Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla
A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén; ordenou Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.

A antiga lenda xacobea, recollida nos textos medievais, relata que tralo martirio algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia. A travesía fixérona na célebre "barca de pedra"; a tradición conta que foi no Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno, onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.
Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar espelidos para se enfrontar á obstinación da raíña Lupa e a furia dos lexionarios romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). No carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón (Santiago de Compostela).
A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto[1]. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea[2][3].

Historia editar
No ano 813, durante o reinado de Afonso II, o ermitán Paio divisou preto do castro Libredón unha estrela sobre unha arca de mármore, avisou de contado ó bispo de Iria Flavia Teodomiro, quen acudiu axiña. Atoparon un sepulcro onde había tres corpos, un deles degolado e coa cabeza baixo do brazo; atribuíronlle os restos ó apóstolo Santiago.
Onde se descubriu o sartego foi erixido un mausoleo no que repousan os tres corpos, coincidindo coa tradición de que os discípulos Atanasio e Teodoro foron soterrados a carón de Santiago apóstolo.
Decatándose o rei Afonso II da transcendencia do descubrimento do sepulcro ou Inventio Xacobea, peregrinou ó sartego no mesmo ano. Ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba, estendendo a nova por toda a Europa cristiá. O achado do sepulcro daríalle ós cristiáns o pulo necesario na loita contra os musulmáns na península Ibérica.
Afonso III o Magno peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena; ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899. O culto a Santiago foise estendendo progresivamente[4].
A lenda xacobea editar
Xorden arredor da figura do apóstolo Santiago unha serie de lendas que se acrecentan tralo descubrimento do sepulcro, aumentando a súa sona. Segundo a tradición cristiá predicou o apóstolo na Hispania romana, regresando logo dun tempo a Xerusalén, foi daquela cando Herodes Agripa I o mandou apresar arredor do ano 44, ordenando que fose decapitado.
A lenda xacobea recollida nos textos medievais relata que os discípulos de Santiago apóstolo Anastasio e Teodoro recolleron o corpo decapitado e trasladárono dende o porto de Iafa a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia, facendo a travesía na "barca de pedra", que amarraron no Pedrón, logo da longa viaxe.
Presentáronse os discípulos diante da raíña Lupa coa intención de atopar un lugar onde dar repouso ó seu mestre; Lupa desconcertada enviounos perante o gobernador de Dugium, preto de Fisterra, quen manda apresar ós intrusos de contado. Mais conseguen escapar os discípulos regresando xunto á raíña.
Solicitáronlle á señora que ós asistise novamente. Dispuxo a raíña Lupa que trasladasen o corpo de Santiago apóstolo nun carro, ofrecéndolle ós discípulos un par de bois bravos; tentando enganalos outra vez enviounos ó monte Ilianus (o pico Sacro) onde tiveron que vencer ó dragón, traendo consigo os bois que se viraron mansos de súpeto. Impresionada a raíña ante os prodixios do santo tomou a determinación de converterse ó cristianismo.
Transportaron os bois o corpo do apóstolo, detivéronse os animais no monte Libredón, resolveron entón Anastasio e Teodoro que nese lugar soterrarían o corpo de Santiago[5].
O texto medieval máis importante que narra a Translación do Apóstolo, dende Iafa a Iria e dende alí ó lugar onde repousa finalmente, en Compostela, é o célebre Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, no seu Libro III: Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, no prólogo e no capítulo 1[6].
En Xerusalén a Igrexa Apostólica Armenia edificou a catedral de Santiago no lugar onde se di que foi decapitado e depositada a súa cabeza[7].
Etapas editar
Ría de Arousa - Padrón editar
Os portos da Ría de Arousa - Padrón
A Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla consta dunha única etapa de 44 millas náuticas. Fíxose o primeiro remonte da ría no ano 1965 contando amais coa implicación do cardenal-arcebispo de Santiago Quiroga Palacios[8], reproducindo a Ruta Marítima Xacobea da translación do Apóstolo a Galicia no século I, segundo indica a tradición.
O punto referente de partida é o Porto de Pedras Negras en San Vicente do Mar ou o de Ribeira, aínda que se pode iniciar a singradura en portos anteriores xeograficamente.
No porto de saída e nos concellos integrantes da ruta facilitarase a "cartilla de navegación"; colocarase obrigatoriamente o primeiro selo antes de comezar o percorrido marítimo. O navegante deberá obter polo menos dous selos máis nalgún dos portos da ría de Arousa ou do río Ulla[3].
O itinerario marítimo-fluvial comeza na boca da ría de Arousa, deixando a estribor as illas Ons, espreitando a illa de Sálvora no setentrión. Pasa fronte a Sanxenxo e ó contorno da Lanzada, e fronte a Ribeira amais a Pobra do Caramiñal.
A singradura prosegue, pasando a carón do Grove e a súa illa da Toxa, distinguíndose xa as terras de Meaño e Cambados.
De seguido a Illa de Arousa, avanzando logo rumbo a Vilanova de Arousa e Vilagarcía, fronte a Carril e á illa de Cortegada, de camiño cara á Catoira, para penetrar no río Ulla.
O tramo fluvial discorre entre os concellos de Dodro e Valga, arribando en Pontecesures, onde o río deixa de ser navegable. Dende Pontecesures a ruta segue cara a Padrón e Iria Flavia. Continua o camiño a Santiago de Compostela seguindo a derradeira etapa do Camiño Portugués[9].
|
Galería de imaxes editar
- Aparecen no póster orixinal da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, obra de Sánchez Gallego, os seguintes monumentos:
|
Notas editar
- ↑ Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, descrición do percorrido marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla.
- ↑ Requisitos para la Compostela Arquivado 26 de outubro de 2014 en Wayback Machine., no blog Camino de Santiago, en castelán.
- ↑ 3,0 3,1 Diploma Traslatio Xacobea, en pdf. Requisitos e condicións para a obtención das cartillas náuticas e o Diploma Traslatio Xacobea establecidas polo Club Náutico de San Vicente do Mar, no traxecto da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
- ↑ La Catedral de Santiago, La gran obra del maestro Mateo. National Geographic España, en castelán.
- ↑ La Reina Loba y la llegada del Apóstol Santiago a Galicia Arquivado 24 de decembro de 2014 en Wayback Machine., no blog Excursus: Disgresiones y Leyendas, "un análisis somero del patrimonio cultural gallego", en castelán.
- ↑ Codex Calixtinus: Códice Calixtino Libro III; relata a translación do apóstolo Santiago a Galicia, en castelán.
- ↑ Barrio Armenio de Jerusalen ~ Guias de Viajes Online; Catedral de Santiago, en castelán.
- ↑ A recuperación dunha ruta Arquivado 26 de outubro de 2014 en Wayback Machine., na web Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
- ↑ Etapa: Ría de Arousa - Padrón, na web Xacobeo Galicia.
Véxase tamén editar
Ligazóns externas editar
- Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla
- Camiño de Santiago - Xacobeo Galicia; Os Camiños en Galicia.