Escola de menciñeiros

libro de relatos de Álvaro Cunqueiro

Escola de menciñeiros é unha obra narrativa en galego, escrita por Álvaro Cunqueiro,[1] publicada por Galaxia en 1960[2] e máis tarde incluída na Biblioteca Básica da Cultura Galega.

Escola de menciñeiros
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGalicia
LinguaGalego
Xénero(s)Narrativa
EditorialGalaxia
Data de pub.1960
Páxinas144 páx.
ISBN978-84-9865-380-9
Seguido porXente de aquí e de acolá
Os outros feirantes
editar datos en Wikidata ]

Relata a vida dos menciñeiros[3] e os costumes galegos das primeiras décadas do século XX.

Contido editar

 
Escola de menciñeiros na edición da Biblioteca Básica da Cultura Galega.

editar

Comeza cun extenso prólogo de Domingo García Sabell á memoria de Emilio Mosteiro. Apartados:[4]

  • A grande regueifa dos curandeiros
  • Don Freud
  • O milhomes da meiciña do noso tempo i a aventura pascallán dos curadores
  • O noso verme de lus
  • A cencia do curandeiro
  • O exemplo do mal menciñeiro
  • Os creadores
  • Cunqueiro, home distentido
  • Cunqueiro, home creador
"O sol está baixo. Cando a noite chegue, volve ista páxina e fai renacer no teu esprito a tropa conmovedora, desaforada e sotil dos curandeiros e das animalias inverosímiles. Detrás está Álvaro Cunqueiro, creador. E detrás, Galicia [5] "

Escola de menciñeiros editar

Dedicatoria: a Vicente Risco

Nunha breve introdución sinala o autor:

"Xente é ista da que falo que conocín i algunha de mui preto. Dos curadores de que conto, sempre me solprendeu o feito de que curaran doentes i o coido humán que puñan no seu trato, amén dunha sotileza intelectual… Conto o que oín, falo de xente que conocín, dou unhas poucas novas e ren máis… O todo é unha pequeña viaxe por entre a xente de nós, e non dubido de que no meu espello poidan ter ficado, solprendidos e por un instantiño, rostros do que chamamos ser galego, da insoldabre profundidade do ser galego.[6] "
  • 1. Perrón de Braña

Mandaba rezar o doente para escoitarlle a voz, durmía con el para corrixirlle o sono e a respiración e, sobre todo, curaba con sangrados. Tamén lle contaba historias e adiviñas para axudar á curación. Para reforzar a verosimilitude conta que o menciñeiro mercou unhas lancetas do médico poeta Manuel Leiras Pulpeiro e que tamén tratou con seu tío don Xusto Moirón.

  • 2. Borrallo de Lagoa

Era albino e especialista en curar tolos, cambiáballes o nome e criáballes unha nova vida e novo pasado. Tamén curaba os ensumidos ou afreixoados. Remata:

"Valía máis que Conxo!, díxome un mui amigo dil. De neno afixo a comer do mesmo zatico de pan a un rato i a un merlo. Tiña mui estudiada á xente. Eu parece que o estou vendo na botica de meu pai, agardando a que lle despachasen pastillas de clorato i un peso de augardente alemán.[7] "
  • 3. Xil da Ribeira

Era dunha familia de menciñeiros, parteiras, capadores... Consultaba debaixo dun paraugas e escoitaba tusir a distancia. Estaba en contra do leite porque non é natural, ningún animal segue mamando de adulto. Tamén lles facía os traxes aos doentes que tiñan marchar pronto para o outro mundo.

  • 4. Lamas vello

Poñíalle un “plomo” de albanel aos doentes para ver como vibraba e preguntáballes nome, alcume, historia. Era partidario de que as doenzas as adentramos nós mesmos, non nolas bota ninguén. Toda doenza ten un nome, non o que lle dan os médicos, e ao saber o nome moitas veces xa se cura. Dalgún xeito lembra a cantiga de Santa María de Afonso X (e irei pela marinha/vendend'azeit'e farinha;/e fugirei do poçón/do alacrán, ca eu non/lhi sei outra meezinha) cando conta:

"Ti o que tes é ansia e máis nada. Deixa todo, viste a roupa máis vella, e vaite á Mariña, i andas por alí dous ou tres meses agora que vén o bo tempo a pedir esmola. Non leves contigo nin un perrochico. Fai que non conoces. Ti pides mui humilde, dás as gracias, bicas a esmola e nada máis. I o Folgo fixo o recetado e curou. Curou do corpo e millorou da ialma. Os que lle debían cartos atopábano máis compasivo. Chegou ós noventa.[8] "
  • 5. O Coxo de Entrebo

Era coxo e coleccionista de estampas de cantantes e bailarinas famosas. Nunha ocasión foi a Madrid velas e tivo que volver a pé e sen cartos, mais trouxo algún libro, coma un de predicir o tempo e curar animais. E foise facendo albeite famoso. Facía as receitas nas estampas das artistas. Xa morto el as estampas seguiron pola comarca e mesmo había quen lles atribuía propiedades curativas. Aprendeu latín para falar cos animais enfermos, mesmo cos lobos.

  • 6. Pardo das Pontes

Metía a palabra “verbigracia” polo medio dos diagnósticos, receitaba viño de Málaga e falaba de que dentro de nós temos todo tipo de ventos. Trouxera de Cuba moitos ditos e falares que empregaba a miúdo. Tamén era afeccionado á lotaría e cría poder adiviñar pola lúa o número que tocaría, mais nunca atinou. O narrador coñeceu moito un sobriño de Pardo.

  • 7. Silva da Posta

Botou moitos anos en Buenos Aires polo que se queixaba de que aquí non houbese as medicinas que había alá. Levantaba a paletilla e podía adiviñar moitas cousas, como quen era o pai dun rapaz fillo de solteira. Era amigo do Cachizas que deu na teima de que se morría quería pasar un tempo na terra viaxando. Arranxoullo o Silva meténdolle un espertador no cadaleito, a primeira vez que soou deulle un susto do demo aos presentes no cemiterio, mais logo deixou de soar. E tamén se conta o caso do Vizoso que se topou coa presenza do Silva no monte da Xesta, estaban catro chocando a ánima dun que morrera no monte, é dicir, enganándoa para darlle terra. Silva levaba navalla e falaba o castelán coma sempre.

  • 8. O Señor Cordal

Era da Corda, moi gustoso das mulleres e amigo e coñecedor da natureza. Botou un tempo na Arxentina. Case todo o que pasaba llo apoñía ao poder da lúa, e tamén ao tempo e as treboadas. Rematou nun asilo.

  • 9. Cabo de Lonxe

Era especialista en tirar verrugas e tamén en reloxos e anteollos. O seu avó fora un grande prateiro, dicía que Napoleón estivo en Parga. No ano 25 cobraba a real por verruga e cando morreu Perrón da Braña (protagonista de outro relato do libro) pasou a cobrar dous.

  • 10. O Licho de Vilamor

Andaba polas feiras tirando moas e dentes sen dor, levaba un colar coas pezas sacadas e explicaba de quen eran. O narrador conta o que lle pasou a Licho na casa do seu bisavó, o escribano Moirón de Bretoña (a nai de Cunqueiro era Mora Moirón).

Novidades do mundo e fauna máxica editar

"Van por xunto aquí os animais que hai i os que non hai, pro vense igual,ou escóitanse, ou sábense os feitos i o que dixeron en algunha ocasión famosa...[9] "
  • O lobo: o lobo fala co carballo máis vello da contorna
  • O golpe: o raposo é o animal máis antigo do noso país e sabe a nosa fala
  • A galiña: se unha galiña está nun camiño á esquerda e pasa un crego á dereita, a galiña deixa de poñer ovos
  • O cuco: o que máis agradece é que o traten de señor e lle chamen don Martiño
  • O demo oveiro: métese no galiñeiro e papa todos os ovos, para botalo hai que poñer un espiño alvar
  • O demo Lionardo: é o nome do castrón maior nas reunións da bruxas no sábado.
 
O Gatipedro, retratado por Cunqueiro no libro
  • O Gatipedro: é un trasno rebuldeiro que fai mexarse aos cativos de noite na cama
  • O golpe e o saltaparedes: o saltaparedes si existiu, que saltaba todo tipo de paredes. Comeuno o rapaso e agora aprovéitase da súa sobra para saltar el as paredes e valados moi ben.
  • O tordavisco: é un paxaro que cambia de cores, pon un ovo verde que fala
  • O murigante: é unha especie de morcego sen ás que sempre ten frío e gusta moito de escoitar contos
  • O bolimarte: pon un ovo cada sete anos no niño do moucho, vese moi raramente e cando se ve é que vai haber eclipse de sol; tamén pode axudar a atopar ouro
  • Os animais do Ventureiro: un tal Venturerio tiña un gato que labradaba, un can que cacarexaba e un unha cadeira que andaba tras del coma unha cadela
  • O velagullas: é un trasno pequeniño que está ao servizo dos xastres
  • Sorisco falador: é outro trasno ou “demanchiño” do tamaño dunha botella de coñac. Métese na casa a pasar o inverno, come castañas e fai trasnadas, coma meterse na cama cunha moza e facela soñar.
  • O corvo branco: falábase del moito, mais ninguén o dera cazado. Seica era a alma dun tal Pousada prestamista, que lle entraran na casa e lle queimaran os recibos dos préstamos. Andaba berrando “viinde, viinde” polos papeis perdidos.
  • A zoca de ouro: chegou a Corbelle ou Corbite un tal Eulesino falando castelán e pediu aprender o oficio de zoqueiro co señor Feliciano. Marchou co oficio sabido e ao cabo duns anos apareceu unha señora, explícalle ao zoqueiro que Eulesino era un rico cabaleiro toledano cuxa muller tiña un pé en lugar da man esquerda e o marido poñíalle calzado de madeira nel. A muller saca unha man que era un pé calzado cunha zoca de ouro. Trata co zoqueiro de regalarlle a zoca de ouro a cambio de 24 zocos variados. Gardan a zoca e pasado un tempo, cando a van ver converteuse no dente de ouro de don Eulesino. E o zoqueiro vai poñer ese dente na súa boca, que ata lle dá sorte no xogo das cartas. Remata dubidando dun dato accesorio para lle dar verosimilitude á historia:
"Conto isto coma mo contaron. O que non puiden averiguar, por moita inquisición que fixen, foi si o señor Feliciano vivía en Corbite ou en Corbelle.[10] "

Fábula de varia xente editar

  • 1. Vilarego de Rubal

Atópao nas San Lucas de Mondoñedo. Cóntalle Vilarego o caso dun home que viron voando, era certo, era Ferrallo das Goás. Este tiña moitos preitos e casou coa criada do avogado que llos levaba. Morto el, os bens acabaron na propiedade dos contrarios nos preitos, por iso el debía volver botando chispas. Andaba de noite polos eidos que foran seus. A muller regaloulle os seus zapatos a un pobre. Este escapou unha noite asustado porque unha capa branca lle arrincara os zapatos. E desde entón non se volveu ver o voador.

  • 2. Melle de Loboso

Aprendeu a ler e escribir aos setenta anos por se tiña que mandar algún recado desde o outro mundo. Mandou que ao morrer lle metesen na caixa papel, sobre e lapis tinta. Finou e nuns dous anos non chegou recado. Mais un día ao abrir o sobriño un ovo de galiña topou dentro o aviso: amañai la cheminea. Tu tío que lo es Victorino Melle (p. 136). Dúas noites despois un vendaval tirou a cheminea. E houbo máis recados para veciños a través de ovos ou cousas semellantes.

  • 3. Matías Vello

Un da Pastoriza escribiu un libro no que demostraba que Colón fora a América dez anos antes. O Matías vello tiña unha parada de garañóns e moito lle gustaba falar do caso de Colón. Fora dúas veces a Vic mercar garañón mais contaba moitos contos do sitio coma se estivese alí a miúdo. No 1941 mandou carta desde Río de Xaneiro para reclamar a muller e as fillas que montara unha parada en Belo Horizonte. Contaba e explicaba moi ben os crimes, coma un de Vic que el presenciara e ata conservaba na carteira un pano ensganguentado.

  • 4. Lomas de Pontigo

Un día de moita choiva lembra a Lomas de Pontigo que de neno saíra nunha chea por unha fiestra do muíño navegando no berce e acompañado dunha rata que lle ensinaba os dentes. E sempre tivo moito interese polo Diluvio universal, imaxinando como sería. Dicía que o raposo non se metera na arca, quedara enriba dunha peneda mirando; dicíanlle que entrase, que había galiña, pero el respondía que lle cheiraba a can.

  • 5. Loureiro de Pacios

O seu oficio era refacer colchóns e traía de axudante o Adulfo que falaba coma a xente do Eo na fronteira con Asturias. Librara do servizo militar e para el todos os males do país viñan do asasinato de Canalejas, mesmo o século debía empezar ese día e todas as datas as refería ao tal asasinato. Pouco antes de morrer trouxéronlle unha cámara de fotos da Habana e retratou todo o que puido.

Escola de menciñeiros, parte dunha triloxía editar

Este libro forma, xunto con Os outros feirantes[11] e Xente de aquí e de acolá[12] unha especie de triloxía que se recolle baixo o título de Semblanzas no volume III da súa Obra completa en galego[13]. Son 113 relatos : 15, 49, 49. Os tres libros semellan os retablos medievais de coleccións de contos como El libro de Conde Lucanor ou os Contos de Canterbury. Nos tres o protagonismo é da xente, no segundo baixo o nome de feirantes.

El mesmo ten aludido a esta unidade nunha entrevista a César Morán en 1982:

eu penso que (...) cando escribía “Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá” e “Os outros feirantes”, eu estaba escribindo un único libro, cunha grande unidade. É decir, que estes personaxes que eu saco alí, incluso cunha certa influencia de Castelao -en “Cincuenta homes por dez reás”, p.ex.- (el dá uns tipos e eu dou outros), eu penso que isto ten unha grande unidade, e que eu dou un retábulo da xente galega que eu coñecín..., e que eu invento, que é exactamente igual que se a houbera coñecido (...) todos estes tres libros son coma un único relato.

Unidade que se acentúa polo xogo intertextual: Cando escribín a miña “Escola de Menciñeiros” quedáronse esquecidos Mel de Vincios, Pita de San Cobade e un discípulo de Mel... [14]. Ou: Xa contei noutro libro meu que o gatipedro é como un gato gordo que... [15].. Mesmo chega a repetir Lomas de Pontigo con pequenas variantes en Escola de menciñeiros e Os outros feirantes.

Todos estes relatos breves levan polo xeral como título o nome ou alcume do seu protagonista e presentan a característica de seren breves e vivas descricións de personaxes que, nun contorno realista e ás veces ata identificábel, levan adiante o seu vivir cotián. Alvaro Cunqueiro escribiu [16] que os poboadores destes libros non son de todo independentes da variada clientela que frecuentaba a botica do seu pai, mais ao mesmo tempo son produto da súa imaxinación, da súa fantasía.

Baixo unha aparente heteroxeneidade hai unha unidade non só no libro, senón que transcende a este. Os tres libros son máis realistas que as tres novelas e máis entroncados coa tradición oral. Ademais, tamén no discurso narrativo hai trazos que lle confiren unidade á obra.

Narración editar

No libro existe un único narrador principal que utiliza a primeira persoa e ao que lle outorga caracteres autobiográficos (Nas San Lucas de Mondoñedo atopeime co Vilarego de Rubal p.131), o que pode levar confundir narrador e autor real. O que fai Cunqueiro é xogar coa fráxil fronteira entre fantasía e realidade e utilizar ao mesmo tempo a técnica do conto oral tradicional. Acostuma describir os personaxes con bastantes detalles concretos (O Vilarego é de media estatura, roibo e colorado, i os ollos azúes. Gasta sombreiro, mercado en Pimentel, en Lugo, e lévao sempre coa copa abombada, sin partir p. 131)

Influencias e trazos da narrativa oral editar

A maioría dos contos están organizados en base a pequenos detalles ou anécdotas, que semellan irse enfiando de acordo coas ideas que van fluíndo na mente do contador, moitas veces sen ambiente nin intriga, cunhas técnicas que beben no xeito de contar oral, do paisano galego:

  • Sen dúbida unha das máis notorias é a de presentar o conto como "contado", o recurso á historia contada como fonte.
  • A inclusión dun relato dentro de outro (Silva da Posta).
  • A concreción espacial. En Matías vello aparecen: A Atlántida, Lucerna, Cospeito, Lodoso, Pastoriza, Badón, Meira, Fonsagrada, Laoga, Riotorto, León, Vich, Tortosa, Río de Xaneiro, Bretoña, o Brasil, Belo Horizonte, Cataluña
  • A pormenorización innecesaria. Danse multitude de detalles innecesarios para a trama pero moi necesarios para a verosimilitude (… que estaba escollendo pulpo pró almorzo p. 131).
  • A simplificación da sintaxe (repeticións: e .... e, que ... que)
  • A expresión sinxela e condensada.
  • Lingua con trazos da zona mindoniense (agardaron a que cheguese ós pasos do río p. 132).
  • A concreción nos nomes: Lomas, que se chama Xustín, Xusto, de propio nome... (p. 144)

Traducións editar

  • Ao castelán polo propio autor co título de Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos publicado en 1976 por Editorial Destino, Col. Áncora y Delfín[17].
  • Ao asturiano por Xuan Bello co título de Escuela de melecineros y fábula de varia xente publicado en 1997 por Ediciones Trabe, Col. Incla Interior[18].
  • Ao italiano en dúas ocasións. A primeira traducido por Enrica Zaira Merlo co título de Ritrovo di farmacie prodigiose e Scuola di guaritori publicado en 1994 por Editorial Robin, Col. Biblioteca del Vascello-Serendipity[19] e a segunda en 1999 traducido por Danilo Manera e Enrica Zaira Merlo[20].

Notas editar

  1. "Escola de menciñeiros". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-07-30. 
  2. "Escola de menciñeiros. Galaxia. LG3. O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org. Consultado o 2019-07-30. 
  3. "«Os médicos tamén podemos aprender dos menciñeiros de Álvaro Cunqueiro»". La Voz de Galicia. 2018-06-30. Consultado o 2019-07-30. 
  4. Cunqueiro, Álvaro (1976). Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (3 ed.). Galaxia. ISBN 84-7154-241-2. 
  5. Cunqueiro 1976, p. 48.
  6. Cunqueiro 1976, p. 51-52.
  7. Cunqueiro 1976, p. 64.
  8. Cunqueiro 1976, p. 73.
  9. Cunqueiro 1976, p. 109.
  10. Cunqueiro 1976, p. 128.
  11. Cunqueiro, Álvaro (1994). Os outros feirantes. Galaxia. ISBN 84-7154-308-7. 
  12. Cunqueiro, Álvaro (1981). Xente de aquí e de acolá. Galaxia. ISBN 84-7154-182-3. 
  13. Cunqueiro, Álvaro (1983). Semblanzas. Galaxia. ISBN 84-7154-428-8. 
  14. Cunqueiro 1981, p. 34.
  15. Cunqueiro 1994, p. 23.
  16. Cunqueiro 1994, p. 41.
  17. "Ficha en Bitraga. Biblioteca de tradución galega". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-06-20. 
  18. "Ficha en Bitraga. Biblioteca de tradución galega". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-06-20. 
  19. "Ficha en Bitraga. Biblioteca de tradución galega". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-06-20. 
  20. "Ficha en Bitraga. Biblioteca de tradución galega". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-06-20. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar