
- ↑ porco formigueiro Arquivado 28 de agosto de 2016 en Wayback Machine. no Dicionario de galego. Vigo, Ir Indo Edicións, 2004. ISBN 84-7680-504-7.
- ↑ Tubulidentata no NCBI.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 Kowalsky (1976), pp. 405-406.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 Dorst e Dandelot (1973), pp. 154-144.
- ↑ "Great Uncle Aardvark?" en BBC NEWS online — Science/Nature. 20-01-2003. . Consultada o 10 de xaneiro de 2008.
- ↑ Lindsey, P., Cilliers, S., Griffin, M., Taylor, A., Lehmann, T. & Rathbun, G., asesores (2008): Oryteropuis afer na Lista vermella de especies ameazadas da UICN, versión 2015.2. Consultada o 29 de agosto de 2015.
- ↑ Tubulidentata en MSW.
- ↑ 9,0 9,1 Orycteropodidae en MSW.
- ↑ 10,0 10,1 Orycteropus en MSW.
- ↑ Schlitter, D. A. (2005): "Order Tubulidentata". En Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Mariland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4, p. 86.
- ↑ orycteropus no Merriam-Websters' Unabridged Dictionary.
- ↑ Rodríguez de la Fuente (1970), pp. 217-218.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Haltenorth e Diller (1986), pp. 132-133.
- ↑ O órgano de Jacobson, tamén chamado órgano vomeronasal, é un órgano auxiliar do sentido do olfacto que presentan algúns vertebrados. Localízase no óso vómer, entre o nariz e a boca. As neuronas sensoras dentro do órgano detectan distintos compostos químicos, habitualmente grandes moléculas.
- ↑ Lehmann, Thomas; Vignaud, Patrick; Likius, Andossa & Brunet, Michel (2005): "A new species of Orycteropodidae (Mammalia, Tubulidentata) in the Mio-Pliocene of northern Chad". Zoological Journal of the Linnean Society 143 (1): 109–131.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Porco formigueiro |
Bibliografía
editar- Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
- Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Lehmann, Thomas (2009): "Phylogeny and systematics of the Orycteropodidae (Mammalia, Tubulidentata)". Zoological Journal of the Linnean Society 155: 649–702.
- Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "Los cazadores de insectos" en Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo 2. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 217–231.
- Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: A taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Tubulidentata na ADW (en inglés).
- Tubulidentata na EOL (en inglés).
- Orycteropodidae na ADW (en inglés).
- Orycteropodidae na EOL (en inglés).
- Orycteropus na ADW.
- Orycteropus na EOL.
- Orycteropus afer na ADW.
- Orycteropus afer na EOL.
- The biology of the aardvark (en inglés).