Abrir o menú principal

Os outros feirantes

relatos de Álvaro Cunqueiro

Este artigo trata sobre o libro de relatos de Álvaro Cunqueiro, para o artigo sobre a serie Televisión de Galicia véxase Os outros feirantes (serie de televisión).

Os outros feirantes é un libro de relatos escrito en 1971 por Álvaro Cunqueiro que mostra un conxunto de descricións de personaxes galegos, un xénero único no que Cunqueiro amosou a súa mestría.

Os outros feirantes
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Relatos
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1979
Precedido porEscola de menciñeiros
Xente de aquí e de acolá

É unha nova ración de retratos para coñecer mellor o galego cotián, campesiño, coa súa forma de entender o mundo, as crenzas, os ritos, as supersticións. Son descricións breves nas que non falta o humor e a ironía.

A obra recibiu o Premio da Crítica Española en 1979.

ContidoEditar

 
Escultura do gatipedro na praza do Humor da Coruña

(NOTA: As páxinas sinaladas ao longo da análise do libro corresponden á 9ª edición[1])

1.-(p. 11) O cabalo de Alberte Merlo. O cabalo comeza a falar con A. Este múdalle o nome: Cheval. Quere que só fale con el, ata ten celos da muller. Esixe promesa de que só fale con el, ou deixará de falar. Pídello por escrito. A. mesmo pensa nun avogado. Consulta co mestre de Muros. Faise o papel. Cheval pide que o rexistre. A. aínda segue a dubidar o que fará.

2.- (p. 14) O enano das burlas. Serxio viu o enano. Este faloulle tatexando e Serxio tamén lle respondeu así, desde entón é tatexo: vaia cabronada, el que nunca andara aos tesouros! En Corbelle Antolín era tatexo. A menciñeira Jovita cre que se visita o anano tamén lle gastará outra broma, voltándoo normal. Así sucede. O cura da parroquia bota uns latíns de sentenza e ese enano o que é, e un coñón.

3.- (p. 17) O verdugo da Cañiza. Hai cen anos chegou á Cañiza un verdugo con problemas para coller cama. Logo do suceso, conta unha anécdota do viño branco. Sae para Pontevedra. Agustín charla con el: é moi estimado, inventou unha guillotina portátil, a isabelita, en honor de Isabel II. Tamén inventou un nó para axustizar que proba cunha bufanda en Agustín; quédalle a marca da proba.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia

4.- (p. 20) Xosé Liñeiras. Naceu con seis dedos na man dereita e seis no pé esquerdo. Unha tía habaneira dille que iso se herda. Orgulloso deles, móstraos cando lle preguntan. Mesmo un tratante de Dacón lle fala dun porco con catro uñas nun pé. Cre que todos os de seis dedos galegos son familia e deberían facer unha comida. Ata considera parente seu un senador dos EE.UU. que ten os seis dedos.

5.- (p. 23) Marcelino Pardo. O rapaz mexou na cama ata os 12 anos. Os médicos e menciñeiros non o curaban. Un deulle o remedio: tratábase do gatipedro, que para andar se apoiaba nunha enorme lingua con dúas puntas e un corno polo que botaba pingas que facían mexar o durmido. O remedio é botar sal no cuarto. Iso fan e !remedio san¡. Mesmo levará o sal ao servizo militar, por se acaso.

6.- (p. 26) A tía Remedios. Está no Brasil e manda ao sobriño de Portonovo un reloxo de ouro e un fonógrafo. Logo virá ela que foi asistenta de chaveiro dunha condesa. Trae o canciño Napoleón cun axóuxere de ouro que avisaba das visitas etc. A tía que lembra a condesa e o can di que si.

7.- (p. 29) Unha siria en Ribadeo. O autor contáballe a Carlos animaladas de diferentes pobos como os polacos e o caso de Enver Pachá que mandou botar á caldeira do barco un búlgaro. Un día Carlos tópao en Lugo e dille que non é certo o dos sirios, que el viu unha en Lugo e era persoa normal. O autor contéstalle engadindo outra animalada que Carlos dubida en crer.

8.- (p. 32) Louro de Parentes. Se un mouro atopa un tesouro lávao e dille o que pesa. Se acerta, o tesouro ten que seguilo coma un can. Louro anda a lles dicir o peso en libras galegas. Tamén se informa polo cabo da garda civil como son os fillos de Mahoma. Morre coa teima dos tesouros.

9.- (p. 35) Amadeo de Sabrés. Un día comeza a asubiarlle o paraugas. Logo vanlle asubiando os zapatos e todas as cousas que lle falan con asubíos. Tamén as persoas lle asubían ao lle falaren. Tapa os ouvidos e sente os seus asubíos. Acaba no sanatorio de Conxo.

10.- (p. 38) Penedo de Silvosa. Xosé Pillado (Penedo de Silvosa) aprendeu para xastre en Zaragoza. Foi voluntario nun batallón para cazar unha fera perigosa, nunha comida ligou cunha cincuentona. Fixera o primeiro pantalón de muller aragonesa. Mataran unha muller, no velorio falou a defunta Que me mata el gallego, pero tratábase dun chulo apelidado Gallego: Sae un da súa casiña e volve ou non volve.

11.- (p. 41) Freire de Rego. Era moi bo menciñeiro, que todo o curaba con auga, auga de alba, mais tiña un pelo “pelirroxo” que facía desconfiar a algúns. Un parente seu, Segundo, foi servir a El Rei e tivo ocasión de curar a Alfonso XII con leite de burra para os catarros. A burra foi roubada. Acabaron na familia cun reloxo de prata, galano real.

12.- (p. 44) Piñeiro e as fontes. Fora curado por Freire de Rego, por iso preguntaba a todo forasteiro polas fontes e calidades delas. Anotaba nunha libretiña. Puga cóntalle que en Vich unha fonte aclara a voz e fai dicir ben a lección de latín; mesmo a un cabalo garañón seu lle cambiou o acento no ornear. Viaxa por Galicia para ver fontes e propiedades.

13.- (p. 47) A voadora de Serantes. Manuel Páramo viu voar a María de Fontes. Resulta que ela morrera había máis dun ano. Contouno. Voaba sentada nunha banqueta con moitos tronos e vento. El e o Sr. Bastián compraron unhas boas bombas e botáronas cando ela pasaba. Caeu un zapato e 2 pesos, que se volvían falsos só cando os querían cambiar, saían de noite dos petos.

14.- (p. 50) A orella dereita de Antón de Leivas. Un día no cine dinlle que ten unha orella máis grande. Axiña o cre toda a familia e veciños. Mesmo irá xunto a un menciñeiro. Unha moza descobre que nela se escoita o mar como nunha caracola. É todo un éxito, ata lle serve para conquistar moza e casar. Cobra a tres pesos a sesión de curar doenzas. Un seu cuñado venezolano descobre que son as dúas orellas iguais: un caso de sugestión colectiva.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia

15.- (p. 53) Lamego de Mouriz. As sortes e resortes son as predicións feitas en determinados días segundo o tempo. Lamego escoitou a un falar de augas nunca vistas e fixo todos os preparativos para o inverno como se se fose asolagar. Non pasou nada, pero o diluvio foi en Italia. Agora ensina unha foto de xornal de Florencia como proba: puideran facerse ricos previo pago, se avisasen aos italianos.

16.- (p. 56) Fulxencio Parada. Era de Asados e tiña unhas laranxas que consideraba as mellores do mundo e dábaas a probar a todos. No servizo militar en Ferrol o seu capitán contáballe a historia de Pedro o Cruel atribuíndo o episodio de Beltran du Guesclin a Fernán Pérez de Andrade o Bo. A frase sonada aplicábaa ás laranxas.

17.- (p. 59) Hermelina da Ponte. Seu pai quitaba as verrugas con palabras. Estaba empeñado en que as monxas de Allariz lle prestasen unha pel de dragón. A súa filla Hermelina xa sabía pór inxeccións. Herdou a ciencia do pai mellorada: poñía luares no corpo. Tiña boa clientela portuguesa, sobre todo un cabaleiro. Foi a Ourense e por consello de D. Vicente Risco fixo unha tarxeta H.C.P. proveedora de luares dos Reises de Portugal.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia

18.- (p. 63) Felpeto, mariñeiro e músico. Felpeto desembarcou e cría que a mar se ía botar enriba das casas. Lévano ao hospital de Conxo. Faise amigo dun canteiro de Pontevedra que fai gaitas e frautas de pedra, pero non soan por falta de burato. Felpeto vai aprendendo solfexo e mesmo se emprega de coidador de tolos. Logo pedirá permiso para desembarcar do Conxo e ir á casa en Corme. Só fala con notas musicais e morre pronto.

19.- (p. 65) Rosa Martiño. Aprende de nena cun parente o oficio da reloxaría. Mais a súa nai non permite que sexa reloxeira. Ten que emigrar a BB.AA., onde traballa moi ben na reloxaría dun viúvo. Un brigadier trae un reloxio que non anda e estoupará un ano despois: era un atentado. Rosa casa cun piloto da mercante para volver a non me lembro se esta Rosa Mariño era de Betanzos ou de Noia. O marido tamén se mete reloxeiro.

20.- (p. 68) Ramiro da Barca. Tiña unha barca para pasar xente e cousas, antes do encoro. Seu bisavó contaba unha historia. Chegou un home moi alto que quería pasar a toda a présa. Como o barqueiro quería agardar por uns cabritos, tocou unha trompeta e apareceu un cabalo negro na auga, tamén un coitelo ensanguentado. O barqueiro fixo o sinal da cruz, o cabalo afundiuse nas augas e o home saíu voando. Sería un demo. A trompeta apareceu en Triacastela, poñía Made in England.

21.- (p. 71) Fuco de Pedrosa. En setembro as aldeás van aos baños. Fuco ten un bigote que deixara por unha asturiana en BB.AA. Esta, Covadonga, tiña cartos e era viúva; fíxose mandona e quería casar axiña. El escondeuse dela. Logo casou cunha tal Benita de Monforte, coa que se daba ben. O autor lelle historias, como a dos árabes Hind e Muavija (un Califa).

22.- (p. 74) Félix Lourido. Bo cazador e especialista en lobos. Seguíalles o rastro e como o lobo sempre ten que saír a mexar, era o momento en que el o encaraba, lle ensinaba os dentes, dicíalle tate e matábao dun tiro. Pero unha vez o lobo non daba saído e sentouse a comer. Apareceulle un lobo vello que o mirou, tamén lle dixo tate e riuse del. Félix non se atreveu a matalo.

23.-(77) Peleteiro da Bouza. Toda a vida andara en preitos cos veciños. Como botaba a casa a perder os fillos prohíbenllo. Pasa os días sentado xunto a unha figueira. Un veciño regálalle un par de galos en pago dun bo consello para un preito. A un lévao o golpe. O outro faise compañeiro inseparable do vello. Dormen xuntos, asente ás sentenzas do vello, cacaréxalle aos antigos contrincantes. O vello morre e o polo acaba no arroz da familia.

24.- (p. 80) Aurelio e maila xitana. Aurelio vai coller o coche de liña. Aparécelle unha fermosa xitana que lle quere botar a boaventura ou un baile. Non lle fai caso. Ela dille que llo pagará en queixos. Volve á casa dous días despois e a muller cóntalle como uns ratos negros lle comeron 18 queixos. Uns din que foi a xitana, outros que unha moura do tesouro. Agora Aurelio sae de paseo cun peso por se a ve.

25.- (p. 83) Manuel Suárez. Pasara anos en Portugal de axuda de cámara dun vizconde. Alí coñeceu o Arcebispo de Braga que se burlaba del preguntándolle se fora un dos que roubaran o corpo de San Fructuoso. Tamén coñeceu ao cóengo “tirademoños” de Braga. Este era un bo especialista. Cóntase o caso dos demos que xogaban ao tute dentro dunha moza e caeulles o as de bastos e o sete de ouros polo burato do mexo.

26.- (p. 86) Roque das Goás. Desde que Vedrines vou por enriba do paso de Calais, Roque comezou a soñar con que inventaba un aparello voador. Tiña os planos perfectos nos soños, pero esquecíaos so espertar. Mesmo foi a Santiago ver onde aterrar. Deixou a labranza e dedicouse a soñar. Un día de seitura o fato Pastor topouno a durmir e mirouno fixamente, marchou a grandes saltos. Agora Roque volveu traballar porque Pastor lle roubou os planos coa mirada.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia

27.- (p. 89) Marcelino Salgueiro. Á súa cabeza dálle por xirar a modiño. Cada vez vai a máis e el ten medo de que lle dea unha volta completa e o afogue. Vai a un menciñeiro que lle recomenda curas de espello. Ao non daren moito resultado faise un aparello de bidueiro para a manter no seu sitio. Pode ser un caso único o seu, sabendo que non daba a volta completa case a deixaba xirar e ser famoso. Mais agora a cabeza xa non quere xirar.

28.- (p. 92) Lisardo Montes. Lisardo estivo no seminario e cóntalle historias ao Sr. Daniel. Como aquela na que o bispo de Lugo adormecía mentres o barbeiro o afeitaba e lle facía a mofa como un galo. O bispo espertou e colleuno, despediuno. Logo viuno nunha misa e díxolle maricón, mellor maricus mariconis... teima tamén a do latín en semellarse ao galego. Morreu o Lisardo e tamén o bispo con esa palabra latina na boca.

29.- (p. 96) Braulio Costas. Facía figuras en barro para exvotos da Nosa Señora de Amil. Tamén lle fixo unha figura á muller cando morreu para levar ao camposanto. Asinaba os exvotos e poñíalles unha recomendación para o santo respectivo.

30.- (p. 99) Pedro Bravo. Tiña moitos oficios. Coñeceu a unha húngara domadora de pulgas; a xente non llo cría ata que un veterinario lles falou de que vira unha destas domadoras nun circo (gañou un pipo de viño). Tamén traballou en México nunha confeitería, o mellor doce levaba leite de burra e mexo de neno éche do máis decente que se fai naquela casa!.

31.- (p. 102) Novagildo Andión. Era Leovigildo, pero confundíronse ao asentalo. Tiña un vello autobús para ir ás feiras e ós enterros. Foi aprendendo a cantar nos funerais e a tocar o harmonio de Reverte. Acabou tamén cantando versos e tocando o violín dun cego. Nun San Froilán viu a cinta do Titanic, quixo poñela en verso e mesmo se inventou un personaxe.

32.- (p. 105) Anxeliña de Prado. A. aprendeu a bordar en Pontevedra. Morreu un curmán dunha cornada e fíxolle un pano con dedicatoria bordada, desde entón especializouse neses panos onde o defunto se despedía de alguén. Mesmo no caso dun que cría na transmigración se puxo o caso é volver.

33.- (p. 108) O loro das Esmelgas (esmelgar é tirar o mel ás abellas). Un da familia das Esmelgas trouxo un loro brasileiro que dicía moito Eu som Café Filho (un político). O cura afeccionouse a el e quería aprenderlle latín. No ano 1921 o loro púxose mal, o cura quería mandalo a curar a un hospital aragonés. Pero morreu e fixéronlle un bo enterro, Cando cambiaron o camposanto aínda se atopou a lata cos restos do loro que dicía ás mozas ¡Meu anjo! ¡Meu bem! ¡Eu gosto muito de voçé!

34.- (p. 111) Paulino de Botas. Grande cazador, pero os dentes de ouro brillaban ao sol e espantábanlle as perdices. Por iso tapaba os dentes con papel de fumar El rey de espadas (marca famosa hai anos). Unha perdiz parouse para lle ver os dentes, que había grandes discusións entre as de San Fiz e Asma sobre eran de verdade de ouro. Agora antes de matar unha perdiz pregúntalle se quere verlle os dentes. Só a mata se llos despreza. Pero vaise dedicando máis ao coello, coas perdices ten máis intimidade.

Este conto foi analizado por Rexina Vega [2]. 35.- (p. 113) Bastián de Cornide. Vive en Barcelona, imita ben os paxaros e namora unha murciana. Fan proxectos de fabricar pementón en Cornide. Teñen un fillo que nace cunha mancha coma un pementón na cara. Veñen a Cornide, plantan pementos e ela ata fabrica unha lata de pementón moi celebrada nas patronais.

36.- (p. 116) Tristán García. Tristán era de Viana do Bolo. Un tío díxolle que con ese nome coñecía en Lisboa algúns ricos. No servizo militar en León mercou un libro cos amores de Tristán e Isolda. Desde entón dedicouse a buscar unha Isolda, Soubo dunha viúva en Venta de Baños. Era churrreira e xa co pelo branco, díxolle que pasara toda a mocidade agardando un Tristán, acabou casando cun Ismael. Deulle un paquete de churros.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia.

Este relato foi analizado por María Xesús Nogueira [3]

37.- (p. 119) Don Felicio escribe dende o outro mundo. Estivera na Habana e conservábase unha foto na que aparecía cunha escribanía. O seu neto político, Manuel, ve unha noite, sesenta anos despois, como a pluma da escribanía quere escribir soa. Fan garda e ven como pon SOLADME LOS ZUECOS. Topan uns zocos vellos que levan a solar. Volve escribir GRACIAS e deixa unha moeda de ouro de Fernando VII, que o narrador afirma ter visto. Agora os da familia andan descalzos e escoitando o ruído do ouro dun suposto tesouro do vello.

38.- (p. 122) Padín de Carracedo. Perdeu un ollo por culpa dun ourizo. O oculista recomendoulle un de cristal e deixoulle rebaixado un violeta que fora antollo dunha viúva: Vinca pervinca, L. Made in Germany. Grazas ao ollo casou e o terceiro fillo tivo os ollos cor violeta. Desde entón puxo unha estación de servizo para preñadas que querían fillos cos ollos violetas, sacándolle bos cartos.

- Adaptación na serie Os outros feirantes da Televisión de Galicia

39.- (p. 127) Xosé Regueira. Tiña dous soños. Nun voaba e caía forte na cama. No outro, cando comía castañas con leite, soñaba cun paraugas e unha muller; espertaba xunto a un charco de auga que mesmo pensaron se sería mexo. Ofreceuse cun exvoto de paraugas a San Cosme. Curou e xa soñou cunha moza coa que casou despois do servizo militar.

40.- (p. 128) Pechado por defunción. Felipe criárase cunha tía que lle falaba de fadas, logo el soñaba. Ata atopou unha fiestra pola que saía unha fada que poñía tenda con mostrador e todo. Mais un día meteuse pola fiestra un mestre de Xove e a fada puxo o cartel de pechado por defunción. Quedou triste e logo morreu co tal cartaz no traveseiro.

41.- (p. 131) O corvo Estanislao. Pepe de Vence considerábase o máis rico do val. Chegou un corvo que lle falou de que estaba a réxime e lle tiña que dar leite, peixe... ou contaba as trasnadas que sabía del. Pepe cumpre o trato pero o corvo vai mirrando e pronto morre. Logo bátao de menos.

42.- (p. 135) Lomas de Pontigo. De cativo pillárao unha inundación e saíra no berce levado pola auga. Interésase por todo tipo de asolagamentos. Un crego cóntalle que o raposo non quería subir á Arca de Noé: ¡Vente, amigo, que hai galiña dentro!-¡Chéirame a can!

43.- (p. 138) Cosme de Paredes.- Era albeite (curandeiro de gando, sen título) e medía a febre a carrancha pernas do porco. Escribía a doenza no lombo do animal e mandaba lavalo con xabón oloroso. Mesmo consultou un porco desde a "portela" dun tren, receitoulle bicarbonato, que lle cheiraba o alento.

44.- (p. 141) Balbina da Furcada. Solteira e corentona, un día puxo un ovo, logo foron vindo outros. Chocounos nunha galiña, saíron pitos que regalaba por moi saborosos. Comezou a ter problemas de conciencia: quen a galearía a ela?, estaría o galo dentro dela? Morreu a carón do palleiro xunto a un ovo.

45.- (p. 146) Os do capitán de Lousada. Eran da casa do Capitán e por iso Eufemio tiña a manía metida: daba ordes, falaba de canonazos. Na Coruña mercou unha gorra de capitán, ata durmiu con ela. O fillo irría para capitán, mais o neno finou e a gorra foi no cadaleito.

46.- (p. 150) Reinaldo Novo. Bo cazador, mesmo corrixía o tempo do Zaragozano. Mordeuno unha lontra e encetóuselle. Sabía que o lobo se tumba no chan nas treboadas, por iso non hai ningún lobo morto de raio. Tamén el un día se deitou ao lado dun lobo nunha tronada.

47.- (p. 153) Fabián Carballido. Nos nove anos nun S. Froilán un vendedor regaloulle unha noz que lle tirou do nariz, e un pano da orella. A noz turraba por dormir dentro do seu nariz. Nos fríos de Santos quíxose meter dentro, que tiña frío. Pediron un quebranoces ao crego: estaba baleira.

48.- (p. 156) María a Peneireira. Casara cun peneireiro. Agora estaba viúva e arranxaba cadeiras. Correuse entre a veciñanza que tiña un espello no que vía o que facía a xente. Facía algo de trampa. Cando morreu, a sobriña non topou o espello que a sacaría de traballar. Aínda hoxe se di na miña vila Seica cho dixo o espello da Peneireira.

49.- (p. 169) O partiquino Ramírez. Logo de doce anos veu de BB.AA. á casa dos tíos. Contou que traballaba de partiquino e o que isto é no teatro. Tamén lles contou varias funcións nas que actuaba. Marchou e uns veciños dixeron que vivía farturentamente cunha comerciante xudía, pero que non lle deixaba probar nin un taco de xamón: é moi escrupulosa co seu Xehová.

Os outros feirantes, parte dunha triloxíaEditar

Este libro forma, xunto con Escola de Menciñeiros e fábula de varia xente[4] e Xente de aquí e de acolá[5] unha especie de triloxía que se recolle baixo o título de Semblanzas no volume III da súa Obra completa en galego[6]. Son 113 relatos : 15, 49, 49. Os tres libros semellan os retablos medievais de coleccións de contos como El libro de Conde Lucanor ou os Contos de Canterbury. Nos tres o protagonismo é da xente, no terceiro baixo o nome de feirantes.

El mesmo ten aludido a esta unidade nunha entrevista a César Morán en 1982:

eu penso que (...) cando escribía “Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá” e “Os outros feirantes”, eu estaba escribindo un único libro, cunha grande unidade. É decir, que estes personaxes que eu saco alí, incluso cunha certa influencia de Castelao -en “Cincuenta homes por dez reás”, p.ex.- (el dá uns tipos e eu dou outros), eu penso que isto ten unha grande unidade, e que eu dou un retábulo da xente galega que eu coñecín..., e que eu invento, que é exactamente igual que se a houbera coñecido (...) todos estes tres libros son coma un único relato.

E na introdución do libro, ao explicar o título, sinala o autor:

Este fato de retratos son continuación de outros que din fai uns anos no meu libro Xente de aquí e de acolá (...) Eu retrataba ao minuto nunha feira, na feira galega a esta xentiña de nós[7].

Unidade que se acentúa polo xogo intertextual: Cando escribín a miña “Escola de Menciñeiros” quedáronse esquecidos Mel de Vincios, Pita de San Cobade e un discípulo de Mel... [8]. Ou: Xa contei noutro libro meu que o gatipedro é como un gato gordo que... [9].. Mesmo chega a repetir Lomas de Pontigo con pequenas variantes en Escola de menciñeiros e Os outros feirantes.

Todos estes relatos breves levan polo xeral como título o nome ou alcume do seu protagonista e presentan a característica de seren breves e vivas semblanzas de personaxes que, nun entorno realista e ás veces ata identificábel, levan adiante o seu vivir cotián. Alvaro Cunqueiro escribiu (coma no relato Freire do Rego: Muitos anos hai, alá polos vinte deste século, foi a cotío pola botica de meu pai un tal Freire de Rego[10]) que os poboadores destes libros non son de todo independentes da variada clientela que frecuentaba a botica do seu pai, mais ao mesmo tempo son produto da súa imaxinación, da súa fantasía.

Baixo unha aparente heteroxeneidade hai unha unidade non só no libro, senón que transcende a este. Os tres libros son máis realistas que as tres novelas e máis entroncados coa tradición oral. Ademais, tamén no discurso narrativo hai trazos que lle confiren unidade á obra.

Voces narrativasEditar

No libro existe un único narrador principal que utiliza a primeira persoa e ao que lle outorga caracteres autobiográficos xa contei noutro libro meu que o gatipedro é... (p. 23); eu vivía daquela en San Sebastián (p. 104), o que pode levar confundir narrador e autor real. O que fai Cunqueiro é xogar coa fráxil fronteira entre fantasía e realidade e utilizar ao mesmo tempo a técnica do conto oral tradicional.

A presenza deste narrador evidenciase na utilización do deíctico na fórmula introdutoria de moitos dos relatos, que parece presupor a existencia dun auditorio atento ás palabras do narrador:E ste Xosé naceu... (p. 21); Este Fulxencio Parada era de Asados, na veciñanza da ría de Arousa.

Tamén nas nas auto-correccións: Era (o canciño Napoleón) un lanudo branco, pequeniño, de carta e media de longo, o fuciño azul e os ollos dourados. Vaia, o ollo esquerdo dourado (p. 27); Era conocido (Braulio Costas) polo cazoleiro, porque o era. Mellor dito, fora, que agora por mor do reuma deixara a roda (p. 96).

Aínda partindo, en teoría, dun eu que conta todos os relatos, maniféstase de xeitos diferentes: ás veces hai un narrador heterodiexético omnisciente (A orella dereita de Antón de Leivas). Agora ben, para facer máis verosímil ese conto real, intenta xustificar toda a información que coñece valéndose de dúas estratexias diferentes: porque llo contaron (conto oral, que se transmite de boca en boca) ou porque foi testemuña, (como co-protagonista ou como personaxe secundaria ou moi secundaria). O narrador omnisciente busca unha limitación (intencionada) a esa omnisciencia, como se pode ver na utilización de expresións de dúbida: Un tal Serxio de Muimenta (p. 14); Un tal Segundo Leirado (p. 43); que non sei si era de Melón ou de Quines, ou si de Covelo ou de Ribadavia (p. 17).

Pero ademais tamén aparece o autor implícito cando o narrador non se limita a transmitir a historia, senón que se introduce nela con opinións e comentarios valorativos sobre os feitos relatados): Si a cousa era certa, era un gran prodixio, e conviría saber o que Freire lle decía á vela. E si había truco ¿de onde o sacaría o Freire de Rego? (p. 41); O bisabó de Ramiro erre que erre que tiña que agardar polos ca¬britos, e o forasteiro que tiña que pasalo axiña. Si houbese amosado a man cunha propina, supoñamos catro pesetas, o bisabó de Ramiro seguro que o pasaría sin agardar ao parente cos cabritos (p. 69).

O narrador tamén é o que pronuncia a sentenza final en boa parte dos relatos: Así é a vida (p. 67).

De cando en vez, prodúcese no discorrer dos relatos un cambio de voz narrativa, deixando que os propios personaxes tomen a palabra para se converteren á súa vez en novos narradores, que poden intervir brevemente en primeira persoa para referiren unha pequena parte da súa historia:

Todos miraron pra min, contaba Penedo, pro eu podía probar que o día do crime estaba en Zaragoza rematando a toda presa un chaqué pra un notario de Calatayud que se casaba ao día seguinte. Logo sóupose que o criminal fora un chulo chamado Fortunato Gallego Juncal, que tiña por oficio pintar baturros nas botas de viño que se vendían aos turistas, cheas de viño de Cariñena[11]

Lingua e estilo. Influencias e trazos da narrativa oralEditar

LinguaEditar

Na fonética:

  • O resultado do grupo latino ULT é ui con moita máis frecuencia que oi: mui, muito/moi, moito.
  • Frecuentes vacilacións vocálicas: cobrir, descobrimento, descobriron / cuberto, cubrindo, cubria, descubriu...

Na Morfoloxía:

  • Usa a forma do demostrativo aqués, aínda que tamén aparece aqueles, e con maior frecuencia.
  • Entre os indefinidos aparece a forma naide, e alternan indistintamente calquera e calisquera. Tamén utiliza frecuentemente as formas delambos/as (co mesmo valor que ambos) e' deloutro/a (ás veces co valor de do outro e outras co de o outro).
  • No imperfecto de subxuntivo. un trazo moi característico de Mondoñedo é a terminación -ese con vogal temática e (aberto) e non a nos verbos da 1ª conxugación (cantese, cantesemos), forma que aparece moi frecuentementee (alternando con -ase) en toda a obra de Cunqueiro.
  • Esteña é o presente de subxuntivo de estar (forma característica de toda a área lingüística mindoniense).
  • Atrais (forma característica das falas do Norte de Lugo) é a forma máis frecuente, aínda que alterna con atrás.
  • Destaca o uso especial de el nas interrogativas, a xeito dun pronome neutro: ¿El que é eso de partiquino? (p. 159), ¿El parécelle que sería zurdo? (p. 152).
  • Na colocación dos pronomes átonos está presente un trazo tradicional do galego: trátase do recurso da interpolación; entre o pronome e o verbo introdúcese un adverbio, case sempre non. Cunqueiro o que fai é repetir o adverbio antes e despois do pronome: Que non lle non gustaba (p. 11) (o normal sería quen lle non gustaba).

EstiloEditar

O estilo é sinxelo, sen complicacións formais. Cunqueiro fala de xente, de individuos sen grandes complicacións ideolóxicas, son xente da aldea ou da vila á que lle suceden cousas sinxelas ou fantásticas, é a mestura do máxico co cotián non allea á vida dunha sociedade real galega e campesiña. Así pois, o estilo tiña que ser coherente con todo isto, de aí a abundancia de expresións de tipo coloquial ou popular: Non decindo da misa a media (p. 157).

Os personaxes falan con verosimilitude, nunha linguaxe popular ou coloquial, segundo lles corresponde ao seu rango. No mesmo camiño de busca da verosimilitude hai que situar o bilingüismo de algúns relatos, e mesmo de algúns personaxes; falan castelán os personaxes non galegos en Fabián Carballido: ¡Regalo para el joven por la atención prestada...! (tratase do vendedor ambulante). O castelán aparece tamén en personaxes galego-falantes en certos contextos, quizais nun uso diglósico das dúas linguas. Estamos a falar de Eufemio Cortón no relato Os do Capitán de Lousada cando dá ordes militares: ¡Media vuelta a la derecha! ¡Primera batería, fuego! ¡Ay, que fuego máis lucido! (p. 146).

Cunqueiro é un verdadeiro estilista, un dos grandes recreadores da lingua galega. Nosa seus relatos a palabra sempre ten funcións máxicas e mesmo curativas, sobre todo a palabra en latín. Quizais o procedemento estilístico máis chamativo sexa o de realizar o relato do extraordinario cunha frialdade aparente, como se o que se estivese relatando fose do máis cotián. Este procedemento levado a cabo por Cunqueiro está próximo ao que se vén dando en chamar realismo máxico.

Influencias e trazos da narrativa oralEditar

A maioría dos contos están organizados en base a pequenos detalles ou anécdotas, que semellan irse enfiando de acordo coas ideas que van fluíndo na mente do contador, moitas veces sen ambiente nin intriga, cunhas técnicas que beben no xeito de contar oral, do paisano galego:

  • Sen dúbida unha das máis notorias é a de presentar o conto como "contado", o recurso á historia contada como fonte.
  • A inclusión dun relato dentro de outro (O Verdugo da Cañiza)
  • A concreción espacial.
  • A pormenorización innecesaria.
  • A apelación ao ouvinte (digo...repito),
  • A simplificación da sintaxe (repeticións: e .... e, que ... que)
  • A expresión sinxela e condensada .

O espazoEditar

1.- O mundo galego.

O espazo desde onde se conta (onde o narrador primeiro dramatiza para o seu público) é inconcreto, non definido, ao contrario do que acontece co espazo onde se desenvolve a acción das historias na-rradas, que case sempre é Galicia: Muimenta, Corbelle, Bouza, A Cañiza, Sabres, Cornide, Portonovo, Vigo, Mondoñedo, Pontevedra... Abunda polo tanto a información sobre o lugar ou, con frecuencia lugares, nos que se sitúa a acción; aínda máis, as referenzas espaciais soen ser concretas, específicas (todo isto dálle verosimilitude ao relato). Exemplo, O enano das burlas: Pobo no que se desenvolve a acción, Muimenta. Localización espacial con-creta do suceso narrado: O camiño de Camba. Outras referencias espaciais: Corbelle.

Con moita frecuencia xa no título do relato se recolle o nome do espazo concreto (pobo ou aldea) ao que pertence o protagonista e/ou no que se desenvolve o suceso: Peleteiro da Bouza, O verdugo na Cañiza, Amadeo de Sabres, A voadora de Serantes, Lamego de Mouriz, Bastián de Cornide, Cosme de Paredes.

2.-Tamén están presentes os mundos de fóra. Os lugares foráneos aparecen presentados mediante un método verosímil:

O tempoEditar

Tempo da historiaEditar

Hai dous planos temporais. No primeiro o narrador sitúase nun tempo presente (o presente da narración) inconcreto, que actualiza para o auditorio -ficticio- a historia. O segundo é o tempo das historias, das anécdotas. Neste caso atópanse ás veces referencias temporais concretas, algunhas son simples mencións de feitos históricos xa pasados (afundimento do Titanic) e outras serven para situar a acción: Un destes parentes, un tal Segundo Leirado, foi servir ao rei cando a derradeira guerra carlista (...) estaba na escolta de Primo de Rivera (...) O rei Alfonso XII chegou ao frente do Norde cun grande catarro (p. 42). Non obstante, o máis frecuente é que as referencias temporais sexan do máis impreciso: unha tardiña de verán (p. 11); Esto pasou hai muitos anos, quizaves cen ou máis (p. 17). Parece como se lle interesase máis a indeterminación temporal, o cal —unido á concreción espacial— se pode considerar como unha máis das súas estratexias realistas, porque é máis habitual lembrar o onde ca o cando.

O tempo do discursoEditar

No referido ao tempo do discurso (da escrita) —e como consecuencia do dobre plano antes sinalado— hai constantes saltos entre eles.

Dentro xa de cada unha das historias, o máis usual é o tratamento lineal (O cabalo de Alberte Merlo, O verdugo na Cañiza, Xosé Liñeiras...), aínda que tamén aparecen frecuentes retrospeccións (O enano das burlas, cando conta a historia do tatexo; A tía Remedios, a vida coa condesa no Brasil; Ramiro da Barca, o caso do demo co seu bisavó; O partiquino Ramírez, os casos que lle pasaron na Arxentina...) e tamén hai algunhas prospeccións: D. Felicio escribe dende o outro mundo, pro todo esto pasou despois do que lles vou contar, p. 119.

Estrutura do relatoEditar

A estrutura denota unha clara influencia da narrativa oral: frases que traen outras, ideas que xeran outras. Non seguen un modelo ríxido, mais por regra xeral, todos estes relatos presentan un mesmo esquema: presentación (do asunto e do personaxe), desenvolvemento do asunto, desenlace.

0.- O título
  • En moitos relatos: nome + de + apelido/alcume: Ramiro da Barca
  • Outros nome + apelido/alcume: Marcelino Pardo
  • Nalgúns nome e tema: O enano das burlas, O cabalo de Alberte Merlo.
1.- Presentación

Na maior parte dos relatos hai unha presentación rápida do asunto, do tema central do conto; ou sexa, que se vai directamente ao gran: Un tal Serxio de Muimenta, que deica entón falara ben e seguido, sen prender en consoante algunha, púxose a tatexar (O enano das burlas, p.14)

2.- Descrición dos personaxes

A presentación inclúe, en moitos dos relatos e dependendo de cal é o asunto que se vai tratar no conto, unha descrición do protagonista, que pode ser máis ou menos explícita. Hainas cunha descrición física detallada, con información bastante completa sobre a súa familia, lugar onde nace ou vive etc. Outras, en troques, case non din máis que o seu nome (que normalmente adoita darse con bastantes detalles, incluíndo en moitos casos o alcume). Exemplo da primeira é: Antón de Leivas vivía cos seus pais e irmáns en Vilarelle, na casa que está mesmo á beira da fraga de Unces. Era un mozo de vintecatro anos, de mediana estatura, e arroibado, como soen ser os de Vilarelle (A orella dereita de Antón de Leivas, p. 50). Exemplos da segunda: O cabalo de Alberte Merlo (p. 11), no que de Alberte só se di o nome; do cabalo, pola contra, dáse unha información máis detallada. Ou Marcelino Prado (p. 23) do que só se nos di o nome.

De todos os personaxes dáse tamén frecuentemente o nome e o alcume: Xosé Liñeiras = Pepiño Seisdedos, Carlos Pillado = Carlos do Herdeiro, Xosé Pillado Cruces = Penedo de Silvosa, Braulio Costas = O Cazoleiro, Cosme de Paredes = O Sr. Cosmede, María de Fontes = A voadora de Serantes. Outras veces dáse o nome (xeralmente co primeiro apelido): Alberte Merlo, Agustín, Marcelino Pardo, a tía Remedios, Antón de Leivas, Fulxencio Parada, Hermelina da Ponte, Felpeto, Rosa Martiño, Félix Lourido, Aurelio, Manuel Suárez, Marcelino Salgueiro, Lisardo Montes, Pedro Bravo, Novagildo Andión, Anxeliña de Prado, Tristán García, D. Felicio Pardo, Xosé Regueira, Felipe Ribeira, Pepe de Vence. Hai, de entre os que dá só o nome, algúns nos que é difícil saber se se trata dun apelido, dun alcume, ou da localidade, así: Fuco de Pedrosa, Roque das Goás, Paulino de Botas, Padín de Carracedo...; porque de feito nalgúns casos semellantes (nome propio+sintagma preposicional) sábese —ou é doado deducir— que se trata da localidade á que pertence o individuo: Serxio de Muimenta (era dos poucos veciños de Muimenta que nunca... ), Louro de Parentes, Amadeo de Sabres, Piñeiro de Guitiriz, Lamego de Mouriz (Lamego volveuse a Mouriz), Bastián de Cornide (da aldea de Cornide).

De todo isto pódese concluír que Álvaro Cunqueiro ten especial interese en individualizar os seus personaxes, o que se pode considerar como unha das súas estratexias realistas.

3.- Desenvolvemento do asunto

A temática é moi variada. Hai relatos que se limitan a contar un único asunto ou anécdota puntual (son os menos frecuentes): Xosé Liñeiras (Pepiño Seisdedos); Marcelino Pardo (o gatipedro); A orella dereita de Antón de Leivas; Lamego de Mouriz (a arte de interpretar o tempo atmosférico); Ramiro da Barca (o caso do cabaleiro demo co seu bisavó); Roque das Goás (a máquina voadora); Marcelino Salgueiro (a cabeza que xiraba).

Na maioría dos relatos non hai unha verdadeira trama. Denotan a influencia oral e van enlazando diversas anécdotas: O enano das burlas (fai a un tatexo e tírallo a outro); Unha siria en Ribadeo (o interese polas diferentes xentes do mundo); Amadeo de Sabres (as cousas que lle van asubiando: paraugas, culler, cadeira...); Penedo de Silvosa (casos que conta: besta que vai cazar e acaba ligando, pantalón que fai para a primeira muller que o usa, caso de espiritismo); Piñeiro e as fontes (a teima das fontes e o orneo do garañón); A voadora de Serantes (o caso da voadora e os pesos emeigados); Fulxencio Parada (as laranxas e a historia de Pedro o Cruel); Hermelina da Ponte (o seu pai propondo negocio ás monxas e ela coas verrugas e lunares); Fuco de Pedrosa (a súa noiva asturiana Covadonga, a súa muller Begoña, historia de Hind que lle le Cunqueiro).

4.-Desenlace

Unha vez acabado de contar o(s) asunto(s), por regra xeral hai no relato un final a modo de anticlímax. Pode ser unha sentenza final (dita a posteriori por algunha personaxe ou o autor implícito): O verdugo na Cañiza (salveime de miragre, comentaba, p. 19); A voadora de Serantes; Peleteiro da Bouza; Tristán García; Cosme de Paredes; Reinaldo Novo; María a Peneireira. En moitos casos é un resumo en poucas liñas no que se nos dá conta do sucedido despois do asunto: Marcelino Pardo (Cos anos, Marcelino chegou a crer que tiña visto o gatipedro saír da súa casa e fuxir pola bouza, e cada vez, na descripción que facía aos fillos e aos netos, o gato era máis grande, a lingua tiña case unha vara de ancho, e o corno daba auga como unha boa fonte no mes de marzal, que é cando as fontes abren, tras os diluvios do inverno, p.25); Louro de Parentes; Amadeo de Sabres; Penedo de Silvosa; Freire de Rego; Lamego de Mouriz ; Fuco de Pedrosa, Félix Lourido; Aurelio e máila xitana; Novagildo Andión; Don Felicio escribe dende o outro mundo; O corvo Estanislao;...

E nalgúns casos mestúranse as dúas solucións: Rosa Martiño (Ao fin, como sempre estaba pensando en volver a Noia ou a Betanzos, casou cun piloto mercante. Pro resultou que o piloto non quería seguir navegando, que o que quería era exercer o oficio de reloxeiro. O suízo viudo meteuno na súa tenda. Así é a vida, p. 67); Ramiro da Barca (Anos despois, perto de Triacastela, atoparon a trompeta, limpa, brillante, e na buguina tiña un letreiro que decía "Made in England". O forasteiro sería en todo caso un demo inglés. ¿E qué se lle perdería en Ourense? , 70).

En resumo, na estrutura do relato pódense distinguir dous tipos:

  1. Relatos nos que o narrador lle concede predominio aos feitos situándonos directamente na acción (O Cabalo de Alberte Merlo, O enano das burlas).
  2. Aqueles nos que se fai unha descrición dun personaxe e que constan dos aspectos sinalados anteriormente.

Realidade e fantasía. Estratexias realistas do relatoEditar

O universo de Cunqueiro organiza-se nun contínuo movimento entre o real, o verosímil (p. ex. “Xosé Liñeiras”, ou “Anxeliña de Prado”), o estraño (“Tristán García”) e o fantástico (“O enano das burlas” ou “Hermelina da Ponte”), obrigando ao seu auditório a dubidar da autoridade da voz narrativa, da localización espacio-temporal, de quen é o protagonista e en definitiva de cal é a historia que se quer contar[12].

A realidade e fantasía mestúranse sempre na obra de Álvaro Cunqueiro, como el mesmo con frecuencia se encargou de lembrar, colocando a súa literatura na fráxil fronteira entre realidade e imaxinación:

  • Recollo algunhas notas sobare o mal de ollo, o demo e os trasnos, o lobo e mailo golpe e diversas animalias pantásticas, nas que van varias que son da miña imaxinación, o que non quere decir que non señan, e no máis "strictu sensu", reás... [13]
  • Prólogo de Xente de aquí e acolá[14].
  • Decíalle entón (...) si podía ser aque aquela xentiña fose a un tempo inventada por min, ou tirada da realidade, ou delambas cousas a un tempo [15].

El reivindica o dereito do home ao soño e á imaxinación, a súa aceptación dentro do mundo do real. Hai relatos nos que predomina a fantasía e relatos nos que predomina a realidade. Son máis fantasiosos O cabalo de Alberte Merlo, O enano das burlas, A voadora de Serantes... Son máis realistas O verdugro da Cañiza, Xosé Liñeiras, Penedo de Silvosa...

Con todo, aínda nos máis fantasiosos abundan as estratexias realistas, o desexo de presentarnos os feitos como reais:

HumorEditar

O humor, a ironía e o lirismo están presentes en todo o libro. O humor, dunha forma ou de outra, está presente en todos os relatos.Pode estar baseado nunha situación absurda e ser ao mesmo tempo un humor negro, que persegue a compaixón do lector máis que unha burla descarada do personaxe en cuestión (Balbina da Furcada, a que pon ovos e logo morre, Marcelino Salgueiro, a cabeza que xiraba).

Artificios humorísticos:

  • A sabia mestura do máxico e o real, do cotián co extraordinario: ...o enano tendendo, pra que lle sequese, despois das humidades pasadas, a capa marela (p. 16).
  • E aínda con maior frecuencia está baseado nas pormenorizacións esaxeradas e/ou innecesarias: Mercara na Cruña, nun comercio da rúa de San Andrés, seis pares de calcetíns mui floreados e calados, e eran os que cal¬zaba cando sospeitaba que iba ter que pór de amosa o pe esquerdo. Sempre andaba co pe mui lavado, e ademáis con moito pó de talco aromatizado á lavanda (p. 20-1).
  • Xogos de lingua: Marcelino Pardo e as súas humidades nocturnas.
  • Elementos de sorpresa: O Cabalo de Alberte Merlo acaba por dicirlle ao marido pola muller, dabondo fas con durmir con ela.

Caracterización do tipo galego retratado: os personaxesEditar

Está sempre presente a galeguidade dos personaxes, son xentiña de nós na feira galega, que a feira era a mellor e máis tradicional concentración de xente.

Retrata Cunqueiro unha Galiza tradicional, labrega, de interior. Son personaxes que viven en contacto coa terra, labregos que traballan as súas leiras, prados, coidan o gando, andan ás castañas, cazadores (son moi escasos os que andan á mar: Felpeto mariñeiro e músico). Que teñen as crenzas tradicionais do país: supersticiosos (cren en mouros ou fadas gardadores de tesouros), respectuosos cos mortos, cren na aparición dos espíritos, temen e respectan o lobo, teñen devocións aos santos...

  • Unha boa parte das historias son relatos de fixacións, obsesións, teimas coas que conviven as distintas xentes: E dende entón a súa teima era saber, por si iba alí e enfermaba, as fontes que había en todas as vilas do mundo (Piñeiro e as fontes, p. 44).
  • Algúns posúen unha virtude ou poder especial que —na maioría dos casos— explotan para tirar proveito del: A voadora de Serantes, Lamego de Mouriz (o tempo atmosférico); A orella dereita de Antón de Leivas, Braulio Costas (exvotos de barro), Padín de Carracedo, Cosme de Paredes (veterinario afeccionado), María a Peneireira (o espello que todo o vía)...
  • Personaxes con algunha eiva ou malformación estraña: o enano das burlas, Xosé Liñeiras (seis dedos), A orella dereita de Antón de Leivas.
  • Destaca tamén a inxenuidade que mostran moitos dos feirantes de Cunqueiro: Carlos Pillado, o amigo de Cunqueiro en Unha siria en Ribadeo, que cre todo o que lle conta sobre as xentes do mundo.
  • O tipo galego que aparece nos relatos é, en xeral, inquedo e curioso polo mundo que o rodea, con desexo de saír do cotián, o que o leva a ser fantasioso e a través da fantasía cambiar o seu mundo cotián (de individuos anónimos mergullados na masa común) por outro no que pasan a exercer un protagonismo contundente e definitivo, moitas veces da man do máxico ou esotérico: Xosé Liñeiras, que soñaba con que os de seis dedos chegasen a imporse sobre os outros.
  • Outro tipo querido por Cunqueiro é o menciñeiro (por iso lle dedicou en exclusiva un libro da triloxía) e aquí volve ter grande presenza. Agás no caso de Freire de Rego e de Hermelina da Ponte non son agora protagonistas, senón que aparecen introducidos nas historias doutra xente: unha menciñeira soluciona o caso de anano das burlas; un menciñeiro de preto de Pontedeume soluciona o caso do gatipedro.
  • O estamento eclesiástico ten grande presenza nos relatos. Nunca aparecen como protagonistas, mais bispos, cregos ou monxas teñen grande influencia na vida das xentes populares: en Manuel Suárez cóntase do cóengo coñecido polo Tirademoños de Braga; o pai de Hermelina da Ponte proponlles negocio ás monxas de Allariz.
  • Das 49 historias só oito están protagonizadas por mulleres: A tía Remedios, a voadora de Serantes, Hermelina da ponte... Segundo Carme Blanco[16] o realismo cunqueiriano non fai máis que recoller o papel secundario da muller na comunidade. Na maioría dos relatos están alí, pero non son as protagonistas.

En xeral, estes seres marxinais, que viven nun mundo marxinado e cheos de teimas e eivas, lograrán evadirse da súa realidade a través da imaxinación e a ironía.

Xesús Rabade Paredes sinala:

... os tipos retratados (con trazos breves pero moi certeiros) amosan en conxunto un pedazo da alma do fabulador poeta que lles infunde vida: son soñadores e credores, intuitivos, imaxinativos e pragmáticos, melancólicos, razonadores ou escépticos, e manteñen con frecuencia a necesaria discriminación ou lucidez (o equilibrio suficiente) para moverse nas complicadas redes do real continxente e do fantaseado[17].

TraduciónsEditar

  • Ao asturiano por Antón García Cuentos co título de Los otros feriantes, publicado en 2003 por Ediciones Trabe, Col. Incla Interior[18].
  • Ao esperanto foron traducidos por Suso Moinhos catro relatos "Unha siria en Ribadeo", "A orella dereita de Antón de Leivas", "Paulino de Botas" e "Tristán García", e publicados na revista literária Beletra Almanako en 2019[19].

NotasEditar

  1. Cunqueiro, Álvaro (1994). Os outros feirantes. Galaxia. ISBN 84-7154-308-7. 
  2. Rodríguez Vega, Rexina (1992). Guías de lectura. Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro. Edicións do Cumio. p. 74-82. ISBN 84-87126-50-2. 
  3. Nogueira, Chus (1993). Análise práctica. Os outros feirantes Álvaro Cunqueiro. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-174-4. 
  4. Cunqueiro, Álvaro (1976). Escola de menciñeiros e fábula de varia xente. Galaxia. ISBN 84-7154-241-2. 
  5. Cunqueiro, Álvaro (1981). Xente de aquí e de acolá. Galaxia. ISBN 84-7154-182-3. 
  6. Cunqueiro, Álvaro (1983). Semblanzas. Galaxia. ISBN 84-7154-428-8. 
  7. Cunqueiro 1994, p. 8.
  8. Cunqueiro 1981, p. 34.
  9. Cunqueiro 1994, p. 23.
  10. Cunqueiro 1994, p. 41.
  11. Cunqueiro 1994, p. 40.
  12. González Fernández, Mª Xosefa; Manso Seijas, Carme; Salinas Portugal, Francisco (1992). Cunqueiro. Curso de Orientación Universitaria. Tema 4. Bahia Edicións. p. 113. ISBN 84-87674-26-7. 
  13. Cunqueiro 1976.
  14. Cunqueiro 1981.
  15. Cunqueiro 1994.
  16. Blanco, Carmen (1995). Nais, damas, prostitutas e feirantas. Edicións Xerais. ISBN 978-84-7507-910-3. 
  17. Rábade Paredes, Xesús (1997). Unha lectura de... Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro. Edicións Xerais. ISBN 84-8302-107-2. 
  18. Ficha en BiTraGa.
  19. Beletra Almanako 34 (febreiro 2019). Nova York: Mondial. p. 85-91. ISBN 9781595693891.